Jacques Maritain

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Jacques Maritain
Nacemento18 de novembro de 1882
Lugar de nacementoParís
Falecemento28 de abril de 1973
Lugar de falecementoTolosa
NacionalidadeFrancia
Relixióncatólico romano
Alma máterLiceu Henrique IV, Universidade de París e Universidade de Notre Dame
Ocupaciónfilósofo, pedagogo, escritor e diplomático
CónxuxeRaïssa Maritain
PremiosGrande prémio de literatura da Academia francesa, Aquinas Medal, Aquinas Medal, Grand prix national des Lettres e Corresponding Fellow of the Medieval Academy of America
Na rede
Musicbrainz: c2115ac4-fa35-43d8-9eca-a6a87f4a3e3a Editar o valor em Wikidata
editar datos en Wikidata ]

Jacques Maritain nado en París o 18 de novembro de 1882 e finado o 28 de abril de 1973 foi un filósofo metafísico francés defensor dun humanismo integral.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Fillo do avogado Paul Maritain foi criado no protestantismo. Estudou na Sorbonna química, física e bioloxía. Alí coñeceu a Raïssa Oumançoff, con quen compartiría unha angustiosa pescuda intelectual. Abandonaron o cienticismo por xulgar que achegaba unha visión reducionista que non daba resposta ás inquedanzas existenciais e de coñecemento transcendental do ser humano.

O seu desencanto chegou a tal punto que pactaron suicidarse de non chegar a algún resultado satisfactorio na súa busca no prazo dun ano. Charles Péguy convenceunos para que afondasen no pensamento vitalista de Henri Bergson o que os levou a descubrir a racionalidade do senso do absoluto. Leon Bloy influíu na súa posterior conversión ao catolicismo. No seo da Igrexa Católica foi discutido polos sectores escolásticos, conservadores e tradicionalistas.

En 1907 trasladouse a Heidelberg para afondar nos seus estudos de bioloxía onde conectou o neovitalismo científico co vitalismo filosófico de Bergson. Foi profesor de diversas universidades estadounidenses e canadenses (Columbia, Chicago, Toronto, Princeton...).

Maritain, por influencia de Raissa, redescubriu a figura de Tomé de Aquino tentando actualizar o pensamento neotomista e aristotélico.

Manifestou a súa total oposición ao réxime de dereitas pro-nazi de Vichy e colaborou na atención e axuda a perseguidos e exiliados, en particular xudeus.

Tras o remate da segunda guerra mundial foi embaixador de Francia perante a Santa Sé ata 1948

Tralo pasamento de Raissa, ingresou nunha orde relixiosa.

Pensamento[editar | editar a fonte]

Para Jacques Maritain, a filosofía é a raíña das ciencias. Defendeu o pensamento científico pero considerou insostible racionalmente que poida ocupar o lugar e o papel da filosofía. Deu prioridade á metafísica sobre a epistemoloxía.

A idea do ser é aprehensible a partir da experiencia dos sentidos mediante un proceso de abstracción. A emisión de enunciados ou xuízos sobre os obxectos os recoñece como existentes. Deste xeito un pode chegar á intuición do ser, base da metafísica.

Dende o punto de vista epistemolóxico articulou un realismo crítico que defende que a mente é quen de garantirnos unha certeza sobre o ser das cousas.

Dende o punto de vista ético, entende que existen leis enraizadas na natureza humana. Considera que existe unha lei natural que garante a dignidade e inviolabilidade do ser humano e que é reveladora da súa igualdade esencial e impulsora da súa liberdade. Os dereitos humanos teñen o seu alicerce na lei natural.

Defendeu un humanismo integral superador dunha visión materialista do home que, ao seu entender, acaba despersonalizándoo e cousificándoo. Sostiña a necesidade dunha sociedade aberta e plural inspirada no principio de cooperación entre os diferentes.

Defensor dos sistemas democráticos baseados na participación popular, a liberdade ideolóxica e de culto e os dereitos humanos, foi radicalmente crítico coas democracias burguesas, o sistema capitalista e unha concepción individualista da propiedade privada. Opoñía eles a prevalencia da persoa sobre o traballo e o mercado e defendía o destino universal dos bens. Condena o que entende sociedade benpensante do liberalismo burgués. A burguesía confunde a dignidade humana coa ilusoria imaxe dun individuo abstracto.

O Estado non ten outro fin que asegurar o ben común. Este é distinto da suma dos intereses particulares. O deber do Estado é a xustiza social e está ao servizo do home. Pero un home concreto que non se entende sen a súa dimensión comunitaria. Por iso a democracia é moito máis que o cumprimento dunhas regras constitucionais. Neste sentido, a democracia está sempre por facerse e por iso esixe unha revolución moito máis profunda que o que a literatura revolucionaria coñece con ese nome, xa que se aferra a principios máis profundos.

Dende o punto de vista político a á esquerda da Democracia cristiá reivindicou as súas posicións sociais, aínda que sempre mantivo distancia cos partidos confesionais.

Obras[editar | editar a fonte]

  • Humanisme intégral (1936)
  • Christianisme et démocratie (1943)
  • Principes d´une politique humaniste (1944)
  • L´homme et l´etat(1953)

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Maritain, Jacques: Hombre y el Estado, Ed. Encuentro (tradución de L´homme et l´etat de 1953)ISBN 84-7490-081-6.
  • Touchard, Jean: Historia de las Ideas Políticas, Ed. Tecnos, Madrid, 1961. Num. rex.1020-61
  • Santidrián, Pedro R: Diccionario de Pensadores cristianos, Estella, 1999. ISBN 84-7151-724-8