Thomas Kuhn

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Thomas Kuhn
Nacemento18 de xullo de 1922
Lugar de nacementoCincinnati
Falecemento17 de xuño de 1996
Lugar de falecementoCambridge
Causacancro de pulmón
NacionalidadeEstados Unidos de América
EtniaPobo xudeu
Alma máterUniversidade Harvard, Universidade Harvard, Universidade Harvard, Hessian Hills School, Taft School e Universidade Harvard
Ocupaciónfísico, historiador da ciencia, filósofo da ciencia e profesor universitario
CónxuxeJehane Barton Burns e Kathryn Muhs
Coñecido porA Estrutura das Revoluções Científicas e The Copernican Revolution
PremiosBolsa de estudos Guggenheim, John Desmond Bernal Prize, Medalha George Sarton e doutor honoris causa pola Universidade de Padua
Na rede
Bitraga: 1013 WikiTree: Kuhn-4395
editar datos en Wikidata ]

Thomas Samuel Kuhn, nado o 18 de xullo de 1922 e finado o 17 de xuño de 1996, foi un físico e filósofo natural dos Estados Unidos de América cuxo traballo incidiu sobre a historia e filosofía da ciencia, tornándose un marco importante no estudo do proceso que leva ao desenvolvemento científico.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Thomas Kuhn naceu en Cincinnati, Ohio, o 18 de xullo de 1922. Estudou a carreira de física na Universidade Harvard, e obtivo o doutoramento en 1949. Ata entón, tivera pouco contacto coa filosofía, xa que a súa carreira era a física e, segundo el, a segunda guerra mundial exercía unha enorme presión para iniciar carreiras científicas, e un gran desprezo en relación ás materias humanísticas. Pero a partir do seu doutoramento o seu interese orientouse cara ao estudo da Historia da Ciencia, ao que se dedicou por completo.

Permaneceu en Harvard coma profesor axudante de Historia da Ciencia, e foi aquí onde preparou un curso de ciencias para non científicos, no que por primeira vez, utilizou exemplos históricos de progresos científicos. Desa experiencia, Kuhn puido percibir que a ciencia, nunha perspectiva histórica, era moi diferente da presentada nos textos de física ou mesmo de filosofía da ciencia.

En 1956, aceptou unha oferta da Universidade de Berkeley, California, onde pasou a ocupar a Cátedra de Historia da Ciencia a partir de 1961. En Berkeley, escribiu e publicou o libro Estrutura das Revolucións Científicas, e aínda que xa publicara un primeiro libro en 1957, A Revolución Copernicana, e un segundo en 1961, A función da medida na física moderna, foi o terceiro libro o que o tornou recoñecido, máis coma un intelectual volvendo cara a Historia e Filosofía da Ciencia, ca coma o físico que era.

En 1964 ocupou a Cátedra de Historia da Ciencia na Universidade de Princeton ata 1979, ano no que pasou a se instalar en Boston, ocupando a Cátedra de Filosofía e Historia da Ciencia do Instituto de Tecnoloxía de Massachusetts (MIT) ata 1991. Tres anos despois, en 1994, foille diagnosticado un cáncer bronquial do cal morreu o 17 de xuño de 1996 na súa casa de Cambridge, Massachusetts.

O pensamento de Kuhn[editar | editar a fonte]

Thomas S. Kuhn ocupouse principalmente do estudo da historia da ciencia, no que mostra un contraste entre dúas concepcións da ciencia:

  • Por un lado, a ciencia entendida coma unha actividade completamente racional e controlada. (Enfoque formalista).
  • Por outro lado, a ciencia entendida coma unha actividade concreta que se veu dando ao longo do tempo e que en cada época histórica presenta peculiaridades e características propias. (Enfoque historicista).

Este contraste plásmase na obra A Estrutura das Revolucións Científicas,que ocasionou o chamado xiro histórico-sociolóxico da ciencia, unha revolución na reflexión acerca da ciencia ao considerar propios desta os aspectos históricos e sociolóxicos que rodean a actividade científica, e non só os lóxicos e empíricos, como defendía o modelo formalista.

Enfoque historicista[editar | editar a fonte]

Segundo o enfoque historicista de Kuhn, a ciencia desenvólvese seguindo determinadas fases:

  1. Establecemento dun paradigma.
  2. Ciencia normal.
  3. Crise.
  4. Revolución científica.
  5. Establecemento dun novo paradigma.
  1. A noción de paradigma resulta fundamental neste enfoque historicista e non é máis ca unha macroteoría, un marco ou perspectiva que se acepta de forma xeral por toda a comunidade científica e a partir do cal se realiza a actividade científica, que ten como obxectivo aclarar os posibles fallos do paradigma ou extraer todas as súas consecuencias.
  2. A ciencia normal é o período durante o cal se desenvolve unha actividade científica baseada nun paradigma. Esta fase ocupa a maior parte do tempo da comunidade científica porque adoitan traballar para mostrar ou poñer a proba a solidez do paradigma no que se basean.
  3. Pero, en ocasións, o paradigma non é capaz de resolver todos os problemas, os cales poden persistir ao longo de anos ou incluso séculos. Nese caso, o paradigma ponse en cuestión e comézase a considerar se é o marco máis adecuado para a resolución de problemas ou se debe ser abandonado. Entón é cando se entra nunha crise, que ademais supón a proliferación de novos paradigmas que compiten entre si tratando de impoñerse coma o enfoque máis adecuado.
  4. Finalmente prodúcese unha revolución científica cando un dos novos paradigmas substitúe ao paradigma tradicional. Trala revolución, o ciclo empeza de novo e o paradigma que foi instaurado dá pé a un novo proceso de ciencia normal.

Desta maneira, o enfoque historicista dá importancia a factores subxectivos que anteriormente foran pasados por alto á hora de explicar o proceso de investigación científica. Kuhn mostra que a ciencia non é só un contraste entre teorías e realidade, senón que hai diálogo, debate, tensións e ata loitas entre os defensores de distintos paradigmas. E é precisamente nese debate ou loita onde se demostra que os científicos non son absolutamente racionais, non poden ser obxectivos, pois non lles é posible afastarse de todos os paradigmas e comparalos de forma obxectiva, senón que sempre están inmersos nun e interpretan o mundo conforme ao mesmo paradigma. Isto demostra que na actividade científica inflúen tanto intereses científicos (ex: a aplicación práctica dunha teoría), coma subxectivos, como por exemplo, a existencia de colectividades ou grupos sociais a favor ou en contra dunha teoría concreta, ou a existencia de problemas éticos, de tal maneira que a actividade científica vese influenciada polo contexto histórico-sociolóxico no que se desenvolve. Así, os historicistas, ao contrario que os formalistas, dan máis importancia tanto ao suxeito que leva a cabo a investigación, coma ao contexto histórico e sociolóxico no que está inmerso.

Inconmensurabilidade[editar | editar a fonte]

Na súa obra A Estrutura das Revolucións científicas, Kuhn introduce ademais a noción de inconmensurabilidade dos paradigmas que se refire á incapacidade de comparar as teorías entre si. Segundo Kuhn, os paradigmas poden ter diferenzas de tres tipos:

Estas diferenzas entre paradigmas marcan que son incomparables, pois non existe unha linguaxe común e neutral que adapte unha teoría a outra. Neste momento non se pode dicir que un paradigma é mellor ou peor ca outro, pero o avance da ciencia irá determinando a incompatibilidade entre eles ata que un acabe dominando sobre o outro, dando lugar a unha nova revolución científica.

Obra[editar | editar a fonte]

  • A revolución copernicana: a astronomía planetaria no desenvolvemento do pensamento occidental, 1957.
  • A función da medida na física moderna, 1961.
  • A estrutura das revolucións científicas, 1962. Traducida ao galego no 2000, publicada pola Universidade de Vigo.
  • A función do dogma na investigación científica, 1963.
  • Postdata, 1969.
  • A tensión esencial, 1977.
  • A teoría do corpo negro e a descontinuidade cuántica, 1987.
  • O camiño da estrutura, 1990.
  • O problema coa filosofía da historia e da ciencia, 1992.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]