Ramón de Valenzuela

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Ramón de Valenzuela Otero
Placa da rúa Ramón de Valenzuela na Bandeira, Silleda.JPG
Nacemento3 de outubro de 1914
 A Viña
Falecemento27 de outubro de 1980
 Adina
NacionalidadeEspaña
Ocupaciónescritor e político
CónxuxeMariví Villaverde
Na rede
Bitraga: 1227 Dialnet: 1674888
editar datos en Wikidata ]

Ramón de Valenzuela Otero, nado en Manduas (Silleda) o 3 de outubro de 1914 e finado en Adina (Sanxenxo) o 27 de outubro de 1980, foi un escritor e político galego.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Naceu no pazo da Viña, no lugar da Viña, fillo de Dolores Otero e do médico José Valenzuela Ulloa. Estudou o bacharelato en Santiago de Compostela e, no curso 1931-32, matriculouse en Dereito. Ao ano seguinte fíxoo en Filosofía e Letras. En 1933 ingresou na Escola Normal de Pontevedra. Rematados os tres cursos de Maxisterio, foi destinado a Vigo como mestre, cargo que non chegou a exercer polo comezo da guerra civil.

Desenvolveu por eses anos unha intensa actividade na Bandeira: en 1930, creou, nunha casa do pai, unha escola para adultos na que impartiu clases en galego; no verán de 1933 formou con outros mozos un cadro teatral co ánimo de recadar fondos para a difusión cultural que chegou a representar algunhas obras. Organizou tamén un grupo de Ultreya.

En 1933 apareceron os seus primeiros escritos: unha serie de Cartas a Alfonso d’Outeiro, asinadas como Ramón da Viña, publicadas no periódico lalinense Razón dirixido polo galeguista Jesús Iglesias Surribas. En Razón apareceu tamén o seu primeiro conto: O billete de ida e volta.

Nos anos 1934 e 1935, co pseudónimo de Pepe dos Cestos, narrou contos populares en Radio Pontevedra, en teatros e nalgunha feira da Bandeira. Como tal actuou no Casino de Lalín en novembro de 1934, acompañando ao coro Airiños da Ulla. Abandonou esta actividade por considerar que non contribuía a formar unha conciencia galega e podía dar unha visión ridícula do labrego. O 15 de agosto de 1933 participou na Pelingrinaxe ao Candán (unha festa de exaltación galega en homenaxe ao 25 aniversario da Sociedad Hijos de Silleda) xunto a Ramón Suárez Picallo, Eduardo Blanco Amor e Antón Alonso Ríos.

Actividade política na II República[editar | editar a fonte]

En 1935, incorporouse ás Mocedades Galeguistas. Nese mesmo ano, a IV Asemblea do Partido Galeguista, celebrada en Santiago de Compostela, elixiuno conselleiro en representación da zona Lalín-A Estrada. Valenzuela emprendeu a súa actividade política para reorganizar o partido: visitou aos grupos xa constituídos e promoveu unha campaña de propaganda para crear novos. O seu proxecto de reorganización aparece en A Nosa Terra e consistía nunha estrutura baseada en células parroquiais de cinco membros, que enviarían un representante á Asemblea Comarcal.

Interveu nos mitins do Partido Galeguista da zona: no de Lalín, o 1 de setembro de 1935, xunto con Castelao (a primeira aparición deste, logo do exilio en Badaxoz); no da Estrada, en xaneiro de 1936, con Víctor Casas e Castelao. Participou activamente na Campaña do Estatuto de Autonomía. Colaborou tamén co Seminario de Estudos Galegos na Sección de Etnografía e Folclore.

Guerra e prisión[editar | editar a fonte]

En agosto de 1936, foi detido na Bandeira e encarcerado na prisión de Silleda. Conducido á de Compostela, logrou saír polos bos oficios dun familiar. Con todo e ante a inseguridade de andar fuxido, ingresou como voluntario no exército sublevado, coa intención de cambiar de bando. Destinado a Cáceres, o 8 de decembro de 1937, pasou ao bando republicano, incorporándose ao cuartel xeral da división que mandaba Enrique Líster.

En Barcelona colaborou cos galegos da zona leal, uníndose á Solidaridade Galega Antifeixista, da que foi Secretario de Información e Prensa. Desempeñou varios cargos no Partido Galeguista: secretario xeral e secretario de organización. Escribiu no periódico Nueva Galicia.

En 1939 pasou a Francia cos restos do exército republicano. Internado no campo de concentración de Argelès, recibiu axuda da Sociedad Pro-Escuelas en Bandeira. Xa en liberdade, colaborou co 2º Boureau de exército francés como oficial republicano. Alí coñeceu á que había ser a súa muller, María Victoria, filla do deputado Elpidio Villaverde. Co estoupido da Segunda guerra mundial, a familia Villaverde marchou para a Arxentina, pero Valenzuela permaneceu en Francia, para continuar a loita contra o fascismo. Coa ocupación alemá, a Gestapo prendeuno e entregouno á policía política franquista. Foi xulgado en Ávila e condenado a 20 anos e un día, que empezou a cumprir na mesma prisión de Ávila. En 1944 saíu do cárcere en liberdade vixiada e inhabilitado para a docencia. Instalouse en Vilagarcía de Arousa, onde traballou como axente comercial e dirixiu unha explotación de arxila en Noalla.

Casou con María Victoria en febreiro de 1945. Nese ano retomou os estudos universitarios e en 1947 licenciouse en Filosofía e Letras, sección de Historia. En 1949, despois de conseguir o indulto que o liberaba do réxime de prisión atenuada, marchou a Buenos Aires coa súa familia.

Exilio na Arxentina[editar | editar a fonte]

En Bos Aires traballou en actividades comerciais e entregouse ao labor político e cultural. Colaborou como secretario de Castelao e participou con el na Irmandade Galega. Pronunciou múltiples conferencias en institucións galegas da Arxentina e o Uruguai. Colaborou en La Gaceta Literaria (suplemento dominical de La Gaceta de Tucumán) e en Galicia Emigrante, a revista de Luís Seoane. Tamén na audición de igual nome en Radio Libertad. Foi membro da Asociación Gallega de Universitarios, Escritores y Artistas (AGUEA) na que impartiu clases de xeografía galega.

A súa primeira novela Non agardei por ninguén publicouse en 1957, en Buenos Aires. Nela relata os acontecementos de 1936 ata o seu paso á zona republicana.

Dirixiu o Ateneo Curros Enríquez, da Federación de Sociedades Gallegas Agrarias y Culturales, no derradeiro esforzo por conseguir unha escola de teatro estábel que continuase as directrices do Teatro Popular Galego de Eduardo Blanco Amor. Ademais de participar como actor, traduciu ao galego A camisa de Lauro Olmo e O Casamento do latoeiro de John M. Synge. A súa única peza teatral As bágoas do demo estreouse en 1964, dirixida por Blanco Amor.

En 1962 ingresou no PCE, sen abandonar o ideal galeguista.

Regreso a España[editar | editar a fonte]

Retornou a España en 1966 para instalarse en Madrid, onde traballou como mestre no Colegio Cisneros e ensinou Xeografía e Historia de Galicia no Círculo de Estudios Gallegos que funcionaba no Club de Amigos de la UNESCO de Madrid.

En 1974 apareceu o libro de relatos O Naranxo editado polo Grupo Brais Pinto. Pronunciou numerosas conferencias sobre temas galegos. A ditada en 1976 na Facultade de Económicas da Universidade de Santiago de Compostela, acendeu un vivo debate e desatou unha forte polémica na prensa. Logo sería publicada como Historia do Galeguismo Político.

Presentouse como candidato polo PCG ás eleccións xerais de 1977 pola provincia de Pontevedra.[1][2] No ano 1980 publicouse Era tempo de apandar, que narra as súas vicisitudes despois da guerra civil. Nese ano descóbreselle o cancro de pulmón que lle segou a vida o 27 de outubro en Adina, Sanxenxo.

Obra[editar | editar a fonte]

A obra de Ramón de Valenzuela está marcada polo carácter autobiográfico, no cal domina a acción sobre a descrición. As súas obras tamén se caracterizan polo uso de técnicas do relato oral, como o uso da primeira persoa, e por retratar os personaxes con gran precisión e autenticidade.[3]

Familia[editar | editar a fonte]

Era fillo do médico José Valenzuela Ulloa[5] e tío avó do presidente da Xunta Afonso Rueda Valenzuela.[6]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. El Pueblo Gallego, 13-4-1977, p. 13.
  2. La Voz de Galicia, 13-4-1977, p. 38.
  3. Lingua e Literatura II. Ed. Rodeira Ano 2009
  4. Vilavedra, Dolores, ed. (2000). Diccionario da literatura galega. Obras III. Galaxia. p. 335. ISBN 84-8288-365-8. 
  5. Galega, Consello da Cultura. "José Valenzuela Ulloa". CONSELLO DA CULTURA GALEGA (en inglés). Consultado o 2022-08-16. 
  6. Pena, Ricardo Rodríguez,Aida (2022-05-17). "Víctor Freixanes apela ás orixes familiares de Rueda: "Supoño que algo leva dentro"". cadena SER (en castelán). Consultado o 2022-08-16. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]