Billetes do dólar estadounidense

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura

Os billetes do dólar estadounidense son o papel moeda emitido nesta unidade monetaria nos Estados Unidos de América a partir da súa independencia en 1776, impresos a instancias de diversas autoridades emisoras e con diferentes consideracións legais e denominacións, como o diñeiro continental, os billetes do Tesouro, os certificados de prata ou de ouro, as emisións de bancos privados etc., ata a moderna emisión dos billetes da Reserva Federal dos Estados Unidos, a partir de 1914, aos que corresponden os que actualmente están en circulación no país.

Historia dos billetes estadounidenses[editar | editar a fonte]

Diñeiro continental[editar | editar a fonte]

Billete de cinco dólares coa inscrición CONTINENTAL CURRENCY, emitido en Filadelfia o 10 de maio de 1775.[1]

Xa antes da Revolución Americana, cada unha das Trece Colonias emitira xa o seu propio papel moeda, que practicamente en todos os casos amosaba o seu valor facial en libras esterlinas e os seus divisores, é dicir, na moeda da metrópole.[2][3]

En 1776, ao pouco de constituírense os Estados Unidos de América, a nova nación realizou tamén emisións de papel moeda que foi adquirido pola poboación que quería apoiar a guerra, coa promesa de que esa moeda podería ser trocada por reais de oito españois logo de finalizada a contenda. Nun primeiro momento, estes billetes circulaban mantendo o seu valor declarado, mais ao cabo duns poucos meses comezaron a desvalorizarse ata perderen practicamente todo o seu valor. Daquela, o Goberno dos Estados Unidos acordou trocar este papel moeda por bonos do Tesouro ao 1 % do valor nominal.[2][4][5]

Paralelamente, nese mesmo 1776 deseñouse tamén unha a primeira moeda metálica dun dólar, coñecida como dólar continental, aínda que non parece que chegase a ser producida en cantidades suficientes como para a súa posta en circulación.[6][7][8]

Os valores faciais emitidos destas emisións do chamado "diñeiro continental" (Continental Currency) foron desde 1/6 de dólar ata os 80 dólares.[2][4][9][10]

Billetes do Tesouro[editar | editar a fonte]

Billete do Tesouro de 10 dólares (1815), emitido por mor da guerra de 1812.[11]

Os billetes do Tesouro (Treasury Notes) emitíronse durante un século, no período de 1812 a 1913. Tratábase de billetes que devindicaban xuros emitidos polos Estados Unidos en tempos de guerra ou de desordes financeiras.[12]

Os primeiros destes billetes emitíronse con diversos valores faciais durante a guerra de 1812 (tanto de pequeno como de gran tamaño),[13] durante o Pánico de 1837, con motivo da guerra mexicano-estadounidense, durante o Pánico de 1857, co gallo da Guerra Civil Estadounidense e durante o Pánico de 1907. Os emitidos entre estes dous últimos sucesos coñécense tamén como "certificados de endebedamento" (Certificates of Indebtedness).[12][14]

Demand Notes[editar | editar a fonte]

Demand Note de 10 dólares (1861).[15]

Os Demand Notes (unha posible tradución sería "billetes á vista") están considerados como o primeiro papel moeda emitido polos Estados Unidos coa finalidade principal de seren postos en circulación.[16][17]

Creáronse por mor da escaseza de moeda circulante, xa que a poboación a atesouraba durante a guerra civil estadounidense. Tiñan uns valores faciais de 5, de 10 e de 20 dólares, e podían ser trocados por moedas.[18] En 1862 foron substituídos polos coñecidos como "billetes dos Estados Unidos", aínda que permaneceron en circulación durante anos despois da guerra.[16][17]

Debido á tinta verde utilizada na súa impresión, que caracteriza sinaladamente os seus reversos, e en contraposición ao branco dos billetes dos Estados Confederados, os Demand Notes recibiron o alcume de greenbacks ("billetes verdes").[16][17]

Billetes dos Estados Unidos[editar | editar a fonte]

Billete dos Estados Unidos (Legal Tender Note) de 100 dólares (1966).[19]

Os coñecidos como "billetes dos Estados Unidos" (United States Notes) ou tamén como "billetes de curso legal" (Legal Tender Notes) foron os sucesores dos Demand Notes como a principal representación do papel moeda nos Estados Unidos a partir de 1862.[20] Non se podían tocar por moeda, mais esixíanse para o pagamento de todos os impostos e das débedas, o que fixo que a poboación acabase por aceptar o seu uso.[21][22]

Unha das súas características diferenciadoras é a presenza dun selo de cor vermella e a súa primeira serie completa emitiuse unicamente en 1878, con valores faciais de 1, de 2, de 5, de 10, de 20, de 50, de 100, de 500, de 1.000, de 5.000 de 10.000 dólares.[23] En 1928 emitiuse unha segunda serie, en tamaño máis pequeno, limitada sos valores de 1, de 2 e de 5 dólares.[24] En 1934, cando os billetes da Reserva Federal —que se verán máis adiante— deixaron de ser trocables por ouro, a única diferenza entre as dúas modalidades de billetes era que estes eran considerados como pasivos da Reserva Federal, en tanto que os "billetes dos Estados Unidos" ou "billetes de curso legal" eran pasivos directos do Departamento do Tesouro dos Estados Unidos.[22][25]

Os billetes de 2 e de 5 dólares emitíronse ata 1966, e o valor de 2 dólares unicamente se imprimía como "billete dos Estados Unidos". Nese ano, o billete de 5 dólares deixou de emitirse nesta modalidade e o de 2 cesou a súa produción por completo.[20] Tamén en 1966, emitiuse un "billete dos Estados Unidos" con valor de 100 dólares para cumprir os requisitos legais relativos á cantidade de billetes en circulación.[19][22]

O 21 de xaneiro de 1971 interrompeuse a produción deste tipo de billetes e desde esa data non se puxo ningún máis en circulación.[25] Do mesmo modo que os anteriores Demand Notes, a cor verde dos seus reversos fixo que fosen coñecidos tamén como greenbacks ("billetes verdes").[16][22]

Diñeiro fraccionario[editar | editar a fonte]

Billete fraccionario de 50 centavos (1863).[26]

Durante a Guerra Civil Estadounidense, as moedas de prata e de ouro foron acaparadas pola poboación por mor da incerteza sobre o resultado da contenda. Comezáronse a utilizar, daquela, no canto das moedas, selos de correos quen se dispuñan dentro de carcasas metálicas para a súa protección.[27][28]

O Goberno decidiu substituír as moedas con valor facial inferior a un dólar por billetes, para resolver este problema. Houbo cinco emisións deste papel moeda fraccionario, desde o 21 de agosto de 1862 ao 15 de febreiro de 1876, con valores faciais de 3, de 5, de 10, de 15, de 25 e de 50 centavos de dólar.[29][30]

Billetes con xuros[editar | editar a fonte]

Billete de 5.000 dólares (1863) cun xuro anual do 5 %.[31]

Entre 1863 e 1865 emitiuse unha serie de billetes que devindicaban un xuro anual do 5 % ou do 7,3 %. Os primeiros deles tiñan un vencemento dun ano, en tanto que os segundos —tamén coñecidos como seven-thirties— vencían aos tres anos.[32][33]

Os valores faciais destes billetes foron os de 10, de 20, de 50, de 100, de 500 e de 1.000 dólares.[32][33][34]

Billetes do Tesouro con xuros compostos[editar | editar a fonte]

Billete con xuros compostos de 50 dólares (1863).[35]

Simultaneamente á emisión de billetes con xuros, entre 1863 e 1864 emitiuse tamén papel moeda do Tesouro dos Estados Unidos con xuros compostos, que aboaban un 6 % de xuro anual composto semestralmente, tres anos despois da súa emisión.[36]

Os valores faciais destes billetes foron os de 10, de 20, de 50 e de 100 dólares.[36][37]

Certificados de ouro[editar | editar a fonte]

Certificado de ouro de 5.000 dólares (1888).[38]

Os certificados de ouro emitíronse desde 1865 ata 1934 e tiñan a particularidade de podérense trocar por moedas de ouro do mesmo valor. Logo da prohibición da posesión de ouro en mans privadas de 1933 nos Estados unidos, estes billetes foron retirados da circulación e substituíronse polos "billetes dos Estados Unidos" ou "billetes de curso legal".[39]

Imprimíronse en tamaño grande ata 1929 e en tamaño reducido a partir desa data. Os valores faciais emitidos inicialmente foron os de 20, de 100, de 500, de 1.000, de 5.000 e de 10.000 dólares. En 1882 engadíuselles o billete de 50 dólares, seguido polo de 10 dólares en 1907. En 1934 tamén se emitiu un billete de 100.000 dólares, que se utilizou exclusivamente para as transaccións interbancarias, aínda que nunca chegou a estar nunca ao dispor da poboación en xeral.[39][40]

Billetes dos bancos nacionais[editar | editar a fonte]

Billete de 10 dólares do Banco Nacional de Bluefield (Virxinia Occidental) (1929).[41]

De xeito diferente ao resto do papel moeda estadounidense, os billetes dos bancos nacionais (National Bank Notes) non eran emitidos directamente polos bancos autorizados polo Goberno para o facer. A concesión dos bancos expiraba ao cabo de 20 anos e tiñan que renovala se querían continuar a emitir billetes do Banco Nacional correspondente. Todos estes billetes tiñan un formato estandarizado, agás a inclusión do propio nome do banco emisor, e a súa emisión produciuse en tres series, coincidindo con tres períodos de concesión: 1869-1882, 1882-1902 e 1902-1922.[42][43]

En 1929, introducíronse novamente na circulación billetes emitidos polos bancos nacionais, a modo de moeda de emerxencia por mor da Gran Depresión, xa en tamaño reducido, e estas emisións cesaron en 1933.[42][43]

Os valores faciais dos billetes emitidos polos bancos nacionais foron os de 1, de 2, de 5, de 10, de 20, de 50, de 100, de 500 e de 1.000 dólares. Os dous billetes máis baixos e os dous máis altos (é dicir, 1 e 2 dólares, e 500 e 1.000 dólares) só se emitiron en tamaño grande, no primeiro período da concesión. Destes, os dous primeiros tiveron unha presenza habitual nos bancos (coa excepción dalgún banco concreto), en tanto que o de 500 dólares é extremadamente raro (só se coñecen tres exemplares) e do de 1.000 dólares só hai constancia documental, aínda que non consta que chegase e imprimirse realmente.[42][43]

Billetes dos bancos nacionais de ouro[editar | editar a fonte]

Billete de 5 dólares do Banco Nacional de Ouro de San Francisco (1870).[44]

Os billetes dos bancos nacionais de ouro foron emitidos por bancos privados, fundamentalmente de California. O seu concepto é moi similar ao dos billetes dos bancos nacionais, coa diferenza de que os dos bancos nacionais de ouro eran trocables neste metal.[45]

As súas emisións producíronse entre 1870 e 1875, cos valores faciais de 5, de 10, de 20, de 50, de 100 e de 500 dólares. Dentro da gran rareza destes billetes, o máis común é o de 5 dólares, do que só se coñecen hoxe 427 exemplares, e o máis escaso é o de 50 dólares, con só sete exemplares coñecidos. Pola súa parte, do billete de 500 dólares só hai referencias documentais, aínda que non se coñece exemplar impreso ningún.[45][44]

Certificados de prata[editar | editar a fonte]

Certificado de prata de 50 dólares (1891).[46]

A partir de 1878 houbo diferentes emisións de certificados de prata, ata que foron retirados da circulación en 1964, ao mesmo tempo que as moedas de prata. Puideron ser trocados por moedas de prata ata 1967 e, a partir desta data, por lingotes deste metal en bruto. Desde 1968 só se poden cambiar por billetes da Reserva Federal

Ata 1929 imprimíronse en tamaño grande e a partir desa data reduciuse o seu tamaño. Os valores faciais das series orixinais foron de 10, de 20, de 50, de 100, de 500 e de 1.000 dólares. En 1882 engadíronse os billetes de 1, de 2 e de 5 dólares. En formato pequeno, despois de 1929, só se emitiron cos valores de 1, de 5 e de 10 dólares. Os de menor valor imprimíronse cun selo de cor azul, con algunhas excepcións: este selo é amarelo nos billetes de emerxencia emitidos para os soldados estadounidenses destinados no Norte de África e en Sicilia; pola súa banda, o billete dun dólar emitido para a súa circulación en Hawai durante a mesma contenda loce o seu selo en cor marrón.[47][48]

Certificados de reembolso[editar | editar a fonte]

Certificado de reembolso de 10 dólares (1879).[49]

Os certificados de reembolso (Refunding Certificates) foron obxecto dunha única emisión, en 1879 e soamente cun valor facial, de 10 dólares.[50]

A característica principal destes billetes consistía en que estaban dotados duns xuros anuais a un tipo do 4 %, que se acumulaba indefinidamente. Con esta medida, pretendíase persuadir a poboación para que os adquirise.[50]

No entanto, redimíronse moi poucos destes billetes, o que levou o Congreso dos Estados Unidos a aprobar unha lexislación específica en 1907 mediante a que se detiña a devindicación deses xuros e se fixaba o valor dos billetes en 21,30 dólares por unidade.[50][51]

Billetes postais[editar | editar a fonte]

Billete postal de 1883

Esta curiosa modalidade de papel moeda, o billete postal (Postal Note) tratábase dun billete concibido para enviar por correo dentro dos Estados Unidos. O remitente marcaba nel a cantidade de diñeiro que desexaba enviar, que podía ser calquera suma que non excedese os cinco dólares.[52]

A tarifa polo envío destes billetes fixábase no seu valor nominal mais tres centavos, e o envío non precisaba selo postal. Logo da súa recepción, o destinatario podía trocalos na oficina de correos indicada polo remitente. A partir de 1887, os billetes puideron trocarse por moedas indistintamente en calquera oficina de correos.

Imprimíronse cinco tipos diferentes destes billetes, entre 1883 e 1894.[52]

Billetes do Tesouro ou "billetes-moeda"[editar | editar a fonte]

Billete-moeda de 2 dólares (1890).[53]

En 1890 e 1891 o Tesouro dos Estados Unidos emitiu os "billetes-moeda" (Coin Notes), chamados así por seren trocables por moedas. En cada caso, era o secretario do Tesouro quen decidía se esas moedas serían de prata ou de ouro.[54]

Na primeira emisión, de 1890, emitíronse con valores faciais de 1, de 2, de 5, de 10, de 20, de 100 e de 1.000 dólares. Pola súa banda, os billetes de 50 e de 500 foron introducidos na serie en 1891.[54][55]

Billetes do Federal Reserve Bank[editar | editar a fonte]

Billete de 2 dólares do Federal Reserve Bank (1918).[56]

Logo da creación do sistema da Reserva Federal en decembro de 1913, paralelamente aos propios billetes da Reserva Federal emitíronse tamén estes billetes do Banco da Reserva Federal (Federal Reserve Bank).

Ata 1929 imprimíanse en gran tamaño e a partir dese ano pasaron a producirse nun tamaño máis reducido. A súa emisión cancelouse en 1934 e deixou de ser posible adquirilos nos bancos en 1945.[57][58]

Os actuais billetes da Reserva Federal dos EEUU[editar | editar a fonte]

As emisións dos billetes da Reserva Federal (Federal Reserve Notes) comezaron en 1914 baixo a autoridade outorgada pola Lei da Reserva Federal de 1913.[59]

A diferenza fundamental con respecto aos billetes do Banco da Reserva Federal radica en que, en tanto que estes últimos tiñan a condición de pasivos do banco emisor, os billetes da Reserva Federal son considerados pasivos da Propia reserva Federal. Este papel moeda emítese a discreción da Xunta de Gobernadores do Sistema da Reserva Federal e o organismo encargado da súa produción é a Oficina de Gravado e Impresión dos Estados Unidos. Os Bancos da Reserva Federal son os que poñen en circulación os billetes;[60] nese momento, convértense en pasivos dos Bancos da Reserva[61] e obrigas dos Estados Unidos.[62]

Ata 1933 os billetes da Reserva Federal podíanse trocar por ouro e despois desta data, do mesmo xeito que os xa vistos "billetes dos Estados Unidos", deixaron de estar apoiados pola convertibilidade a ningunha materia prima específica, senón unicamente polos activos de garantía que os bancos da Reserva Federal depositan para os obter.[63]

Do mesmo xeito que o resto dos billetes coexistentes naqueles momentos, en 1929 produciuse unha redución do seu tamaño.[64] Na súa serie orixinaria, imprimíronse billetes con valores faciais de 5, de 10, de 20, de 50, de 100, de 500, de 1.000, de 5.000 e de 10.000 dólares. En 1963 engadiuse á serie o billete dun dólar, en substitución do certificado de prata vixente ata ese momento co mesmo valor, e en 1976 sumouse o billete de dous dólares, dez anos despois de que se suspendera oficialmente o "billete dos Estados unidos" con ese valor, aínda que este billete non chegou a gozar de boa aceptación popular a apenas se ve na circulación. Os billetes cos valores de 500 dólares e superiores imprimíronse por derradeira vez en 1945 e suprimíronse en 1969, polo que desde aquela o máis alto en circulación é o de 100 dólares, situación que se mantén en 2022.[65]

Desde que os "billetes dos Estados Unidos" se deixaron de emitir en 1971, os billetes da Reserva Federal son a única manifestación do papel moeda que circula nos Estados Unidos de América. A partir de 2004, estes billetes —coa excepción dos de un e de dous dólares— foron obxecto dun proceso de modernización mediante o que se melloraron as súas medidas de seguridade e se dotaron de cores diferentes para favorecer a súa identificación; este proceso culminouse en 2013 coa actualización do billete de 100 dólares.[66][65]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "Continental Congress, Philadelphia PA: 5 dollars 1775". www.banknote.ws
  2. 2,0 2,1 2,2 Newman, E. P. (1990). Páxinas 16-17.
  3. Friedberg, A. L.; Friedberg, I. S. (2006). Páxinas 224-241.
  4. 4,0 4,1 Wright, R. E. (2008). Páxinas 49-52.
  5. Friedberg, A. L.; Friedberg, I. S. (2006). Páxinas 223-224.
  6. "1 Dollar "The Continental Dollar" (pewter)". Numista.com
  7. Hudgeons, M. et al. (2014). "1776 Continental Currency". En Official Blackbook price guide to United States Coins. Random House. Nova York. ISBN 978-0-375-72348-3
  8. "Continental Currency". Professional Coin Grading Service.
  9. "Continental Currency". https://coins.nd.edu
  10. "United States of America: Continental Congress". www.banknote.ws
  11. "United States of America. United States Treasury. 10 Dollars. 1815". http://www.banknote.ws
  12. 12,0 12,1 Hollander, J. H. (1919). Páxinas 8-19.
  13. Friedberg, A. L.; Friedberg, I. S. (2006). Páxinas 243-247.
  14. "United States of America. Treasury Notes". http://www.banknote.ws
  15. "United States of America. Demand Note. 10 Dollars (on Demand)". http://www.banknote.ws
  16. 16,0 16,1 16,2 16,3 Mitchell, W. C. (1903).
  17. 17,0 17,1 17,2 Friedberg, A. L.; Friedberg, I. S. (2006). Páxinas 11-13.
  18. "United States of America. Demand Notes". http://www.banknote.ws
  19. 19,0 19,1 "United States of America. United States Note. 100 Dollars". www.banknote.ws
  20. 20,0 20,1 "United States of America. Treasury Notes - Legal Tenders - United States Notes". http://www.banknote.ws
  21. Knox, J. J. (1884). "United States Notes" e "United States Notes. Legal-Tender Cases". En Cyclopaedia of Political Science, Political Economy, and of the Political History of the United States. Vol III. Rand McNally & Co, Chicago. Páxinas 960-986, 986-989.
  22. 22,0 22,1 22,2 22,3 Friedberg, A. L.; Friedberg, I. S. (2006). Páxinas 14-34, 164-166.
  23. "United States of America. United States Notes: 1878 Series". http://www.banknote.ws
  24. "United States of America. United States Notes: 1928 Series". http://www.banknote.ws
  25. 25,0 25,1 "Legal Tender Status". U.S Department of the Treasury.
  26. "United States of America. Fractional Note. 50 Cents". www.banknote.ws
  27. "United States of America. Encased Postage Stamps". www.banknote.ws
  28. Friedberg, A. L.; Friedberg, I. S. (2006). Páxinas 153-163, 220-222.
  29. Friedberg, A. L.; Friedberg, I. S. (2006). Páxinas 153-163.
  30. "United States of America. Fractional Currency". www.banknote.ws
  31. "United States of America. Interest Bearing Note. 5.000 Dollars". www.banknote.ws
  32. 32,0 32,1 Friedberg, A. L.; Friedberg, I. S. (2006). Páxinas 38-47.
  33. 33,0 33,1 Woodward, G. T. (1995). "Interest-bearing currency: evidence from the Civil War experience". En Journal of Money, Credit and Banking. Vol. 27.
  34. "United States of America. Interest Bearing Notes". www.banknote.ws
  35. "United States of America. Compound Interest Treasury Note. 50 Dollars". www.banknote.ws
  36. 36,0 36,1 Friedberg, A. L.; Friedberg, I. S. (2006). Páxinas 35-37.
  37. "United States of America. Compound Interest Treasury Notes". www.banknote.ws
  38. "United States of America. Gold Certificate. 5.000 Dollars". www.banknote.ws
  39. 39,0 39,1 Friedberg, A. L.; Friedberg, I. S. (2006). Páxinas 143-152, 218-219.
  40. "United States of America. Gold Certificates". www.banknote.ws
  41. "United States of America. National Bank Note. 10 Dollars". www.banknote.ws
  42. 42,0 42,1 42,2 Friedberg, A. L.; Friedberg, I. S. (2006). Páxinas 75-118, 170-172.
  43. 43,0 43,1 43,2 "United States of America. National Bank Notes". www.banknote.ws
  44. 44,0 44,1 "United States of America. National Gold Bank Notes of California". www.banknote.ws
  45. 45,0 45,1 Friedberg, A. L.; Friedberg, I. S. (2006). Páxinas 139-142.
  46. "United States of America. Silver Certificate. 50 silver dollars". www.banknote.ws
  47. Friedberg, A. L.; Friedberg, I. S. (2006). Páxinas 50-66, 167-169.
  48. "United States of America. Silver Certificates". www.banknote.ws
  49. "United States of America. Refunding Certificate. 10 dollars". www.banknote.ws
  50. 50,0 50,1 50,2 Friedberg, A. L.; Friedberg, I. S. (2006). Páxinas 48-49.
  51. "United States of America. Refunding Certificates". www.banknote.ws
  52. 52,0 52,1 "Postal Notes". Society of Paper Money Collectors.
  53. "United States of America. Treasury or Coin Note. 2 Dollars". www.banknote.ws
  54. 54,0 54,1 Friedberg, A. L.; Friedberg, I. S. (2006). Páxinas 67-74.
  55. "United States of America. Treasury or Coin Notes". www.banknote.ws
  56. "United States of America. National Currency - Federal Reserve Bank. 2 Dollars". www.banknote.ws
  57. Friedberg, A. L.; Friedberg, I. S. (2006). Páxinas 119-125, 173-175.
  58. "United States of America. National Currency - Federal Reserve Bank". www.banknote.ws
  59. O'Sullivan, A.; Sheffrin, S. M. (2003). Páxina 255.
  60. Garner, B. A. (ed.) (2004). Black's Law Dictionary. 8ª ed. West Group. ISBN 0-314-15199-0
  61. "Reduction of liability for outstanding notes by depositing notes and collateral and payment of notes of series prior to 1928; reissue of deposited notes". United States Code. Title 12. § 415.
  62. "Issuance to reserve banks; nature of obligation; redemption". United States Code. Title 12. § 411.
  63. "Application for notes; collateral required". United States Code'. Title 12. § 412.
  64. Pedraza, J. A. "El motivo por el que los billetes de Estados Unidos redujeron un 30% su tamaño". En Crónica Numismática.
  65. 65,0 65,1 "United States of America. Federal Reserve". www.banknote.ws
  66. Friedberg, A. L.; Friedberg, I. S. (2006). Páxinas 126-138, 176-215.
  67. "United States of America: 1 Dollar (1963)". Banknote.ws
  68. "United States of America: 2 Dollars (1976)". Banknote.ws
  69. "United States of Anmérica: 5 Dollars (2006)". Banknote.ws
  70. "United States of Anmérica: 10 Dollars (2004)". Banknote.ws
  71. "United States of Anmérica: 20 Dollars (2004)". Banknote.ws
  72. "United States of Anmérica: 50 Dollars (2004)". Banknote.ws
  73. "United States of Anmérica: 100 Dollars (2009)". Banknote.ws

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]