Tino

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Tino
Información persoal
Nome Marcelino Fernández Sánchez
Nacemento 14 de febreiro de 1925
Lugar de nacemento Oleiros
Falecemento 25 de agosto de 2001
Posición Dianteiro
Carreira sénior
Anos Equipos Aprs (Gls)
1945–1949 Racing de Ferrol 84 (33)
1949–1951 Deportivo da Coruña 53 (21)
1951–1952 Zaragoza 10 (2)
1952–1953 Deportivo da Coruña 23 (7)
1953–1954 Zaragoza 0 (0)
1954 Escoriaza 8 (1)
1954 Xuvenil 9 (4)
1954–1959 Deportivo da Coruña 78 (13)
Partidos e goles só en liga doméstica.

editar datos en Wikidata ]

Marcelino Fernández Sánchez, coñecido como Tino, nado en San Pedro de Nós (Oleiros) o 14 de febreiro de 1925 e finado en Ferrol o 25 de agosto de 2001, foi un futbolista galego. Xogaba de dianteiro e tras comezar no Racing de Ferrol triunfou no Deportivo da Coruña, conseguindo un subcampionato de liga e formando parte da Orquestra Canaro, unha das dianteiras máis famosas da historia do club, xunto con Franco, Moll, Corcuera e Oswaldo.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Na tempada 1944–45 debutou co Racing de Ferrol en Segunda División, da man do adestrador Tomaselli. Fíxoo na primeira xornada contra a Real Sociedad en Atotxa, marcando o único gol do seu equipo que perdeu por goleada (1-7). No club da cidade departamental permaneceu 4 campañas, todas en Segunda División. Nestes anos xogou 110 partidos e firmou 37 goles.

Na tempada 1949–50 asinou co Deportivo da Coruña, en Primeira División, co que logrou o subcampionato de liga nesa campaña, con Alejandro Scopelli no banco. Formou parte da dianteira coruñesa xunto con Rafael Franco, Manuel Marquínez e máis secundariamente Rafael Ponce. O seu debut na máxima categoría produciuse na primeira xornada, nun encontro a domicilio contra o Gimnàstic de Tarragona que rematou en derrota (3–2). O seu primeiro gol produciuse na xornada 5, nunha vitoria en Riazor fronte o FC Barcelona (3–0). Anotou cinco goles nesa primeira tempada na Coruña.

Na tempada 1950–51 chegou ao club o adestrador Osvaldo "Oso" Díaz, e varias fichaxes máis. Formouse entón a Orquestra Canaro, nome co que foi coñecida a dianteira desa tempada, integrada por Franco, Moll, Corcuera, Oswaldo e o propio Tino. Entre os cinco, marcaron 56 dos 64 goles do equipo, cifra que o Deportivo tardaría décadas en igualar. Tino foi o máximo goleador do equipo, con 16 tantos.

Na tempada 1951–52 xogou no Real Zaragoza, para volver na campaña seguinte ao Deportivo, e sumar sete goles máis. Na tempada 1953–54 volveu de novo ao Real Zaragoza, desta volta en Segunda División, onde non xogou ningún partido, formando parte do equipo do SD Escoriaza, tamén de Segunda División, a segunda parte da campaña.

Na tempada 1954–55 retornou á Coruña para xogar inicialmente no CD Xuvenil en Segunda División, e posteriormente no Deportivo, en Primeira, adestrado aquel ano polo galego Eduardo Toba. Permaneceu no Deportivo até a campaña 1958–59, en Segunda División. Pechou o seu paso polo club coruñés con 41 goles en 174 partidos.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]