Hórreo tipo Mondoñedo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Hórreo tipo Mondoñedo no Vilar de Santiago (Mondoñedo).

O hórreo tipo Mondoñedo é un tipo de hórreo galego que se dá en zonas da franxa costeira cantábrica dende a ría de Ortigueira ata Cadavedo, en Asturias, internándose ata abarcar Pol e Mondoñedo, tocando os bordes da meseta luguesa. A súa área de distribución corresponde cunha zona de moito cultivo do millo e acada unha elevada densidade, das maiores observadas. Nela convive con outras tipoloxías, concretamente co hórreo tipo Ribadeo e, máis ao leste, co hórreo asturiano, xa pasados os vales dos ríos Eo e Navia.[1]

Características[editar | editar a fonte]

Morfoloxía[editar | editar a fonte]

É un hórreo bastante ancho e de gran capacidade. A suspensión é alta sobre cepas que, prolongándose cara arriba, resolven os desniveis do terreo e conforman os penais, sen necesidade de zócolo. Con frecuencia perden grosor á altura da cámara e ábrese neles un estreito tramo de doelas. As cepas van cinguidas por rateiras rectangulares por debaixo da cámara. O espazo entre cepas moitas veces péchase para convertelo en alpendre, pero sen deixar que o tellado deste chegue a tocar a cámara. As doelas adoitan prolongarse cara abaixo para cubrir as trabes.

O tellado é a catro augas con pouca pendente. Forma un beiril horizontal en todo o borde da cámara, tamén sobre os penais, que non están cubertos por sobrepenas. O beiril é escaso sobre os penais e máis xeneroso sobre os costais. Os terminais son característicos desta zona: tres pirámides afiadas sobre o cumio do tellado, unha en cada esquina do beiril e unha ou dúas nos beirís dos costais.

A porta adoita ir no medio dun costal, correntemente cunha escaleira de fábrica a carón. Outras veces unha pasarela conéctao directamente coa casa.

Construción[editar | editar a fonte]

As cepas dos extremos e os penais, que son a súa prolongación, están feitas de grosa cachotería en seco, normalmente revocada e encalada. As rateiras que as interrompen adoitan ser de xisto despezado en grandes láminas cuadrangulares. A cámara está formada por doelas de madeira de castiñeiro dispostas en vertical. A cuberta é de lousa de xisto.

As limas entre os faldróns adoitan estar tomadas con tella cerámica.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Martínez Rodríguez, I. El hórreo gallego. Fundación Pedro Barrié de la Maza. A Coruña, 1975. ISBN 84-85728-00-9.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]