Hórreo de corres

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Hórreo de corres en Palas de Rei.

Un hórreo de corres é un tipo de hórreo empregado en Galicia e norte de Portugal, menos elaborado que o hórreo galego ou que o asturiano. Comprende pequenos celeiros portátiles lixeiros, feitos de materiais vexetais.

Características[editar | editar a fonte]

Os hórreos de corres están formados por un corpo de paredes de caínzo cuberto por un pequeno teito de xesta ou colmo chamado corucho. O caínzo é un tecido de vergas ou bravádegos de castiñeiro ou de corres de vimbio ou acacia.

Este corpo de caínzo é soportado por unha grade ou bastidor de madeira que descansa sobre catro pés de madeira ou de pedra de feitura basta, ou dunha cepa. O chan é de táboas. Na grade encaixan unhas varas grosas coas que se tecen varas de grosor menor canto máis altas, e que lle van dando forma redondeada, de tronco de cono invertido. O corpo resultante ten na parte baixa unha pequena portiña corredía de apertura vertical. Os casos máis elaborados teñen planta rectangular estreita e paredes verticais, cunha portiña de acceso no lado máis curto, que resulta da adaptación serodia do tipo circular en imitación das formas do hórreo galego.

Estes canastros cóbrense cunha cuberta que é de vertentes planas cando o hórreo é de planta rectangular, ou cónica se é circular. A cuberta retírase para enchelo, botando dentro a colleita pola parte de arriba. Os de maior tamaño, para evitar retirar a cuberta, levan na parte alta unha portiña máis grande que a inferior.[1]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Lorenzo Fernández, X. A casa. Galaxia. Vigo, 1995. ISBN 84-7154-956-5.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]