Hórreo tipo Vilalba
O hórreo tipo Vilalba é un tipo de hórreo galego que se pode atopar con pouca densidade nunha área bastante extensa da parte occidental da Terra Chá delimitada pola serra da Cova da Serpe, a serra da Loba, o río Eume e o río Miño. Comparte espazo con outras tipoloxías de hórreo.[1]
Características
[editar | editar a fonte]Morfoloxía
[editar | editar a fonte]Ten planta rectangular con cámara longa, estreita e alta. A suspensión é baixa, sobre dúas cepas coroadas por tornarratos individuais ou sobre cepa maciza na que o chan sobresae perimetralmente. Os panos da cámara son de doelas verticais cinguidos por unha faixa.
A cuberta ten dúas augas de pouca pendente que voan en beirís pronunciados sobre os lados curtos e escasos nos longos. Baixo o beiril dun dos penais disponse unha galería moi característica que fai de vestíbulo diante da porta da cámara. Nos extremos dese pórtico érguense uns puntais que sosteñen o pinche nese punto e poñen fin a unha sinxela balaustrada. Cando o hórreo vai sobre cepas este pórtico aséntase sobre a grade, e cando está sobre cepa maciza é prolongación desta. En moitos casos hai unha escaleira de fábrica sobre o mesmo eixo do hórreo.
Construción
[editar | editar a fonte]É un hórreo de cámara de madeira composta por doelas verticais suxeitas entre si por unha faixa, tamén de madeira. A suspensión é de cachotería en seco sen revoco e leva rateiras rectangulares de xisto de pouco grosor. A cámara descansa sobre unha grade de directriz lonxilínea cuxas mesas sobresaen de xeito acusado sobre as cepas. Os costais están pautados polos puntais e os esquinais, que sosteñen a cuberta. O teito é de xisto tamén, a dúas augas.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Martínez Rodríguez, I. El hórreo gallego. Fundación Pedro Barrié de la Maza. A Coruña, 1975. ISBN 84-85728-00-9.