Dadaísmo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Historia da arte
Arte contemporánea
MonaLisa sfumato.jpeg
Arte prehistórica
Arte antiga
Arte medieval
Arte occidental
Arte contemporánea
Arte etnográfica
Arte americana
Arte africana
Arte asiática
Arte islámica

O Dada ou Dadaísmo foi un movemento artístico xurdido en Europa (Suíza) e en Norteamérica en 1915, que se caracterizou por acenos e manifestacións provocadoras en que os artistas pretendían destruír tódalas convencións con respecto á arte, creando unha anti-arte.

As intencións do grupo eran basicamente a internacionalización da arte e a propagación da arte abstracta. Archipenko era considerado unha guía irrefutable en cuestións plásticas.

Historia e características[editar | editar a fonte]

Suíza, a partir do estalido da guerra en 1914, convértese nun centro de refuxiados pacifistas de toda Europa. Alí encontráronse tódolos disidentes doutras escolas previas, tales como o expresionismo alemán, o futurismo italiano ou o cubismo francés. Isto dá ó movemento Dada, a particularidade de non ser un movemento de rebeldía contra outra escola anterior, senón que se funda nun cuestionamento de todo o marco conceptual da arte e da literatura de antes da Primeira guerra mundial.

En 1916, en Zúric, un grupo de artistas instalaron nunha cervexaría un pequeno cabaré, tras varios encontros informais en distintos cafés, e empezou a tomar forma a idea de crear un cabaré internacional ó que bautizaron como Cabaré Voltaire. Alí reuníronse os alemáns Hugo Ball (filósofo), Hans Richter e Richard Huelsenbeck; os romaneses Tristan Tzara (poeta) e Marcel Jank (pintor); e o pintor alsaciano (logo francés) Jean Arp. Estes artistas e intelectuais comezaron a colaborar nunha serie de actividades que tiñan lugar no cabaré e editaron a revista que levaría o nome de "Dada".

A primeira celebración tivo lugar o 5 de febreiro de 1916 no Cabaré Voltaire, e consistiu nun espectáculo de variedades con cancións francesas e alemás, música rusa, música negra e exposicións de arte.

A orixe do termo Dada é confuso e controvertido.

  • De acordo coa versión de Tzara e Ball o termo dadá xorde da casualidade. O nome Dadá achárono, casualmente, Ball e Huelsenbeck nun dicionario, mentres buscaban nome artístico a unha das cantantes. Abrindo as páxinas dn dicionario coa axuda dun coitello,a palabra sinalada foi Dadá, que viña a significar:
O primeiro son que di o neno expresa o primitivismo, o empezar dende cero, o que a nosa arte ten de novo.
  • De acordo con outras versións, foron os camareiros do Café Terrasse, lugar onde se acostumaban a encontrar estes artistas centroeuropeos, quen identificaron primeiramente ó grupo como dada: para eses camareiros, as linguas faladas por aqueles emigrados eran incomprensibles, salvo a sílaba "da-da" ("si, si", en ruso e outras linguas)

Nese mesmo ano, 1916, publicouse un panfleto titulado Cabaré Voltaire contendo aportacións de Apollinaire, Marinetti, Picasso, Modigliani e Kandinsky. Na cuberta, aparecía un debuxo de Jean Arp.


En 1917 inaugurouse a Galería Dadá e Tristán Tzara comezou a publicación do periódico Dadá. En Nova York, Marcel Duchamp e Francis Picabia, ós que se lles achega Man Ray, por estas mesmas datas, xunto co galerista Alfred Stieglitz, comezan a publicación dunha revista chamada 291 (o nome tomado do número do apartamento da Quinta Avenida en que se situaba a galería). Ambos artistas adoptaron actitudes iconoclastas similares ás do grupo de Zúric, e en 1918, Picabia, tras reunirse ó seu paso por Barcelona as forzas de Cravan, Gleizes e Laurencin, reúnese co grupo de Zúric en Lausanne.

En 1917 Huelsenbeck establece o movemento dadaísta en Berlín con George Grosz e Raoul Hausmann. En 1918 o movemento toma forma tamén en Colonia baixo as directrices do periodista Baargel e o pintor Max Ernst, ós que se uniu Jean Arp. Pola súa parte Tzara volveu a París en 1920 e puxo en marcha moitas actividades e manifestacións dadaístas para as que contou coa colaboración de André Breton, Paul Éluard, Soupault e Aragón.

Dende o principio, Dadá artellouse máis ben como un movemento activista de destrución das vellas tradicións. En Alemaña foi un movemento de protesta social de tendencia nihilista. Moitos dos seus actos foron cancelados pola policía ou acabaron en escándalo como o famoso desatado por Duchamp en Nova York, ó presentar a exposición dos Independentes un ouriñal ó que titulou Fonte, firmando co pseudónimo R. Mutt, ou o streap-tease de Cravan, borracho, ante unha exquisita audiencia ante a que supostamente debía dar unha conferencia.

En certo modo, o dadaísmo desvirtuouse cando se converteu no movemento de moda do París de 1923.

Dadá en Zúric (1915-1918)[editar | editar a fonte]

Na cidade Suíza é onde Dadá ten un aspecto máis de movemento artístico:

...estabamos á busca dunha arte elemental que salvaría á humanidade da loucura daquela época... Jean Arp.

Ó tempo en que se desenvolvían as escandalosas veladas do Cabaré Voltaire, Arp, Richter e Janco estaban á busca dunha arte abstracta que Arp pretendía fose anónima e colectiva.

Por entón, Arp empezou a facer relevos, colaxes e bordados nos que xa empezan a aparecer as formas xeométricas e orgánicas características da súa obra. Desenvolveu algúns métodos de facer arte que pouco máis tarde terían un papel decisivo no desenvolvemento do Surrealismo: ciscar tinta sobre un papel (automatismo), romper un debuxo e deixar que os anacos ó caer cren unha nova composición (azar), etc.

Pola súa parte, o poeta Hugo Ball realizou algunhas lecturas dos seus poemas que son un preludio dos happenings e as performances que se desenvolverían como formas de arte a finais dos anos sesenta e, que inda hoxe (2005), baixo outras tendencias artistas continúan considerándose como manifestacións artísticas.

A chegada a Zúric en 1918 de Picabia pon fin á primeira época de Dadá nesa cidade. En setembro de 1918, Picabia expón xunto a outros dadaístas na Galería Wolfsberg pinturas nas que incorporou palabras coa intención de sacar o tema do cadro fóra da propia superficie da tea. Amais das obras de Picabia, na Galería Wolfsberg puidéronse ver, por primeira vez, en Zúric, os traballos cos que contribuíran Marcel Duchamp e Man Ray ó movemento.

Así a todo, a maior contribución de Picabia a Dadá en Zúric é a revista 391. Publicada primeiro en Barcelona e logo en Nova York, era, en palabras de Hans Richter:

...unha completa agresión contra todo e contra todos.... Richter

Tamén en 1918 se publica o Manifesto Dadá de Tzara que achegou o interese de André Breton en París e como consecuencia a unión ó dadaísmo do grupo Literature.

Dadá en Nova York (1915-1920)[editar | editar a fonte]

Duchamp, Picabia, Jean Crotti, como europeos refuxiados, xunto cos americanos Man Ray, Morton Schamberg e outros dan vida ó dada neoiorquino.

A primeira guerra mundial tamén levou a Nova York a grupos de artistas refuxiados. Entre eles hai que destacar a Duchamp e Picabia.

Duchamp chegou a Nova York de París cun regalo para o coleccionista Walter Arensberg que consistía nunha bola de cristal con aire de París. Era o comezo dos ready-mades (unha roda de bicicleta montada sobre un tallo, un botelleiro, un ouriñal, etc.), obxectos sacados da realidade e postos na esfera da arte pola simple acción e vontade do artista. O deleite estético estaba fóra das súas intencións e a elección dos obxectos :

...se baseaba nunha reacción de indiferenza visual, coa total ausencia de bo ou mal gusto...de feito unha completa anestesia.... Duchamp.

Estes refuxiados se integraron coas correntes vangardistas que dende comezos do século se estaban xestando en Harlem, Greenwich Village e Chinatown. Inda que Nova York non era Zúric, nin existía ese clima de refuxiados políticos da cidade suíza, o espírito iconoclasta. A maioría de artistas dadaístas tiñan un pensamento nihilista.

En 1913 tivo lugar en Nova York a Exposición Internacional de Arte Moderna, máis coñecida como o Armory Show. Alí, o Espido descendendo unha escaleira de Marcel Duchamp causou unha auténtica conmoción e foi cualificada como de obra mestra por Breton. Duchamp converteuse na besta negra da arte moderna. Marcel Duchamp pasou á historia como un dos artistas máis enigmáticos e intelixentes.

A obra máis importante de Duchamp é A casada espida polos seus solteiros. Xa coñecida como o gran vidro. Nesta obra, entre outras cousas, Duchamp utiliza técnicas nas que pon de manifesto a súa preocupación pola corrección matemática no uso das formas. A peza está precedida no seu proceso de realización por multitude de debuxos nos que calculou tódolos detalles con precisión matemática, coma se se tratase dunha máquina. Tamén utiliza o azar ó admitir como parte da peza as roturas que esta sufriu en 1923 ó ser trasladada a unha exposición en Brooklyn. Duchamp dixo que aquilo non alteraba a peza, senón que era entón cando a daba por acabada.

Duchamp, a partir de 1921, abandona a arte para dedicarse ó xadrez.

Man Ray desenvolveu o dadaísmo en pintura, fotografía e na fabricación de obxectos anti-arte. Hans Richter defíneo como un inventor pesimista, transformando obxectos que lle rodeaban en obxectos inútiles, creando obras con subtítulos como: obxecto para ser destruído, ou facendo fotografías sen cámara.

En marzo de 1915 nace a revista 291, publicación da revista 391 por Picabia e Stieglitz. O nome da revista tomárono do número da casa ocupada por unha galería de arte na Quinta Avenida. A revista pon sobre a mesa as ideas da anti-arte: unha absoluta falta de respecto por tódolos valores, liberación de tódolos convencionalismos sociais e morais e destrución de todo aquilo que se coñece como arte. Para Duchamp e Picabia a arte está morta; Dadá quería a desintegración da realidade e os ready-mades non son arte senón anti-arte.

En torno ó l fotógrafo Alfred Stieglitz, á súa galería e ás súas revistas Camera Work e Camara Notes empeza a desenvolverse toda a corrente anti-arte. Para Stieglitz e o grupo de xoves fotógrafos que aglutinou baixo o movemento coñecido como Photo Secession, a fotografía podía ser tamén vista e feita como arte, e non simplemente como un medio de reproducir a realidade. Así, Stieglitz converteuse nun dos precursores da fotografía moderna.

Dadá en Berlín[editar | editar a fonte]

En Alemaña é onde Dadá adquire un cariz máis marcadamente político. Ideoloxicamente, as posturas dos artistas dadaístas eran comunistas e, nalgúns, casos anarquistas. Tras a guerra, Alemaña entra nunha crítica situación. Tras a revolución bolxevique, o partido Espartaquista alemán -a esquerda socialista- ensaia tamén a revolución en Alemaña. En toda esa axitación social un grupo de artistas van a incorporarse ás teses esquerdistas: será o Movemento dadaísta.

Procedente do grupo de Zúric, Richard Huelsenbeck, trae a Berlín o espírito dadaísta, pero moito máis radical contra as anteriores escolas vangardistas (futurismo, cubismo). En 1918, no Salón da Nova secesión, Huelsenbeck dá o primeiro discurso Dadá en Alemaña, solidarizándose en primeiro lugar cos dadaístas de Zúric para despois atacar violentamente ó Cubismo, ó Expresionismo e ó Futurismo. Pouco despois elaborou o primeiro manifesto dadaísta en Alemaña. Huelsenbeck co poeta Raoul Hausman promove declaracións e manifestos a partir do "Dada Club".

Ó club Dadá uníronse Kurt Schwitters, Georg Grosz e os irmáns Herfelde. O pintor Georg Grosz tiña marcadas tendencia políticas.

A constitución da República de Weimar en 1919 marca a fin dos proxectos políticos dadaístas e a resituación deste grupo nos marcos artísticos.

O movemento dada berlinés pasará á historia pola incorporación das novas técnicas artísticas de difusión de ideas entre as masas, principalmente a fotomontaxe. Os dadaístas utilizaron a técnica da fotomontaxe para plasmar a realidade que lles circundaba, utilizando material visual sacado dos medios de comunicación.