Paul Klee

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Centro Paul Klee de Berna, obra do arquitecto Renzo Piano

Paul Klee, nado en Müchenbuchsee o 18 de decembro de 1879 e finado en Muralto o 29 de xuño de 1940, foi un pintor suízo cun estilo entre o surrealismo, o expresionismo e a abstracción.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Klee naceu en Münchenbuchsee, preto de Berna, Suíza, nunha familia de músicos. O seu pai, Hans Klee, era profesor de música no Seminario Estatal de Berna e súa nai, Ida Frick, estudara para cantante, polo que recibiu unha selecta formación musical, destacando como violinista[1]. Estudou arte en Múnic con Heinrich Knirr e Franz von Stuck. Ao regreso dunha viaxe a Italia asentouse en Múnic, onde coñeceu a Wassily Kandinsky e Franz Marc.

En 1911 Wassily Kandinsky e Franz Marc fundaron en Múnic un grupo de artistas vinculado ao expresionismo co nome de Der Blaue Reiter. Paul Klee non era oficialmente membro desta asociación, pero sentíase moi unido ao círculo de artistas que a integraban e participou nas súas exposicións. En 1913 Klee traduciu "Das Licht" (La Lumière) de Delaunay para a galería Der Sturm de Herwarth Walden, en Berlín.

En 1914 visitou Túnez e quedou impresionado coa calidade da luz, polo que escribiu no seu diario:

A cor posúeme, non teño necesidade de perseguila, sei que me posúe para sempre... a cor e eu somos unha soa cousa. Son pintor.

Klee traballaba en óleo, acuarela, tinta e outros materiais, xeralmente combinándoos nun só traballo. Os seus cadros frecuentemente aluden á poesía, á música e aos soños, e ás veces inclúen palabras ou notas musicais.

Despois da Primeira Guerra Mundial, Klee ensinou na Bauhaus e, a partir de 1931, na Academia Düsseldorf, antes de ser denunciado polos nazis por producir "arte dexenerada".

En 1933 deixou o ensino e regresou a Berna, onde realizou unha grande exposición na Kunsthalle (1935). Ao presentarse os primeiros síntomas dunha grave enfermidade, diminuíu o seu traballo. En 1940 internárono nunha clínica de Muralto-Locarno, onde faleceu o 29 de xuño.

Autógrafo de Paul Klee

Paul Klee tamén escribiu textos sobre teoría da arte que foron publicados cando aínda estaba en vida e que se seguen publicando en varias linguas. O mais coñecido é Pâdâgogisches Skizzenbuch, Munich, Lagen, 1925.

Algunhas obras[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Susanna Partsch Paul Klee, 1879-1940. Taschen, 2000, páxina 16.