Clasificación tipolóxica do hórreo galego

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

A gran diversidade xeográfica de Galicia propicia unha enorme variedade formal na súa arquitectura. Desta variedade nacen múltiples tipos arquitectónicos que teñen áreas de distribución con límites imprecisos ou que se interpenetran. Por todo isto as diferentes variedades tipolóxicas do hórreo non teñen unha correspondencia clara coas comarcas. A seguinte clasificación dos tipos de hórreo é a empregada por Ignacio Martínez Rodríguez, único autor que afondou no seu estudo tipolóxico.[1] Está ordenada segundo as localidades nas que se dan as súas características definitorias. Este mesmo autor ten identificado tres tipoloxías de hórreos de albanelaría, ás que el chamou hórreo tipo Lugo, tipo Cedeira e tipo Carballo. Prescíndese aquí dos tipos de albanelaría por non corresponderen cos modos tradicionais de construír.

Clasificación[editar | editar a fonte]

Tipos primitivos[editar | editar a fonte]

Cabazo.
  • Hórreo de corres: Atopámolo con maior densidade nas vertentes das serras de Faro e de Farelo, entre os ríos Ulla e Miño. É mencionado aquí por ser considerado o antecedente máis primitivo do actual hórreo galego-portugués. Porén entre o hórreo de corres e o hórreo galego hai diferenzas cualitativas tan substanciais que forzosamente hai que consideralos tipoloxías distintas. A cámara rectangular do hórreo galego é, con toda probabilidade, resultado da elongación do cesto de varas troncocónico que constitúe o corpo do hórreo de corres. É empregado tamén como hórreo complementario en anos de colleitas abondosas.

Tipos de madeira[editar | editar a fonte]

Hórreo mariñán.
  • Hórreo mariñán: A súa área de distribución coincide aproximadamente coas cuncas dos ríos Barcés, Mero, Mandeo e Mendo. É polo xeral de pequeno tamaño. A súa cámara, estreita e alta, descansa sobre cepas de cachotería en seco e está pechada lateralmente por doelas verticais de madeira, e cuberta por un teito de tella a dúas augas e pouco beiril. Normalmente ten unha soa porta no centro dun costal e non leva terminais, salvo nos máis elaborados.
Piorno.
  • Hórreo tipo palleira ou piorno: Esténdese por unha extensa área delimitada por unha liña que, pasando por Taboada, Chantada e Os Peares, une o fondo dos vales dos ríos Ulla e Limia, englobando toda a provincia de Pontevedra e parte das de Ourense e Lugo. Convive con outras tipoloxías de hórreo. É tamén de pequeno tamaño. Ten unha cámara máis ancha e menos alta que as anteriores, que descansa sobre esteos de pedra con rateiras individuais. O teito, de tella a dúas augas e con bastante beiril, non leva terminais, salvo excepcións. Polo xeral ten unha soa porta, que pode ir nun penal o no centro dun costal.
Hórreo tipo Salnés.
  • Hórreo tipo Salnés: A súa área de distribución está entre os ríos Umia e Lérez, a partir de Caldas de Reis e ata a altura de Meaño. Ten unha cámara máis baixa, máis ancha e máis longa que as anteriores tipoloxías, que descansa sobre esteos paralelepipédicos con rateiras individuais cilíndricas e de bases planas. O teito de tella, con pouca pendente e sen terminais, forma bastante beiril sobre os catro lados. A porta sitúase no centro do costal ou ben lixeiramente descentrada.
Hórreo bergantiñán.
  • Hórreo bergantiñán: A súa área de distribución é moi reducida, dentro da comarca de Bergantiños, na cal convive con outras tipoloxías propias de áreas limítrofes. É un hórreo de cámara ancha, curta e alta. A suspensión é alta, constituída por cepas de cachotería con rateiras rectangulares. Os costais están constituídos por doelas verticais de madeira. O teito, de tella a dúas augas, ten pouco beiril e non leva terminais, salvo excepcións. A porta sitúase nun penal e accédese a ela por un patín de pedra que non chega á altura da cámara.

Tipos especiais[editar | editar a fonte]

Hórreo tipo Cabanas.
  • Hórreo tipo Cabanas: A súa área de distribución abarca un territorio delimitado pola liña que une a ría de Ortigueira con As Pontes de García Rodríguez e continúa ao longo do val do río Eume ata Pontedeume. A súa cámara é un pouco máis baixa e máis ancha que o mariñán. A suspensión é baixa, sobre cepas de cachotería en seco, moitas veces sobre cepa maciza, con rateiras de granito ou xisto. A cámara é de madeira e está pechada por doelas verticais unidas por faixas horizontais. O teito adoita ser de xisto a catro augas, coas arestas reforzadas con tella cerámica e sen terminais. A porta é única e vai nun dos penais.
Hórreo tipo Vilalba.
  • Hórreo tipo Vilalba: Espállase por unha área delimitada pola serra da Cova da Serpe, a serra da Loba, o río Eume e o río Miño, na que se atopa con pouca densidade. É pequeno e ten unha cámara moi estreita e alta. A suspensión é alta, ou ben sobre dúas cepas ou ben sobre cepa maciza, con rateiras de xisto. As doelas son verticais e están cinguidas por unha faixa horizontal. O teito é de xisto a dúas augas con pouco beiril sobre os lados longos e moito sobre os curtos, nos cales é corrente que forme unha pequena galería que da acceso á porta de entrada no penal.
Hórreo tipo Tui.
  • Hórreo tipo Tui: Tipoloxía de pouca difusión, esténdese pola beira dereita do Miño á altura de Tui, coexistindo con outras tipoloxías. Ten unha cámara algo máis ancha que o mariñán. A suspensión é baixa sobre grosos esteos cadrados e rateiras que os cobren por parellas. As paredes son de doelas horizontais. O teito é de tella curva a dúas augas. Ás veces prolóngase nun groso beiril sobre o costal que leva a porta e aínda máis sobre os penais. Non leva terminais.

Tipos mixtos[editar | editar a fonte]

Hórreo tipo Carral.
  • Hórreo tipo Carral: A súa área de uso esténdese ao longo dun óvalo que vai dende Carral polo norte a Sigüeiro polo sur. A súa cámara é bastante ancha e adoita ter moita capacidade. Vai sobre dúas cepas grosas e altas de cachote en seco situadas nos extremos con rateiras rectangulares de xisto. Os penais son de cachotería revocada e rematan en pinche sen sobrepenas nin terminais. Os costais son de doelas verticais cinguidos por unha faixa. O teito é de tella curva a dúas augas, con beiril acusado nos costais e leve nos penais. A porta vai no centro do costal, pero non hai escaleira de fábrica.
Hórreo tipo Carballo.
  • Hórreo tipo Carballo: Coincide na extensión e nas características co hórreo bergantiñán, salvo en que os penais están feitos de pedra de cachote revocada e branqueada, como prolongación vertical das cepas extremas. Ten unha cámara moi ancha e alta Os costais son de madeira e van divididos en tramos por unha parella de peóns de pedra sobre cada cepa. As doelas son verticais e van unidas por varias faixas. O teito, de tella a dúas augas, ten pouco beiril e remátase nos penais con sobrepenas de pouco grosor adornadas con terminais. A porta vai nun dos lados menores e accédese a ela por unha escaleira de fábrica.
Hórreo tipo Mondoñedo.
  • Hórreo tipo Mondoñedo: A súa área de extensión percorre a franxa costeira cantábrica dende a ría de Ortigueira ata Cadavedo, en Asturias, internándose ata abarcar Pol e Mondoñedo. É semellante ao tipo Carral, salvo no remate dos penais, que neste caso é en beiril horizontal, por mor da división da cuberta en catro augas. Os costais son de doelas verticais con faixa horizontal. Repousa sobre dúas cepas de cachotería en seco, revocadas e branqueadas, de considerable altura, rematadas por rateiras de xisto. O teito é de xisto con pouco beiril e leva a arestas reforzadas por tella cerámica. Leva terminais de forma piramidal moi característica e en número notable. A porta vai sobre un dos penais.
Hórreo tipo Mahía.
  • Hórreo tipo Mahía: Esténdese ao longo dunha ampla e irregular área delimitada por unha liña que, aproximadamente, une Santa Comba, Ordes, Palas de Rei, segue o río Ulla, sobe polo río Deza ata Silleda, A Estrada, Caldas de Reis, Catoira, Rianxo e Negreira. É estreito e longo e ten unha suspensión baixa sobre cepas baixas de perpiaño, con frecuencia sobre zócolo. A cámara vai sobre unha lastra de granito que fai as veces de rateira ou ben sobre vigas e grade de madeira. Os costais están compostos de doelas verticais cunha ou dúas faixas horizontais entre cambetas de pedra, os penais son de cantería e van rematados por sobrepenas. O teito é de tella a dúas augas sen terminais.
Hórreo tipo Pontevedra.
  • Hórreo tipo Pontevedra: A súa área de expansión é a que queda dentro da liña que une Catoira, A Estrada, Os Peares, Baños de Molgas e o río Limia, continuando logo ata a fronteira polo Lindoso portugués. É un hórreo estreito e longo con suspensión baixa a base de grosos esteos cuadrangulares rematados por rateiras individuais. Sobre as rateiras descansa unha grade composta por carreiras de pedra. Os penais, de cantería, están fendidos e cubertos de sobrepenas rematados por terminais. Os costais están divididos por peóns colocados sobre as carreiras na mesma vertical que os esteos. Dous deles fan de xambas á porta, que vai no centro. O teito é de tella a dúas augas.
Hórreo tipo O Pino.
  • Hórreo tipo O Pino: Ten unha área de extensión moi reducida, entre os ríos Tambre e Ulla, asimilable a unha elipse cuxo eixo maior fose unha liña de leste a oeste entre Arzúa e Santiago de Compostela. E moi ancho e corto. Ten suspensión elevada, ou ben sobre dúas cepas de cachote ou ben pechando con táboas o espazo entre eles e creando baixo o hórreo un alpendre en U. A cámara é de madeira con doelas verticais, que algunhas veces deixa os penais de cachotería tamén. O teito é de tella a dúas augas, ás veces de tres. A porta vai no penal, e moitas veces accédese a ela a través dunha galería cuberta pola prolongación do beiril sobre o penal e gardada por unha balaustrada.

Tipos de pedra[editar | editar a fonte]

Hórreo tipo Ribadeo.
  • Hórreo tipo Ribadeo: Esténdese pola franxa costeira entre Viveiro e Navia, abarcando Lourenzá e Vegadeo. É ancho e moi alto, con dous ou tres andares especializados en diferentes funcións. Descansa sobre un celeiro de dimensións iguais ou maiores que a cámara. Esta ten paredes de cachotería de xisto frecuentemente revocada e caleada por fora. As paredes están perforadas por numerosos bufarros abucinados dispostos en varias series horizontais, normalmente tres. O teito é de xisto e a catro augas, con beiril escaso, e vai rematado por numerosos terminais piramidais. O acceso a cada unha das cámaras faise por portas exteriores situadas nun dos costais ás que se accede por unha escaleira de fábrica.
Hórreo tipo San Pedro de Visma.
  • Hórreo tipo San Pedro de Visma: Esténdese por unha estreita zona entre os concellos da Coruña, Arteixo e A Laracha. É ancho, baixo e grande. Está soportado por un celeiro de cachotería de igual tamaño que a cámara. As paredes desta son de perpiaños en fieiras horizontais, entre os cales quedan sen pechar as fendas de ventilación, ou ben mediante a interposición de forras de pedra ou ben mediante o rebaixe das caras superior e inferior dos perpiaños. O teito é de tella a dúas augas con pouco beiril. Sobre os pinches hai sobrepenas que rematan o tellado e fan de soporte aos terminais, cando os hai.
Hórreo tipo Coristanco.
  • Hórreo tipo Coristanco: Esténdese por unha pequena zona entre Ponteceso e Carballo, a ambas as beiras do río Anllóns. Sopórtao un celeiro de cachotería que moitas veces se transforma en zócolo sobre o que descansan un esteos moi curtos. A cámara está constituída por perpiaños horizontais de escasa altura separados por forras. A rateira é unha cornixa continua cando hai celeiro e circulares individuais cando hai esteos. O teito é de tella curva e pouco beiril, e remata contra os pinches baixo as sobrepenas, que soportan os terminais. As portas van no costal.
Hórreo tipo Fisterra.
  • Hórreo tipo Fisterra: A súa zona está delimitada por unha liña que une Ponteceso con Santa Comba e Carnota. É estreito e alto. Descansa sobre esteos non moi altos que dormen sobre un zócolo de cachotería e están rematados por rateiras circulares e convexas de pouco grosor. Os costais érguense sobre carreiras lonxitudinais, sobre as cales se dispoñen varias fieiras de perpiaños de pouco canto. O teito, de tella curva a dúas augas e pouco beiril, encóntrase cos pinches baixo as sobrepenas, que soportan os terminais.
Hórreo tipo Noia.
  • Hórreo tipo Noia: Esténdese pola zona costeira delimitada polo río Xallas e o Ulla. E longo e estreito. A suspensión é de esteos baixos de pedra sen zócolo e cuadrangulares. As rateiras son circulares, máis grosas e de caras planas. Os costais están compostos por fieiras de perpiaños horizontais rebaixados nos seus leitos. O teito é de tella curva con pouco beiril e remata nos pinches baixo sobrepenas coroados por terminais.
Hórreo tipo Morrazo.
  • Hórreo tipo Morrazo: Ocupa a área costeira entre o Miño e o Salnés. É estreito e longo, de anchura variable. Ten suspensión baixa, sobre esteos coroados por rateiras circulares non sempre individuais. As catro paredes están compostas de pezas de pedra verticais que descansan sobre as carreiras. Nos penais unhas pezas triangulares forman os pinches. Tales pezas verticais ou ben teñen sección cadrada e van colocadas coas arestas en contacto, ou ben son o resultado de rebaixar grandes pezas de cantería ata abrir nelas fendas verticais, que ás veces respectan unha faixa horizontal a media altura. O teito é de tella curva a dúas augas. As paredes menores fan pinche con sobrepenas e terminais. A porta vai nun dos costais, sen escaleira de fábrica, e sobre ela en ocasións érguese un frontispicio que se eleva formando un pinche transversal.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. MARTÍNEZ RODRÍGUEZ, I. (1975). El hórreo gallego. Fundación Pedro Barrié de la Maza. A Coruña. ISBN 84-85728-00-9. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • MARTÍNEZ RODRÍGUEZ, I. (1975). El hórreo gallego. Fundación Pedro Barrié de la Maza. A Coruña. ISBN 84-85728-00-9.