Barbeito (terra)

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Leira a barbeito.

O barbeito é unha técnica de cultivo pola que unha terra de labor se deixa sen sementar durante unha tempada. Tamén se chama así á terra de labor abandonada. Recibe así mesmo os nomes de coita, coitío ou poula.[1]

Nalgunhas zonas de Galicia un barbeito é unha terra de secaño onde se cultiva centeo,trigo, millo e/ou patacas.

A técnica do barbeito, que pode durar un ou varios ciclos vexetativos, ten o fin de recuperar e almacenar materia orgánica e humidade, ademais de evitar patóxenos agardando a que os seus ciclos rematen sen poder volver a se renovar por mor da falla de hóspedes dispoñíbeis.

A leira a barbeito, antes de volverse a cultivar, rózase para eliminar a matogueira, as silvas ou a maleza; entón se labra de xeito que a parcela estea pronta para a bota.

É unha técnica moi usada na rotación de cultivos por algúns agricultores que procuran que se repoñan os nutrientes e a composición química do solo antes doutra xeira de colleita, para que naturalmente se poida restaurar o equilibrio dos elementos que compoñen a terra.

Durante o tempo que fica sen cultivar, o solo é sometido a unha serie de labores co obxecto de mellorar a súa predisposición á cultura.

Historia[editar | editar a fonte]

Xa nas rexións amazónicas e andinas utilizábase como parte do traballo agrícola para deixar "descansar" a terra e que non se sobreexplotase. En Europa comezou a ser habitual na Idade Media, onde as terras de labranza se cultivaban cunha periodicidade na que se alternaba o descanso e cultivo, facendo que en épocas de descanso se traballase co arado practicando o barbeito: unha parte de terras de cultivo se deixaba sen cultivar mais se pasaba o arado, arrincando deste xeito as herbas bravas (que á súa vez servían coma fertilizante) e aumentando a humidade, de forma que a terra recuperase minerais que se perderan durante o cultivo.

Aínda hoxe en día é practicada por centos de comunidades indíxenas en rexións tropicais. A presión sobre a terra, a partir da agroindustria, mete presión cada vez máis a estas comunidades para desleixar esta práctica histórica de equilibrio no uso do recurso terra.

O barbeito supón un proceso agrícola para permitir que as cualidades do solo non se desgasten. Existen dous tipos de barbeito: labrado (aquel no que se tiran as mas herbas) e sen labrar. Dentro dos barbeitos labrados atópanse o barbeito labrado químico, no que se eliminan as malezas ou más herbas por medio de herbicidas e o barbeito labrado mecánico que ten máis efectividade xa que é tratado con implementos que aceleran o proceso de descomposición ao soterrar as herbas, por exemplo o arado con disco.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para barbeito.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]