Pedro López Crespo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Pedrito
Información persoal
Nome Pedro López Crespo
Nacemento 18 de marzo de 1917
Lugar de nacemento A Coruña
Falecemento 21 de xaneiro de 2001
Posición Defensa
Carreira xuvenil
1932–1934 Oza de Monelos
Carreira sénior
Anos Equipos Aprs (Gls)
1934 Deportivo da Coruña (reservas)
1934–1935 Club Coruña
1936–1950 Deportivo da Coruña 211 (0)
Selección nacional
1945 España 1 (0)
Partidos e goles só en liga doméstica.

editar datos en Wikidata ]

Pedro López Crespo, máis coñecido como Pedrito, nado na Coruña o 18 de marzo de 1917 e finado na mesma cidade o 21 de xaneiro de 2001, foi un futbolista galego. Xogaba de defensa e militou durante 14 anos no Deportivo da Coruña, disputando darredor de 300 partidos, 154 deles na Primeira División, categoría na que debutou en 1941, tras participar no primeiro ascenso da historia do club á máxima categoría.

Foi internacional coa selección española nunha ocasión, no primeiro partido internacional disputado do estadio de Riazor en 1945, contra Portugal.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Nacido no barrio coruñés de Monelos, comezou a xogar ao fútbol no Oza de Monelos, e en xaneiro de 1934, con só 16 anos, debutou co equipo reserva do Deportivo da Coruña, nun partido amigable contra un equipo de estudantes da Universidade de Santiago de Compostela.[1] Xogou uns meses con este conxunto, compartindo equipo entre outros con Bebel e Cachán.[2] Na tempada 1934/35 xogou co Club Coruña na Serie A rexional e en 1936 regresou ao Deportivo.[3]

Debutou co primeiro equipo do Deportivo da Coruña, no primeiro encontro da Copa Galicia 1935/36, contra o Racing de Ferrol no Campo de Riazor, nun partido que gañaron os coruñeses por 4-0 cun triplete de Waldo Botana.[4] Foi subcampión do torneo despois de perder a final contra o Eiriña, e menos dun mes despois estalou a Guerra civil, polo que non puido debutar na liga nacional. Competiu mentres tanto no Campionato de Galicia, proclamándose campión co Deportivo nas tempadas 1936/37 e 1939/40.

O 3 de decembro de 1939 debutou na Segunda División, na primeira xornada da tempada 1939/40 contra o Stadium Avilesino, que se resolveu cunha goleada por 6-0 para o club coruñés.[5] Foi titular durante toda a campaña, sendo Neira o seu compañeiro máis habitual na defensa, e o equipo acabou primeiro de grupo, clasificándose para a promoción de ascenso, onde foron derrotados polo Celta de Vigo, cun gol de Nolete.[6] Na tempada 1940/41, Pedrito foi un dos futbolistas que conseguiron o histórico primeiro ascenso do club á Primeira División, con Hilario no banco, despois de gañar ao Murcia na prórroga da final da promoción de ascenso.[7]

Xogou o seu primeiro partido na máxima categoría o 2 de novembro de 1941, correspondente á xornada 6, nunha derrota fronte ao Valencia no estadio de Mestalla. Ocupou un dos dous postos da zaga deportivista durante a maior parte da tempada, xunto ao cántabro Víctor, conseguindo coa axuda do gardameta Xoán Acuña, ser o equipo menos goleado da liga. Continuou como titular indiscutible durante as seguintes oito tempadas, nas que viviu dous descensos a Segunda e dous novos ascensos entre 1944 e 1948. O 4 de novembro de 1945 marcou contra a SD Ceuta os seus dous únicos goles en liga.

O seu derradeiro partido en liga foi o 23 de abril de 1950, nun empate a domicilio contra o Athletic Club (2–2) na derradeira xornada do campionato, un empate que supuxo que o Deportivo non se alzase campión de liga da tempada 1949–50, pois necesitaba a vitoria. Tras este histórico subcampionato, disputou os seus dous últimos partidos oficiais co club, nos oitavos de final da Copa do Xeneralísimo contra o Sevilla. O seu balance final en 14 anos co Deportivo foi de 242 partidos en competicións nacionais e tres goles.

Selección nacional[editar | editar a fonte]

O 6 de maio de 1945 xogou o seu único partido coa selección española, nun encontro amigable contra Portugal en Riazor, no que foi o primeiro partido internacional no estadio coruñés. Formou na defensa xunto ao atlético Aparicio, e o combinado español venceu 4-2, goles de Zarra (2), Herrerita e César.[8]

Palmarés[editar | editar a fonte]

Deportivo da Coruña

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "El Deportivo B hace un gran debut". La Voz de Galicia (en castelán). 31 de xaneiro de 1334. p. 7. 
  2. "Deportivo reserva - Coruña". La Voz de Galicia (en castelán). 15 de abril de 1934. p. 7. 
  3. "Los jugadores con que cuenta el Coruña". El Pueblo Gallego (en castelán) (3265). 19 de setembro de 1934. p. 4. Consultado o 15 de setembro de 2021. 
  4. "En la jornada del domingo Lemos y Deportivo confirmaron ser los mejores". El Pueblo Gallego (en castelán) (3962). 21 de abril de 1936. p. 12. Consultado o 15 de setembro de 2021. 
  5. "Deportivo Coruña, 6; Stadium Avilés, 0". El Correo Gallego (en castelán) (21145). 5 de decembro de 1939. p. 3. Consultado o 15 de setembro de 2021. 
  6. Guillín, Pepe. "Pedrito, un defensa con gran colocación" (PDF). canaldeportivo.com (en castelán). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 23 de setembro de 2015. Consultado o 15 de setembro de 2021. 
  7. "El Deportivo conquista el ascenso a la Primera División". El Ideal Gallego (en castelán) (6703). 6 de maio de 1941. p. 3. Consultado o 15 de setembro de 2021. 
  8. "España triunfa una vez más sobre Portugal". El Correo Gallego (en castelán) (22826). 8 de maio de 1945. p. 4. Consultado o 15 de setembro de 2021. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]