Dedaleira

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Estraloque
Foxgloves 2.jpg
Clasificación científica
Reino: Plantae
División: Magnoliophyta
Clase: Magnoliopsida
Orde: Lamiales
Familia: Scrophulariaceae
Xénero: Digitalis
Especie: D. purpurea
Nome binomial
Digitalis purpurea
L.
subespecies

A dedaleira ou estraloque[1] (Digitalis purpurea) é unha planta herbácea bianual, nativa de Europa da familia das plantaxináceas. Recibe tamén os nomes de milicroque, abeluria, sanxoán e dixital.

A flor das dedaleiras e as súas follas conteñen unha substancia alcaloide, a dixitoxina, que afecta ao funcionamento cardíaco e o extracto do seu principio activo foi empregado como medicación para a arritmia e outras deficiencias cardíacas dende finais do século XVIII. Aínda así, as dedadeiras poden chegar a ser moi velenosas se son consumidas.

Características[editar | editar a fonte]

A dedaleira tarda en medrar uns dous anos. No primeiro, tras agromar produce unicamente unha roseta de follas basais, ovais, dentadas e de longo pecíolo, mentres que durante o segundo ano desenvólvese un talo longo (0,5 a 2,5 m) e cuberto de follas sensibles e rugosas; tódalas follas desta planta son lixeiramente pubescentes. As follas son dentadas, simples e alternas, co envés finamente texturado; fanse máis pequenas cara o cumio do talo.

As flores das dedaleiras son tubulares —a forma, semellante á dun dedal, deu lugar ao seu nome— e miden ata 5 cm de longo, formando grandes acios de flores penduradas. Os seus pétalos van dende o amarelo pálido ata o rosa intenso polo exterior e púrpura no interior da corola. Florecen de xuño a setembro no hemisferio norte, dando lugar logo a unha cápsula. A polinización é realizada por abellas. As sementes espállanse polo vento.

Cultivo[editar | editar a fonte]

As dedaleiras son nativas de Europa, o noroeste de África e Asia central e occidental. En estado silvestre adóitase atopar en terrapléns, lindeiros boscosos ou entre penedais en zonas montañosas.

A dixital apréciase como ornamental, ademais de polo valor medicinal do seu principio activo. Prefire os climas tépedos, a sombra ou semisombra, e os chans ácidos e húmidos. Naturalízase con facilidade, pero non é invasiva.

Foi obxecto de intenso cultivo e existen varias variedades cultivadas entre os xardineiros. A variedade Alba produce flores de cor branca; Giant Shirley, flores acampanadas de gran tamaño, con pintas de cor purpúrea; Gloxinioides ten flores de cor clara, con marcas pintadas no exterior; Foxy florece desde o primeiro ano, producindo flores de pequeno tamaño e cor intensa.

A dedaleira na cultura popular[editar | editar a fonte]

A dedaleira deu numerosos sinónimos en galego. Hainos derivados da forma das flores, derivados da época na que florece e, sobre todo, formas onomatopéicas derivadas do ruído que fan ó estala-la flor entre as mans.

Os sinónimos cos que se denomina esta planta son os seguintes: abelloca, abeloura, abeluria, abrula, abrulla, alcloque, alconoz, alcornoz, alcroque, alcroques, alicroque, babocas, balitroques, baloca, baloco, belicroque, belitroque, belitroques, bilicroque, bilincroques, bilitroque, bilitroques, borleta, borletas, borlete, botexos, boto, burleta, cálzamos, campanelas, chopo, chopo negro, chopos, cloque, cloques, cócalos, cocos, couselo, crocas, croche, croches, croque, cróquele, cróqueles, croquelo, croques, croquetas, croquetes, dixital, estalo, estalón, estalos, estalote, estalotes, estoupallo, estoupallóns, estoupón, estoupona, estoupos, estraladeira, estralante, estralantes, estraleque, estraleques, estralo, estralos, estraloque, estraloques, estralote, estralotes, estrincón, estroleque, estroupallón, farricoque, faxicroques, folla de sapo, herba da cobra, herba de San Xoán, herba dos croqueles, herba dos troques, melicroque, melincroques, melitroque, milicroque, milicroques, militroque, palitroque, palitroques, porretas, quiquiricallo, riquilicroques, sabán, sabanos, san Xoán, san Xoane, san Xuan, sanxoán, sanxoane, sanxoáns, sanxoás, sanxuáns, sapaqueiro, seixoáns, seoane, seoanes, setestralos, soandes, soane, soanes, sovana, tastalás, torques, toupón, trascos, troque, tróqueles, troques, xoanas, xoane.

Eu ben vin estar a morte
no monte comendo abrulas
¡Vai de aí, morte pelada!
¡Desamparo de viúvas!

O nome abeloria e sanxoán vén de que o estraloque tamén se utiliza como herba de San Xoán, coma a verdadeira abeloura.

Galería de imaxes[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]