Cuco

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Cuco
Cuculus canorus vogelartinfo chris romeiks CHR0791 cropped.jpg
Estado de conservación
Risco baixo (LC)
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Clase: Aves
Orde: Cuculiformes
Familia: Cuculidae
Xénero: 'Cuculus'
Especie: ''C. canorus''
Nome binomial
''Cuculus canorus''
Linnaeus, 1758

O cuco ou cuco vulgar (Cuculus canorus) é unha ave da familia (Cuculidae), pertencente á orde zoolóxica das Cuculiformes. A familia Cuculidae con especies espalladas por todo o mundo, caracterízase pola parasitismo da súa conduta reprodutora. Os nomes vulgar e científico da especie teñen a súa orixe no canto característico do macho.

Descrición[editar | editar a fonte]

Os cucos son aves duns 34 cm.de lonxitude e patas fortes, que cando voan recordan ós gabiáns, malia voaren coas alas por debaixo da horizontal. Pousados teñen aspecto gordecho, e a miúdo deixan caer lixeiramente as alas. A cola é longa e escalada, con manchas brancas. O barrado da zona ventral recorda tamén o dos gabiáns. Teñen dúas fases de coloración, unha gris predominante e outra acastañada (fase hepática), característica sobre todo dalgunhas femias. Os cucos novos teñen bandas tamén na cabeza e no lombo.

Poden chegar a idades de 16 anos.

O canto[editar | editar a fonte]

O canto dos machos, que lles sirve para delimitar o seu territorio de caza, comeza ouvirse en Europa entre abril e xullo. Emíteno pousados nun sitio alto e escóitase a moita distancia. As femias emiten, moi ó raro, un son semellante a un trino. Cando cantan en voo a súa voz sona máis profunda e os intervalos son máis curtos.

Hábitat e distribución[editar | editar a fonte]

Crían en Asia e Europa. Neste último continente faltan só en Islandia. Viven en paisaxes variadas, que lles ofrezan espazos naturais e lugares axeitados para pousarse. Aparecen en biótopos por riba da liña dos bosques, en zonas de dunas costeiras, e en todo tipo de hábitats entre os semidesertos e os bosques máis ou menos mestos, mesmo ás veces en páramos. Faltan preto das áreas urbanas moi poboadas.

Migracións[editar | editar a fonte]

Os cucos son migradores de longa distancia, que teñen os seus cuarteis de inverno no leste de África. Nese continente prefiren vivir en sitios preto de cursos de auga en zonas tropicais ou nas sabanas nas que abundan as acacias. A viaxe de volta ós territorios de reprodución comeza en marzo. A fins deste mes chegan ó sur de Europa, é as rexións máis setentrionais son alcanzadas a mediados de xuño. As aves adultas adoitan voar cara á África unhas tres semanas antes cós cucos novos.

Alimentación[editar | editar a fonte]

A súa fonte principal de alimentación son os insectos. As larvas de bolboreta, especialmente as que teñen pelos, que non son consumidas por outras aves, constitúen unha parte grande da súa dieta. Comen ademais escaravellos, libélulas, saltóne e outros insectos.

Reprodución[editar | editar a fonte]

Os polos de cuco son frecuentemente meirandes cós seus pais adoptivos

Os cucos maduran sexualmente cando cumpren o ano. A época de poñe-los ovos vai de maio a xullo. As femias poñen os seus ovos nos niños de aves paseriformes, cada un nun niño distinto. En xeral, cada femia ten preferencia polos niños dunha especie, aquela que a crío cando ela mesma naceu. Os hóspedes preferidos son as folosas (Acrocephalus), as papuxas (Sylvia), as lavandeiras (Motacillidae), as azulentas (Prunella), o picanzo vermello (Lanius collurio), o carrizo (Troglodytes troglodytes) e os rabirrubios (Phoenicurus).

As femias de cuco pasan moito tempo observando a conduta dos posibles pais adoptivos mentres estes está na construír os seus niños e a poñer os ovos. Os cucos teñen que sincronizar a súa posta co momento en que a especie parasitada empeza a poñer. Os métodos polos que acada nesta sincronización son descoñecidos.

No momento axeitado, as femias de cuco voan ó niño escollido, sacan do niño un dos ovos e poñen o seu. O proceso dura poucos segundos. A cor dos ovos de cuco imita a dos ovos da especie que parasitan, pero en ocasións a vítima descobre o engano e retira o ovo do niño. O parasitismo parece estar relacionado coa nutrición: o estómago dos polos de cuco é incapaz de dixerir as larvas peludas que constitúen o alimento principal dos adultos, polo que é necesario que reciba noutro tipo de alimentación, que lles pode ser fornecida polos pais adoptivos.

O cuco cría tarde, polo que o seu sistema de reprodución non constitúe unha ameaza seria para a supervivencia das aves parasitadas, que non adoitan estar xa no momento de reprodución máis intenso. Só no caso da folosa das canaveiras (Acrocephalus scirpaceus) os tempos de cría coinciden completamente cos do cuco. Despois dunha incubación curta, dunhas dúas semanas, opolo de cuco sae do ovo e nas horas e días seguintes expulsa inmediatamente os outros ovos ou polos do niño, levantándoos co seu lombo para botalos fora do niño. Esta conduta ten os seus riscos mesmo para o cuco, xa que máis das especies de paxaros levan alimento só niño dea cordo co número de crías que teñan que alimentar. Os pitos de cuco estimulan ós pais forzosos a alimentalo cos seus chíos continuos , que simulan os dunha niñada completa, e amosando a coloración da súa boca aberta. (A especie de cuco Cuculus fugax, do sueste de Asia, amosa na parte inferior das alas, que teñen manchas amarelas que semella nas bocas de varios polos. Este sistema está xustificado porque esta especie pon os ovos en niños de aves que crían no chan, polo que chíos demasiado audibles poderían atraer ós depredadores). Os polos de cuco son capaces de voar cando teñen uns 20 días.

A coloración dos ovos[editar | editar a fonte]

As femias de cuco están divididas en gentes, grupos de poboación que escollen para cada un o niño dunha especie determinada, e que poñen ovos que semellan os da especie escollida. Os cucos que poñen os ovos nos niños de azulenta (Prunella modularis), son unha excepción, porque os seus ovos non son semellantes ó da especie hóspede, se cadra a causa dun parasitismo recente. O deseño do ovo e herdado exclusivamente das femias. As especies non parasitas de cuco poñen ovos completamente brancos.

O cuco na cultura popular[editar | editar a fonte]

Xeral[editar | editar a fonte]

En Europa a chamada do cuco simboliza a chegada da primavera, polo que o cuco está presente en numerosas tradicións locais, refráns e frases feitas.

A tradición de preguntarlle ó cuco cantos anos lle quedan a un de vida, calculándoos polas veces que repite o seu canto, propia tamén de países coma Rusia, tamén está presente en Galicia. A expresión ter oído cantar moitos cucos, por ter moitos anos, relaciónase coa presenza anual da ave.

O xornal británico The Times informa cada ano do momento no que se oe ós cucos cucar por primeira vez, situación que se repiten nalgunhas publicacións de Asturias.

O cuco na cultura popular galega[editar | editar a fonte]

En Galicia ditos populares como Cando canta o cuco ven o pan ó suco relacionan a esta ave coa primavera e as tarefas do agro.

Expresións cotiáns relacionadas co cuco son tamén estar contento coma un cuco, ser coma un cuco ou ser moi cuco (ser habilidoso e espelido). No léxico atopamos tamén o verbo cucar, cos significados de campar ou presumir, atraer e mesmo dar por rematada unha situación.

  • ¿Van os cregos ó concello? Tren o cuco no capelo.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

Commons
Commons ten máis contidos multimedia sobre: Cuco