Julio González Pellicer

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
A pequena fouce (Museo de Arte Pública, Madrid)

Julio González Pellicer, nado en Barcelona, en 1876, e morto en París, en 1942, foi un escultor español. Foi un dos artistas modernos máis importantes da primeira metade do século XX.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Os seus pais foron Concordio González e Pilar Pellicer, de orixe castelá, que se trasladaron a Barcelona para traballar no taller familiar de forxa e ourivaría, xunto ó seu irmán Joan.

Ámbolos dous irmáns asistiron á Escola de Belas Artes de Barcelona e frecuentaron o ambiente cultural dos artistas barceloneses en Els Quatre Gats, onde coñeceron a Pablo Picasso. En 1897 visitou a colección do Museo do Prado e descubriu a súa vocación de pintor.

En 1890 a familia trasladouse a París, onde pasou gran parte da súa vida. Alí entrou en contacto e colaboración cos artistas máis renovadores da época, como Picasso, Max Jacob, Modigliani, Brancusi, Juan Gris, Manolo Hugué e Pablo Gargallo. As súas esculturas recibiron influencias especialmente de Picasso e Pablo Gargallo.

O seu irmán Joan morreu en 1908, o que lle provocou unha fonda depresión. En 1910 esculpiu unha serie de máscaras de metal, nas que xa mostra claramente unha estética cubista, apoiada nos seus coñecementos do metal forxado, na que experimentou novas formas.

Aprendeu as técnicas da soldadura e o metal cando traballou nos talleres Renault durante a Primeira Guerra Mundial. Xa nesta época traballaba preferentemente sobre o ferro forxado e o bronce e, a partir de 1927 deixou definitivamente a pintura.

No ano 1937 realizou algunhas das súas obras máis importantes, no realismo expresionista e na abstracción. Nese ano presentou a que se considera a súa obra mestra, La Montserrat (ou Maternidade), no pavillón español da Exposición Internacional de París. No mesmo ano é Muller mirándose no espello.

Obras[editar | editar a fonte]

A súa obra, entre a figuración e a abstracción responde ó estilo cubista. As súas innovadoras esculturas refírense predominantemente á figura humana, frecuentemente de grandes proporcións.

Julio González está presente en diferentes museos, como o Museo Nacional de Arte de Cataluña (Barcelona), o Instituto Valenciano de Arte Moderna (IVAM) (Valencia), o Museo Raíña Sofía (Madrid), o Centro Georges Pompidou (París). No IVAM tenlle dedicado un espazo específico, o Centro Julio González, a partir da doazón das obras efectuada polas súas herdeiras Carmen Martínez e Viviane Grimminger, completada cos anos con adquisicións. Posúe en total 394 obras (esculturas, debuxos e pinturas), e tamén algunhas obras do irmán e de Roberta, filla de Julio González.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Commons
Commons ten máis contidos multimedia sobre: Julio González Pellicer

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]