Secretaría Xeral de Política Lingüística

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Placa da Secretaria Xeral de Política Lingüística

A Secretaría Xeral de Política Lingüística é un órgano da Xunta de Galicia encargado da regulación do idioma galego. É un órgano dependente da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. O seu titular actual é Valentín García Gómez.[1]

Funcións[editar | editar a fonte]

As principais funcións da Secretaría Xeral de Política Ligüística son:

  • Promover, impulsar e elaborar propostas lexislativas e regulamentarias que potencien a normalización lingüística e o fomento do uso da lingua galega.
  • Cooperar coa Comisión Interdepartamental da Xunta de Galicia para a Normalización Lingüística e impulsar e coordinar as medidas de política lingüística dos departamentos da Xunta de Galicia mediante a achega do soporte técnico necesario.
  • Programar e desenvolver medidas para o fomento do uso do idioma galego nos diferentes eidos sociais e económicos de Galicia, co fin de incrementar a dispoñibilidade de produtos e servizos en galego.
  • Planificar e desenvolver campañas e medidas de fomento do uso, coñecemento e difusión do galego dentro e fóra do territorio lingüístico galego.
  • Promover, coordinar e desenvolver a política de investigación que favoreza a normalización lingüística nas súas diferentes manifestacións, especialmente no eido do léxico e a terminoloxía.
  • Emitir informe sobre os proxectos de disposicións normativas de carácter xeral que promovan os departamentos da Xunta de Galicia sobre a normalización do uso do galego ou sobre a política lingüística en xeral.
  • Establecer o marco metodolóxico de referencia e os plans e programas para o ensino do galego ás persoas adultas, de acordo coas directrices do Consello de Europa en materia de ensino de linguas.
  • Colaborar co Consello de Europa e con outros organismos nacionais e internacionais en relación cos procesos para a defensa, a aprendizaxe, o ensino e a avaliación das linguas.
  • Convocar e administrar as probas e expedir os certificados de coñecemento de galego.
  • Convocar e administrar as probas e certificados de tradutoras e tradutores e de intérpretes xurados/as doutras linguas para o galego e viceversa, así como autorizar as habilitacións directas destes, cando procedan, e a súa inscrición no Rexistro oficial de profesionais da tradución e interpretación xuradas doutras linguas para o galego e viceversa.
  • Promover o diálogo, a cooperación e a colaboración con outras institucións competentes en materia de política lingüística.
  • Calquera outra competencia e función que lle sexa delegada ou encomendada pola persoa titular da Consellería.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Xunta de Galicia (ed.). "Secretaría Xeral de Política Lingüística.". Consultado o 29 de marzo de 2016. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]