Exposición Internacional de París de 1937

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Vista da Exposición coa Torre Eifel ó fondo, á esquerda o pavillón da Alemaña nazi (izquierda) e á dereita o da Unión Soviética (Biblioteca Gallica [3]

A Exposición Internacional de París de 1937, baixo o lema Exposición Internacional das Artes e das Técnicas na vida moderna, foi a sexta celebrada nesta cidade [1] desde que naceron en Londres, en 1851. Anteriormente a esta data celebráranse outras exposicións similares pero tiñan un carácter nacional ou sectorial.

Inaugurouse o 25 de maio de 1937 [2], da man do presidente Albert Lebrun (1871-1950), e pechou o 25 de novembro. No pavillón que instalou o Goberno republicano español estivo exposto o Guernica, o coñecido mural de Picasso que denuncia o bombardeo da cidade vasca do mesmo nome pola aviación alemá no transcurso da Guerra civil española.

Organización e construción[editar | editar a fonte]

Pavillón alemán

Constituíu un notable traballo de organización e urbanístico, con máis de dous quilómetros de paseos e un número considerable de pavillóns que representaban a países de todo o mundo. Construíuse no centro de París, ó redor da Torre Eiffel, inicialmente sobre o Campo de Marte e os xardíns de Trocadero, para irse ampliando ó longo das beiras do Sena, entre Inválidos e Trocadero. A maior parte dos pavillóns foron construcións temporais pero algúns permanecen actualmente, como o palacio de Chaillot, que substituíu ó antigo Palacio de Trocadero.

A declaración de intención de organizar a mostra internacional adoptouse o 7 de outubro de 1932, e o nomeamento de comisario xeral, na persoa de Edmond Labbé, o 15 de xullo de 1934. A exposición presentouse como proba de que a arte e a tecnoloxía non eran conceptos incompatibles. Dada a situación internacional do momento, trala depresión económica de 1929 e ante o crecemento das tensións políticas derivadas dos fascismos alemán e italiano, a Exposición Internacional tamén se marcou como obxectivo promover a paz mundial.

Dentro dese obxectivo de exaltar a incidencia da ciencia, dos novos coñecementos científicos, creouse unha mostra para ser expostos ós visitantes, no Palacio do Descubrimento.

A inauguración estaba prevista para o 1 de maio, día dos traballadores, pero as obras sufriron continuos retrasos por mor de folgas e sabotaxes, polo que a apertura non tivo lugar ata o día 25, case un mes despois da data prevista. Mesmo numerosos pavillóns continuaron en obras despois da inauguración, como foi o caso do español, que non se remataría ata o 12 de xullo.

Datos estatísticos[editar | editar a fonte]

  • Foi clasificada como de segunda categoría.
  • Superficie: 105 hectáreas.
  • Países participantes: 45 (27 europeos, 10 americanos, 3 asiáticos, 2 africanos, 1 de Oceanía, máis Chile e China como participantes non oficiais).
  • Expositores: 11.000.
  • Visitantes: 31.040.955.
  • Coste: 1.443.288.391 francos franceses, cun beneficio de cerca de 218 millóns de francos.

Os pavillóns[editar | editar a fonte]

Entre os distintos pavillóns abertos destacaron como máis espectaculares o de Alemaña, do arquitecto nazi Albert Speer, e o da Unión Soviética, do arquitecto Borís Iofan, que mereceron a medalla de ouro da Exposición.

O pavillón español[editar | editar a fonte]

O pavillón de España nesta Exposición Internacional foi deseñado polos arquitectos Josep Lluís Sert e Luis Lacasa. Os arquitectos foron nomeados para construílo o 17 de decembro de 1936 e a finais de mes xa presentaran o proxecto. A primeira pedra colocouse o 27 de febreiro [3].

Situouse na avenida de Trocadero, sobre un terreo irregular e en pendente, cunha superficie de 1.400 m2. O edificio, de tendencia racionalista, construiuse nunha estrutura de aceiro á vista pintada en cores planos (branco, negro, gris e vermello). Sert, máis vangardista, foi quen decidiu o deseño final, de liñas básicas e modernistas, sobre a idea de Lacasa, de carácter máis historicista. Parece ser que se trataba dun dos pavillóns máis pequenos e humildes da Exposición, o que non impediu que recibise os eloxios dos críticos contemporáneos pola moderna concepción arquitectónica, unha obra mestra de deseño vanguardista [4].

A participación nesta obra supuxo para os dous arquitectos ser posteriormente xulgados por responsabilidades políticas, e foi a última obra construída por Sert en España.

A construción, descrita como moi barata, fíxose con fortes limitacións temporais e económicas, froito das circunstancias que atravesaba o país, polo que se recorreu a elementos prefabricados (de fibrocemento ondulado, paneis de aglomerado e de material sintético) que permitiran unha fácil montaxe (construiuse nun prazo de tan só cinco meses). O edificio estaba repartido nunha planta baixa, destinada a administración e servizos, e dúas plantas, destinadas a exposicións; estas comunicábanse entre si cunha rampa en ferradura, aínda que tamén existía unha escaleira interior. Abríase a un espazo central aberto, de grandes dimensións, cuberto cun toldo pregable, que se utilizou para proxeccións, actuacións musicais e teatro ó aire libre. Parte das fachadas estaban cubertas por grandes fotomontaxes móbiles.

Os críticos coinciden en que o principal obxectivo do Goberno republicano era achegar a simpatía do mundo ante a Guerra Civil que desde un ano antes dividía España. As circunstancias derivadas da guerra determinaron a concepción do proxecto, esquecendo o lema inicial da Exposición referido á arte e as ciencias. Intentaba ser un manifesto ó mundo con resonancias antifascistas e acabou converténdose na testemuña da tráxica situación política do país. Da intencionalidade política do proxecto e o seu contido é exemplo a inscrición que figuraba na fachada: "Hai máis de medio millón con baionetas nas trincheiras que no vai deixar avanzar máis" [5].

"El carácter que debe tener la Sección Española de la Exposición (...) puede y debe representar el momento presente y el esfuerzo maravilloso del pueblo español por defender su independencia y la causa de la paz en el mundo".
[6]

O pavillón inaugurouse o 12 de xullo, coa asistencia dos artistas alí representados (Picasso, Miró ou Calder) e outros artistas que daquela residían en París, como Vicente Huidobro ou Juan Larrea. Celebrouse unha gran festa, con música popular e actuacións de grupos de bailes rexionais. Á noite, celebrouse outra festa na sede da embaixada de España en París. Durante a Exposición proxectáronse doce películas e documentais de carácter histórico, cultural e político, sen especial referencia á Guerra Civil. Este aspecto da mostra foi programado por Luis Buñuel, daquela Coordinador de Propaganda ó Servizo da Información na Embaixada española en París. Buñuel foi, tamén, o produtor da longametraxe La hija de Juan Simón (1935), que se proxectou no patio cuberto do pavillón.

Exterior[editar | editar a fonte]

Reprodución da escultura de Alberto Sánchez, hoxe ante o Museo Raíña Sofía

No exterior do pavillón colocáronse catro esculturas.

  • A de Alberto Sánchez, El pueblo español tiene un camino que conduce a una estrella, ante a fachada principal.
  • De Pablo Picasso, unha titulada Gran cabeza de muller, baixo a escalinata da entrada. Foi creada en 1931 no estudio de Boisgeloup (Gisors), e representaba a imaxe de Marie Thérèse Walter.
  • Outra estatua de Picasso, A Dama oferente ou A muller do vaso [7]. Tamén foi realizada con anterioridade (en 1933), no estudio de Boisgeloup.
  • De Julio González, La Monserrat, en ferro vello, de 4 m de altura. Representa unha labrega co fillo no colo e unha fouce na man dereita. Posteriormente, Julio González fixo variacións desta obra, reducindo a escultura ó busto ou á cabeza, cun xesto de máximo sufrimento.

A estatua de Alberto Sánchez foi reconstruída e colocada ante a fachada do Museo Raíña Sofía. O museo conserva dous bosquexos da obra tallados en 1937 co gallo da Exposición.

A Montserrat [8] hoxe exponse no Museo Stedelijk, de Ámsterdan.

Planta baixa[editar | editar a fonte]

O Guernica, de Picasso

Na planta baixa, o elemento máis destacado foi o mural Guernica, pintado por Picasso ex profeso para esta Exposición. Fronte ó cadro, no centro do acceso ó pavillón, instalouse unha escultura de Alexander Calder, baixo o título de A fonte de mercurio [9], na honra dos mineiros de Almadén. A obra estaba construída a ras do chan, para que non obstaculizase a vista do Guernica e de forma que semellase un diálogo entre as dúas obras. As dimensións e protagonismo do mural obrigaron no último momento á eliminación dun pilar metálico no edificio, co que se conseguía unha mellor visibilidade.

O mural non resultou satisfactorio para tódolos responsables da embaixada e organizadores do pavillón, de gustos estéticos máis realistas. Mesmo chegou a propoñerse a substitución por outro mural que estaba instalado na segunda planta, de Horacio Ferrer, titulado Madrid 1937 (avións negros) [4], e foi a insistencia de Sert [10] a que mantivo o cadro no seu lugar de honra e recollía así o efecto que causou no público:

La gente desfilaba ante la obra en silencio, como si se diesen cuenta de que además de su valor pictórico era una premonición de lo que después realizó la guerra mundial. Un grito de protesta contra la barbarie de toda guerra y más de las de nuestros días. Un grito, entonces, de un pueblo que lucha por su libertad, por su dignidad y por sus derechos.

Outras tres esculturas de Picasso completaban a mostra: Busto de muller e Cabeza de muller con ollos saltóns, de cemento, realizadas expresamente para a ocasión, e Bañista, en bronce, propiedade do autor. Igualmente presentáronse na exposición os seus gravados titulados Soño e mentira de Franco, moi críticos coa figura de Franco.

Á esquerda colocáronse varias vitrinas para expoñer folletos e diversas publicacións, e un punto de venda de postais, libros, obxectos e reproducións.

A montaxe de Alexander Calder pretendía poñer en evidencia a importancia estratéxica do mercurio que, ademais do seu elevado prezo, se utilizaba para as baterías antiaéreas. Tratábase dunha cascada de mercurio sobre un vaso pintado de alcatrán, para resaltar o brillo do metal líquido.

Outro elemento salientable neste espazo foi unha gran fotografía do poeta Federico García Lorca, asasinado o 18 de agosto de 1936. Nunha das fotomontaxes transcribiuse parte do poema Romance da Garda Civil.

O Guernica e A dama oferente están hoxe expostas no Museo Raíña Sofía. As outras estatuas do mesmo autor están no Museo Picasso, de Antibes.

O conxunto A Fonte de mercurio atópase na Fundación Miró, de Barcelona.

Primeira planta[editar | editar a fonte]

Na primeira planta colocáronse distintas fotomontaxes sobre as actividades económicas do país, con fotografías e textos sobre a industria nacional, a agricultura, a educación, a sanidade etc. Foron realizados polo artista e cartelista Josep Renau. Incluíase unha sección sobre os desastres da guerra, con grandes fotografías das vítimas, os meniños orfos, a destrución do patrimonio artístico e monumental etc.

No relanzo entre esta planta e a superior, un gran mural de Joan Miró representaba un alegato sobre a liberdade: Payés catalán en rebeldía [11]. Baixo o mural escribiuse o texto do himno catalán Els Segadors. Miró explicou así a súa intervención [5]:

Participé en el Pabellón español de la Exposición de París en 1937 porque me sentía humanamente solidarizado con lo que representaba. Presenté el gran panel del «Payés catalán en rebeldía» de grandes dimensiones, que pinté directamente subido en unos andamios en la misma sala del edificio... la ejecución de esta obra fue directa y brutal... Escogí este personaje, con una estrella azul proyectándose en la superficie, porque el payés con una hoz es un gran símbolo de Cataluña, personaje que echa sus raíces más profundas en la tierra, materializándose con ella.

O mural foi destruído cando se desmantelou a Exposición.

Segunda planta[editar | editar a fonte]

Estaba destinada ás seccións de artes plásticas e artes populares.

O pavillón español de Barcelona[editar | editar a fonte]

Reprodución do pavillón español, en Barcelona

En 1992 e co gallo dos Xogos Olímpicos de Barcelona, o concello encargou a construción dunha réplica exacta do pavillón, incluída unha reprodución do Guernica. Foi realizada polos arquitectos Espinet/Ubach e J. M. Hernández León no parque do val de Hebrón e, tras ser cedido á Universidade de Barcelona, hoxe está dedicado a biblioteca especializada na Segunda República [12].

Algúns elementos da Exposición na actualidade[editar | editar a fonte]

Ademais dos elementos conservados do pavillón español, xa citados anteriormente, moitos outros foron recuperados trala clausura da Exposición e consérvanse hoxe en diferentes países do mundo:

  • O pavillón da URSS tiña na parte superior a estatua O obreiro e a kolkosiana, obra da escultora soviética Vera Mujina, feita en aceiro e de 25 m de altura. Trala clausura, a estatua foi colocada na entrada do actual Centro Panruso de Exposicións. Restaurouse en 2003 e colocouse sobre un novo pedestal de 35 metros, co que alcanzou unha altura total de 60 m.
  • O palacio que albergaba o Museo da Arte Moderna converteuse no actual Palacio de Tokio.
  • O xigantesco mural de Raoul Dufy, La Fée Électricité, exhíbese actualmente no Museo da Arte Moderna de París.
  • Os 120 paneis de laca realizados Gaston Suisse para os salóns de recepcións do Comisario Xeral da Exposición, expóñense actualmente no Museo da Década de 1930, en Boulogne-Billancourt.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. París organizou antes as Exposicións de 1855, 1867, 1878, 1889, 1900, á parte doutras locais en 1925 e 1931. Esta de 1937 foi a última ocasión que tivo lugar un evento deste tipo en París.
  2. Outras fontes dan como data da inauguración o 4 de maio [1].
  3. A maqueta presentada pode verse aquí e tamén no Museo Raíña Sofía.
  4. Hoxe, exposto no Museo Raíña Sofía. Pode verse aquí.
  5. Fernando Martín Martín: El pabellón español en la exposición Universal en París en 1937, Sevilla 1983 [2].

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Pavillón español na Exposición Internacional de París (1937) [13]
  • Ficha da Exposición [14] (en francés)

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

Commons
Commons ten máis contidos multimedia sobre: Exposición Internacional de París de 1937