Saltar ao contido

A Bandeira, Manduas, Silleda

A Bandeira

Festa da Empanada na Bandeira
ParroquiaManduas
ConcelloSilleda
Coordenadas42°43′47″N 8°18′13″O / 42.729840526107, -8.3035355442708
Poboación868 hab. (2023)
editar datos en Wikidata ]

A Bandeira é unha vila da parroquia de Manduas no concello pontevedrés de Silleda. Segundo o IGE[1], en 2015 tiña 757 habitantes (381 homes e 376 mulleres), o que supón un aumento con respecto ao ano 2007, cando tiña 694 habitantes, en 2023 tiña 868 habitantes (433 homes e 435 mulleres). É o lugar máis poboado de toda a parroquia.

É o segundo núcleo urbano en importancia de poboación despois de Silleda, polo que conta cun centro de saúde, un colexio público, un centro cultural, un polideportivo, piscinas públicas, campo de fútbol, campo de petanca, centro social para maiores e mesmo un auditorio.

A Bandeira é famosa pola súa feira celebrada os días 14 e 29 de cada mes que antigamente atraía a xente de toda a comarca de Deza e das parroquias veciñas do concello da Estrada. Nas últimas décadas tamén pola Festa da Empanada que se celebra na terceira fin de semana do mes de agosto. O seu Entroido co seu Alto dos Xenerais constitúese como a tradición entroideira máis antiga do concello de Silleda xunto cos da zona de Lamela e Dornelas.

Neste lugar naceron o mestre Víctor Fraiz Villanueva, o alcalde de Silleda Manuel Cuíña Fernández e o compositor Sergio Rodríguez Pena.

Na vila existen dous grupos de baile (Xirandola e Fortín da Pomba), a Banda Recreativa e Cultural de Bandeira e varias asociacións: Asociación Cultural Vista Alegre, Sociedad Deportiva, Amigos da Empanada, Xenerais do Antroido, ANPA Brincadeira, Asociación de Veciños, Club Petanca.

Patrimonio

[editar | editar a fonte]

O Centro Cultural Vista Alegre é un dos edificios máis emblemáticos da Bandeira. Construído por emigrantes de Bos Aires organizados na Sociedad Pro-Escuelas en Bandeira, comezou sendo unha escola e biblioteca. Hoxe, ademais de contar coa biblioteca -reinaugurada en democracia despois da queima dos fondos en 1936 polos fascistas-, constitúe o local social dun amplo abano de diversas asociacións que desempeñan nel unha boa parte das súas actividades.

Economía

[editar | editar a fonte]

Frigoríficos Bandeira, fundada en 1984, é a segunda empresa en nivel de facturación de Deza-Tabeirós. Nas súas instalacións sacrificanse ao redor de 60 000 reses ao ano, cunha media semanal de 1200. O seu principal mercado está en España pero tamén comercializa carne en numerosos países da Unión Europea. É unha empresa familiar rexida pola terceira xeración, conta cun cadro de persoal de 92 traballadores repartido entre o matadoiro de Dezano e a súa sede en Mercamadrid, na capital española.

Frigoríficos Bandeira subministra principalmente gando vacún de carne nacido e criado en Galicia a través de provedores como gandeiros e concesionarios, así como mediante compras en feiras e poxas. Un dos seus puntos para adquirir gando é a Central Agraria de Silleda, onde poxou polo exemplar máis caro da historia do mercado, polo que pagou 10.469 euros.[2] Frigorificos Bandeira acadou os 89 millóns de euros de facturación en 2024, o que os sitúa á cabeza da facturación no Deza, só por detrás de Nudesa.[3]

Galería de imaxes

[editar | editar a fonte]

Lugares e parroquias

[editar | editar a fonte]

Lugares de Manduas

[editar | editar a fonte]
Lugares da parroquia de Manduas no concello de Silleda (Pontevedra)

Andamollo | A Bandeira | Bravil | A Calzada | O Castro | Crestelle | A Devesa | Ferrozos | Letros | Lourás | Medelo | A Moa | Outeiro | Quintela | San Tirso | Vilaverde | A Viña

Parroquias de Silleda

[editar | editar a fonte]
Galicia | Provincia de Pontevedra | Parroquias de Silleda

Abades (Santa María) | Ansemil (San Pedro) | Breixa (Santiago) | Carboeiro (Santa María) | O Castro (San Mamede) | Cervaña (San Salvador) | Chapa (San Cibrao) | Cira (Santa Baia) | Cortegada (Santa María) | Dornelas (San Martiño) | Escuadro (San Salvador) | Fiestras (San Martiño) | Graba (Santa María) | Lamela (San Miguel) | Laro (San Salvador) | Manduas (San Tirso) | Margaride (San Fiz) | Martixe (San Cristovo) | Moalde (San Mamede) | Negreiros (San Martiño) | Oleiros (San Miguel) | Parada (San Tomé) | Pazos (San Martiño) | Piñeiro (San Xiao) | Ponte (San Miguel) | Refoxos (San Paio) | Rellas (San Martiño) | Saídres (San Xoán) | Siador (San Miguel) | Silleda (Santa Baia) | Taboada (Santiago) | Vilar (San Martiño) | Xestoso (Santa María)

  1. IGE (ed.). "IGE - Nomenclátor de Galicia" (en galego). Arquivado dende o orixinal o 30 de decembro de 2020. Consultado o 29 de abril de 2021. 
  2. "Frigoríficos Bandeira logra récord de facturación con 67 millones". La Voz de Galicia. Consultado o 2024-06-21. 
  3. "Hasta 27 firmas facturan más de diez millones de euros y Nudesa marca distancia, con casi 159". La Voz de Galicia. Consultado o 2024-06-21.