Giorgio de Chirico

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Giorgio de Chirico.

Giorgio De Chirico, nado o 10 de xullo de 1888 en Volos en Tesalia, Grecia, e falecido o 20 de novembro de 1978 en Roma, Italia, foi un pintor italiano.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Seu pai, enxeñeiro de ferrocarrís, era un afeccionado á arte que lle fixo descubrir a Grecia antiga. Á idade de 12 anos, De Chirico inscribiuse no Instituto politécnico de Atenas, no que seguiu cursos de debuxo e pintura. Despois da morte da súa irmá logo do falecemento do pai, en 1905, marchou coa súa nai e o seu irmán Andrea (coñecido máis tarde co pseudónimo de Alberto Savinio) para Italia, para ir posteriormente para Múnic. Asiste entón aos cursos da Academia de Belas Artes, ao tempo que descobre os escritos de Friedrich Nietzsche e Arthur Schopenhauer e os cadros de Arnold Böcklin. De volta a Italia, en 1910, comeza a pintar unha serie de cadros nos que a miúdo no seu título figura a palabra enigma, como Enigma dunha tarde de outono (1910), “O enigma do oráculo” (1910), “O enigma da hora” (1912). Até 1917, Chirico non cesará de plasmar cadros de aparente simplicidade, pero con forte carga premonitoria, xogando con cromatismos sen matices e con perspectivas con frecuencia aberrantes: horizontes baixos e distantes, elementos arquitectónicos monumentais flanqueados no primeiro plano de obxectos chocantes (luvas, manequíns de xastre, pegadas de peixes ou conchas, ...), desertización humana dos espazos a pesar de colocar cabezas esculpidas, bustos ou estatuas completas: En palabras de René Passeron “De Chirico crea un universo no que os obxectos se poñen a facer de signos”.

Por mediación do seu irmán, pintor tamén, Giorgio instalouse en París. De Chirico expuxo as súas primeiras obras no Salon d'automne (Salón de outono) de 1912 e 1913. Guillaume Apollinaire repara en el e escribe, para a súa revista "Les Soirées de Paris" (Seráns de París), un informe eloxioso, no cal cualifica a pintura de De Chirico como "metafísica". Retomando a expresión, De Chirico e Carlo Carrà fundan o movemento "Pintura metafísica" (1915). Alertados polo artigo de Apollinaire, os artistas da vangarda desta época : cubistas, orfistas, futuristas, e os futuros dadaístas e surrealistas fican impresionados e admirados.

Un día de 1922, Yves Tanguy ve desde a plataforma dun autobús, nun escaparate, o cadro « Le Cerveau de l'enfant » (O cerebro do neno). Salta de socato do autobús e fica tan impresionado que decide entón facerse pintor "aínda que eu non tivera nunca un pincel!". Sen sabelo, tivo a mesma reacción que tivera André Breton seis anos atrás.

Despois da primeira guerra mundial, De Chirico "descubre" as obras de Tiziano; ao tempo axúntase ao grupo futurista "Valori Plastici" (Valores plásticos), seducido polo fascismo de Benito Mussolini. De Chirico executa entón as súas series de « Cidade romana », « Fillo pródigo » e « Argonautas », con grande desespero de Breton : "Chirico, a continuar pintando, non fixo desde hai dez anos que mal usar un poder sobrenatural... Esta estafa milagreira ten durado demasiado." ("La Révolution surréaliste", 1926). En 1928, os surrealistas organizan unha exposición Chirico, consagrada tan só ao período "metafísico", á cal lle puxeron o título "Ci-gît Giorgio De Chirico" (Aquí xace De Chirico). Nun informe sobre esta exposición, Raymond Queneau conclúe que "é inútil esperar por este grande pintor...Medroulle unha barba na fronte, unha lixada barba de renegado". Cincuenta anos máis tarde, De Chirico responderá : "Tería preferido que se ocupase de min dun xeito máis intelixente. Mais non podo facer nada en contra" ("Le Quotidien de Paris", 1974).

A polémica desatada polos surrealistas non impediu que De Chirico continuase a súa obra por unha vía máis académica e ao tempo máis remuneradora, multiplicando até o infinito os seus cadros de "metafísico" á maneira dun pintor "pompier" do século XIX.

Cadros (selección)[editar | editar a fonte]

  • « O voo do centauro », 1909.
  • « A recompensa do adiviño », 1913.
  • « A saudade do infinito », 1913.
  • « A torre vermella », 1913.
  • « A angustiosa viaxe », 1913.
  • « A angustia da marcha », 1914.
  • « A conquista do filósofo », 1914.
  • « Misterio e melancolía dunha rúa », 1914.
  • « Canción de amor », 1914, denominado tamén O canto do amor.
  • « O cerebro do neno », 1914.
  • « O enigma da fatalidade », 1914.
  • « Retrato premonitorio de Guillaume Apollinaire », 1914 (o perfil de Apollinaire cun círculo trazado arredor da súa tempa esquerda).
  • « O Vaticinador », 1915.
  • «  O Dúo ou Os Manequíns da torre rosada », 1915.
  • « Andrómaca », 1916.
  • « As musas inquietantes », 1916.
  • « O Grande metafísico », 1917.
  • « Grande interior metafísico », 1917.
  • « Os matemáticos », 1917.
  • « O fillo pródigo », 1922.
  • « O grande autómata », 1925.
  • « I fuochi sacri », 1929.
  • « Os gladiadores », 1931.


En 1930 ilustrou os “Caligrammes” de Guillaume Apollinaire.

Commons
Commons ten máis contidos multimedia sobre: Giorgio de Chirico