Pazo de Lóngora

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Pazo de Lóngora
Patio do Pazo de Lóngora.
Edificio
TipoPazo
EstiloRomántico
Sistema estruturalPerpiaño de granito e cachotaría recebada
LocalizaciónLóngora (Liáns, Oleiros)
Coordenadas43°20′10″N 8°21′07″O / 43.3362, -8.35206972Coordenadas: 43°20′10″N 8°21′07″O / 43.3362, -8.35206972
PropietarioConcello de Oleiros
Cedido en uso á Universidade da Coruña
Uso(s)Instituto Universitario
Construción
InicioFinais do século XVIII
RemateSéculo XIX
Dimensións
Outras dimensións20 450 m2 (Edificio + xardín e horta)
Plantas2
Equipo
PromotorFrancisco del Adalid
editar datos en Wikidata ]

O Pazo de Lóngora é un pazo situado no lugar de Lóngora, da parroquia de Liáns do concello de Oleiros. Este pazo foi a residencia do matrimonio composto polo músico e compositor Marcial del Adalid e a escritora Francisca González Garrido (máis coñecida como Fanny Garrido).[1][2]

Desde o 25 de agosto de 1997 o pazo de Lóngora acolle o Instituto Universitario de Medio Ambiente da Universidade da Coruña.[3][4]

Características[editar | editar a fonte]

O pazo é un edificio de planta en "L". Diante, na entrada, hai un pequeno patio formado polo portalón e a parte interior da L que configura o pazo, presidido por un cruceiro. Detrás hai un xardín cunha fonte de pedra. Así mesmo hai un estanque que, nas esquinas, ten catro figuras alegóricas das estacións do ano.[5] Ademais conta cunha ampla horta. En total, entre o edificio, os alpendres, o xardín e a horta abarca unha superficie de 20 450 m2.[1]

Historia[editar | editar a fonte]

A historia do pazo de Lóngora remóntase a finais do século XVIII, cando o adiñeirado comerciante de orixe rioxana, Marcial Francisco del Adalid, mandou levantar na parroquia de Santaia de Liáns un pazo para convertelo na súa segunda residencia, pasando a ser ocupado con posterioridade polos seus fillos. Pero, sen dúbida, o inquilino máis ilustre da familia foi o seu neto Marcial del Adalid.[1]

Fanny Garrido e Marcial del Adalid.

Segundo Carlos Martínez Barbeito, o pazo de Lóngora foi «entre a segunda metade do século XIX e os primerios do XX, o centro da vida musical e literaria da Coruña emulando no literario coas Torres de Meirás, onde Emilia Pardo Bazán disctutía con intelectuais cuestións das letras (pero tamén da política) e, no musical, coas tertulias de Canuto Berea na trastenda do seu establecemento de instrumentos da rúa Real».[2]

María del Adalid en 1909.

A herdeira da Marcial del Adalid e Fanny Garrido foi a súa única filla, María del Adalid, quen, sen descendencia, doou a biblioteca dos seus pais á Real Academia Galega; as restantes propiedades foron legadas á congregación relixiosa dos Salesianos, que dedicaron a horta á explotación agrícola, deixando arruinar o edificio do pazo.[1]

En 1958, tras vinte e seis anos, os salesianos abandonaron o pazo deixándoo nun estado ruinoso, e onde pouco quedaba do que noutrora foran a capela, a biblioteca, a campá e o muíño público, ao que acudían a moer os veciños do lugar. A casa seguiu un proceso de deterioración coa presenza dos novos propietarios, os irmáns Preito Barrios, que case non realizaron reforma nigunha.[1]

Sería no ano 1962, da man dun empresario e comerciante coruñés natural da localidade pontecesá de Corme, cando Lóngora volveu a recuperar parte do esplendor e a riqueza característicos dos seus inicios. Aurelio Ruenes Blanco, concelleiro coruñés e promotor do polígono de Pocomaco, devolveríalle o encanto señorial coa realización de numerosas obras de restauración, sobre todo no tellado, o cruceiro, as murallas e os xardíns. Pero logo do seu falecemento e o da súa muller, o pazo caerá no esquecemento, até que o consistorio oleirense comece os trámites para a súa conservación como elemento patrimonial e de uso público.[1]

Na década de 1980, a familia Mateo de Arenaza vende a propiedade a uns empresarios de Lugo, que no ano 1989 deciden formalizar un convenio urbanístico co concello de Oleiros mediante o que o consistorio pasou a adquirir a titularidade da zona nobre da propiedade (casa, cortes para o gando e xardíns), procedendo a súa recuperación. O ano 1994 o goberno local adquiriu, mediante un convenio urbanístico, un terreo limítrofe ao parque da igrexa de Santaia de Liáns, a horta amurallada e a casa de Lóngora, co ánimo de preservar o patrimonio municipal destinándoo a fins educativos e culturais. Importantes obras de rehabilitación, mediante as que se pretendeu unha harmonía dos espazos respectuosa coa elegancia do edificio e a beleza dos seus xardíns deron paso a un uso municipal e público de gran transcendencia social: o centro de día de atención á terceira idade. O consistorio acometeu diversas obras no seu interior para unha mellor adaptación ás novas necesidades, coa finalidade de convertelo en residencia permanente para os maiores. O centro, xestionado directa e integramente polo concello de Oleiros até o ano 2006, púxose a disposición da Xunta de Galicia en para a súa xestión e financiamento.[1]

O seguinte paso na historia de Lóngora produciuse cando o concello de Oleiros, titular da propiedade, ofreceu o uso da horta e a casa, co seu xardín, á Universidade da Coruña para que instalara alí o Instituto Universitario de Medio Ambiente, coa condición de dedicalo a dita actividade durante un prazo mínimo de 30 anos e co compromiso firme de asumir a restauración do edificio e da zona amurallada, respectando os valores da antiga edificación.[1]

Instituto Universitario de Medio Ambiente[editar | editar a fonte]

O Instituto Universitario de Medio Ambiente (IUMA) é un centro propio da Universidade da Coruña, constituído de conformidade co establecido pola lexislación universitaria (artigos 10 e 11 da Lei 1/1983, do 25 de agosto, de Reforma Universitaria) e polos Estatutos da propia Universidade (artigos 31 a 34).[6]

A súa creación produciuse por acordo do Consello da Xunta de Galicia de 25 de agosto de 1997 (Decreto 243/1997 de 25 de agosto, DOG de 12 de setembro de 1997).[4]

É un centro dedicado á investigación e á actividade docente do terceiro ciclo universitario, mestrados, cursos de posgrao e especialización e asesoramento técnico sobre os aspectos relacionados co medio ambiente.[3][6]

Os seus obxectivos básicos son a promoción e o desenvolvemento do coñecemento e da investigación científica e técnica no campo do medio ambiente mediante a realización de proxectos de investigación.[3]

A súa directora é a doutora Soledad Muniategui Lorenzo, catedrática da Universidade da Coruña,[7] e académica numeraria da Real Academia de Farmacia de Galicia.[8]

Traslado da biblioteca do CEIDA[editar | editar a fonte]

O goberno local de Oleiros anunciou no inverno de 2016 a súa intención de trasladar o museo Kaydeda ao Castelo de Santa Cruz, pero antes será necesario deixar libre a planta baixa do castelo e levar todos os fondos documentais do Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia (CEIDA), que ten alí a súa sede, ao pazo de Lóngora, en Liáns. O director do CEIDA, Carlos Vales, confirmou que o proxecto xa estaba terminado, e que tan só faltaría conseguir o financiamento para abordar a transformación as cortes dos cabalos do pazo en biblioteca. Vales sinalou que o Instituto Unviersitario de Medio Ambiente alí instalado «é un centro ambiental especializado, e que a documentación do CEIDA é sobre todo relativa a educación ambiental, a conservación da natureza e a sustentabilidade, ademais contar con toda a bibliografía sobre a xestión do medio ambiente».[9]

Galería[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 1,5 1,6 1,7 A Herdanzado Pobo. Concello de Oleiros. Pazo de Lóngora. Consultada o 8 de setembro de 2018.
  2. 2,0 2,1 "Tardes de estío en Lóngora" La Opinión, 24-10-2016. Consultada o 4 de setembro de 2018.
  3. 3,0 3,1 3,2 Centros Universiraios. Pazo de Lóngora, na web do Concello de Oleiros.
  4. 4,0 4,1 UDC. Instituto Unviersitario de Medio Ambiente. Consultada o 4 de setembro de 2018.
  5. Pazo de Lóngora en Xunta de Galicia. Turismo de Galicia. Consultada o 4 de setembro de 2018.
  6. 6,0 6,1 ABC. Hemeroteca. Julio 1998, p. 41. Instituto Unviersitario de Medio Ambiente. Universidade da Coruña. Consultada o 7 de setembro de 2018.
  7. Ficha da Dra. Soledad Norberta Muniategui Lorenzo na web da UdC.
  8. Académicos de número Web da AFG.
  9. Oleiros adecuará las caballerizas del pazo de Lóngora para la biblioteca del Ceida.La Voz de Galicia, 17-10-2017, Consultada o 7 de setembro de 2018.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]