O Panteón de París (en francésLe Panthéon) é un monumento da capital francesa, no quinto distrito (arrondissement), no chamado Barrio Latino, moi preto da Sorbona e dos liceos elitistas Louis Le grand e Henry IV.
A súa construción comezou en 1764 con Soufflot e durou 26 anos (foi rematada por Jean Baptiste Rondelet). É un dos primeiros monumentos neoclásicos de Francia. Inicialmente estaba previsto que fose unha igrexa adicada á patroa da cidade, Santa Xenoveva. Con todo a Revolución Francesa fixo que servise de templo para albergar os corpos dos homes ilustres da patria (no frontispicio está gravado «Aux grands hommes la patrie reconnaissante» («Aos grandes homes, a patria agradecida»).
Cando trala caída de Napoleón restaurouse o Antigo Réxime, recuperou o seu uso como igrexa, que persistiría durante a época do Segundo Imperio. Coa chegada da Terceira República Francesa foille devolto o seu uso laico con motivo do funeral de Victor Hugo.
En 1851Léon Foucault instalou o seu famoso péndulo coñecido como Péndulo de Foucault; fíxoo aquí debido a que a grande altura do inmoble facilitaba o experimento. Mediante este experimento conseguiuse demostrar a rotación da Terra e a existencia da forza de Coriolis. Dende 1995 este péndulo regresou ao Panteón.
O 30 de novembro de 2002 aloxouse no Panteón o cadaleito de Alexandre Dumas, o autor de Os Tres Mosqueteiros. O mesmo atopábase cuberto por un manto de veludo azul co lema dos mosqueteiros: «Un pour tous, tous pour un» («Un para todos, todos para un»). Os restos de Dumas descansaran ata ese momento no cemiterio de Villers-Cotterêts, en Aisne, Francia. No seu discurso, o Presidente Jacques Chirac dixo que con esta acción quedaba corrixida a inxustiza cometida co honor dun dos grandes escritores franceses.