Arte abstracta

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Cadrado Negro por Kazimir Malevich

A arte abstracta é un estilo artístico que xurdiu arredor de 1910 e cuxas consecuencias múltiples fixeron del unha das manifestacións máis significativas do espírito do século XX.

A arte abstracta deixa de considerar xustificada a necesidade da representación figurativa e tende a sustituíla por unha linguaxe visual autónoma, dotada das súas propias significacións.

Esta linguaxe elaborouse a partir das experiencias fauvistas e expresionistas, que exaltan a forza da cor e desembocan nas chamada abstracción lírica ou informalismo, ou ben a partir da estruturación cubista, que dá lugar ás diferentes abstraccións xeométricas e construtivas.

Abstracción lírica[editar | editar a fonte]

A obra de Wassily Kandinsky ilustra a chamada abstracción lírica. Chegou, entre 1910 e 1912, a unha abstracción impregnada de sentimento, idealmente representativa das aspiracións dos artistas do grupo expresionista de Múnic Der Blaue Reiter, do que el mesmo formaba parte.

En Francia, Robert Delaunay elaborou, dende 1912, a partir das teorías de Chevreul sobre o contraste simultáneo das cores, as súas Fiestras e as primeiras Formas circulares cósmicas abstractas, mentres que Frank Kupka expoñía no Salón de Outono de 1912 Amorfa, fuga de dúas cores e en 1913 Planos verticais azuis e vermellos.

Na mesma época, en Rusia, Mikhail Larionov e Natalia Goncharova levaron ata a abstracción pura o seu método de transcrición do fenómeno luminoso, ó que lle chamaron raionismo.

Wassily Kandinsky foi un dos pioneiros da arte abstracta con obras como negro e morado.

Abstracción xeométrica[editar | editar a fonte]

A abstracción de Piet Mondrian elaborouse a partir da retícula cubista, á que progresivamente reduciu a trazos horizontais e verticais que encerran planos de cor pura. Pola súa simplificación, a linguaxe do neoplasticismo, nome que deu á súa doutrina artística, satisfacía as esixencias de universalidade do artista.

En Francia, a abstracción de Fernand Léger (Contrastes de forme, 1913-1914) e a de Picabia (Udnie, 1913) empregaron formas cubistas sen renunciar á intensidade cromática.

En Rusia, tras ser o principal representante do cubo-futurismo, Kazimir Malevich rompeu radicalmente con tódalas vellas concepcións da arte ao pintar en 1915 Carré noir dando lugar ao suprematismo. Paralelamente, Vladímir Tatlin creou cos seus relevos abstractos unha das primeiras formulacións do que se chamaría o construtivismo.

Alexandr Rodchenko, tras pintar os seus tres monocromos (Amarelo puro, Azul puro, Vermello puro, 1918) e O Lissitzky, aproveitaron o seu coñecemento da forma para ir avanzando cara a unha concepción utilitaria da arte que triunfou tamén na Bauhaus en Alemaña baixo o impulso de artistas como László Moholy-Nagy ou Josef Albers.

En paralelo á abstracción construtivista desenvolveuse unha abstracción chamada biomórfica, que naceu das formas creadas por Jean Arp a finais da década de 1910, retomadas por artistas como Joan Miró e Alexander Calder.

Galería[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

Commons
Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Arte abstracta