Dixestión

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Este é un dos 1000 artigos que toda Wikipedia debería ter.
Aparato dixestivo

A dixestión é o proceso de transformación dos alimentos, previamente inxeridos, en sustancias máis sinxelas para ser absorbidos. A dixestión ocorre tanto nos organismos pluricelulares coma nas células, como a nivel subcelular. Neste proceso participan diferentes tipos de encimas. O aparato dixestivo é moi importante na dixestión xa que os organismos heterótrofos dependen de fontes externas de materias primas e enerxía para a medra, mantemento e funcionamento. O alimento emprégase para xerar e reparar tecidos e obtención de enerxía. Os organismos autótrofos (as plantas, organismos fotosintéticos), pola contra, captan a enerxía lumínica e transfórmana en enerxía química, utilizable polos animais.

En cada paso da conversión enerxética dun nivel a outro hai unha perdida de materia e enerxía utilizable asociada á mantención de tecidos e tamén á degradación do alimento en partículas máis pequenas, que despois se reconstituirán en moléculas tisulares máis complexas.

Tamén é o proceso no que os alimentos ao pasar polo sistema dixestivo son transformados en nutrientes e minerais que necesita o corpo.