Vicente Gómez Paratcha
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 8 de abril de 1893 Vilagarcía de Arousa, España |
Morte | 8 de xullo de 1961 (68 anos) Río Ceballos, Arxentina |
Actividade | |
Ocupación | avogado, diplomático, xornalista |
Familia | |
Irmáns | Laureano Gómez Paratcha |
Descrito pola fonte | Enciclopedia Galega Universal Gran Enciclopedia Galega Silverio Cañada |
Vicente Segundo Eliseo Fernando Gómez Paratcha, nado en Vilagarcía de Arousa o 8 de abril de 1893 e finado en Río Ceballos (Arxentina) o 8 de xullo de 1961, foi un avogado, xornalista e diplomático galego.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Irmán de Laureano Gómez Paratcha. Alumno de Dereito da Universidade de Santiago de Compostela, titulado en 1917 foi presidente da da Juventud Maurista de Vilagarcía, e implicouse na Junta de Defensa desta cidade na que tamén militaba seu irmán Laureano. Fundou en Vilagarcía de Arousa a Agencia Arosa, colaborou en Galicia Nueva e foi redactor-xefe e despois director de Heraldo de Arosa. Foi membro fundador das Irmandades da Fala e participou nas campañas agraristas. Emigrou a Cuba nos anos vinte, onde se fixo famoso como letrado e asesor de varios consorcios azucreiros. Despois pasou ao Perú, onde colaborou en El Tiempo, Ecuador, Panamá, Venezuela e, logo dun retorno fugaz a España, coincidindo coa proclamación da República foi director da revista de cinematografía Sparta. Revista Técnica de la cinematografía (1934) con Pedro Lagrava Laplaza de xerente. Despois foi nomeado agregado da embaixada no Perú.
Cando estalou a guerra civil foi expulsado de Lima, acusado de comunista. Instalouse na Arxentina, onde casou con Nelly Casco, viúva doutro matrimonio, adoptando as súas fillas, Delia e Susana Casale. Neste matrimonio tivo os seus fillos Vicente, María Mercedes e María Cristina. Traballou na compañía de seguros La Franco Argentina. Fundou e dirixiu a revista Franco Viva. Formou parte da Asociación Gallega de Universitarios, Escritores y Artistas (AGUEA) e da Agrupación de Intelectuales Demócratas Españoles. Pronunciou un discurso na Federación de Sociedades Galegas de Buenos Aires en 1956 no acto en conmemoración do Estatuto de Galicia de 1936. Formou parte da organización do I Congreso da Emigración Galega en xullo de 1956 e impartiu conferencias sobre a obra do Padre Feijoo e Sebastián Martínez Risco.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Vicente Gómez Paratcha |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- "Gómez Paratcha, Vicente". Enciclopedia Galega Universal. Ir Indo. 1999-2002. ISBN 84-7680-288-9.
- Gran Enciclopedia Galega Silverio Cañada (DVD). El Progreso. 2005. ISBN 84-87804-88-8.
Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- "El exilio en Argentina y el papel de su hermano Vicente" (3/2/2004). La Voz de Galicia (en castelán).
- Paratcha, o primeiro galego que dirixiu unha revista de cinema