Océano Índico
Océano Índico | |
---|---|
![]() | |
Localización administrativa | |
Estado | 39 países e 7 territorios (Ver: Países e territorios ribeiregos) |
Localización xeográfica | |
Continente | África, Asia e Oceanía |
Xeografía | |
Subdivisións | Índico Oriental, Occidental e Índico Sur (inclúe os mares de Andaman, Arabia, Balí, Flores, Xava, Laquedivas, Vermello, Savu e Timor, o canle de Mozambique e os golfos de Adén, Aqaba, Bengala, Omán e Pérsico e a Gran Baía Australiana) |
Illas interiores | Illas do Índico |
Características | |
Superficie | 68 556 000 km² [1] |
Anchura máxima | ca. 10.000 km |
Lonxitude costa | 66 526 km [2] |
Profundiade máxima | 7 258 m (f. Xava) [1] |
Profundidade media | 3 741 m [1] |
Mapa | |
![]() Océano Índico en azul | |
O océano Índico[3] (en árabe, Bahr al-Hind) é a parte do océano mundial da Terra que baña as costas de África do Leste, Oriente Medio, Asia do Sur e Australia. É o terceiro océano máis grande por superficie e cobre aproximadamente o 20 % da superficie do planeta.[4] Delimita co océano Atlántico polo meridiano 20° leste (cabo Agullas), co Pacífico polo meridiano 147° leste e co Antártico polo paralelo 60° sur. O punto máis setentrional do Índico está aproximadamente a 30° norte de latitude no golfo Pérsico. O océano mide aproximadamente 10 000 km de ancho entre as puntas sur de África e Australia; a súa área é 68 556 000 km², incluíndo o mar Vermello e o golfo Pérsico.[1] O volume deste océano estimase en 292 131 000 km³.[5]
As nacións insulares do océano son Madagascar (cuarta illa máis grande do mundo), Comores, Seychelles, Maldivas, Mauricio, e Sri Lanka; Indonesia bordéao. Serve como un ruta de tránsito entre Asia e África o que o converteu nun foco de conflitos. De todas as maneiras, ningunha nación dominouno con éxito ata os inicios do século XIX cando os ingleses colonizaron a maioría da terra perimetral. O Índico foi chamado así porque baña as costas da India.[6][7][8]
Etimoloxía[editar | editar a fonte]
O océano Índico coñécese co seu nome actual polo menos desde 1515, cando se testemuña a forma latina Oceanus Orientalis Indicus ("océano Índico Oriental"), chamado así pola India, que se proxecta nel. Anteriormente coñecíaselle como océano Oriental, termo que aínda se utilizaba a mediados do século XVIII (véxase o mapa), en contraposición ao océano Occidental (Atlántico) antes de que se conxecturase o Pacífico.[9]
Pola contra, os exploradores chineses do océano Índico durante o século XV chamábano océano Occidental.[10] O océano tamén foi coñecido como océano Hindú e océano Índico en varios idiomas.[Cómpre referencia]
Na xeografía da antiga Grecia, a rexión do océano Índico coñecida polos gregos chamábase mar de Eritrea.[11]
Historia[editar | editar a fonte]



As primeiras civilizacións do mundo desenvolvéronse ao redor do océano Índico, ao longo dos vales dos ríos Tigris e Éufrates, Nilo e Indo: en Mesopotamia (comezando con Sumeria), no antigo Exipto e no subcontinente indio (comezando coa civilización do val do Indo). Outras civilizacións tamén xurdiron en Persia (a partir do antigo Imperio Elamita), en Armenia (a partír do antigo Imperio Urartu) e posteriormente no sueste de Asia (a partir do antigo Reino de Funan).
Durante a primeira dinastía de Exipto (ca. 3000 a.C.) xa se enviaron expedicións a navegar polo Índico, viaxando ata Punt, que se cre era parte da actual Somalia. Os barcos que regresaban traían ouro e mirra. O primeiro exemplo coñecido de comercio entre Mesopotamia e o val do Indo (ca. 2500 a.C.) desenvolveuse ao longo do Índico. É posible que os fenicios de finais do III milenio a. C. entrasen tamén na zona, pero non deixaron asentamentos.
O Índico é un mar bastante tranquilo, e grazas a iso abriuse ao comercio antes que o Atlántico ou o Pacífico. O cedo coñecemento dos monzóns tamén fixo posible a súa navegación: cara ao oeste ao principio da época dos monzóns, e logo, tras esperar uns meses, de regreso cara ao leste. Isto permitiu aos pobos de Indonesia cruzar o Índico para establecerse en Madagascar.
No século II a. C. ou século I a. C., Eudoxo de Cícico foi o primeiro grego coñecido en lograr cruzar o Índico, navegando ata a India. De Hippalus dise que descubriría a ruta directa desde Arabia ata a India ao redor desta época. Durante o século I e II a.C. desenvolvéronse relacións comerciais intensivas entre o Exipto romano e os reinos Tamil dos Cheras, Cholas e Pandyas do sur da India. Do mesmo xeito que os anteriores pobos indonesios, os mariñeiros occidentais utilizaron o monzón para cruzar o océano. O descoñecido autor do Periplo do Mar Eritreo, que se cre se escribiu entre o século I e o II, describe esta ruta e os portos e mercadorías ao longo das costas de África e da India ao redor do ano 70 a. C.
De 1405 a 1433, o almirante chinés Zheng He conduciu grandes frotas da dinastía Ming en varias viaxes a través do océano Occidental (o nome chinés do Índico) e alcanzou os países costeiros da África oriental (véxase Zheng He para referencia).
En 1497, o navegante portugués Vasco da Gama logrou dobrar o cabo de Boa Esperanza e converteuse no primeiro europeo en navegar á India e máis tarde ao Afastado Oriente. Os barcos europeos, armados con pesados canóns, rapidamente dominaron o comercio. Portugal intentou lograr preeminencia establecendo fortes nos estreitos e portos importantes e dominou o comercio e o descubrimento ao longo das costas de África e Asia ata mediados do século XVII. Máis tarde, os portugueses foron desprazados por outras potencias europeas. A Compañía Holandesa das Indias Orientais (1602-1798) buscou o control do comercio con Oriente a través do Índico. Francia e Gran Bretaña estableceron compañías de comercio na zona e España estableceu unha importante operación comercial en Filipinas e o Pacífico. Cara a 1815, Gran Bretaña converteuse na principal potencia no Índico.
A apertura do canal de Suez en 1869 reviviu o interese europeo no leste, pero ningunha nación tivo éxito en establecer o dominio do comercio. Desde a segunda guerra mundial o Reino Unido viuse obrigado a retirarse da zona, sendo substituído pola India, a Unión Soviética e os Estados Unidos. Os dous últimos trataron de establecer a súa hexemonía negociando sitios para as súas bases navais. Os países en desenvolvemento que bordeaban o océano, con todo, trataron de que fora unha «zona de paz»[Cómpre referencia] para que se puidesen utilizar libremente as súas rutas de navegación. O Reino Unido e os Estados Unidos manteñen unha base militar no Atol Diego García no medio do océano Índico.
Breve cronoloxía da exploración[editar | editar a fonte]
Os feitos máis destacados na exploración e navegación do Índico, principalmente para os occidentais, son:
- século II a.C.: o grego Eudoxo de Cícico viaxa á India por vía marítima. O xeógrafo Claudio Tolomeo, na mesma época, designouno co nome Indikon Pelagos (significa «mar da India»), e máis tarde Plinio o Vello nomeouno xa como Oceanus Indicus («Océano Índico»);
- século I-século IV: chegada á rexión dos primeiros austronesios, provenientes de Indonesia, en especial alcanzando a illa de Madagascar. Contactos coa África oriental onde se introducen plantas cultíxenas asiáticas (bananeira, taro, igname etc.);
- século VII: desenvolvemento do budismo nas illas de Sumatra e Xava. Viaxes de varios monxes budistas chineses, entre eles Yi Jing a India a través de ruta marítima;
- 860: unha inscrición de Xava menciona, nunha lista de domésticos, o nome de Jenggi, é dicir «Zeng», nome árabe dos habitantes da costa oriental de África;
- 945-46: o libro árabe Les Merveilles de l’Inde descrive arrivadas á costa de Mozambique de «un milleiro de embarcacións» feitas polos Waq-Waq que chegan de illas «situadas fronte á China» (é dicir, a actual Indonesia) buscando produtos e escravos;
- século IX: a dinastía Chola, na India meridional, conquista a illa de Ceilán e lanza expedicións contra o reino de Sriwijaya, na illa de Sumatra;
- século XIII: chegada dos persas shirazinos ao arquipélago das Comores;
- 1295: Marco Polo entra na China por vía marítima;
- século XIV: o marroquí Ibn Battuta, embaixador do sultanato de Delhi na China, visita Sumatra. O chinés Wang Dayuan fixo varias viaxes entre 1328 e 1339 que conducían a Arabia (despois a Exipto e a Marrocos) e á África oriental (ata a actual Tanzania)[12];
- 1400: fundación de Malacca na península malaia por un príncipe de Sumatra;
- 1421-22: Sexta viaxe do almirante chinés Zheng He alcanzando África oriental;
- 1488: Bartolomeu Dias supera o cabo de Boa Esperanza;
- 1497: Vasco da Gama vai ata a India;
- 1500: primeira chegada de europeos a Madagascar (Diogo Dias);
- 9 de febreiro de 1507 : Descubrimento da illa de Reunión polo portugués Diogo Dias;
- 1510: Toma de Goa, na India, polos portugueses baixo o mando de Afonso de Albuquerque;
- 1511: conquista de Malaca por Albuquerque;
- 1770: o inglés James Cook chegou a Australia;
- 1772 : descubrimento das illas Kerguelen por Yves Joseph de Kerguelen de Trémarec;
- 1820: descubrimento do continente antártico;
- 1869: apertura do canal de Suez;
Xeografía[editar | editar a fonte]
Extensión e límites[editar | editar a fonte]
As fronteiras do océano Índico, tal e como as delineó a Organización Hidrográfica Internacional (OHI) en 1953, incluían o océano Antártico pero non os mares marxinais ao longo do bordo norte, pero no ano 2000 a OHI delimitou o océano Antártico por separado, o que eliminou as augas ao sur dos 60°S do océano Índico pero incluíu os mares marxinais do norte.[13][14] Meridionalmente, o océano Índico está delimitado do océano Atlántico polo meridiano de 20° leste, que vai cara ao sur desde o cabo Agullas, e do océano Pacífico polo meridiano de 146°49'L, que vai cara ao sur desde o punto máis meridional de Tasmania. A extensión máis setentrional do océano Índico, incluídos os mares marxinais, atópase aproximadamente nos 30° norte, no golfo Pérsico.[14]
O océano Índico cobre 70 560 000 km², incluíndo o mar Vermello e o golfo Pérsico pero excluíndo o océano Antártico, ou o 19,5% dos océanos do mundo; o seu volume é de 264 000 000 km³ ou o 19,8% do volume dos océanos do mundo; ten unha profundidade media de 3741 m e unha profundidade máxima de 7906 m.[15]
Todo o océano Índico atópase no hemisferio oriental e o seu centro, o meridiano 90° leste, pasa pola Dorsal do Meridiano Noventa Leste.
Costas e plataformas[editar | editar a fonte]
A diferenza do Atlántico e do Pacífico, o océano Índico está rodeado por grandes masas continentais e un arquipélago en tres dos seus lados e non se estende de polo a polo. O seu centro é o subcontinente indio. Aínda que este subcontinente desempeñou un papel importante na súa historia, o océano Índico foi ante todo un escenario cosmopolita, que interrelacionou diversas rexións mediante innovacións, comercio e relixión desde os inicios da historia da humanidade.[16]
As marxes activas do océano Índico teñen unha anchura media (distancia horizontal desde terra ata a ruptura da plataforma[17]) de 19|+/- 0.61 km cunha anchura máxima de 175 km. As marxes pasivas teñen unha anchura media de 47.6|+/- 0.8 km.[18] A anchura media dos noiros (distancia horizontal desde a ruptura da plataforma ata o pé do noiro) das plataformas continentais é de 50,4-52,4 km para as marxes activas e pasivas respectivamente, cunha anchura máxima de 205.3-255.2 km.[19]
En correspondencia coa plataforma continental, tamén coñecida como zona bisagra, a anomalía de Bouguer oscila entre 0 e 30 mGals que é infrecuente para unha rexión continental duns 16 km de espesor de sedimentos. Expúxose a hipótese de que "a zona bisagra pode representar un vestixio da fronteira entre a cortiza continental e a cortiza protooceánica que se formou durante a separación da India coa Antártida".[20]
Australia, Indonesia e India son os tres países con costas máis extensas na zona económica exclusiva. A plataforma continental ocupa o 15% do océano Índico. Máis de 2.000 millóns de persoas viven en países ribeiregos do Índico, fronte a os 1.700 millóns no Atlántico ou os 2.700 millóns do Pacífico (algúns países limitan con máis dun océano).[2]
Ríos[editar | editar a fonte]
A conca de drenaxe do océano Índico ocupa 21 100 000 km2 unha superficie practicamente idéntica á do océano Pacífico e a metade da do Atlántico, é dicir, o 30% da súa superficie oceánica (fronte ao 15% do Pacífico). A conca de drenaxe do océano Índico divídese nunhas 800 concas individuais, a metade que a do Pacífico, das cales o 50% atópanse en Asia, o 30% en África e o 20% en Australasia. Os ríos do océano Índico son máis curtos máis ou menos (740 km) que os dos outros grandes océanos. Os ríos máis caudalosos son (orde 5) o Zambeze, o Ganxes-Brahmaputra, o Indo, o Xuba e Murray e (orde 4) os ríos Chat el Arab, Wadi Ad Dawasir (un sistema fluvial desecado da península arábiga) e o Limpopo.[21] Tras a ruptura do Gondwana oriental e a formación do Himalaia, os ríos Ganxes-Brahmaputra desembocan no maior delta do mundo, coñecido como delta de Bengala ou Sundarbans.[20]
Mares marxinais[editar | editar a fonte]
Os mares marxinais, golfos, baías e estreitos do océano Índico inclúen:[14]
Ao longo da costa oriental de África, a canle de Mozambique separa Madagascar do continente africano, mentres que o Mar de Zanj atópase ao norte de Madagascar.
Na costa norte do mar Arábigo, o golfo de Adén está conectado co mar Vermello polo estreito de Bab el-Mandeb. No golfo de Adén, o golfo de Tadjoura atópase en Djibuti e a canle de Guardafui separa as illas de Socotra do Corno de África. O extremo norte do mar Vermello termina no golfo de Aqaba e o golfo de Suez. O océano Índico está conectado artificialmente co mar Mediterráneo sen esclusas a través da canle de Suez, ao que se accede polo mar Vermello. O mar Arábigo está conectado co golfo Pérsico polo golfo de Omán e o estreito de Ormuz. No golfo Pérsico, o golfo de Bahrain separa Qatar da península arábiga.
Ao longo da costa occidental da India, o golfo de Kutch e o golfo de Khambat atópanse en Gujarat, no extremo norte, mentres que o mar das Laquedivas separa as Maldivas do extremo sur da India. O golfo de Bengala atópase fronte á costa oriental da India. O golfo de Mannar e o estreito de Palk separan Sri Lanka da India, mentres que o ponte de Adán separa ambas. O mar de Andaman está situado entre o golfo de Bengala e as illas Andamán.
En Indonesia, a chamada Vía Marítima de Indonesia está formado polos estreitos de Malaca, Sunda e Torres. O golfo de Carpentaria atopase na costa norte australiana, mentres que a Gran Baía Australiana constitúe gran parte da súa costa sur.[22][23][24]
- Mar Arábigo - 3,862 millóns de km2
- Golfo de Bengala - 2,172 millóns de km2
- Mar de Andaman - 797.700 km2
- Mar das Laquedivas - 786.000 km2
- Canle de Mozambique - 700.000 km2
- Mar de Timor - 610.000 km2
- Mar Vermello - 438.000 km2
- Golfo de Adén - 410.000 km2
- Golfo Pérsico - 251.000 km2
- Mar de Flores - 240.000 km2
- Mar das Molucas - 200.000 km2
- Golfo de Omán - 181.000 km2
- Gran Baía Australiana - 45.926 km2
- Golfo de Aqaba - 239 km2
- Golfo de Khambhat
- Golfo de Kutch
- Golfo de Suez
Xeoloxía[editar | editar a fonte]

As placas tectónicas africana, india e antártica converxen no punto triplo de Rodrigues, a súa conxunción está marcada por ramificacións da dorsal oceánica que forman un Y invertido, coa raíz que vai cara ao sur desde o límite da plataforma continental preto de Bombai, na India. As bacías leste, oeste e sur subdivídense en bacías máis pequenas por cristas submarinas.
Os principais puntos de estreitamento son Bab el Mandeb, o estreito de Hormuz, o estreito de Lombok, o estreito de Malaca e o estreito de Palk, os principais mares deste océano son o golfo de Adén, mar de Andaman, mar Arábigo, baía de Bengala, gran Baía Australiana, mar de Laquedivas, golfo de Mannar, canle de Mozambique, golfo de Omán, golfo Pérsico, mar Vermello e outros corpos de auga tributarios. Está conectado artificialmente co mar Mediterráneo pola canle de Suez, accesible vía o mar Vermello.
Illas do océano Índico[editar | editar a fonte]
- Madagascar
- Arquipélago das Comores
- Illas Seychelles
- Reunión (Francia)
- Illa Mauricio
- Illa Rodrigues
- Territorio Británico do Océano Índico, no Arquipélago de Chagos.
- Illas Maldivas
- Sri Lanka
- Illas Andaman e Nicobar (India)
- Illa Christmas (Australia)
- Illas Cocos (Australia)
- Illas de Indonesia ao longo de Sumatra:
- Illas de Xava
- Zanzíbar
- Terras Austrais e Antárticas Francesas:
Notas[editar | editar a fonte]
- ↑ 1,0 1,1 1,2 1,3 CIA (ed.). "Océano Índico - Geografía". Libro Mundial de Hechos. Arquivado dende o orixinal o 5 de xullo de 2020. Consultado o 10 de novembro do 2023.
- ↑ 2,0 2,1 Keesing & Irvine 2005, Introduction, p. 11–12; Table 1, p.12
- ↑ Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para índico.
- ↑ Rasul Bux Rais (1986). The Indian Ocean and the Superpowers. Routledge. ISBN 0709942419.
- ↑ Donald W. Gotthold; Julia J. Gotthold (1988). Indian Ocean: Bibliography. Clio Press. ISBN 1851090347.
- ↑ Anand Mathur,Indo-American relations: foreign policy orientations and perspectives of P.V. Narasimha Rao and Bill Clinton, p. 138 "India occupies the central position in the Indian- Ocean region that is why the Ocean was named after India"
- ↑ Ferenc Albert Váli,Politics of the Indian Ocean region: the balances of power, p. 25
- ↑ Hussain,Geography Of India For Civil Ser Exam, p. 12-251; "India and the geo-politics of the Indian Ocean"(16-33)
- ↑ Harper, Douglas. "Indian Ocean". Online Etymology Dictionary. Consultado o 18 de enero de 2011.
- ↑ Hui 2010, Abstract
- ↑ Anonymous (1912). Periplus of the Erythraean Sea.
- ↑ William Woodville Rockhill, Toung Pao (1915) Wang Dayuan (1328-1339) Daoyi Zhilue (Island Savages)
- ↑ IHO 1953
- ↑ 14,0 14,1 14,2 IHO 2002
- ↑ Eakins & Sharman 2010
- ↑ Prange 2008, Fluid Borders: Encompassing the Ocean, pp. 1382–1385
- ↑ "Continental Shelf". National Geographic Society (en inglés). 2011-03-04. Arquivado dende o orixinal o 5 de outubro de 2021. Consultado o 10 de novembro do 2023.
- ↑ Harris et al. 2014, Table 2, p. 11
- ↑ Harris et al. 2014, Table 3, p. 11
- ↑ 20,0 20,1 N. Damodara; V. Vijaya Rao; Kalachand Sain; A.S.S.S.R.S. Prasad; A.S.N. Murty (3 de xaneiro de 2017). Basement configuration of the West Bengal sedimentary basin, India as revealed by seismic refraction tomography: its tectonic implications. Geophysical Journal International 208 (Oxford University Press). pp. 1490–1507. ISSN 1365-246X. OCLC 6930280725. doi:10.1093/gji/ggw461. Consultado o 10 de novembro do 2023.
- ↑ Vörösmarty et al. 2000, Drainage basin area of each ocean, pp. 609–616; Table 5, p 614; Reconciling Continental and Oceanic Perspectives, pp. 616–617
- ↑ "The World's Biggest Oceans and Seas". Live Science. 4 de xuño de 2010. Arquivado dende o orixinal o 15 de setembro de 2020. Consultado o 10 de novembro do 2023.
- ↑ "World Map / World Atlas / Atlas of the World Including Geography Facts and Flags - WorldAtlas.com". Arquivado dende o orixinal o 27 April 2019. Consultado o 10 de novembro do 2023.
- ↑ "List of seas". Arquivado dende o orixinal o 8 de novembro de 2020. Consultado o 10 de novembro do 2023.
Véxase tamén[editar | editar a fonte]
![]() |
Commons ten máis contidos multimedia sobre: Océano Índico |
Bibliografía[editar | editar a fonte]
- Bahl, Christopher D. "Transoceanic Arabic historiography: sharing the past of the sixteenth-century western Indian Ocean." Journal of Global History 15.2 (2020): 203–223.
- Palat, Ravi. The Making of an Indian Ocean World-Economy, 1250–1650: Princes, Paddy fields, and Bazaars (2015).
- Pearson, Michael (2015). Trade, Circulation, and Flow in the Indian Ocean World (Palgrave Series in Indian Ocean World Studies), ISBN 978-1137564887.
- Schnepel, Burkhard and Edward A. Alpers, eds. Connectivity in Motion: Island Hubs in the Indian Ocean World (2017).
- Schottenhammer, Angela, ed. Early Global Interconnectivity across the Indian Ocean World, Volume I: Commercial Structures and Exchanges (2019).
- Schottenhammer, Angela, ed. Early Global Interconnectivity across the Indian Ocean World, Volume II: Exchange of Ideas, Religions, and Technologies (2019).
- Serels, Steven, ed. The Impoverishment of the African Red Sea Littoral, 1640–1945 (2018).
Outros artigos[editar | editar a fonte]
Ligazón externas[editar | editar a fonte]
- Mapa do océano Índico
- "The Indian Ocean in World History" (Flash). Sultan Qaboos Cultural Center. Consultado o 10 de novembro do 2023.
- "The Indian Ocean Trade: A Classroom Simulation" (PDF). African Studies Center, Boston University. Consultado o 10 de novembro do 2023.
- Dickson, Henry Newton (1911). "Indian Ocean". Encyclopædia Britannica 14 (11ª ed.). pp. 451–452.
Os cinco océanos | ||||
![]() Atlántico |
![]() Ártico |
![]() Índico |
![]() Pacífico |
![]() Antártico |