Aparato reprodutor masculino

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Aparato xenital masculino no que se retirou a parede anterior do escroto e o pene foi colocado para arriba.
Imaxe na que se ven as vesículas seminais, próstata, vexiga urinaria e o conduto deferente coa ampola.

O aparato reprodutor masculino está formado polos órganos xenitais situados na pelve masculina. No aparato reprodutor fórmanse os gametos masculinos e outras secrecións que forman parte do seme, que o aparato reprodutor masculino depositará no feminino para que se produza a fecundación, e produce algunhas hormonas (principalmente testosterona). Está constituído polos testículos coas súas cubertas, o epidídimo e os condutos que conectan coa uretra, diversas glándulas (próstata, vesículas seminais, glándulas bulbouretrais), e os órganos xenitais externos, que son o pene e o escroto.[1][2]

Órganos externos[editar | editar a fonte]

As únicas partes dos órganos xenitais masculinos que se poden ver desde o exterior son o escroto e o pene [3].

  • Escroto. É un saco de pel no que se encontran os testículos. Interiormente está dividido por un tabique en dúas metades ou cámaras, unha para cada testículo. Pode contraerse e achegarse máis ao corpo ou relaxarse e formar un saco pendurado, o que coloca os testículos máis ou menos preto da calor corporal para que teñan a temperatura axeitada, que debe ser algo inferior á do corpo. Isto é posible porque o escroto ten capas de músculo liso. A fascia muscular do dartos continúase con fascias do pene e superficiais do abdome, e fibras do dartos chegan ao tabique do escroto. A pel do escroto é máis escura ca a do corpo e na liña media ten unha crista chamada rafe, e ten pelos. O escroto ten varias capas. A pel, a fascia superficial e o dartos son comúns a todo escroto, e cada unha das dúas cámaras do escroto están revestidas polas túnicas vaxinal, fascia espermática interna, músculo cremáster e fascia cremastérica e a fascia cremastérica externa.
  • Pene. O pene é o órgano copulador atravesado pola uretra, que non pasa polo seu centro senón pola parte inferior. O pene está formado principalmente por tecido eréctil chamado tecido cavernoso, con moitos vasos sanguíneos, que ao encherse de sangue provocan a erección. Divídese en raíz (no interior da pelve), corpo do pene e glande (no extremo). No interior hai tres columnas de tecido eréctil; na parte superior e central hai dúas, que forman os corpos cavernosos, rodeado por unha cápsula fibrosa, e a terceira é máis inferior e pequena e forma o corpo esponxoso atravesado pola uretra. No corpo do pene os corpos cavernosos e esponxoso van xuntos, pero sepáranse na raíz, e o esponxoso forma na raíz un engrosamento chamado bulbo do pene. Na parte superior central do pene, sobre os corpos cavernosos, cursan arterias e veas. A glande do pene é o engrosamento do seu extremo, formado polo corpo esponxoso, onde se abre a uretra ao exterior polo orificio uretral externo. A glande está cuberta por un pregamento da pel chamado prepucio, que é libre e pode retraerse, descubrindo a glande. Debaixo do prepucio acumúlase unha secreción chamada esmegma. O pene está sostido por dous ligamentos, o ligamento suspensorio do pene e o ligamento fundiforme.

Órganos internos[editar | editar a fonte]

Distinguiremos os testículos, epidídimo, os condutos que levan o seme, e as glándulas.[3]

Testículos[editar | editar a fonte]

Os testículos son dúas gónadas ovoides situadas no escroto, que producen os gametos masculinos (espermatozoides) e hormonas esteroides (testosterona fundamentalmente). Comunícanse co epidídimo por medio dos condutiños eferentes. A capa externa do testículo é a túnica albuxínea formada por tecido conxuntivo. Desta túnica parten tabiques fibrosos que dividen o testículo en lobuliños, que terminan na parte posterior no mediastino do trestículo. O mediastino está atravesado por unha rede de condutos chamada rede testicular. Os espazos internos do testículo están cheos de túbulos seminíferos, na parede dos cales se producen as meioses que orixinan os espermatozoides. No espazo que queda entre os distintos túbulos seminíferos encóntranse células de Leydig produtoras de testosterona. Os túbulos seminíferos son inicialmente moi retortos, pero despois na zona do mediastino fusiónanse e fanse rectos, e ábrense na rede testicular. Da rede testicular saen os condutiños eferentes que conectan co epidídimo.

Epidídimo[editar | editar a fonte]

O epidídimo está formado por un tubo retorto que se dispón na parte posterior e superior do testículo formando unha estrutura con forma de coma. Divídese en cabeza, que é a parte superior que se conecta co interior dos testículos por medio dos condutiños eferentes e por tecido fibroso e seroso, corpo, que está pegado á parte lateral posterior do testículo, e cola, situada na parte inferior do testículo e que se continúa co conduto deferente. O epidídimo serve para almacenar os espermatozoides e é onde acaban de madurar.

Condutos[editar | editar a fonte]

Son o conduto deferente, o conduto exaculador (continuación do anterior) e a uretra.

  • Conduto deferente. É a continuación do conduto do epidídimo. Ascende facendo un percorrido duns 45 cm ata unirse ao conduto da vesícula seminal formando o conduto exaculador. Ascende pola parte posterior do testículo, e na zona superior deste únese aos vasos e nervios do testículo e epidídimo, e queda todo o conxunto unido por tecido fibroso, formando o cordón espermático. Ao chegar ao anel inguinal profundo sepáranse os vasos e nervios e o conduto deferente segue só; despois, fai unha curvatura e penetra na pelve menor e conforme se achega á vesícula seminal faise máis groso formando a chamada ampola do conduto deferente.
  • Conduto exaculador. Por encima da próstata o conduto deferente volve a ser máis fino e únese ao conduto da vesícula seminal formando o conduto exaculador de só 2,5 cm de lonxitude, que cursa cara a abaixo e adiante, atravesando a próstata, e desembocando na porción prostática da uretra.
  • Uretra. A uretra sae da vexiga urinaria e chega ao exterior expulsando a urina. Nas mulleres é un conduto exclusivamente urinario, pero nos homes é un conduto urinario e xenital, xa que os condutos exaculadores verten o seme na uretra na súa porción prostática. A uretra divídese xeralmente en porción prostática, que atravesa a próstata e na que desembocan as secrecións da próstata, porción membranosa, situada entre a próstata e o corpo esponxoso, e porción esponxosa, que cursa polo interior do corpo esponxoso todo ao longo do pene, e cando chega á glande expándese formando a fosa navicular, que se abre ao exterior por unha fenda vertical chamada orificio uretral externo. Os condutos das glándulas bulbouretrais desembocan na parte proximal da porción esponxosa. Das paredes da uretra, principalmente da porción esponxosa, ramifícanse as glándulas de Littré, que producen unha secreción mucosa.

Glándulas[editar | editar a fonte]

Estas glándulas segregan líquidos que forman parte do seme, con función protectora, nutritiva ou lubricante e danlle certas propiedades ao seme. Son a próstata, as vesículas seminais e as glándulas bulbouretrais.[3]

  • Vesículas seminais. Son un par de glándulas con forma de sáculo situadas na base da vexiga e por diante do recto. O extremo superior é groso e arredondado, e a parte inferior adelgaza e forma un curto conduto, que se fusiona co conduto deferente, formando o conduto exaculador. As secrecións das vesículas seminais conteñen proteínas, encimas, frutosa, mucus, vitamina C, flavina, fosforilcolina e prostaglandinas.
  • Próstata. É unha glándula impar que rodea a parte inicial da uretra. A base da próstata está pegada á cara inferior da vexiga urinaria e ten un vértice dirixido cara a abaixo. Está atravesada polos condutos exaculadores e pola uretra, os cales se unen por unhas pequenas fendas a cada lado da boca do utrículo prostático. Está dividida en moitos lobuliños incompletos por tecido fibroso, e chea de tubiños secretores. Estes tubiños glandulares forman decenas de condutos prostáticos, que se abren na parede posterior da uretra, principalmente nos seos prostáticos. As secrecións prostáticas conteñen: antíxeno específico da próstata, ácido cítrico, fibrinóxeno, espermina, cinc, magnesio, encimas.
  • Glándulas bulbouretrais ou de Cowper. Son un par de pequenas glándulas situadas máis abaixo da próstata e máis arriba do bulbo do pene, á altura da porción membranosa da uretra (pero desembocan na porción esponxosa). Formadas por lobuliños glandulares moi unidos, forman un só conduto duns 2,5 cm, que desemboca na uretra esponxosa. Producen unha secreción lubricante.
  • Ademais destas tres glándulas principais, existen numerosas glándulas de Littré, que son ramificacións da parede da uretra e producen unha secreción mucosa protectora. Aparecen principalmente na porción esponxosa da uretra.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. E. P. Salomon, C. A. Villee, P. W. Davis. Biología. 1987. Interamericana. Páxinas 1040-1042. ISBN 968-25-1225-5
  2. Gerard J. Tortora, Bryan Derrickson: Principios de anatomía y fisiología, 11ª edición, Editorial médica panamericana, 2006, ISBN 968-7988-77-0.
  3. 3,0 3,1 3,2 G. J. Romanes. Cunninham Tratado de Anatomía. Interamericana-Mc Graw Hill. 12ª edición. Páxinas 585-600. ISBN 84-7605-359-2.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]