Enrique Ponte

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Ponte
Información persoal
Nome Enrique Ponte Veira
Nacemento 28 de xullo de 1925
Lugar de nacemento A Coruña
Falecemento 9 de xaneiro de 2010
Posición Defensa
Carreira xuvenil
Imperio de Ceuta
Frente de Juventudes
Sporting Ciudad
Carreira sénior
Anos Equipos Aprs (Gls)
1942–1944 Deportivo Ciudad
1944–1954 Deportivo da Coruña 181 (3)
1944–1945 Lemos
1954–1958 Cultural Leonesa 89 (2)
1958 Xuvenil
1958–1959 Racing de Ferrol 18 (1)
1959 Xuvenil
1959–1961 Deportivo da Coruña 37 (0)
Partidos e goles só en liga doméstica.

editar datos en Wikidata ]

Enrique Ponte Veira, nado na Coruña o 18 de xullo de 1925 e finado o 9 de xaneiro de 2010 na mesma cidade, foi un futbolista galego. Xogaba de defensa central e foi titular durante anos na zaga do Deportivo da Coruña, co que disputou 233 partidos, conseguindo dous ascensos a Primeira División e o subcampionato de liga na tempada 1949/50. Destacou tamén na Cultural Leonesa, onde xogou catro anos, sendo un dos artífices do único ascenso do club á máxima categoría.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Comezos[editar | editar a fonte]

Nacido na Coruña o 18 de xullo de 1925, foi o terceiro dos cinco fillos de Manuel Ponte Castiñeiras e Adela Veira Vázquez.[1] Comezou a xogar ao fútbol no Imperio de Ceuta, cidade na que residiu un tempo a súa familia.[2] En 1942 a familia regresou á Coruña, onde Ponte xogou brevemente no equipo da Frente de Juventudes e no Sporting Ciudad, antes de pasar ao modesto Deportivo Ciudad, onde coincidiu con xogadores como Orestes Vara ou Ton.[3] Durante esta época xogaba de extremo dereito, dianteiro centro e gardameta, ata que na tempada 1943/44 comezou a xogar como defensa.[2]

Deportivo da Coruña (1944-1954)[editar | editar a fonte]

En 1944 fichou polo Deportivo da Coruña, co que xogou algún amigable antes de saír cedido por unha tempada ao Lemos, da Terceira División. A continuación regresou ao Deportivo,[4] co que debutou na Segunda División na segunda xornada da tempada 1945/46, contra o Sabadell, formando parella de defensas xunto a Portugués.[5] Dita parella foi titular durante case toda a tempada, logrando manter a portería defendida por Acuña como a menos goleada da competición, e contribuíndo de xeito significativo a que o equipo adestrado por Hilario ascendese á Primeira División.

Mantívose como titular durante as seguintes sete tempadas, tendo como compañeiros na defensa entre outros a Pedrito, García, Cheché Martín ou José Millán. Foi unha peza clave no subcampionato de liga da tempada 1949/50, con Scopelli no banco, e foron célebres os seus enfrontamentos co mito sevillista Araujo.[1] No primeiro encontro da fase de permanencia da tempada 1952/53 fracturou varios ósos da cara nun choque contra Julián, dianteiro do Atlético Tetuán.[6] Aínda así continuou no campo, e xogou dous partidos máis de dita fase, na que o equipo logrou salvar a categoría. Con todo, neses encontros empeorou a súa lesión, polo que non puido disputar ningún partido na seguinte tempada.[7][8]

Disputou 192 partidos na súa primeira etapa no Deportivo, a maioría deles na Primeira División. Marcou só 3 goles, pero de grande importancia: o primeiro deles marcouno en xaneiro de 1949 contra o FC Barcelona en Riazor e serviu para poñar un empate a dous goles no marcador, mentres que os outros dous fíxoos na tempada 1951/52 e significaron dúas vitorias contra Zaragoza e Real Sociedad, vitais para evitar o descenso.

Cultural Leonesa (1954-1958)[editar | editar a fonte]

No verán de 1954 deixou o Deportivo despois dunha década e fichou pola Cultural Leonesa, na Segunda División.[9] No equipo adestrado por Román Galarraga coincidiu con numerosos xogadores galegos (Manolín, Huertas, Moncho, Malet, Barbeito, Serapio, Chas e Barús), e foi un dos principais artífices do histórico ascenso ese ano á Primeira División.[10] Ao ano seguinte disputou a única campaña do club na máxima categoría, que acabou descendendo ao remate da mesma. Militou dous anos máis no equipo leonés, regresando a continuación a Galicia.

Racing de Ferrol (1958-1959)[editar | editar a fonte]

Comezou a tempada 1958/59 xogando no Xuvenil,[11] pero a finais de setembro asinou co Racing de Ferrol, onde tivo de novo a Galarraga como adestrador, e compañeiros como Suco ou Marcelino.[12] Disputou 19 partidos co club verde, aliñándose na defensa entre outros cos históricos Perniche e Anca, e rematou o campionato de Segunda na 10ª posición.

Segunda etapa no Deportivo (1959-1961)[editar | editar a fonte]

Na tempada 1959/60 regresou ao Xuvenil, onde xogou brevemente ata asinar de novo co Deportivo da Coruña, que estaba de novo en Segunda.[13][14] Alí fíxose outra vez coa titularidade, xunto con Manín e Anca II, e disputou 41 encontros nas dúas seguintes tempadas. O equipo coruñés, con Jesús Barrio no banco e Amancio e Veloso como grandes figuras, non puido lograr o ascenso nesas dúas campañas, nas que rematou na cuarta e na terceira posición respectivamente. O 19 de febreiro de 1961 volveu recibir un duro golpe na cara, nun partido contra a Sanse en Atocha, no que chocou contra Azcárate. O dianteiro vasco preciosu de varios puntos de sutura, mentres que o defensa galego sufriu unha grave lesión no maxilar, que o obrigou a adiantar a súa retirada do fútbol, aos 35 anos de idade.[15][16]

O seu balance total no Deportivo da Coruña foi de 233 partidos oficiais e 3 goles en 11 tempadas. O 14 de maio de 1961 tributóuselle unha homenaxe no estadio de Riazor. Primeiro disputaron un partido o Sporting Ciudad e o Deportivo Ciudad, equipos nos que militara case dúas décadas antes, e a continuación o Deportivo da Coruña enfrontouse a un combinado de xogadores formado por Otero, Botana, Rodolfo, Reija, Marcelino, Vallejo, Cebrián, Marsal, Rafa, Lamorena, Ribada, Amadeo,Madriles e Serapio. Ponte xogou 13 minutos co Deportivo, ata que foi substituído por Lariño. O resultado foi de empate a dous goles, marcados os tantos do combinado por Lamorena e Rafa, e os do Deportivo por Amancio e Veloso.[17]

Selección nacional[editar | editar a fonte]

Ponte foi chamado en repetidas ocasións a convocatorias da selección española, mais nunca chegou a debutar.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 Guillín, Pepe. "Enrique Ponte, aquel maravilloso central" (en castelán). Arquivado dende o orixinal o 26 de febreiro de 2010. Consultado o 23 de novembro de 2021. 
  2. 2,0 2,1 "No pienso dejar el Deportivo". La Voz de Galicia (en castelán). 10 de abril de 1946. p. 5. 
  3. "Silva y Deportivo Ciudad, vencieron en la primera jornada". La Voz de Galicia (en castelán). 8 de febreiro de 1944. 
  4. "El fichaje en el Deportivo". El Pueblo Gallego (en castelán) (6824). 12 de xullo de 1945. p. 4. Consultado o 23 de novembro de 2021. 
  5. "7 partidos de segunda división". El Pueblo Gallego (en castelán) (6895). 2 de outubro de 1945. p. 6. Consultado o 23 de novembro de 2021. 
  6. "Ponte y Tino, bajas en el equipo". La Voz de Galicia (en castelán). 14 de maio de 1953. p. 5. 
  7. "El jugador del Deportivo, Ponte, confía en que su equipo se salve del descenso". El Correo Gallego (en castelán) (25325). 19 de xuño de 1953. p. 4. Consultado o 23 de novembro de 2021. 
  8. "Ponte no podrá jugar en algún tiempo". La Noche (en castelán) (10133). 18 de agosto de 1953. p. 2. Consultado o 23 de novembro de 2021. 
  9. "Ponte firmará por la Cultural Leonesa". La Noche (en castelán) (10426). 30 de xullo de 1954. p. 5. Consultado o 23 de novembro de 2021. 
  10. "Ascienden a la División de Honor la Cultural Leonesa y el Murcia". El Correo Gallego (en castelán) (25355). 12 de abril de 1955. p. 6. Consultado o 23 de novembro de 2021. 
  11. "El Deportivo inicia la Liga enfrentándose al Basconia". La Noche (en castelán) (11698). 13 de setembro de 1958. p. 9. Consultado o 23 de novembro de 2021. 
  12. "Ponte firmó por el Ferrol". La Noche (en castelán) (11709). 26 de setembro de 1958. p. 1. Consultado o 23 de novembro de 2021. 
  13. "La Tercera División y los juveniles". La Noche (en castelán) (11859). 15 de setembro de 1959. p. 6. Consultado o 23 de novembro de 2021. 
  14. "Ponte ya pertenece al Club". La Voz de Galicia (en castelán). 17 de setembro de 1959. p. 5. 
  15. "Goleada, en Atocha". La Noche (en castelán). 20 de febreiro de 1961. p. 3. Consultado o 24 de novembro de 2021. 
  16. Henry (23 de febreiro de 1961). "Ponte". La Noche (en castelán) (12307). p. 4. Consultado o 24 de novembro de 2021. 
  17. "Partido homenaje a Ponte". La Noche (en castelán) (12375). 15 de maio de 1961. p. 4. Consultado o 24 de novembro de 2021. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]