Saint John's

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Coordenadas: 17°7′N 61°51′W / 17.117°N 61.850°W / 17.117; -61.850

Saint John's
Antigua.St.John.from west.wmt.jpg
Situación xeográfica
Antigua and Barbuda map.png
País Flag of Antigua and Barbuda.svg Antiga e Barbuda
Rexión
Subrexión
Parroquia Saint John
Xeografía
Altitude 15 msnm
Superficie 10 km²
Poboación
Poboación 31.000 hab. (2005)
Densidade 3.100 hab/km²
Información
Código postal
Alcalde
Páxina web

Saint John's é a capital de Antiga e Barbuda, un país situado nas Antillas, no Mar Caribe. Cunha poboación de 31.000 habitantes (2005), St. John's é o centro comercial do país e o principal porto da illa de Antiga.

Saint John's foi o centro administrativo de Antiga e Barbuda desde que as illas foron colonizadas por primeira vez en 1632, e tras a independencia do Reino Unido en 1981 converteuse en sede do goberno.

Saint John's é o principal centro de comunicacións do país. A cidade conta cun porto ao que arriban numerosos cruceiros turísticos, e co aeroporto VC Bird.

Historia[editar | editar a fonte]

Saint John's foi fundada en 1632 como un pequeno caserío, cando un grupo de británicos liderados por Edward Warner chegaron a Antiga desde a veciña Illa de San Cristóbal. Posteriormente, Edward Warner converteuse no primeiro gobernador de Antiga, o segundo segundo outras fontes, e a illa empezou a ser poboada por cidadáns das Illas Británicas, especialmente irlandeses. Durante os seus primeiros anos, Saint John's foi atacada continuamente polos caribes e os franceses.

Para 1667 o pobo empezou a crecer, e a chegada de escravos de África permitiu que se desenvolvese a industria do cultivo da cana de azucre. En 1680, iniciouse a construción dun forte na Illa Rat, fronte á baía. Para este propósito, en setembro de 1672, decidiuse que un escravo de cada oito participase na construción do edificio defensivo, que foi finalizado en 1704 baixo o nome de Fort James.

Para 1689, Saint John's superara en tamaño a Falmouth, pero un furacán no ano seguinte destruíu case todo o pobo e todos os barcos apostados no porto, como mínimo perderonse 18 embarcacións.

En 1702, trazáronse adecuadamente as rúas e construíuse un mercado, ademais designouse un pregoeiro e gardiáns do pobo, os cales construíron aparellos de castigo e humillación para os habitantes que cometesen crimes menores.

En 1747 iniciouse a construción da Corte de Xustiza, que cando non era utilizada, funcionaba como salón de baile. Actualmente o edificio é o Museo de Antiga e Barbuda. En 1769, un incendio destruíu 260 casas de Saint John's, o que representaba dúas terceiras partes da poboación.

En 1784, chegou o famoso Almirante Horatio Nelson, aínda ao comezo da súa carreira, quen ordenou a construción dun estaleiro que actualmente leva o seu nome, e intentou cambiar as leis comerciais de navegación locais. Nelson non se levou ben coa poboación de Saint John's, e no posible intentou evitar entrar ao pobo, manténdose a maior parte do seu tempo no seu barco ancorado fronte á poboación.

En 1801, iniciouse a construción da residencia do gobernador, que ata entón habitaba en casas alugadas. En 1830 construíuse a primeira biblioteca nas Antillas Británicas, aínda que era privada.

En 1842, Saint John's foi declarada cidade ao establecerse unha diocese.

Coa chegada de emigrantes desde Madeira, a cidade creceu aínda máis, e en 1850, abriuse unha oficina de correos. En 1867, a cidade estableceu finalmente un servizo de auga potable ao construírse un encoro fóra da mesma.

Monumentos e lugares de interese[editar | editar a fonte]

Catedral de San Xoan[editar | editar a fonte]

Catedral de San Xoan.

O horizonte de Saint John's está dominado polas brancas torres barrocas da catedral de San Xoan. O actual edificio foi construído en 1845, sendo este o terceiro templo que aloxa a catedral, tras as destrucións dos anteriores en senllos terremotos, en 1683 e 1745. As portas de ferro da fachada sur da catedral están fraqueadas por alicerces decorados con estatuas de San Xoán Evanxelista e San Xoán Bautista. Estas figuras foron roubadas polo barco HMP Amorne en 1756 dun navío francés que se dirixía á Martinica.

Museo de Antiga e Barbuda[editar | editar a fonte]

O Museo de Antiga e Barbuda está situado na esquina entre Long street e Market street, e ocupa o edificio do antigo tribunal colonial, construído en 1747 no solar que ocupaba o primeiro mercado da cidade. É o edificio en uso máis antigo de Saint John's. As exposicións arqueolóxicas do museo mostran a vida dos primeiros habitantes do país, así como a dos escravos e colonos. O museo expón utensilios arahuacos e coloniais procedentes das escavacións arqueolóxicas das illas. Tamén mostra unha réplica dunha casa arahuaca e maquetas da plantacións de azucre que explican a historia do país. O museo conserva así mesmo un bate de cricket do xogador antiguano Viv Richards.

Palacio gobernamental[editar | editar a fonte]

O palacio gobernamental de Saint John's é a residencia e sede do gobernador xeral de Antiga. O edificio foi construído en estilo colonial e está rodeado de xardíns. Atópase na zona este de a cidade. O edificio non ten visitas turísticas regulares, aínda que poden ser concertadas no Departamento de Turismo de Antiga e Barbuda en Long Street.

Fort James[editar | editar a fonte]

O forte James foi construído en 1739 para protexer o porto de Saint John's, sendo un dos moitos fortes que Gran Bretaña construíu nas súas colonias caribeñas no século XVIII para salvagardalas das invasións da Mariña francesa. Se situa nun cabo na zona noroeste da cidade. Nel consérvanse as antigas polvoreiras, canóns de defensa e os cimentos das murallas do forte. O principal atractivo turístico de Fort James son as excelentes vistas ao porto de Saint John's. Existen outros fortes nas inmediacións como Fort George, Fort Charles, Fort Shirley, Fort Berkeley e Fort Barrington.

Heritage Quay.

Outros[editar | editar a fonte]

Mercado de Saint John's.

Os venres e sábados pola mañá, celébrase un mercado de produtos agrícolas e artesanía nos arredores ao sur da cidade. Saint John's conta cun novo peirao para navíos de cruceiro, un centro comercial e numerosas tendas, e unha gran oferta hostaleira, que fan da cidade un centro de turístico cunha gran oferta para facer compras e saír a cear.

A antiga destilería de ron atópase na Cidadela, e trátase da única destilería de ron da illa, que produce máis de 180.000 galóns de ron embotellado.

Saint John's conta cun Xardín botánico situado preto da intersección de Factory Road e de Independence Avenue (Xardín Botánico de Antiga).

O Museo de Arte da Mariña, situado en Gambles Terrace, é unha pequena instalación que alberga rocas fósiles, pedras volcánicas, madeira petrificada e unha colección de mais de 10.000 cunchas. Tamén exhibe obxectos de varios naufraxios de navíos británicos.

Deportes[editar | editar a fonte]

Vista do Antiga Recreation Ground.
Imaxe do estadio Sir Vivian Richards en construción, ao leste de Saint John's.

Saint John's dispón do campo de críquet Antiga Recreation Ground. Ademais, ao leste de Saint John's atópase o estadio multiusos Sir Vivian Richards, que foi construído principalmente para albergar partidos da Copa mundial de Críquet de 2007, disputada nas Antillas entre o 13 de marzo e o 28 de abril de 2007, e da que acolleu un total de 8 encontros.