Lavanda

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Lavanda a rentes do mar, nas Rías Baixas

A lavanda (Lavandula stoechas) é unha planta aromática da familia das lamiáceas, que contén unha trintena de especies.

Outros nomes comúns da lavanda son arzaia, azaia, cantroxo ou cantroxiño[1]. Cómpre ter presente que co nome de cantroxo [2] tamén se designan outras especies semellantes, como Lavandula lanata.

Índice

Características [editar]

Son matas de ata 1 m de altura, algunhas escasamente leñosas, pelosas en moitos dos seus órganos e con glándulas ricas en aceites esenciais que lle dan o aroma característico. Presentan follas de cor verde brancuxa, sésiles, opostas, simples, enteiras (co bordo revolto cara ao envés), dentadas ou pinnatífidas.

Florece en primavera. Posúen inflorescencias de tipo verticilastro [3], con 6-10 flores de cor morada, dispostas en pisos separados ao longo do eixe florífero ou nunha estrutura compacta, axilados por brácteas florais e formando unha especie de espiga terminal. As flores son pequenas, cun cáliz tubular, case actinomorfo [4], con 5 sépalos con cadanseu dente curtos e un apéndice oblongo ou romboidal na parte superior. A corola é bilabiada, co labio superior recto, ergueito, formado por dous lóbulos; o labio inferior é trilobado. Posúen catro estames, didínamos [5] e o ovario dividido en catro partes. O froito preséntase en tetranúcula [6].

Hábitat e distribución [editar]

Está presente nos países da área mediterránea ata altitudes de 1.000 metros. Prefire zonas soleadas e é frecuente nas costas, onde chega a formar parte da vexetación dunar.

En España tamén están presentes a L. lanata (propia de Andalucía e Murcia), a L. spica[7] (en Cataluña, Valencia, Aragón e País Vasco), a L. latifolia [8] (en Cataluña, Levante Andalucía e, máis dispersa, nas dúas Castelas) e a L. pedunculata (propia da metade occidental da península pero tamén presente noutras áreas, mesmo Galicia ou Portugal).

En Galicia danse dúas subespecies, a L. stoechas stoechas, que se recoñece polo pedúnculo floral de 1-3 cm, o penacho de brácteas sobre a espiga curto e as follas obtusas; e a subespecie L. stoechas sampaiana, cun longo pedúnculo de 10-20 cm, penacho longo (tanto como a propia espiga) e follas agudas. A primeira é a común nas zonas costeiras de Pontevedra, Coruña e Lugo, e a segunda pode observarse no norte da provincia de Ourense e sur da de Lugo.

Uso como planta aromática e medicinal [editar]

Xa os asirios, exipcios, gregos e romanos utilizaban a lavanda para perfumar casas e baños. Aínda na actualidade se queima a semente nas casas coa mesma fin. Unha posible etimoloxía fai venir o nome de lavare, destinado ao baño, polo uso común nas termas romanas. A auga de lavanda é moi común en perfumería, o que explica a extensión do cultivo agrícola desta planta.

Na terapéutica popular utilízase contra a asma, a tose, e como tónico e calmante nervioso; por vía externa como antiséptico e antipútrido. O uso medicinal da lavanda se debe aos efectos tónicos, dixestivos e espasmolíticos do aceite esencial que posúen. Utilízanse a tal fin as sumidades florais, é dicir, as espigas de flores ou os gromos florais ou, ocasionalmente, as follas e os talos novos.

Para as dores de estómago usábanse unturas de lavanda, ruda e macela fritidas en manteiga de porco.

O alcohol de lavanda (as flores maceradas en alcohol) úsase para lavar e desinfectar feridas.

Tamén se usou na veterinaria tradicional, en cataplasmas para golpes e escordaduras, ou en infusión para estimular o movemento intestinal (como no caso da inapetencia, meteorismo ou cólicos). Nas feridas, a esencia de lavanda acelera a cicatrización e era utilizada polos ferradores tanto para as feridas e gretas dos cascos como para as infeccións por cravos mal colocados.

Finalmente, Lis Quibén recolle en Cangas (Pontevedra) a práctica que queimar flores de lavanda para esconxurar unha casa e protexela do meigallo. Para iso poñen nunha tella un pouco de romeu, lavanda, loureiro "que mire ó mar" e tres dentes de allo, un en cada extremo da tella e o outro no medio. Despois, queiman todo iso, coas ventáns pechadas, e rematan tocando tódalas paredes cunha póla de oliveira, levando a tella na outra man e recitando un ensalmo.

Galería de imaxes [editar]

Notas [editar]

  1. O Diccionario Cumio diferencia lavanda, como Lavandula lanata, do cantroxo, Lavandula stoechas, do que di que é "parecida á lavanda".
  2. Que correspondería ao castelán cantueso, que Font Quer identifica co cast. cantueso (L. stoechas .
  3. Falsos verticilos.
  4. Tipo de flor con dous ou máis planos de simetría; equivale a unha flor con simetría radial (multilateral).
  5. Dous estames máis longos e os outros dous máis curtos.
  6. Froito seco e indehiscente que procede dun xineceo bicarpelar e que, ó madurar, forma catro unidades dunha soa semente cada unha.
  7. Cast. Espliego.
  8. Cast. Alhumeca.

Véxase tamén [editar]

Ligazóns externas [editar]

Bibliografía [editar]

  • FONT QUER, Pío (1961): Plantas medicinales. El Dioscórides renovado. Ed. Labor, Barcelona.
  • GARCÍA SANZ, Ángel (1993): Las plantas curadoras en el Camino de Santiago comunes al hombre y al ganado. Deputación Provincial de Lugo.
  • LIS QUIBÉN, Víctor (1949): La medicina popular en Galicia. Madrid. Reed. Akal, Madrid 1980.
  • RIGUEIRO RODRÍGUEZ, A. e outros (1996): Guía de plantas medicinais de Galicia. Galaxia, Vigo.