Deportivo Galicia

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Deportivo Galicia
NomeDeportivo Galicia Fútbol Club, Galicia de Aragua
Fundación1960
EstadioEstadio Olímpico da UCV, Estadio Brígido Iriarte (Caracas)
Estadio Giuseppe Antonelli (Maracay)
Capacidade15.000
Páxina web
Na casa
Fóra

O Deportivo Galicia Fútbol Club foi un equipo de fútbol venezolano, fundado o 19 de setembro de 1960 en Caracas por emigrantes galegos.

O equipo, que xogaba con camisola branca e raias azuis, tivo a súa época dourada nos anos 1960 e 1970, durante os cales conquistou en catro ocasións o campionato de Primeira División e era un habitual da Copa Libertadores. Foi o único club venezolano cun título internacional, a Copa Simón Bolívar de 1971. Disputou durante décadas os seus partidos como local no Estadio Olímpico da UCV, utilizando logo tamén o Estadio Brígido Iriarte.

No 2002 cambiou a súa sede para a cidade de Maracay, no estado de Aragua, pasando a ser o seu nome Galicia de Aragua. Ese mesmo ano descendeu a segunda división, disolvéndose e sendo substituído polo Aragua Fútbol Club.

Historia[editar | editar a fonte]

Foi fundado en 1960, despois de que se fusionasen as tres sociedades galegas de Caracas, o Centro Gallego, o Lar Gallego e a Casa de Galicia, formando a Hermandad Gallega. A súa unión supuxo tamén a fusión do Deportivo Celta (creado en 1949 e que militaba na Primeira División) co Centro Gallego, dando orixe ao Deportivo Galicia Fútbol Club.[1][2] O nome do equipo elixiuse de entre varias opcións tras unha votación nunha festa con gaitas.[2]

En 1963 disputou por primeira vez a Primeira División. Comezou a súa andaina na máxima categoría cun empate fronte ao Deportivo Italia por 1-1. Ao remate da primeira fase o equipo ocupaba a segunda posición empatado a puntos co primeiro, o Tiquire Flores. Con todo, na segunda fase perdeu todos os partidos, rematando finalmente cuarto.[3]

O seu primeiro título chegou xa ao ano seguinte, no que o Galicia, adestrado polo uruguaio Julio César Britos, derrotou na final disputada no Estadio Olímpico de Caracas ao Tiquire Flores por un global de 4-2.[4] Ao ano seguinte participou por primeira vez na Copa Libertadores, quedando encadrado no grupo 3 xunto a Peñarol e Guaraní, e acabando na derradeira posición do grupo.[5]

Nos anos 1966 e 1967 acabou subcampión da Primeira División, e conquistou as súas dúas primeiras Copas Venezuela, derrotando na final da primeira delas á UD Canarias e na segunda ao CD Portugués. En 1969 gañou a liga, superando por un punto a Valencia FC e Deportivo Italia, e conquistou tamén a Copa, despois de derrotar na final de novo á UD Canarias. En 1970 revalidou o título de liga, derrotando na final ao Deportivo Italia.[6]

Naquela época o equipo estaba formado principalmente por venezolanos, galegos, brasileiros e uruguaios. Entre os xogadores galegos que pasaron polo club están Pedro Castro, Chacho III, Carlos Torres, Lexo, Guillín ou Suso, mentres que polo banco pasaron Chao ou o propio Torres, ademais do arxentino radicado na Coruña Rafael Franco.[7][8]

Despois do subcampionato de 1972 o Galicia gañou o seu derradeiro título de liga en 1974, ao derrotar na final ao Portuguesa FC. Tras iso conseguiu aínda tres subcampionatos máis en 1975, 1978 e 1979 e dúas novas Copas Venezuela, en 1979 e 1981.

Disputou en nove ocasións a Copa Libertadores, aínda que nunca conseguiu pasar da primeira fase. As súas vitorias máis destacadas foron o 4-0 logrado contra o CD El Nacional do Ecuador, e o triunfo por 2-1 fronte ao Inter de Porto Alegre. En 1973 gañou o primeiro título internacional para un equipo venezolano, a Copa Simón Bolívar de 1971, na que derrotou na fina ao Atlético Nacional de Medellín, tras un partido de desempate xogado dous anos despois do comezo da competición.[9]

En agosto de 1976 o equipo iniciou unha xira por España. Tras enfrontarse ao Real Oviedo e conquistar logo o Trofeo Bahía de Algeciras,[10] viaxou a Galicia, onde participou no Trofeo Conde de Fenosa, xogando contra o Deportivo da Coruña e o Celta de Vigo en Riazor e perdendo ámbolos dous partidos.[11][12] Despois de recibir unha homenaxe por parte do Galicia Gaiteira o equipo cambiou de provincia pechando a xira cunha vitoria fronte ao Ourense no Estadio do Couto (1-4).[13][14] Non foi a única vez que o equipo de Caracas pisou a terra dos seus fundadores, pois en 1982 regresou para unha nova xira que iniciou contra o Lemos en Monforte, e que continuou por Alacant, Valladolid, Salamanca, Málaga e As Palmas.[15]

Con todo, os resultados non acompañaron ao equipo a partir dos anos 80, descendendo varias veces á Segunda División e atopándose con problemas económicos. Para o torneo Clausura 2002 o club mudouse a Maracay, no estado de Aragua e asumiu como sede o estadio Giuseppe Antonelli. Baixo o mando do uruguaio Carlos María Ravel, o novo cadro cambiou as súas cores branca e azul polo amarelo e o vermello acabou descendendo á Segunda. Rematada la tempada o club cambiou de nome e constituíuse o Aragua Fútbol Club, como unha nova entidade.[16]

Palmarés[editar | editar a fonte]

Torneos estatais[editar | editar a fonte]

Torneos internacionais[editar | editar a fonte]

Torneos amigables[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "El Deportivo frente al Galicia". El Pueblo Gallego (en castelán). 26 de agosto de 1976. p. 16. Consultado o 23 de marzo de 2021. 
  2. 2,0 2,1 "Manuel Quiroga, uno de los padres del fútbol gallego en Venezuela" (en castelán). 20 de novembro de 2018. Consultado o 23 de marzo de 2021. 
  3. "Primeira división venezolana 1963". forovinotinto.com. Consultado o 23 de marzo de 2021. 
  4. "Primeira división venezolana 1964". forovinotinto.com. Consultado o 23 de marzo de 2021. 
  5. "Copa Libertadores 1965". rsssf.com (en inglés). Consultado o 23 de marzo de 2021. 
  6. "Primeira división de Venezuela 1970". forovinotinto.com (en castelán). Consultado o 23 de marzo de 2021. 
  7. "Juan "Lexo", un sadense en Caracas". La Voz de Galicia (en castelán). 14 de agosto de 1969. p. 20. 
  8. "Un futbolista coruñés, en Venezuela". La Noche (en castelán). 9 de outubro de 1965. p. 6. Consultado o 1 de abril de 2021. 
  9. "Copa Simón Bolívar 1971". rsssf.com (en inglés). Consultado o 23 de marzo de 2021. 
  10. "El VIII Trofeo Conde de Fenosa, a salvo". La Voz de Galicia (en castelán). 25 de agosto de 1976. p. 30. 
  11. Álvarez, Eusebio (27 de agosto de 1976). "El Deportivo, finalista". La Voz de Galicia (en castelán). p. 31. 
  12. "El Celta, tercero". El Pueblo Gallego (en castelán). 29 de agosto de 1976. p. 16. Consultado o 24 de marzo de 2021. 
  13. "El Galicia Gaiteira rinde homenaje al de Caracas". La Voz de Galicia (en castelán). 28 de agosto de 1976. p. 35. 
  14. "El D. Galicia Caracas ganó al Orense". La Voz de Galicia (en castelán). 2 de setembro de 1976. p. 36. 
  15. "El Galicia de Caracas, en Monforte". La Voz de Galicia (en castelán). 16 de agosto de 1982. p. 25. 
  16. "Historia do Aragua FC" (en castelán). Arquivado dende o orixinal o 27 de setembro de 2011. Consultado o 23 de marzo de 2021.