Saltar ao contido

Ramón de Valenzuela

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Ramón de Valenzuela Otero»)
Modelo:BiografíaRamón de Valenzuela Otero

Placa da rúa Ramón de Valenzuela na Bandeira.
Biografía
Nacemento3 de outubro de 1914 Editar o valor en Wikidata
A Viña, España Editar o valor en Wikidata
Morte27 de outubro de 1980 Editar o valor en Wikidata (66 anos)
Adina, España Editar o valor en Wikidata
Actividade
Ocupaciónescritor, político Editar o valor en Wikidata
Partido políticoPartido Comunista de España Editar o valor en Wikidata
Familia
CónxuxeMariví Villaverde Editar o valor en Wikidata

BNE: XX986641 Bitraga: 1227 BUSC: valenzuela-otero-ramon-1914-1980 Dialnet: 1674888

Ramón de Valenzuela Otero, nado en Manduas (Silleda) o 3 de outubro de 1914 e finado en Adina (Sanxenxo) o 27 de outubro de 1980, foi un escritor e político galego.

Traxectoria

[editar | editar a fonte]

Naceu no pazo da Viña, no lugar da Viña, fillo de Dolores Otero e do médico José Valenzuela Ulloa. Estudou o bacharelato en Santiago de Compostela e, no curso 1931-32, matriculouse en Dereito. Ao ano seguinte fíxoo en Filosofía e Letras. En 1933 ingresou na Escola Normal de Pontevedra. Rematados os tres cursos de Maxisterio, foi destinado a Vigo como mestre, cargo que non chegou a exercer polo comezo da guerra civil.

Desenvolveu por eses anos unha intensa actividade na Bandeira: en 1930, creou, nunha casa do pai, unha escola para adultos na que impartiu clases en galego; no verán de 1933 formou con outros mozos un cadro teatral co ánimo de recadar fondos para a difusión cultural que chegou a representar algunhas obras. Organizou tamén un grupo de Ultreya.

En 1933 apareceron os seus primeiros escritos: unha serie de Cartas a Alfonso d’Outeiro, asinadas como Ramón da Viña, publicadas no periódico lalinense Razón dirixido polo galeguista Jesús Iglesias Surribas. En Razón apareceu tamén o seu primeiro conto: O billete de ida e volta.

Nos anos 1934 e 1935, co pseudónimo de Pepe dos Cestos, narrou contos populares en Radio Pontevedra, en teatros e nalgunha feira da Bandeira. Como tal actuou no Casino de Lalín en novembro de 1934, acompañando ao coro Airiños da Ulla. Abandonou esta actividade por considerar que non contribuía a formar unha conciencia galega e podía dar unha visión ridícula do labrego. O 15 de agosto de 1933 participou na Pelingrinaxe ao Candán (unha festa de exaltación galega en homenaxe ao 25 aniversario da Sociedad Hijos de Silleda) xunto a Ramón Suárez Picallo, Eduardo Blanco Amor e Antón Alonso Ríos.

Actividade política na II República

[editar | editar a fonte]

En 1935, incorporouse ás Mocedades Galeguistas. Nese mesmo ano, a IV Asemblea do Partido Galeguista, celebrada en Santiago de Compostela, elixiuno conselleiro en representación da zona Lalín-A Estrada. Valenzuela emprendeu a súa actividade política para reorganizar o partido: visitou os grupos xa constituídos e promoveu unha campaña de propaganda para crear novos. O seu proxecto de reorganización aparece en A Nosa Terra e consistía nunha estrutura baseada en células parroquiais de cinco membros, que enviarían un representante á Asemblea Comarcal.

Interveu nos mitins do Partido Galeguista da zona: no de Lalín, o 1 de setembro de 1935, xunto con Castelao (a primeira aparición deste, logo do exilio en Badaxoz); no da Estrada, en xaneiro de 1936, con Víctor Casas e Castelao. Participou activamente na Campaña do Estatuto de Autonomía. Colaborou tamén co Seminario de Estudos Galegos na Sección de Etnografía e Folclore.

Guerra e prisión

[editar | editar a fonte]

En agosto de 1936, foi detido na Bandeira e encarcerado na prisión de Silleda. Conducido á de Compostela, logrou saír polos bos oficios dun familiar. Con todo, e ante a inseguridade de andar fuxido, ingresou como voluntario no exército sublevado, coa intención de cambiar de bando. Destinado a Cáceres, o 8 de decembro de 1937, pasou ao bando republicano, incorporándose ao cuartel xeral da división que mandaba Enrique Líster.

En Barcelona colaborou cos galegos da zona leal, uníndose á Solidaridade Galega Antifeixista, da que foi Secretario de Información e Prensa. Desempeñou varios cargos no Partido Galeguista: secretario xeral e secretario de organización. Escribiu no periódico Nueva Galicia.

En 1939 pasou a Francia cos restos do exército republicano. Internado no campo de concentración de Argelès, recibiu axuda da Sociedad Pro-Escuelas en Bandeira. Xa en liberdade, colaborou co 2º Boureau de exército francés como oficial republicano. Alí coñeceu a quen había ser a súa muller, María Victoria, filla do deputado Elpidio Villaverde. Co estalido da Segunda guerra mundial, a familia Villaverde marchou para a Arxentina, pero Valenzuela permaneceu en Francia, para continuar a loita contra o fascismo. Coa ocupación alemá, a Gestapo prendeuno e entregouno á policía política franquista. Foi xulgado en Ávila e condenado a 20 anos e un día, que empezou a cumprir na mesma prisión de Ávila. En 1944 saíu do cárcere en liberdade vixiada e inhabilitado para a docencia. Instalouse en Vilagarcía de Arousa, onde traballou como axente comercial e dirixiu unha explotación de arxila en Noalla.

Casou con María Victoria en febreiro de 1945. Nese ano retomou os estudos universitarios e en 1947 licenciouse en Filosofía e Letras, sección de Historia. En 1949, despois de conseguir o indulto que o liberaba do réxime de prisión atenuada, marchou a Buenos Aires coa súa familia.

Exilio na Arxentina

[editar | editar a fonte]
Reunión dos participantes do 1º Congreso da Emigración Galega. Sentados de esquerda a dereita: Alberto Vilanova, Xerardo Álvarez Gallego, Vicente Gómez Paratcha, Alfonso Díaz Trigo, Xavier Bóveda, Rafael Dieste e Laxeiro. De pé: Francisco Comesaña Rendo, Ramón de Valenzuela, Lois Tobío Fernández, Eduardo Blanco Amor, Xosé Velo, Roxelio Rodríguez de Bretaña, Luís Seoane, Marcial Fernández Vázquez, Xosé Núñez Búa, Emilio González López, María del Carmen Soler, Mariví Villaverde e Antonio Baltar. Buenos Aires. 1956.

En Buenos Aires traballou en actividades comerciais e entregouse ao labor político e cultural. Colaborou como secretario de Castelao e participou con el na Irmandade Galega. Pronunciou múltiples conferencias en institucións galegas da Arxentina e o Uruguai. Colaborou en La Gaceta Literaria (suplemento dominical de La Gaceta de Tucumán) e en Galicia Emigrante, a revista de Luís Seoane. Tamén na audición de igual nome en Radio Libertad. Foi membro da Asociación Gallega de Universitarios, Escritores y Artistas (AGUEA) na que impartiu clases de xeografía galega.

A súa primeira novela Non agardei por ninguén publicouse en 1957, en Buenos Aires. Nela relata os acontecementos de 1936 ata o seu paso á zona republicana.

Dirixiu o Ateneo Curros Enríquez, da Federación de Sociedades Gallegas Agrarias y Culturales, no derradeiro esforzo por conseguir unha escola de teatro estábel que continuase as directrices do Teatro Popular Galego de Eduardo Blanco Amor. Ademais de participar como actor, traduciu ao galego A camisa de Lauro Olmo e O Casamento do latoeiro de John M. Synge. A súa única peza teatral As bágoas do demo estreouse en 1964, dirixida por Blanco Amor.

En 1962 ingresou no PCE, sen abandonar o ideal galeguista.

Regreso a España

[editar | editar a fonte]

Retornou a España en 1966 para instalarse en Madrid, onde traballou como mestre no Colegio Cisneros e ensinou Xeografía e Historia de Galicia no Círculo de Estudios Gallegos que funcionaba no Club de Amigos de la UNESCO de Madrid.

En 1974 apareceu o libro de relatos O Naranxo editado polo Grupo Brais Pinto. Pronunciou numerosas conferencias sobre temas galegos. A ditada en 1976 na Facultade de Económicas da Universidade de Santiago de Compostela acendeu un vivo debate e desatou unha forte polémica na prensa. Logo sería publicada como Historia do Galeguismo Político.

Presentouse como candidato polo PCG ás eleccións xerais de 1977 pola provincia de Pontevedra.[1][2] No ano 1980 publicouse Era tempo de apandar, que narra as súas vicisitudes despois da guerra civil. Nese ano descóbreselle o cancro de pulmón que lle segou a vida o 27 de outubro en Adina, Sanxenxo.

A obra de Ramón de Valenzuela está marcada polo carácter autobiográfico, no cal domina a acción sobre a descrición. As súas obras tamén se caracterizan polo uso de técnicas do relato oral, como o uso da primeira persoa, e por retratar os personaxes con gran precisión e autenticidade.[3]

Era fillo do médico José Valenzuela Ulloa[5] e tío avó do presidente da Xunta Afonso Rueda Valenzuela.[6]

  1. El Pueblo Gallego, 13-4-1977, p. 13.
  2. La Voz de Galicia, 13-4-1977, p. 38.
  3. Lingua e Literatura II. Ed. Rodeira Ano 2009
  4. Vilavedra, Dolores, ed. (2000). Diccionario da literatura galega. Obras III. Galaxia. p. 335. ISBN 84-8288-365-8. 
  5. "José Valenzuela Ulloa". CONSELLO DA CULTURA GALEGA (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 16 de agosto de 2022. Consultado o 2022-08-16. 
  6. Pena, Ricardo Rodríguez,Aida (2022-05-17). "Víctor Freixanes apela ás orixes familiares de Rueda: "Supoño que algo leva dentro"". cadena SER (en castelán). Consultado o 2022-08-16. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]