Tristán Tzara

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Tristán Tzara por Lajos Tihanyi.
Tumba de Tristán Tzara.

Samuel Rosenstock, máis coñecido polo seudónimo de Tristan Tzara, nado en Moinesti en 1896 e finado en París en decembro de 1963, foi un escritor francés de orixe romanesa.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Viviu case toda a súa vida en Francia. Foi un dos autores máis importantes do movemento Dada, que fundou xunto con Hans Arp e Hugo Ball, unha corrente revolucionaria na literatura que anticipou as actitudes do surrealismo.

O movemento dadaísta orixinouse en Zúric , durante a I Guerra Mundial; Tzara escribiu os primeiros textos Dadá — La Première Aventure céleste de Monsieur Antipyrine ("A primeira aventura celeste do señor Antipyrine", 1916) e Vingt-cinq poèmes (1918), así como os manifestos do movemento: Sept manifestes Dada ("Sete manifestos Dadá", 1924). En París organizou, cos seus compañeiros de movemento, espectáculos na rúa cheos de absurdismo para épater le bourgeois, "escandalizar a burguesía", e deulle un poderoso impulso á escena dadaísta.

A finais de 1929 embarcouse no recén inaugurado movemento surrealista de André Breton, Louis Aragon e outros autores; dedicou grandes esforzos a intentar conciliar as doutrinas filosóficas nihilistas e sofisticadas do movemento coa súa propia afiliación marxista. Participou activamente no desenvolvemento dos métodos de escritura automática, entre eles o collage e o cadáver exquisito. Desa época data o seu libro L'Homme approximatif ("O home aproximado", 1931).

Durante a II Guerra Mundial incorporouse á resistencia francesa; tras obter a cidadanía en 1947, afiliouse ao Partido Comunista Francés. A súa militancia estenderíase ata 1956, cando, tras a invasión de Hungría polas tropas sovéticas para apagar a revolta popular, apartouse do partido. A súa obra da época é complexa, aínda que máis convencional que na súa xuventude; nela salientan Parler seul ("Falar só", 1950) e La face intérieure ("A face interior", 1953).

Morreu en decembro de 1963 en París, e foi enterrado no cemiterio de Montparnasse.

Obras[editar | editar a fonte]

  • A primeira aventura celeste do Sr. Antipyrine 1916
  • Vingt-cinq poèmes 1918
  • Primeiro manifesto dadá 1918
  • A antoloxía dadá. Obra colectiva 1919
  • Cinema calendario do corazón abstraído 1920
  • Sete manifestos dadá 1924
  • Sobre os nosos paxaros 1929
  • O home aproximado 1931
  • Onde beben os lobos 1933
  • Mediodías gañados 1939
  • O surrealismo e a posguerra. Conferencias sobre o surrealismo
  • No ínterim 1946
  • A fuxida 1947
  • O froito permitido 1947
  • Falar só 1950
  • A face interior 1953
  • A rosa e o can 1958