Joan Miró

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Joan Miró

Miró en Barcelona o 13 de xuño de 1935.
Nome Joan Miró i Ferrà
Nacemento 20 de abril de 1893
Lugar de nacemento Barcelona Cataluña Cataluña
Morte 25 de decembro de 1983
Lugar de morte Palma
Eido Pintura, Debuxo, Escultura
Movemento surrealismo
Premios Medalla de Ouro ao Mérito nas Belas Artes (1980)
Medalla de Ouro da Generalitat de Cataluña (1978)
Gran Premio de Gravado da Bienal de Venecia (1954)

Joan Miró, nado en Barcelona o 20 de abril de 1893 e finado en Palma o 25 de decembro de 1983, foi un pintor, escultor e ceramista catalán, un dos máximos representantes do surrealismo.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Nacido no cerne comercial da capital catalá, de neno pasaba temporadas cos seu avó paterno en Cornudella e cos seus avós maternos en Mallorca. Contra a súa vontade matriculouse na Escola de Comercio en 1907, inda que seus pais lle permitiron tamén estudar na Escola de Belas Artes La Llotja. En 1910 entrou como aprendiz nunha droguería, o que lle provocou unha depresión nerviosa. Despois de pasar a convalecencia nunha masía familiar en Mont-roig del Camp conseguiu que seus pais accedesen a que se matriculase na Escola d'Art de Francesc Galí e en 1914 alugou o seu propio estudo

A pintura desta primeira época baséase na realidade inmediata, son paisaxes, retratos, bodegóns nun estilo fauvista con certas distorsións formais e contrastes cromáticos, especialmente fortes nos retratos. Entre 1918 e 1922 a súa obra caracterízase polo detallismo. Pinta paisaxes rurais nos que dá o protagonismo ás masías e ás hortas e no que cada elemento adquire a súa propia individualidade. A obra máis característica desta etapa é La masia. Miró traballou durante nove meses nesta obra para dotar a cada unha das figuras e obxectos do seu propio espazo.

Movido pola comunidade artística que se agrupaba en Montparnasse, Miró mudouse durante varias tempadas invernais a París, dende 1920, onde desenvolveu un estilo único, influído por poetas e escritores surrealistas. Os seus traballos surrealistas son considerados dos máis orixinais do século XX. Agora cada un dos obxectos das súas pinturas convértense en símbolos e signos pictóricos, adquirindo connotacións surreais e imaxinarias cunha forte carga poética e reducindo a forma ao mínimo. Considérase El Carnaval de l'Arlequí (1924-1925) o punto de partida da súa etapa surrealista

En 1926 colaborou con Max Ernst en deseños para os ballets rusos de Sergei Diaghilev, na obra Romeo e Xulieta. Coa axuda de Miró, Ernst foi un pioneiro da técnica de "grattage" na que se emprega unha espátula para remover pigmentos da tea.

Mural en cerámica para o Museo Wilhelm-Hack de Ludwigshafen am Rhein, 1971.

Nos anos trinta a pintura de Miró vólvese máis salvaxe, con maiores distorsións nas formas e cunha cor máis rechamante e ferinte que, en conxunto, resulta irreal e dramática. En 1939, tras a derrota da Segunda República española e o comezo da Segunda Guerra Mundial, instalou a súa residencia na pequena vila costeira normanda de Varengeville-sur-Mer. Iniciou entón unha nova etapa pictórica coa serie coñecida como Constelacions. Son pinturas de pequeno formato que tratan sobre diversos momentos do día ou da noite sobre un ceo reflectido na auga chea de astros, aves, mulleres, ollos, escaleiras, vaxinas con proliferación de signos caligráficos relacionados entre si por liñas, interseccións e contactos, formando un todo. Con esta serie Miró define plenamente o seu propio vocabulario persoal, afondando nel no resto da súa obra. En 1942 volveu a Barcelona.

Miró expresou o seu desprezo polo estilo usado en pinturas convencionais, e o seu desexo de "matar" e "asasinar" a pintura para crear unha nova forma de expresión.

En 1954 Miró gañou o Gran Premio do Gravado da Bienal de Venecia e, entre outros premios, en 1980, recibiu do rei Xoán Carlos I a Medalla de Ouro de Belas Artes.

Casou con Pilar Juncosa en Palma o 12 de outubro de 1929. O 17 de xullo de 1930 a parella tivo unha filla, Dolores. Faleceu en Palma o 25 de decembro de 1983 e foi soterrado no camposanto de Montjuic, en Barcelona.