Saltar ao contido

Filosofía da ciencia

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Filosofía da Ciencia
Karl Popper, un dos filósofos que trataron a filosofía da ciencia como campo diferenciado.
TipoCampo da filosofía
PropósitoEstudar os fundamentos, métodos, historia e implicacións da ciencia en relación a todo o coñecemento humano
Campo de traballoFilosofía, Ciencia
Data de fundaciónComo campo distinto dentro da filosofía, comezou a tomar forma a finais do século XIX e comezos do XX. Até ese momento, a filosofía e a ciencia ("filosofía natural") non se distinguían. Figuras como Newton ou Galileo eran consideradas tanto científicos como filósofos.
Fundador(es)Algúns filósofos pioneiros neste campo foron Karl Popper e Thomas Kuhn entre outros.
Traballos destacados"A Lóxica da Investigación Científica" de Popper, "A Estrutura das Revolucións Científicas" de Kuhn
editar datos en Wikidata ]

A filosofía da ciencia é a parte da filosofía que estuda os fundamentos, presupostos e implicacións filosóficas da ciencia, incluíndo as ciencias naturais como física e bioloxía, e as ciencias sociais, como psicoloxía e economía. Neste sentido, a filosofía da ciencia está intimamente relacionada á epistemoloxía e á ontoloxía.[1] Procura explicar cousas como:

  • A natureza das afirmacións e conceptos científicos.
  • A forma como se producen.
  • Como a ciencia explica, predí e, a través da tecnoloxía, domina a natureza.
  • Os medios para determinar a validade da información.
  • A formulación e uso do método científico.
  • Os tipos de argumentos usados para chegar a conclusións.
  • As implicacións dos métodos e modelos científicos para a sociedade e para as propias ciencias.[2]

Unha visión é que todas as ciencias posúen unha filosofía subxacente independente do que se afirme ao contrario: Non hai ciencia libre de filosofía; hai só ciencia cunha bagaxe filosófica aceptada sen análise previa.[3]

Cuestións e conceptos tipicamente propios da filosofía da ciencia

[editar | editar a fonte]

Natureza das afirmacións e conceptos científicos

[editar | editar a fonte]

A ciencia tira conclusións sobre o modo que o mundo é, e o modo que a teoría científica se relaciona a ese mundo. A ciencia tíraas por medio de evidencias, de experimentación, dedución lóxica, e pensamento racional a fin de examinar o mundo e os individuos que existen dentro da sociedade. Ao facer observacións dos individuos e os seus arredores, a ciencia busca explicar os conceptos da vida diaria.

Empirismo

[editar | editar a fonte]

Un concepto central en filosofía da ciencia é o empirismo, ou dependencia da evidencia. Empirismo é a visión de que o coñecemento deriva da experiencia do mundo. Nese sentido, as afirmacións están suxeitas e son derivadas de nosas experiencias ou observacións. As hipóteses científicas desenvólvense e téstanse a través de métodos empíricos por medio de observacións e experimentos. Unha vez reproducidos dabondo, a información resultante conta como probas sobre as que a comunidade científica desenvolve teorías que se propoñen explicar os feitos do mundo.

As observacións inclúen a percepción, e entón danse os actos cognitivos propiamente ditos. Isto é, as observacións están por si soas enquistadas na nosa comprensión de como funciona o mundo; se esta comprensión mudar, as observacións poden tamén aparentemente mudar.

Os científicos tentan usar a indución, a dedución e os métodos case-empíricos e invocar metáforas conceptuais chaves para articular as observacións nunha estrutura coherente e autoconsistente.

Realismo científico e instrumentalismo

[editar | editar a fonte]

O realismo científico, ou empirismo inxenuo, é a visión de que o universo se explica como realmente é a través das afirmacións científicas. Os realistas defenden que cousas tales como electróns e campos magnéticos existen realmente. É inxenuo no sentido de igualar os modelos científicos coa verdade, aínda que é a visión que acostuman adoptar a maior parte dos científicos.

En contraste co realismo, o instrumentalismo defende que as nosas percepcións, ideas e teorías científicas non reflicten necesariamente o mundo real con precisión, aínda que sexan uns instrumentos útiles para explicar, predicir e controlar as nosas experiencias. Para un instrumentalista, os electróns e os campos magnéticos poden existir ou non de feito. Para os instrumentalistas, o método empírico úsase para facer non máis do que mostrar que teorías son consistentes coas observacións. O instrumentalismo está maiormente baseado na filosofía de John Dewey e, dun modo máis xeral, o pragmatismo, influenciado por filósofos como Willian James e Charles Sanders Peirce.[4]

Construtivismo social

[editar | editar a fonte]

Unha área de interese entre historiadores, filósofos, e sociólogos da ciencia é a extensión na cal as teorías científicas se adaptan aos seus contextos políticos e sociais.[5] Ese concepto usualmente coñécese como construtivismo social. O construtivismo social é nun sentido unha extensión do instrumentalismo que incorpora os aspectos sociais da ciencia. Na súa forma máis forte, ve a ciencia como un mero discurso entre científicos, co feito obxectivo desempeñando pouco papel, se desempeñar algún. Unha forma máis fraca da posición construtivista pode defender que os factores sociais desempeñen un papel importante na aceptación de novas teorías científicas.

Do lado máis forte, a existencia do planeta Marte é irrelevante, desde que todo o que realmente temos son observacións, teorías e mitos, os cales son construídos por si sós a través da interacción social. Deste lado, as afirmacións científicas son a respecto dunha sobre a outra, e o test empírico é non máis que algo para ensaiar a consistencia entre diferentes conxuntos de teorías socioloxicamente construídas. Ese lado rexeita o realismo. Tórnase difícil, entón, explicar como a ciencia se difire de calquera outra disciplina; igualmente, con todo, tórnase difícil dar un parecer do extraordinario éxito da ciencia en producir tecnoloxía aplicábel.

Do lado máis fraco, pódese dicir que o planeta Marte ten unha existencia real, separada e distinta das nosas observacións, teorías e mitos relacionados. Aínda que as teorías e observacións son construídas socialmente, parte do proceso de construción inclúe o asegurar a correspondencia dalgún tipo con esa realidade. Deste xeito, as afirmacións científicas son sobre o mundo real. A cuestión crucial para ese lado é explicar esa correspondencia. Cal é a xustificación da reivindicación de que as fotos da última leva son nalgún sentido máis reais que o mito romano sobre Marte? É importante, entón, para os Construtivistas Sociais considerar como se xustifican as afirmacións científicas.

Análise e reducionismo

[editar | editar a fonte]

Análise é a actividade de dividir unha observación ou teoría en conceptos máis simples a fin de comprendelos. A análise é tan esencial para a ciencia canto para todos os emprendementos racionais. Sería imposíbel, por exemplo, describir matematicamente o movemento dun proxectil sen separar a forza da gravidade, o ángulo de proxección e a velocidade inicial. Só é posíbel despois desa análise formular unha teoría adecuada do movemento.

O reducionismo en ciencia pode ter diferentes sentidos. Un tipo de reducionismo é a crenza que todos os campos de estudo están en última instancia suxeitos a explicación científica. Talvez un suceso histórico poida explicarse en termos sociolóxicos e psicolóxicos, os cales tamén poderían ser descritos en termos de psicoloxía humana, e a cal á súa vez podería ser descrita en termos de química e física. O suceso histórico foi reducido a un evento físico. Iso podería implicar que o suceso histórico non existe fóra do suceso físico, negando a existencia dun fenómeno emerxente.

Daniel Dennett inventou o termo greedy reductionism (reducionismo ganancioso) para describir o presuposto de que tal reducionismo era posíbel. El afirma que é apenas "ciencia mala", buscar atopar explicacións que son apelativas ou elocuentes, máis do que aquelas que están en uso en predicir un fenómeno natural.[6]

Os argumentos contra o "reducionismo ganancioso" sosteñen que, en certos sistemas, hai máis información da que se pode obter analizando só as súas partes individualmente; é como se tivésemos pezas dun puzzle que, cando están xuntas, mostran algo inesperado e complexo, como certos patróns repetitivos (fractais) ou comportamentos inusitados (atractores estraños). Como exemplos inclúense compoñentes que conteñen ligazóns estrañas, organización. A análise de tales sistemas necesariamente destrúe información, xa que o observador ten de seleccionar unha mostra do sistema que poida ser na mellor das hipóteses parcialmente representativas. A teoría da información pode usarse para calcular a magnitude de información perdida e é unha das técnicas aplicadas pola teoría do caos.

A xustificación de afirmacións científicas

[editar | editar a fonte]

As máis poderosas afirmacións en ciencia son aquelas con máis amplas aplicacións, A terceira lei de Newton — "para cada acción hai unha reacción igual e en sentido contrario" — é unha afirmación poderosa porque se aplica a cada acción, en calquera lugar, e en calquera tempo.

Porén non é posíbel para os científicos testar cada incidencia dunha acción, e atopar unha reacción. Como, entón, poden eles afirmar que a Terceira Lei é en todos os sentidos verdadeira? Eles levan, é claro, testado moitas, moitas accións, e en cada unha foron capaces de atopar a reacción correspondente. Aínda así non poderemos ter certeza que cando a testarmos a próxima vez se confirmará de novo.

Indución

[editar | editar a fonte]

Unha solución para ese problema está en confiar na noción de indución. O raciocinio indutivo mantén que se unha situación se sustenta en todos os casos observados, entón a situación se sustenta en todos os casos. Entón despois de completar unha serie de experimentos que soportan a Terceira Lei, está xustificado manter que a lei se sustente en todos os casos.

Explicar o porqué da indución comunmente funciona ten sido un tanto problemático. Non se pode usar dedución, o proceso usual de se mover loxicamente da premisa á conclusión, porque non hai un simple siloxismo que permite tal movemento. Non importa cantas veces os biólogos do século XVII observaron cisnes brancos, e en cantas diferentes localizacións, non hai ningunha vía dedutiva que leve á conclusión de que todos os cisnes son brancos. Isto é así tamén, ou a conclusión sería errada, como se tornou máis tarde. Similarmente, é ao menos posíbel que unha observación feita mañá que mostre unha ocasión en que unha acción non se acompaña por unha reacción; o mesmo é verdade para calquera lei científica.

Unha resposta foi a de concibir unha forma diferente de argumento racional, unha que non confíe en dedución. A dedución permite a alguén formular unha verdade específica desde unha verdade xeral: todos os corvos son negros; isto é un corvo; entón é negro. A indución soamente permite alguén a formular a probabilidade da verdade dunha serie de observacións específicas: isto é un corvo e é negro; isto é un corvo e é negro; entón a nosa mostra de corvos demostran que corvos son negros;

O problema da indución é un dos considerábeis debates e de importancia na filosofía da ciencia: a indución pode ser xustificada con certeza, e se for, como?

Falseabilidade

[editar | editar a fonte]

Outra forma de usar a lóxica para xustificar afirmacións científicas, discutida formalmente por Karl Popper por primeira vez, é a Falseabilidade. Ese principio afirma que, para ser útil (ou mesmo completamente científica), unha afirmación científica ("feito", teoría, "lei", principio etc.) ten de ser falsificábel, isto é, capaz de probarse como errada. Sen esa propiedade, sería difícil (se non imposíbel) testar a afirmación científica contra a evidencia. A meta da falsificación é reintroducir o raciocinio dedutivo dentro do debate.[7] Non é posíbel deducir unha afirmación xeral dunha serie de afirmacións específicas, mais é posíbel para unha afirmación específica probar que unha afirmación xeral é falsa. Atopar un cisne negro pode ser suficiente para mostrar que a afirmación xeral de que "todos os cisnes son brancos" é falsa.

A falseabilidade ordenadamente escapa do problema da indución, porque ela non fai uso do raciocinio indutivo. Con todo, introduce as súas propias dificultades. Cando unha aparente falsificación ocorre, sempre é posíbel inserir un engadido a unha teoría que a fará desfalsificada. Entón, por exemplo, os ornitólogos poderían simplemente ter argumentado que o gran paxaro negro atopado na Australia non era un membro do xénero Cygnus, mais dalgún outro, ou talvez algún novo.

O problema co falsificacionismo é que teorías científicas son simplemente nunca falsificabeis. Isto é, sempre é posíbel engadirlle hipóteses ad hoc a unha teoría para salvala da falsificación. Fica entón incluído un xulgamento de valor no rexeitamento de calquera teoría.

Coherentismo

[editar | editar a fonte]

Ambas indución e falsificación tentan xustificar as afirmacións científicas por referencia a outras afirmacións científicas. Ambas tentan evitar o problema do criterio, no cal calquera xustificación precisa ser á súa vez xustificada, resultando nunha regresión infinita. O argumento da regresión ten sido usado para xustificar un modo de saír da regresión infinita, o fundamentalismo. Este postula que hai algunhas afirmacións básicas que non requiren xustificación. Ambas indución e falsificación son formas de fundamentalismo en tanto que confían en afirmacións básicas que derivan directamente de observacións.

O modo no que as afirmacións básicas se derivan da observación complica o problema. A observación é un acto cognitivo; isto é, está a cargo de nosa comprensión existente, noso conxunto de crenzas. Unha observación dun tránsito de Venus require unha ampla extensión de crenzas auxiliares, como aquelas que describen a óptica dos telescopios, a mecánica da montaxe dos telescopios, e un entendemento de mecánica celeste. Ao primeiro sinal, a observación non parece ser "básica".

O coherentismo ofrece unha alternativa ao afirmalas por seren partes dun sistema coherente. No caso da ciencia, o sistema usualmente tómase como se fose o conxunto completo de crenzas dun individuo ou da comunidade de científicos. W. V. Quine argumentou un concepto coherentista para ciencia. Unha observación do tránsito de Venus xustifícase por ser coherente coas nosas crenzas sobre óptica, montaxe de telescopios e mecánica celeste. Onde esta observación está nas probabilidades de que unha desas crenzas auxiliares será requiridas para quitar a contradición.

A navalla de Occam

[editar | editar a fonte]

A navalla de Occam, ou de Ockham, é outra notábel lapidadora na filosofía da ciencia. William de Ockham suxeriu que se debe optar pola explicación máis simple do fenómeno. Non suxire que sexa certa a máis simple, senón que a "máis simple" moitas veces tórnase máis probábel de ser certa (para entender a natureza do evento despois que aconteceu) en comparación a outra explicación "máis complexa".[8]

A Navalla de Occam usouse normalmente como regra de eliminación para escoller de entre hipóteses igualmente explicativas (isto é, teorías científicas) sobre un ou máis fenómenos observados.

Pois que xeralmente para cada teoría existen un infinito número de variacións que son igualmente válidas coa información actual, aínda que predín diferentes desenvolvementos nalgunhas circunstancias, a Navalla de Occam está implícita en cada instancia da investigación científica. Como exemplo, considere a famosa teoría de Newton "para toda a acción hai unha reacción igual e en sentido contrario". Unha teoría alternativa podería dicir que "para toda a acción hai unha reacción igual e en sentido contrario, excepto en 12 de xaneiro de 2055 cando a reacción terá metade da intensidade". Iso é virtualmente unha adición absurda, viola a Navalla de Occam principalmente porque é unha adición gratuíta, xunto cunha infinidade doutras teorías alternativas. Con certeza sen unha regra como a Navalla de Occam xamais habería algunha xustificación filosófica ou práctica para os científicos avanzaren calquera teoría alén das súas infinitas competidoras, e a ciencia non tería poder preditivo algún.

Alén da Navalla de Occam ser largamente, e filosoficamente comprensíbel, regra de selección extra-evidencial usada, existen agora novos conceptos matemáticos similares baseados na teoría da información que equilibran o poder explicativo coa simplicidade, tales como a inferencia da mínima extensión da mensaxe.

Frecuentemente abúsase da Navalla de Occam e cítase onde é inaplicábel. Non di que a contabilización máis simple teña que ser preferida a pesar da súa incapacidade de explicar resultados anómalos, excepcións, ou outros fenómenos en cuestión. O principio da falsificabilidade require que algunha excepción que poida ser reproducida de forma confiábel debería invalidar a teoría máis simple, e a próxima contabilización máis simple que pode na verdade incorporar a excepción como parte da teoría debería entón ser aceptada primeiro.

Contabilidade social

[editar | editar a fonte]

Infalibilidade científica

[editar | editar a fonte]

Unha cuestión crítica en ciencia é, ata que grao o actual corpo do coñecemento científico pode tomarse como indicador do que é realmente "verdade" a respecto do mundo físico en que vivimos. A aceptación do coñecemento como se fose absolutamente "verdadeiro" e incuestionábel (no sentido da teoloxía ou a ideoloxía) chámase cientificismo.

Entre tanto, é común para os membros do público xeral teren a visión oposta de ciencia — moitas persoas leigas consideran que os científicos están facendo afirmacións infalíbeis. A ciencia serve no proceso de tomada de decisións por consenso por persoas de diversos puntos de vistas éticos e morais veñen para concordaren. Nas sociedades seculares e tecnolóxicas, sen unha concepción máis forte de realidade baseada noutros terreos relixiosos ou morais, a ciencia ver a servir como un árbitro primario. Iso leva ao abuso do diálogo científico para fins políticos ou comerciais.

O interese sobre da gran disparidade entre como científicos traballan, e de como os seus traballos se perciben, levou a campañas públicas a educaren as persoas leigas sobre escepticismo científico e o método científico;

Críticas da ciencia

[editar | editar a fonte]

Paul Feyerabend argumentou que ningunha descrición de método científico pode ser abranxente dabondo para incorporar todos os conceptos e métodos usados polos científicos. Feyerabend obxectou ao método científico prescritivo nos campos que tal método podería sufocar e barrar o progreso científico. Feyerabend afirmou: "o único principio que non inhibe o progreso é: todo vale".[9]

Revisión histórica

[editar | editar a fonte]

Os precursores

[editar | editar a fonte]

Para Aristóteles (-384 --322) a ciencia era coñecemento certo por medio de causas. Esta definición (tendo en conta o amplo concepto de ciencia da antigüidade, diferente do máis restritivo actual) tivo vixencia en Europa occidental durante séculos, ata que foi rexeitada pola nova filosofía natural que nacía nos séculos XVII e XVIII.

A influencia sobre o cristianismo que exerceu a recuperación de Aristóteles á fin do medievo, fixo abrollar o escolasticismo, que lle deu ao mundo a regularidade e uniformidade que necesitaba a ciencia. De xeito que facilitou a ciencia moderna ao soster que o mundo posúe unha orde e é racional, tendo sentido buscar as leis que o rexen.

René Descartes (1596 - 1650) pretendía un coñecemento certo baseado na existencia indubidábel dun suxeito pensante, e avanzar grazas a ideas claras e distintas. O papel da experiencia quedaba nun segundo plano. Non é de estrañar que, no eido da ciencia, os racionalistas destacasen en matemáticas, como o mesmo Descartes ou como Leibniz, creador xunto con Newton do cálculo infinitesimal.

A corrente filosófica iniciada por Francis Bacon (1561 - 1626) propuña un coñecemento da natureza empirista e inductista. Para elixir entre teorías rivais non había que recorrer á argumentación, senón realizar un experimento crucial (instantia crucis) que permitise a selección. David Hume (1711 - 1776), o principal filósofo empirista, subliñou a importancia dos feitos fronte ás interpretacións.

Pero o racionalismo e o empirismo clásicos destacaban excesivamente un dos aspectos da ciencia (a racionalidade ou a experiencia) en detrimento do outro. O idealismo transcendental de Kant (1724 - 1804) tentou unha primeira síntese de ambos os sistemas na que o espazo e o tempo absolutos de Newton se converteron en condicións que impón a nosa mente para poder aprehender o mundo externo.

Dentro da tradición empirista Auguste Comte (1798 - 1857) propuxo unha filosofía, o positivismo, na que a ciencia se reducía a relacionar fenómenos observábeis, renunciando ao coñecemento de causas. Ernst Mach (1838 - 1916) exerceu, co seu empiriocriticismo, unha grande influencia que preparou o nacemento do Círculo de Viena. Mach desenvolveu unha filosofía de orientación empirista centrada nos conceptos e métodos da ciencia. Esta debe estudar só as aparencias (os fenómenos), de forma que intentar estudar algo que non se nos presenta directamente aos sentidos é facer metafísica. Coherente coas súas ideas filosóficas, Mach opúxose ata o final á nova teoría atómica, cuxo obxecto é inalcanzábel á experiencia.

Pierre Duhem (1861 - 1916) afirmou que "toda lei física é unha lei aproximada; polo tanto, seguindo a lóxica estrita, non pode ser nin verdadeira nin falsa; calquera outra lei que represente as mesma experiencias coa mesma aproximación pode pretender, con tanto dereito como a primeira, o título de lei verdadeira, ou, para falar máis exactamente, de lei aceptábel". Aínda así, Duhem opinaba que a medida que a ciencia avanza, vaise achegando progresivamente a unha descrición máis fiel da natureza.

A ciencia como produto da lóxica e a razón

[editar | editar a fonte]

A filosofía analítica

[editar | editar a fonte]

O positivismo do século XIX evolucionou cara á filosofía analítica, un conxunto de correntes estreitamente emparentadas que foron diferenciándose progresivamente. A corrente dedicada ao estudo da ciencia tomou o nome de positivismo lóxico, empirismo lóxico ou, simplemente, neopositivismo. Unha segunda corrente dedicouse fundamentalmente ao estudo da lóxica e as linguaxes, a filosofía da linguaxe, onde destacaron Ludwig Wittgenstein (1889 - 1951), Bertrand Russell (1872 - 1970) e Alfred North Whitehead (1861 - 1947).

Adóitase considerar que a filosofía da ciencia acada a súa idade adulta na década dos vinte coa aparición do Círculo de Viena, no que se encadrou un nutrido grupo de filósofos como Rudolf Carnap (1891 - 1970), Otto Neurath (1881 - 1945), Hans Hahn (1879 - 1934), Kurt Gödel (1906 - 1978) ou Willard V. Quine (1908 - 2000). Hans Reichenbach (1891 - 1953) fundou o Grupo ou Círculo de Berlín, a imitación do de Viena.

O Círculo de Viena propuxo un modelo de ciencia no que esta procede mediante xeneralizacións (indución) a partir dos datos. A visión da ciencia do Círculo de Viena é chamada tamén Concepción herdada ou Concepción Herdada da Ciencia. A idea central do positivismo e do neopositivismo é que a ciencia debe utilizar as teorías como instrumentos para predicir fenómenos observables e debe renunciar a buscar explicacións. A busca de explicacións á función da metafísica, que non é ciencia senón palabrería carente de significado. Así, o neopositivismo presenta unha visión instrumentalista da ciencia. De acordo con estas ideas os integrantes do Círculo defenderon un criterio verificacionista de significado que agrupaba os enunciados en dúas clases:

  • Enunciados con sentido, que son afirmacións que poden comprobarse empiricamente se son verdadeiras ou falsas.
  • Enunciados sen sentido, que son enunciados mal construídos cuxa verdade ou falsedade non pode comprobarse empiricamente. Baseándose neste criterio, o Círculo foi fortemente antimetafísico e antiteolóxico.

Co progreso da ciencia esta comezou o estudo de campos que están máis alá da experiencia, como pode ser a física de altas enerxías ou a física atómica. Nesta situación o criterio empirista de verdade conduciu a moitos problemas, o que levou a diversas matizacións do mesmo. O verificacionismo estrito acabou sendo abandonado e substituído pola contrastación entre proposicións e observacións, o que permite unha confirmación gradualmente crecente das teorías.

A afirmación introducida polo empirismo de que hai datos puros (sen ningún tipo de interpretación nin elaboración) e a positivista de que a ciencia debe utilizar unha linguaxe observacional exento de teoría son especialmente criticadas polos principais filósofos da ciencia desde hai décadas e, na actualidade, o neopositivismo estrito xa non está considerado como viable. Con todo, no seu épouca* exerceu un dominio absoluto na filosofía da ciencia. A súa influencia foi capital e é detectable en moitos filósofos da actualidade.

O falsacionismo

[editar | editar a fonte]

Aínda que Karl Popper (1902 - 1994) tivo nos seus comezos moita relación cos integrantes do Círculo de Viena, desde a súa primeira obra A lóxica da investigación científica (1934) xa se mostrou moi crítico con este. Con todo este traballo tivo moi pouca difusión durante anos, e non foi ata principios da década dos sesenta cando Popper comezou a ser coñecido e valorado.

Fronte ao neopositivismo, Popper cualificou a súa postura de racionalismo crítico. A diferenza do Círculo de Viena, para Popper a ciencia non é capaz de verificar se unha hipótese é certa, pero si pode demostrar se esta é falsa. Por iso non serve a indución, porque por moito que se experimente nunca se poderá examinar todos os casos posibles, e basta cun só contraexemplo para botar por terra unha teoría. Así pois, fronte á postura verificacionista preponderante ata ese momento en filosofía da ciencia, Popper propón o falsacionismo. Aínda que Popper era realista non aceptaba a certeza, é dicir, nunca se pode saber cando o noso coñecemento é certo.

Popper comezou describindo a ciencia, pero na súa evolución filosófica acabou sendo prescriptivo (aínda que sen chegar ao rigor normativo do Círculo), recomendando á ciencia o método hipotético dedutivo. É dicir, a ciencia non elabora enunciados certos a partir de datos, senón que propón hipóteses (que aínda que se baseen na experiencia adoitan ir máis aló desta e predicir experiencias novas) que logo somete ao filtro experimental para detectar os erros.

A reacción

[editar | editar a fonte]

Ata a década dos sesenta prevaleceran as explicacións lóxicas da ciencia. A partir da obra de Thomas Kuhn (1922 - 1996) A estrutura das revolucións científicas houbo un cambio na perspectiva e empezouse a ter en conta os aspectos históricos, sociolóxicos e culturais da ciencia.

Ciencia, historia e revolución científica

[editar | editar a fonte]

As estrutura das revolucións científicas pódese clasificar de descritiva. Apenas dedica espazo a conceptos como verdade ou coñecemento, e presenta a ciencia baixo un enfoque histórico e sociolóxico. As teorías dominantes baixo as que traballan os científicos conforman o que Kuhn chama paradigma. A ciencia normal é o estado habitual da ciencia no que o científico non busca a falsación do paradigma, senón que dá este por asumido e busca a ampliación do mesmo. Se o número ou a importancia de problemas non resoltos dentro dun paradigma é moi grande, pode sobrevir unha crise e cuestionarse a validez do paradigma. Entón a ciencia pasa ao estado de ciencia extraordinaria ou ciencia revolucionariano que os científicos ensaian teorías novas. Se se acepta un novo paradigma que substitúa ao antigo produciuse unha revolución científica. Así éntrase nun período novo de ciencia normal no que se intenta coñecer todo o alcance do novo paradigma.

O novo paradigma non se admite por argumentos lóxicos, polo menos non principalmente. Isto débese a que a visión da natureza que acompaña o novo paradigma non pode compararse baixa ningún elemento común ó do antigo; Kuhn cualifica de inconmensurábeis ambos paradigmas. O novo paradigma admítese de forma xeneralizada cando os científicos do antigo paradigma van sendo substituídos.

Programas de investigación científica

[editar | editar a fonte]

Lakatos (1922 - 1974) intentou adaptar o sistema de Popper á nova situación creada por Kuhn. O seu intención era realizar unha reconstrución racional da historia da ciencia, mostrando que esta progresaba de modo racional. A historia da ciencia mostra que esta non avanza só falseando teorías con feitos, hai que ter en conta a competencia entre teorías e a confirmación de teorías. Por iso substitúe o falsacionismo inxenuo de Popper por un falsacionismo sofisticado. Na realidade a ciencia non avalía unha teoría illada, senón un conxunto delas que conforman o que Lakatos chama programa de investigación científica. Un programa de investigación rexéitase ao completo cando se dispoña dun substituto superior, que explique todo o que explicaba o anterior máis outros feitos adicionais. Lakatos recoñece que a dificultade deste esquema radica en que, na práctica, pode custar levalos a cabo, ou ata ser inaplicable en programas de investigación moi complexos.

Pluralismo metodolóxico

[editar | editar a fonte]

Paul K. Feyerabend (1924 - 1994) afirmou que unha metodoloxía científica universalmente válida é un contrasentido, que non poden ditarse normas á ciencia para o seu desenvolvemento. Criticou acedamente o cientifismo por ser "castelos no aire" e como alternativa propuxo un anarquismo epistemolóxico. Posto que non hai coñecementos certos e non se sabe que paradigmas dominarán a ciencia do futuro, descartalos agora supón pechar portas ao mañá.

Correntes actuais

[editar | editar a fonte]

É extremadamente complexo (e, posiblemente, aínda falta algo mais de perspectiva temporal) presentar un panorama completo da filosofía da ciencia dos últimos trinta ou trinta e cinco anos. Así como todos os autores anteriores xa morreron, a maioría dos que veñen a continuación non. Aquí intentarase presentar un bosquexo da gran variedade de enfoques actuais mais tendo en mente que, dentro de poucos anos, algunhas das correntes mencionadas poden pasar ao esquecemento, e que salienten outros pensadores que hoxe en día teñen unha repercusión menor.

Así como anteriormente se podía falar do "método" da ciencia, o gran desenvolvemento de moitas disciplinas científicas fixo que os filósofos da ciencia comecen a falar de "os métodos", xa que non é posible identificar un método único e universalmente válido. A idea herdada da física clásica de que todo é reducible a expresións matemáticas cedeu terreo ante situacións novas como a Teoría do caos ou os avances da bioloxía. Doutra banda desapareceron cuestións que chegaron a cubrir centos de páxinas e xeraron grandes controversias. Talvez o caso máis flagrante sexa o do problema da demarcación, centrado na distinción (demarcación) entre ciencia e outros coñecementos non científicos. Practicamente o tema desaparece despois de Popper.

Estruturalistas

[editar | editar a fonte]

A parte da coincidencia de nome, o programa estruturalista de reconstrución das teorías non ten nada que ver co estruturalismo iniciado pola análise lingüística proposta por Saussure. En filosofía da ciencia o estruturalismo naceu a partir da publicación en 1971 do libro A estrutura lóxica da física matemática (Joseph D. Sneed, 1938) como unha síntese do aparello formal do racionalismo crítico e do empirismo lóxico coa corrente historicista da ciencia. O estruturalismo foi reelaborado e divulgado por Wolfgang Stegmüller (1923 - 1991) e C. Ulises Moulines (1946).

A característica máis destacada destas reconstrucións é o seu concepto de teoría científica como unha estrutura, de aí o nome desta proposta metodolóxica. Xunto coas restricións empíricas, unha teoría consta dunha estrutura conceptual e dun ámbito de aplicación. Posto que as teorías non se presentan illadas senón interrelacionadas tamén é necesario estudar as relacións entre teorías, as redes cheóricas*. Entre estas relacións atopamos a de redución, talvez a máis destacada polo seu papel na unidade da ciencia. Malia as múltiples teorías que poidan coexistir para explicar os mesmos feitos, a unidade ontolóxica da ciencia pode salvarse se todas elas son redutibles a unha soa teoría (ou a unhas poucas non inconmensurables entre si). Esta relación interteorética desempeña un papel fundamental, por exemplo, no traballo dos físicos na súa busca Teoría do todo.

Moulines propón unha definición recursiva da filosofía da ciencia como teorización sobre teorizacións, cuxa epistemoloxía non é descritiva nin prescritiva, senón interpretativa. As teorías da ciencia son construcións culturais, mais iso non implica que a filosofía da ciencia sexa substituída por unha socioloxía da ciencia.

Filosofía da ciencia naturalizada

[editar | editar a fonte]

Para Ronald N. Giere (1938) o propio estudo da ciencia debe ser tamén unha ciencia: "A única filosofía da ciencia viable é un filosofía da ciencia naturalizada". Isto é así porque a filosofía non dispón de ferramentas apropiadas para o estudo da ciencia en profundidade. Giere suxire, pois, un reducionismo no sentido de que para el a única racionalidade lexítima é a da ciencia. Propón o seu punto de vista como o inicio dunha disciplina nova, unha epistemoloxía naturalista e evolucionista, que substituirá á filosofía da ciencia actual.

Larry Laudan (1941) propón substituír o que el denomina modelo xerárquico de toma de decisións polo modelo reticulado de xustificación. No modelo xerárquico os obxectivos da ciencia determinan os métodos que se utilizarán, e estes determinan os resultados e teorías. No modelo reticulado tense en conta que cada elemento inflúe sobre os outros dous, a xustificación flúe en todos os sentidos. Neste modelo o progreso da ciencia está sempre relacionado co cambio de obxectivos, a ciencia carece de obxectivos estables.

Realismo fronte a empirismo

[editar | editar a fonte]

O debate sobre o realismo da ciencia non ó novo, pero na actualidade inda está aberto. Bas C. Van Fraasen (1941), empirista e un dos principais opoñentes do realismo, opina que todo o que se require para a aceptación das teorías á a súa adecuación empírica. A ciencia debe explicar o observado deducíndoo de postulados que non necesitan ser verdadeiros máis que naqueles puntos que son empiricamente comprobables. Chega a dicir que "non hai razón para afirmar sequera que existe unha cousa tal como o mundo real". É o empirismo construtivo, para o que o decisivo non é o real, senón o observable.

Laudan e Giere presentan unha postura intermedia entre o realismo e o subxectivismo estritos. Laudan opina que é falso que só o realismo explique o éxito da ciencia. Giere propón que hai ciencias que presentan un alto grao de abstracción, como a mecánica cuántica, e utilizan modelos matemáticos moi abstractos. Estas teorías son pouco realistas. As ciencias que estudan fenómenos naturais moi organizados como a bioloxía molecular utilizan teorías moi realistas. Por iso non se pode utilizar un criterio uniforme de verdade científica.

Rom Harré (1927) e o seu discípulo Roy Bhaskar (1944) desenvolveron o realismo crítico, un corpo de pensamento que quere ser o herdeiro da Ilustración na súa loita contra os irracionalismos e o racionalismo reducionista. Destacan que o empirismo e o realismo conducen a dous tipos diferentes de investigación científica. A liña empirista busca novas concordancias coa teoría, mentres que a liña realista intenta coñecer mellor as causas e os efectos. Isto implica que o realismo é máis coherente cos coñecementos científicos actuais.

Dentro da corrente racionalista de oposición ao neopositivismo atopamos a Mario Bunge (1919). Analiza os problemas de diversas epistemoloxías, desde o racionalismo crítico popperiano ata o empirismo, o subxectivismo ou o relativismo. Bunge é realista crítico. Para el a ciencia é falibilista (o coñecemento do mundo é provisional e incerto), pero a realidade existe e é obxectiva. Ademais preséntase como materialista , pero para eludir os problemas desta doutrina apostila que se trata dun materialismo emerxentista.

Socioloxía da ciencia

[editar | editar a fonte]

Robert K. Merton (1910 - 2003) considérase o fundador da socioloxía da ciencia nos anos corenta, logo moi influído polos traballos de Kuhn, 'A estrutura das revolucións científicas', 1962 e 1969. A achega básica para a filosofía da ciencia foi introducir o termo paradigma como supostos teóricos xerais: leis máis técnicas nunha comunidade científica determinada, onde un antigo paradigma é total ou en parte substituído, denominándose revolución científica este proceso e o cambio non é de forma acumulativa, senón paradigmático. O capítulo IX desenvolve os conceptos. A primeira edición foi ampliada en 1969. A primeira socioloxía distinguía uns factores internos da propia ciencia (metodoloxía, obxectivos...) que eran independentes doutros factores externos (sociolóxicos, políticos...) non pertencentes á ciencia. Pero a socioloxía da ciencia actual prescinde desta distinción. David Bloor (1913) e Barry Barnes son os principais expoñentes. Afirman que os científicos son persoas que se poden ver tan afectadas polos factores sociolóxicos que debemos pensar que todas as crenzas son igualmente problemáticas.

Bruno Latour (1947) e Steve Woolgar propoñen un concepto antropolóxico da ciencia e, xa que logo, o seu estudo por esta disciplina. Consideran que o compoñente social do coñecemento científico é a única parte da ciencia suficientemente relevante para a estudar.

Notas

  1. "Filosofia da Ciência: origem, resumo e principais filósofos". Toda Matéria (en portugués). Consultado o 2023-08-22. 
  2. "The philosophy of science - Understanding Science" (en inglés). 2022-04-18. Consultado o 2023-08-22. 
  3. Dennett, Daniel. (1995) Darwin's Dangerous Idea.
  4. Winsberg, Eric (2006-09-01). "Models of Success Versus the Success of Models: Reliability without Truth". Synthese (en inglés) 152 (1): 1–19. ISSN 1573-0964. doi:10.1007/s11229-004-5404-6. 
  5. "Critical Argument and Writer Identity: Social Constructivism as a Theoretical Framework for EFL Academic Writing". www.semanticscholar.org. Consultado o 2023-08-22. 
  6. "Darwin's Dangerous Idea: Evolution and the Meaning of Life". National Book Foundation (en inglés). Consultado o 2023-08-22. 
  7. Popper, Karl Raimund (2002). The Logic of Scientific Discovery (en inglés). Psychology Press. ISBN 978-0-415-27844-7. 
  8. "Occam's razor". Dictionary.com (en inglés). 2023-08-21. Arquivado dende o orixinal o 10 de maio de 2020. Consultado o 2023-08-22. 
  9. Preston, John (2009). Zalta, Edward N., ed. Paul Feyerabend (Winter 2009 ed.). Metaphysics Research Lab, Stanford University. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]
Parte da "Escola de Atenas", por Rafael Sanzio
Historia da
filosofía occidental
Períodos
Presocrática
Grega
Helenística
Medieval
Renacentista
Moderna
Contemporánea
Séculos
XVII
XVIII
XIX
XX

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • Snyder, Paul, Toward One Science: The Converxence of Traditions, St Martin's Press, 1977, cloth ISBN 0-312-81011-3, paper ISBN 0-312-81012-1.
  • Van Fraassen, Bas C., The Scientific Image, Oxford: Clarendon Press, 1980, ISBN 0-19-824427-4.
  • Boyd, R.; Paul Gasper; j. D. Trout, Ed. (1991) The Philosophy of Science. Cambridge, Massachusetts, Blackwell Publishers.
  • Harre, R. (1972) The Philosophies of Science: An Introductory Survey. London, Oxford University Press.
  • Klemke, E. et. al. Ed. (1998). Introductory Readings in The Philosophy of Science. Amherst, Nova York, Prometheus Books.
  • Losee, j. (1998). A Historical Introduction to The Philosophy of Science. Oxford, Oxford University Press.
  • Pap, A. (1962). An Introduction to the Philosophy of Science. Nova York, The Free Press.
  • Papineau, D. Ed. (1997). The Philosophy of Science. Oxford Readings in Philosophy. Oxford, Oxford University Press.
  • Rosenberg, A. (2000). Philosophy of Science: A Contemporary Introduction. London, Routledge.
  • Salmon, M. H. et. al. (1999). Introduction to the Philosophy of Science: A Text By Members of the Department of the History and Philosophy of Science of the University of Pittsburgh. Indianapolis, Hacket Publishing Company.
  • Newton-Smith, W. H. Ed. (2001). A Companion To The Philosophy of Science. Blackwell Companions To Philosophy. Malden, Massachusetts, Blackwell Publishers.

Outros artigos

[editar | editar a fonte]
Teóricos da filosofía da ciencia
Temas de filosofía da ciencia

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]