Hórreo tipo Ribadeo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á busca
Hórreo con pombal en Foz.

O hórreo tipo Ribadeo (chamado normalmente na comarca cabazo ou cabozo) é un tipo de hórreo galego que se presenta no norte da provincia de Lugo, ao longo dunha área longa e estreita que bordea a costa cantábrica entre Viveiro e Navia e avanza polo val do río Masma ata Mondoñedo e polo do río Eo ata Vegadeo. Convive con outras tipoloxías, tales como o hórreo tipo Mondoñedo, que o supera en densidade, e o hórreo asturiano, co que se asocia.[1]

Características[editar | editar a fonte]

Hórreo tipo Ribadeo en Barreiros.

Morfoloxía[editar | editar a fonte]

É un hórreo de planta rectangular, ancho e grande. A suspensión é moi elevada, con dous ou tres andares incluíndo a cámara. O celeiro ten as mesmas dimensións que a cámara, e excepcionalmente é maior, formando unha galería arredor dela pechada cunha balaustrada baixa. Entre o celeiro e a cámara unha cornixa de lousa fai as veces de tornarratos.

As catro paredes da cámara teñen aberturas de ventilación abucinadas, grandes e rectangulares, chamadas na zona furados ou bufarros. Dispóñense en series horizontais, normalmente en número de tres. O tellado ten catro augas e pouco beiril. Está rematado por numerosos terminais piramidais de punta prominente, colocados sobre os vértices e as arestas do tellado.

O acceso faise polo exterior, a través dunha escaleira de fábrica que leva ás portas, colocadas en cada andar nun dos costais. Ademais das portas de acceso, nos andares inferiores poden apareces pequenas xanelas de iluminación. Nos hórreos máis altos, o andar inferior do celeiro (a adega) emprégase para almacenar patacas e outros froitos, a intermedia (paneira) para o trigo e outros cereais e a superior (hórreo) para o millo. É corrente atopar hórreos nos que parte da cámara se emprega como pombal.

Construción[editar | editar a fonte]

As paredes da cámara son de cachotería de xisto, que é a rocha que conforma o subsolo predominante na comarca. O aparello resultante é irregular e de pouco grosor. Ás veces o aparello é en seco, deixando entre as pedras fendas que contribúen á ventilación, e outras veces revócase e píntase, adquirindo o aspecto dunha fábrica de albanelería.

As pezas singulares, tales como os tornarratos ou o chan da cámara, frecuentemente están formadas de grandes lousas de xisto que descansan directamente sobre os muros perimétricos do celeiro.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Martínez Rodríguez, I. El hórreo gallego. Fundación Pedro Barrié de la Maza. A Coruña, 1975. ISBN 84-85728-00-9.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]