Saltar ao contido

Güecha

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Os guerreiros güechas dos muiscas tiñan permitido levar coroas de plumas e xoias douradas.

Os güechas eran os guerreiros da confederación muisca, a cal dominou o Altiplano Cundiboyacense na era precolombiana. Os guerreiros güecha eran escollidos polos seus méritos en canto a condición física e actitude, e non era tan importante a súa clase dentro da sociedade para elixilos. Tiñan un status único dentro da sociedade muisca e adornábanse con ouro, plumas e pintura.[1]

Etimoloxía

[editar | editar a fonte]

Na lingua falada polos muiscas, a palabra guechá ten varios posibles significados. A sílaba güe pode significar "xente", "eu matei", "casa" ou "lugar". A sílaba chá pode significar "home" ou "varón". Por iso, güechá pode significar "home da casa", "home do pobo" ou "home que causa a morte". Güechá tamén podería significar "o irmán doutra nai" ou "tío".[2]

Proceso de escolla

[editar | editar a fonte]

Os guerreiros güechas eran os soldados de elite dos muiscas, e eran elixidos como soldados do zipa (gobernador do territorio sur da confederación muisca). Non era precisa unha liñaxe nobre para a selección. Máis ben, o servizo exemplar como guerreiro podía proporcionar a entrada ás clases nobres como un cacique. Os güechas tiñan que ser valentes e debían traballar seguindo as estritas normas sociais baixo un réxime de monarquía absoluta.[3] A posición do güecha non era hereditaria e a escolla definíase soamente polo mérito.[4]

Aparencia

[editar | editar a fonte]
Os guerreiros muiscas levaban brazaletes de ouro.

O freire franciscano, Pedro Simón (1578 - 1620) describiu estes guerreiros como "homes de gran físico, atrevidos, resoltos, decididos e vixilantes". Lucas Fernández de Piedrahita (1624 - 1688) un prelado católico, describiu os guerreiros como "homes valentes e decididos, con grandes e fermosos físicos, lixeireza e habelencia". A diferenza dos homes comúns, os guerreiros levaban o cabelo moi curto.[5] e permitíaselles empregar contas de ouro e adornos nas orellas, nariz e beizos perforados.

Os guerreiros levaban mazas, dardos, lanzas, arcos e frechas e tiracoios. Ademais levaban escravos panches e calimas con eles á guerra. Entraban en combate con plumas de papagaios, e anchas cintas de ouro fino con incrustacións de esmeraldas. Tamén levaban brazaletes e finas contas de coral e ouro e decoraban o seu corpo con tintas e tatuaxes feitas con pigmentos da froita da especie Genipa americana.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • Henderson, Hope; Ostler, Nicholas (2005). Muisca settlement organization and chiefly authority at Suta, Valle de Leyva, Colombia: A critical appraisal of native concepts of house for studies of complex societies. Journal of Anthropological Archaeology 24 (Elsevier). pp. 148–178. ISSN 0278-4165. 

Outros artigos

[editar | editar a fonte]