Hórreo tipo Pontevedra

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Hórreo tipo Pontevedra en Vilanova de Arousa.

O hórreo tipo Pontevedra é un tipo de hórreo galego que se presenta ao longo dunha ampla e irregular área entre as provincias de Pontevedra e Ourense, delimitada por unha liña que, aproximadamente, envolve Catoira, A Estrada, Os Peares, Baños de Molgas e o río Limia, continuando logo ata a fronteira polo Lindoso portugués. Non é o tipo exclusivo desta zona, convive nela co hórreo tipo Morrazo, sobre todo nas Rías Baixas, co piorno máis ao interior, co tipo Salnés e co tipo Mahía ao norte do río Ulla.[1]

Características[editar | editar a fonte]

Hórreo con terceira pimpinela en Gondomar.
Costais mixtos en Lousame.

Morfoloxía[editar | editar a fonte]

É un hórreo de cámara rectangular, longo e estreito. A suspensión ten pouca altura, e sempre está resolta sobre esteos de grosa sección cadrada, as veces biselados. Os esteos están coroados por rateiras individuais, cilíndricas e de caras planas. Sobre elas as carreiras de pedra fan de base á cámara. As paredes penais son de cantería con fendas horizontais de ventilación en dúas series verticais, e remata nun pinche con perforacións. Remata nas sobrepenas, que soportan os elementos terminais sobre os seus vértices. Ás veces unha cornixa une os extremos inferiores das sobrepenas, constituíndo un tímpano triangular pechado.

Os costais son divididos en tramos por peóns verticais de pedra colocados en parellas correspondentes coas parellas de esteos. Cando son anchos levan fendas de ventilación verticais. Sobre os peóns, a sostido polos penais, vai unha segunda orde de trabes ou lumieiras superiores, que poden ser ser de madeira.

O tellado é sempre de tella a dúas augas. Remata contra os pinches amparado polas sobrepenas. O beiril asoma pouco sobre os costais, salvo cando as lumieiras superiores son de madeira, que precisan máis protección. A porta ten sempre a mesma altura que os bastidores de doelas e está sempre no centro do costal, facéndolle de xambas dous peóns. Nalgúns casos a porta supera esa altura gracias á incurvación da lumieira para facer un novo pinche no centro do costal, con sobrepenas e terminais. Non hai escaleira de acceso de fábrica.

Construción[editar | editar a fonte]

As variantes formais veñen dadas polo emprego de solucións construtivas diferentes. O ancho dos peóns condiciona a dimensión dos panos de madeira dos costais. Os peóns poden chegar a ter a mesma dimensión que os panos de doelas, e nese caso están sucados por fendas verticais. Outra característica condicionante é a existencia de lumieiras superiores de pedra, que lle dan ao hórreo máis estabilidade e mellor durabilidade, e visualmente libera ao hórreo do beiril.

Na zona de Ourense os peóns son máis estreitos cara ao extremo superior e as lumieiras son menos grosas. As rateiras son mesas planas de extremos redondeados. No litoral norte da ría de Arousa a cantería dos penais dóbrase ata constituír os extremos dos costais, e mesmo nalgúns casos conforma un zócolo corrido. En todos estes casos particulares as pezas pétreas dos costais están sucadas por fendas horizontais de ventilación.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Martínez Rodríguez, I. El hórreo gallego. Fundación Pedro Barrié de la Maza. A Coruña, 1975. ISBN 84-85728-00-9.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]