Eume Deportivo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Eume Deportivo
NomeEume Deportivo
Alcume(s)Eume
Fundación1965
EstadioA Gándara,
Pontedeume, A Coruña
PresidenteGalicia Juan Carlos Pérez-Mendaña
AdestradorGalicia Carlos Carro "Charly"
Liga1ª Autonómica – Grupo 1
2017–18
Páxina web
Na casa
Fóra

O Eume Deportivo é un equipo de fútbol da localidade coruñesa de Pontedeume. Foi fundado en 1965[1] e o seu maior logro foi a participación durante dúas tempadas na Terceira División de España a comezos da década dos oitenta. Actualmente xoga na Primeira Autonómica de Galicia.

Antecedentes[editar | editar a fonte]

A práctica do fútbol en Pontedeume remóntase a comezos do século XX. Así no xornal local Ecos del Eume temos noticias ao longo do ano 1910 de partidos disputados polos clubs locais Eume e Rajoy contra distintos equipos da comarca.

O mesmo xornal informa da fusión dos clubs anteriores en reunión celebrada o 5 de febreiro de 1911 para formar un novo equipo co nome de Puentedeume F.C.[2]. Este club segue existindo en 1922, ano en que a revista coruñesa Marineda informa, no seu número do 1 de novembro, dun dobre enfrontamento entre os equipos de Puentedeume F.C. e Betanzos F.C.[3]. Pouco tempo máis debeu de existir o Puentedeume F.C. xa que en maio de 1923 temos noticia dun partido amigable en Fene entre os equipos eumeses do Alfonso XIII e Breamo F.C.; gañaron os primeiros por 4 a 1[4]. Efémera debeu ser a vida destes dous clubs pois en novembro de 1928 aparecen participando nun torneo organizado en Mugardos, os equipos eumeses de Eume F.C. e Rajoy F.C.[4]. Curiosamente levan o mesmo nome que aqueles que se fusionaran para formar o Puentedeume F.C.

Pouco máis se sabe ata a fundación do Sociedade Deportiva Eumesa en 1951. É de supor que a guerra civil truncou a traxectoria dos clubs eumeses.

A Sociedade Deportiva Eumesa[editar | editar a fonte]

A andaina da Sociedade Deportiva Eumesa comeza na tempada 1951/52 participando na Liga de Modestos de Ferrol[5]. Na seguinte tempada aparece encadrado no grupo norte da entón denominada Serie A Rexional (nomeada sucesivamente Primeira Rexional, Rexional Preferente e actualmente Preferente Autonómica de Galicia). Mesmo chega a proclamarse campión do grupo norte na tempada 1954/55 que lle dá dereito a participar na fase de ascenso a 3ª división[6], sen moita fortuna xa que remata na última posición na liguiña que formaban os campións e subcampións dos grupos norte e sur.

Durante as seguintes tempadas alterna a participación na Serie A ou 1ª Rexional e na chamada Liga da Ría, formada por equipos de Ferrolterra, agás os da cidade de Ferrol que tiñan a súa propia competición.

Na primeira metade dos anos 60 desaparece o club debido aos graves problemas económicos que arrastraba.

O Eume[editar | editar a fonte]

En 1965 fúndase o Eume Deportivo. Ao pouco da súa fundación, na tempada 1968/69 participa na fase final da 1ª Rexional sen acadar o ascenso á Terceira división[7]. Os maiores éxitos do club prodúcense na primeira metade da década de 1980. Na tempada 1981/82 proclámase campión do grupo norte da Rexional Preferente[8], ascendendo á Terceira División onde permanece durante dúas tempadas enfrontándose a equipos de sona como o Pontevedra CF, o CD Lugo ou o CD Ourense[9][10].

Tralo paso pola 3ª División encadea dous descensos consecutivos a Rexional Preferente en 1984 e á Liga da Ría en 1985 arrastrando unha grave crise económica. Coa reestruturación das ligas galegas queda encadrado no grupo de Ferrolterra da nova Segunda Autonómica de Galicia. Na tempada 2003/2004 ascende á Primeira Autonómica de Galicia na que só permanece unha tempada. Logo doutro paso fugaz por esta categoría na tempada 2007/08, consegue un novo ascenso na seguinte tempada. Desde entón permanece na Primeira Autonómica.

Na tempada 2014/15 acada o título da Copa de Ferrol ao vencer na final ao Narón Balompé por 3-0[11]. Na seguinte tempada é adestrado por Jaime Sánchez Fernández, o que fora xogador do Real Madrid, Deportivo e Racing de Ferrol, entre outros equipos[12], realizando unha excelente campaña ao acadar o 3º posto na Liga e revalida-lo título de Copa ao vencer ao CCRD Perlío por tres goles a cero.

Palmarés e traxectoria[editar | editar a fonte]

  • Da S.D. Eumesa:
  • 1 vez campión da Serie A, grupo norte (1954/55)
  • Do Eume Deportivo:
  • 2 tempadas en categoría nacional: 3ª División (1982/83 e 1983/84)
  • 1 vez campión da Rexional Preferente, grupo norte (1981/82)
  • 3 veces campión da Segunda Autonómica, grupo 3 (2003/04, 2006/07 e 2008/09)[13][14].
Campo da Gándara, onde xoga como local o Eume Deportivo
Tempada Categoría Posto
2004/05 1ª Autonómica 16º
2005/06 2ª Autonómica
2006/07 2ª Autonómica
2007/08 1ª Autonómica 15º
2008/09 2ª Autonómica
2009/10 1ª Autonómica
2010/11 1ª Autonómica 12º
2011/12 1ª Autonómica 16º
Tempada Categoría Posto
2012/13 1ª Autonómica
2013/14 1ª Autonómica 10º
2014/15 1ª Autonómica 12º
2015/16 1ª Autonómica
2016/17 1ª Autonómica
2017/18 1ª Autonómica
2018/19 1ª Autonómica

Categorías inferiores[editar | editar a fonte]

O club posúe equipos en todas as categorías inferiores desde alevíns ata xuvenís. Este último equipo foi Campión Galego nunha ocasión[15]. Na tempada 2012/13 participou na Liga Galega, grupo 1[16].

Dentro do labor de promoción do fútbol, o Eume Deportivo organiza desde mediados da década de 1990 o Torneo de Fútbol-7 Vila de Pontedeume para nenos de 6 a 10 anos, que xa contou coa participación de grandes equipos nacionais (Real Madrid, Ath. Bilbao) e internacionais (Benfica, FC Porto)[15].

En recoñecemento ao seu labor promocional, a Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, nomeouno mellor club galego na tempada 1998/99[15].

Presidentes da S.D. Eumesa e do Eume Deportivo[editar | editar a fonte]

  • Juan Raposo Lamas
  • Juan Sarmiento Patiño
  • Antón Tenreiro Díaz
  • Germán González Cuiña
  • Tucho Deus
  • Manolo Iglesias
  • Jerónimo Pérez-Mendaña
  • Juan Carlos Pérez-Mendaña
  • Manuel Costas Vázquez
  • Manuel López, "Minelo"
  • Juan Carlos Pérez-Mendaña (2° mandato)

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Ficha do Eume en futbolme.com (en castelán)
  2. Nova no semanario Ecos del Eume nº 54 (12 de febreiro de 1911), páx. 3 (en castelán)
  3. A publicación pode consultarse na Hemeroteca virtual da Real Academia Galega Arquivado 09 de febreiro de 2014 en Wayback Machine. (en castelán)
  4. 4,0 4,1 Jorge Manuel Deza Rey (2005). Historia do Racing Club de Ferrol, tomo I (1919-1939) (1 ed.). Edicións Embora. ISBN 84-95460-40-8. , páxinas 110 e 216.
  5. Novas nos números 652 e 653 (17 e 24 abril 1952) da Hoja Oficial del Lunes da Coruña (en castelán)
  6. Nova en El Pueblo Gallego do 18 de xuño de 1955 (en castelán)
  7. El Pueblo Gallego, 5 de xullo de 1969 (en castelán)
  8. Hoja Oficial del Lunes da Coruña, 24 de maio de 1982 (en castelán)
  9. Terceira división, grupo I (1982/83) en futbolme.com (en castelán)
  10. Terceira división, grupo I (1983/84) en futbolme.com (en castelán)
  11. La Voz de Galicia, ed. (13/6/2015). "O Eume, campión da Copa de Ferrol de afeccionados". Consultado o 11 de setembro de 2015. 
  12. El Noticiero de Arteixo, ed. (6/9/2015). "Club do Mar 4 - Eume Deportivo 2" (en castelán). Arquivado dende o orixinal o 06/03/2016. Consultado o 11 de setembro de 2015. 
  13. Clasificación final da 2ª Autonómica, grupo 3º (2006/07) Arquivado 30 de setembro de 2012 en Wayback Machine. na web da Federación Galega de Fútbol
  14. Clasificación final da 2ª Autonómica, grupo 3º (2008/09) Arquivado 30 de setembro de 2012 en Wayback Machine. na web da Federación Galega de Fútbol
  15. 15,0 15,1 15,2 Caderniño do 50 Aniversario, páx. 5
  16. Liga Xuvenil Galega, grupo I (2012/13)[Ligazón morta] en futbolme.com (en castelán)

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Varios números do semanario Ecos del Eume (en castelán)
  • Jorge Manuel Deza Rey: Historia do Racing de Ferrol. Tomo I (1919-1939). Ed. Embora. ISBN 84-95460-40-8
  • 50 Aniversario do Eume Deportivo, 1951-2001: Caderno editado polo club co gallo do medio século de existencia.

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]