Hórreo tipo O Pino

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Hórreo tipo O Pino en Vilachá, Pereira, O Pino.

O hórreo tipo O Pino é un tipo de hórreo galego que se presenta ao longo dunha área bastante reducida ao sur da provincia da Coruña, delimitada por un óvalo deitado que abrangue dende Arzúa ata Santiago de Compostela no seu eixo maior. Convive con outras tipoloxías de madeira e mixtas.[1]

Características[editar | editar a fonte]

Morfoloxía[editar | editar a fonte]

É un hórreo de planta cuadrangular, moi ancho en relación á súa lonxitude. A suspensión é elevada, con tendencia a pechar o espazo inferior da cámara. Preséntanse tres casos diferentes:

  • Ás veces a suspensión está formada por dúas cepas altas e grosas, cun dos lados longos pechado por unha parede de táboas de madeira e o outro lado longo aberto.
  • Outras veces a suspensión está formada por tres paredes de pedra, como formando un alpendre baixo o hórreo.
  • Outras veces o espazo inferior péchase totalmente, formando un celeiro.

Predominan os tellados de tres augas con pinches sobre os penais. Hainos tamén de tres augas, nos que o pinche traseiro desaparece. Son excepcionais os tellados de catro augas, que só se empregan nos hórreos de planta cadrada e gran tamaño. Os beirís son bastante acusados. Sobre a porta de acceso é corrente que o beiril voe considerablemente ata cubrir o patamal de desembarco da escaleira, descansando sobre el por medio duns puntais. Forma así unha especia de galería que, nalgúns casos, está pechada cunha balaustrada que a rodea. Cando hai galería hai escaleira de fábrica, e é corrente que esta falte cando falta a galería.

Construción[editar | editar a fonte]

A suspensión, en calquera das súas variantes, está constituída por muros de cachotería con rateiras de lousa de xisto, que nos hórreos sobre celeiro pode ser unha cornixa formada polo voo das propias lousas do chan da cámara. A cámara é de madeira, con doelas verticais cinguidas por unha faixa horizontal. As paredes da cámara tenden a ser de ladrillo perforado nos máis recentes. Neste último caso as paredes revócanse e píntanse.

A cuberta descansa sobre peóns de pedra que dividen e sosteñen os costais. O tellado é de tella cerámica curva.

Galería de imaxes[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Martínez Rodríguez, I. El hórreo gallego. Fundación Pedro Barrié de la Maza. A Coruña, 1975. ISBN 84-85728-00-9.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]