Waldo Botana
| Biografía | |||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
| Nacemento | 22 de decembro de 1919 Rutis, España | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
| Morte | 20 de xuño de 1998 | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
| Grupo étnico | Pobo galego | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
| Actividade | |||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
| Ocupación | futbolista | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
| Deporte | fútbol | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
| |||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Waldo Botana Pedreira, máis coñecido como Waldo Botana, nado en Rutis (Culleredo)[1] o 21 de febreiro de 1919[2] e finado na Coruña o 20 de xuño de 1998, foi un futbolista galego, que xogaba como defensa e centrocampista. Disputou 137 partidos na Primeira División, vestindo as camisetas do Deportivo da Coruña, o Alcoyano e o Valencia, e conquistou con este último un título de liga e unha Copa do Xeneralísimo.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Comezos
[editar | editar a fonte]Naceu en Rutis, sendo o terceiro dos catro fillos de Manuel Botana López e Hortensia Pedreira Naya.[3] Comezou a xogar ao fútbol no Rápido de Rutis,[2] pasando posteriormente ao Arsenal de Santa Lucía, onde xogaba no centro do campo.[4]
Deportivo da Coruña (1ª etapa)
[editar | editar a fonte]Na tempada 1935/36 pasou ao Deportivo da Coruña, co que debutou na Segunda División nun partido ante o Stadium Avilesino en Las Arobias. formando no centro do campo xunto a Antoñito e Reboredo.[5] Ao longo da tempada foi probado tamén como dianteiro polo adestrador húngaro Dezső Gencsy.[4]
Recuperación de Levante
[editar | editar a fonte]Durante a guerra civil española foi chamado a filas polo bando franquista e formou parte do Corpo de Exército de Galicia, que participou nas ofensivas de Aragón e do Levante.[6] No seo desta unidade militar formouse un equipo de fútbol, o Recuperación de Levante, no que ingresou Botana, xunto a outros destacados xogadores como Cuqui Bienzobas, Mundo ou o tamén galego Álvaro Pérez. Con este equipo disputou o Campionato Rexional de Aragón e xogou partidos noutras rexións como Madrid, Cataluña ou Ceuta.[6]
Valencia
[editar | editar a fonte]Para a tempada 1939/40 pasou ao Valencia, xunto a cinco dos seus compañeiros no equipo militar: Álvaro, Mundo, Iturraspe, Carbonilla e Poli.[6] Na súa primeira campaña no equipo branco, ás ordes do galego Ramón Encinas, proclamouse campión do Campionato Rexional do Levante e debutou na Primeira División, na que marcou 5 goles en 16 partidos. Apenas contou con minutos na seguinte tempada, na que o Valencia se proclamou campión da Copa do Xeneralísimo, tras vencer ao Espanyol nunha final na que Botana quedou no banco de suplentes. Na tempada 1941/42 conquistou o título de liga, contribuíndo o xogador con só dous partidos.
Alcoyano
[editar | editar a fonte]En 1942 fichou polo Alcoyano, onde recuperou protagonismo no campo, consolidándose como titular indiscutible durante os seguintes sete anos e converténdose no capitán do equipo. Durante ese tempo disputou 201 partidos oficiais nos que marcou 25 goles, e viviu dous ascensos a Primeira División, así como un ascenso a Segunda.[2]
Deportivo da Coruña (2ª etapa)
[editar | editar a fonte]Na tempada 1949/50 volveu ao Deportivo da Coruña, na Primeira División. Ás ordes do arxentino Alejandro Scopelli, afianzouse no once inicial, xogando 28 partidos na súa primeira tempada, case todos acompañando na defensa a Ponte e Pedrito, e contribuíu a que o equipo galego se proclamase subcampión de liga por primeira vez na súa historia.[2] Iniciou a campaña 1950/51 disputando como titular todos os partidos de liga, ata que na 12ª xornada contra o Sevilla, nun choque co atacante Campos, sufriu a fractura da tibia e o peroné da súa perna esquerda.[7]
O día de Noiteboa dese mesmo ano organizouse no estadio de Riazor un partido de homenaxe ao futbolista, no que contenderon o Deportivo e unha selección galega.[8] En abril de 1951 foi operado na clínica de Ángel Jorge Echeverri en Santiago de Compostela e a finais de maio recibiu a alta médica.[9]
Adestrador do Deportivo
[editar | editar a fonte]Aínda que non volveu vestir a camiseta do Deportivo, continuou no club como secretario técnico. En maio de 1952 colleu temporalmente as rendas do equipo, trala destitución do adestrador Chacho,[10] e estreouse no banco do conxunto coruñés nun amigable contra o Austria de Viena no estadio de Riazor, gañando por 2-0.[11] A continuación dirixiu o Deportivo no Trofeo Corpus, un torneo amigable disputado a modo de triangular no estadio do Couto de Ourense entre o club coruñés, o Celta de Vigo e o Sevilla. No primeiro encontro, un derbi contra o Celta, o equipo de Waldo Botana perdeu por 2-1, mentres que no segundo partido o club coruñés derrotou por 2-0 ao Sevilla.[12] O empate entre os outros dous equipos no terceiro e último partido outorgoulle o trofeo ao Celta.[13] Antes de regresar á Coruña, o equipo pasou por Ponferrada, onde venceu noutro amigable á Ponferradina, por un resultado de 2-4.[14]
Trala súa breve etapa como adestrador, continuou no club en funcións técnicas, e volveu dirixir o equipo en febreiro de 1953 para substituír ao enfermo Manolo Casal.[15]
Xuvenil
[editar | editar a fonte]Porén, volveu a xogar ao fútbol na tempada 1954/55, disputando co Deportivo Xuvenil a histórica campaña do club coruñés na Segunda División.[2] Disputou seis partidos con este club, compartindo equipo entre outros con Acuña, Manín, Vegazo ou o seu sobriño Carlos Botana. En febreiro de 1955, tras a dimisión de Eduardo Viso, converteuse no adestrador do equipo, ao que non puido salvar do descenso.[16]
Trala retirada
[editar | editar a fonte]Posteriormente regresou ao cadro técnico do Deportivo e durante anos rexentou un establecemento de venda de material deportivo co tamén xogador deportivista Julián Cuenca na rúa de Santo André, que atendían persoalmente. Faleceu na Coruña o 20 de xuño de 1998.[2]
Vida persoal
[editar | editar a fonte]Era cuñado do tamén futbolista Alfredo Álvarez e tío de Carlos Álvarez Botana, co que coincidiu nas filas do Xuvenil.
Estatísticas
[editar | editar a fonte]| Club | Tempada | División | Liga | Copa | Outros[a 1] | Total | ||||
|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
| Partidos | Goles | Partidos | Goles | Partidos | Goles | Partidos | Goles | |||
| Deportivo da Coruña | 1935/36 | Segunda División | 5 | 0 | 1 | 0 | 9 | 6 | 15 | 6 |
| Recuperación de Levante | 1939/40 | Campionato de Aragón | - | - | - | - | 4 | 0 | 4 | 0 |
| Valencia | 1939/40 | Primeira División | 16 | 5 | 0 | 0 | 8 | 0 | 24 | 5 |
| 1940/41 | Primeira División | 4 | 0 | 0 | 0 | 1 | 1 | 5 | 1 | |
| 1941/42 | Primeira División | 2 | 0 | 0 | 0 | - | - | 2 | 0 | |
| Total club | 22 | 5 | 0 | 0 | 1 | 1 | 31 | 6 | ||
| Alcoyano | 1942/43 | Segunda División | 12 | 0 | 2 | 0 | 12 | 3 | 26 | 3 |
| 1943/44 | Segunda División | 25 | 8 | 2 | 1 | - | - | 27 | 9 | |
| 1944/45 | Segunda División | 26 | 6 | 4 | 0 | - | - | 30 | 6 | |
| 1945/46 | Primeira División | 26 | 2 | 6 | 0 | - | - | 32 | 2 | |
| 1946/47 | Segunda División | 26 | 8 | 3 | 0 | - | - | 29 | 8 | |
| 1947/48 | Primeira División | 26 | 0 | 3 | 0 | - | - | 29 | 0 | |
| 1948/49 | Primeira División | 25 | 0 | 2 | 0 | - | - | 27 | 0 | |
| Total club | 166 | 24 | 22 | 1 | 12 | 3 | 200 | 28 | ||
| Deportivo da Coruña | 1949/50 | Primeira División | 26 | 0 | 2 | 0 | - | - | 28 | 0 |
| 1950/51 | Primeira División | 12 | 0 | 0 | 0 | - | - | 12 | 0 | |
| 1951/52 | Primeira División | 0 | 0 | 0 | 0 | - | - | 0 | 0 | |
| Total club | 43 | 0 | 3 | 0 | 9 | 6 | 55 | 6 | ||
| Xuvenil | 1954/55 | Primeira | 6 | 0 | 0 | 0 | - | - | 6 | 0 |
| Total carreira | 237 | 29 | 25 | 1 | 22 | 10 | 284 | 40 | ||
- ↑ Inclúe partidos do Campionato Rexional de Aragón, do Campionato de Valencia, da Copa Galicia, da Copa Federación e da promoción de permanencia en Segunda División.
Palmarés
[editar | editar a fonte]- Valencia
- Primeira División (1): 1941/42.
- Copa do Xeneralísimo (1): 1941.
- Campionato de Valencia (1): 1939/40.
- Alcoyano
- Segunda División (2): 1944/45, 1946/47.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "Galería de Personajes". Arquivado dende o orixinal o 17-04-2016. Consultado o 31-03-2016.
- ↑ 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 2,5 Carlos Fernández. La Voz de Galicia (19 de abril de 2004). "Personajes coruñeses | Waldo Botana Pereira". Arquivado dende o orixinal o 13-04-2016. Consultado o 31-03-2016.
- ↑ "Obituario de Manuel Botana López". La Voz de Galicia (en castelán). p. 3.
- ↑ 4,0 4,1 "Galería deportiva". El Ideal Gallego (en castelán) (5117). 9 de xullo de 1936. p. 6. Consultado o 19 de outubro de 2025.
- ↑ "El Stadium de Avilés derrota al Deportivo de La Coruña". Alborada (en castelán) (82). 16 de novembro de 1935. p. 15. Consultado o 19 de outubro de 2025.
- ↑ 6,0 6,1 6,2 Martialay, Félix (Xaneiro de 2020). "Recuperación de Levante". Cuadernos de Fútbol (en castelán) (116). ISSN 1989-6379.
- ↑ "Muestras de condolencia por la lesión de Botana". El Ideal Gallego (en castelán) (10303). 28 de novembro de 1950. p. 15. Consultado o 19 de outubro de 2025.
- ↑ "Una Selección gallega y el Deportivo, empataron en el homenaje a Botana (2-2)". El Ideal Gallego (10327). 27 de decembro de 1950. p. 6. Consultado o 19 de outubro de 2025.
- ↑ "Botana regresa de Santiago encantado con las atenciones recibidas". El Ideal Gallego (en castelán) (10459). 31 de maio de 1951. p. 7. Consultado o 19 de outubro de 2025.
- ↑ "Cesó Chacho y Botana se hizo cargo del equipo, temporalmente". El Ideal Gallego (en castelán) (10945). 25 de maio de 1952. p. 5. Consultado o 19 de outubro de 2025.
- ↑ "El juego del F.C. Wien no respondió a la alta calidad del fútbol austríaco". La Noche (en castelán). 26 de maio de 1952. p. 3. Consultado o 20 de outubro de 2025.
- ↑ "El Deportivo venció al Sevilla, por 2-0". El Ideal Gallego (en castelán). 13 de xuño de 1952. p. 5. Consultado o 20 de outubro de 2025.
- ↑ "En el Couto, Celta y Sevilla empataron a un tanto". Hoja oficial del lunes (en castelán) (879). 16 de xuño de 1952. p. 2. Consultado o 20 de outubro de 2025.
- ↑ "El Deportivo venció en Ponferrada: 4-2". El Ideal Gallego (en castelán) (10964). 17 de xuño de 1952. p. 5. Consultado o 20 de outubro de 2025.
- ↑ "Los deportivistas opinan que merecieron ganar más ampliamente". El Pueblo Gallego (en castelán) (9657). 17 de febreiro de 1953. p. 5. Consultado o 19 de outubro de 2025.
- ↑ "Waldo Botana es el nuevo entrenador del Juvenil". La Voz de Galicia (en castelán) (A Coruña ed.). 2 de febreiro de 1955. p. 5.