Dinamarca

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Reino de Dinamarca»)
Modelo:Xeografía políticaDinamarca
Kongeriget Danmark (da)
Danmarks Rige (da)
Danmark (da) Editar o valor em Wikidata
Imaxe

HimnoDer er et yndigt land Editar o valor em Wikidata

Localización
Editar o valor em Wikidata Mapa
 56°N 10°L / 56, 10Coordenadas: 56°N 10°L / 56, 10
EstadoDinamarca Editar o valor em Wikidata
CapitalCopenhague Editar o valor em Wikidata
Contén a división administrativa
Dinamarca do Sul (pt) Traducir (2007–)
Jutlândia Central (pt) Traducir (2007–)
Jutlândia do Norte (pt) Traducir (2007–)
Rexión de Hovedstaden (2007–)
Zelândia (pt) Traducir (2007–) Editar o valor em Wikidata
Poboación
Poboación5.827.463 (2019) Editar o valor em Wikidata (135,76 hab./km²)
Lingua oficiallingua dinamarquesa Editar o valor em Wikidata
Xeografía
Parte de
Superficie42.925,46 km² Editar o valor em Wikidata
Auga1,6 % Editar o valor em Wikidata
Lonxitude da costa7.314 km Editar o valor em Wikidata
Bañado porMar do Norte e Mar Báltico Editar o valor em Wikidata
Punto máis altoMøllehøj (pt) Traducir (170,86 m) Editar o valor em Wikidata
Punto máis baixoLammefjord (en) Traducir (−7,5 m) Editar o valor em Wikidata
Comparte fronteira con
Datos históricos
Precedido por
Creaciónséculo VIII Editar o valor em Wikidata
Sucedido porErik the Red's Land (en) Traducir Editar o valor em Wikidata
Día festivo
Organización política
Forma de gobernomonarquía constitucional (1849–) Editar o valor em Wikidata
• Monarca Editar o valor em WikidataFrederico X de Dinamarca (2024–) Editar o valor em Wikidata
Órgano executivoGovernment of Denmark (en) Traducir Editar o valor em Wikidata
• Primeiro ministro Editar o valor em WikidataMette Frederiksen (2019–) Editar o valor em Wikidata
Órgano lexislativoFolketinget , (Escano: 179) Editar o valor em Wikidata
Membro de
PIB nominal398.303.272.764 $ (2021) Editar o valor em Wikidata
MoedaCoroa dinamarquesa Editar o valor em Wikidata
Identificador descritivo
Fuso horario
Dominio de primeiro nivel.dk Editar o valor em Wikidata
Prefixo telefónico+45 Editar o valor em Wikidata
Teléfono de emerxencia112 Editar o valor em Wikidata
Código de paísDK Editar o valor em Wikidata
Código NUTSDK00 Editar o valor em Wikidata

Sitio webdenmark.dk Editar o valor em Wikidata
Facebook: denmark.dk Twitter: denmarkdotdk Instagram: denmarkdotdk Youtube: UCHwCmdxnMAWK0WqRtC2ISAQ Editar o valor em Wikidata

Dinamarca (Gl-Dinamarca.ogg pronunciación ) (en dinamarqués: Danmark), cuxo significado literal é "a terra ou marca dos dinamarqueses", oficialmente Reino de Dinamarca (Gl-Reino de Dinamarca.ogg pronunciación ) (en dinamarqués: Kongeriget Danmark), é o menor en extensión entre os países nórdicos, ademais do máis meridional, formando parte de Escandinavia. Ten os seus límites terrestres ao sur con Alemaña e dende 1999 atópase unida por estrada e ferrocarril con Suecia pola Ponte de Oresund, ao sueste do país. Rodeada polos mares Báltico e do Norte, limita ao norte con Noruega a través do estreito de Skagerrak. Conta ademais con dous territorios dependentes, Groenlandia e as Illas Feroe, os cales gozan dun elevado nivel de autonomía. O territorio dinamarqués comprende 443 illas, entre as que destacan Selandia, Fionia, Vendsyssel-Thy, Lolland e Bornholm, a máis afastada do arquipélago. Esta posición deu a Dinamarca, historicamente, o control sobre o acceso ao mar Báltico.

Dinamarca é unha monarquía constitucional dende 1849, data na que quedou abolida a monarquía absoluta que rexera o país dende 1660, e converteuse en monarquía parlamentaria en 1901. En termos de permanencia, a monarquía dinamarquesa pode considerarse a segunda máis antiga do mundo, despois da casa imperial do Xapón, ao existir durante polo menos un milenio. Dinamarca forma parte da Unión Europea (aínda que non emprega o euro). Cando o país se adheriu á CEE en 1973, fíxoo sen as Illas Feroe, mentres que Groenlandia optou por separarse da CEE en 1985. Tamén se converteu nun membro fundador da OTAN en 1949, rematando coa tradicional política de neutralidade que o país sostivera ata ese momento.

Pola súa natureza pobre en recursos xeolóxicos, Dinamarca sostivo a súa economía na actividade agrícola grazas ás súas granxas, a explotación pesqueira e a industria naval. No último século, os dinamarqueses deron un pulo á industrialización do seu país e favoreceron o establecemento dun estado de benestar, garantindo o acceso a servizos públicos dende que en 1933 se asinase o acordo de Kanslergade. Dinamarca foi ocupada polos nazis durante a segunda guerra mundial.

Etimoloxía[editar | editar a fonte]

A etimoloxía da palabra Dinamarca, e especialmente a relación entre os dinamarqueses e Dinamarca e a unificación do país como un só reino é un tema que suscita algúns debates.[1] O debate céntrase principalmente ao redor de se o prefixo "Dan" se refire ao pobo "Dani" ou a "Dan", os lendarios reis dinamarqueses e do significado exacto do "-mark" final. A cuestión complícase aínda máis por unha serie de referencias a varios pobos "Dani" en Escandinavia ou outros lugares de Europa nos antigos relatos gregos e romanos (como Tolomeo, Xordanes e Gregorio de Tours), así na literatura medieval (como Adán de Bremen, Beowulf, Widsith e Edda poética).

A maioría dos manuais derivan a primeira parte da palabra, e o nome do pobo, dunha palabra que significa "terra chá", en relación co alemán Tenne, o inglés den ("cubil") ou ao sánscrito dhánuṣ- (धनुस्, "deserto"). O "-mark" crese que significa fraga ou zona de fronteira (marca), con referencias probables aos bosques ao sur da fronteira de Schleswig,[2] probablemente de xeito semellante a Finnmark, Telemark ou Dithmarschen.[3]

Explicacións mitolóxicas[editar | editar a fonte]

Algunhas das primeiras descricións da orixe da palabra Dinamarca, describindo un territorio, atópanse no Chronicon Lethrense do século XII, no Sven Aagesen (finais do século XII), no Saxo Grammaticus (comezos do XIII) e na Balada de Eric (mediados do século XV). Hai, con todo, moitos anais e anuarios dinamarqueses máis que conteñen outros detalles, como por exemplo distintas variacións de ortografía.

O Chronicon Lethrense explica que cando o emperador romano Augusto ía en contra de Dinamarca na época de David[4] estaba formada por sete territorios: Xutlandia, Fionia, Selandia, Møn, Falster, Lolland e Escania. Estes estaban rexidos polo Rei Ypper de Uppsala, o cal tivo tres fillos, Nori, Osten, e Dan, que foi enviado a gobernar Selandia, Møn, Falster e Lolland, territorios que se coñeceron de forma conxunta como Videslev. Cando o xutos loitaban contra o emperador Augusto exhortouse a Dan para axudalos e trala vitoria, fíxose Rei de Xutlandia, Fionia, Videslev e Escania. Un consello decidiu chamar a esta nova terra unida Danmark (Dania) (en galego: Dinamarca), na honra do seu novo rei, Dan. Así pois Saxo relata que foi o lendario rei danés Dan, fillo de Humbli, quen deu o nome ao pobo dinamarqués, a pesar de que non declara expresamente que é tamén a orixe da palabra "Dinamarca", soamente di que Inglaterra, en última instancia, deriva o seu nome do irmán de Dan, Angles.

Primeiras aparicións[editar | editar a fonte]

As Pedras de Jelling.

A primeira mención dun territorio chamado "Dinamarca" atópase na tradución modificada ao inglés antigo dos Historiarum adversum Paganos Libri Septem do galaico Paulo Orosio polo Rei Alfredo o Grande. Nunha pasaxe introducida no texto de Alfredo, lese acerca do aventureiro Ohthere de Hålogaland, que viaxa pola rexión nórdica, no que "Dinamarca" (Denamearc) estaba ao lado do seu porto.

O primeiro uso rexistrado da palabra "Dinamarca", no propio país atópase nas dúas pedras de Jelling, pedras rúnicas que se cren construídas por Gorm o Vello (c. 955) e Harald Blåtand (c. 965). A pedra maior das dúas é a miúdo citada como o "certificado de nacemento" de Dinamarca, onde aparece o nome na forma de acusativo "tanmaurk" na gran pedra e de xenitivo "tanmarkar" na pequena. No Cantar de Roldán, que se estima que foi escrito entre 1040 e 1115, aínda que o manuscrito máis antigo data de 1140-1170, onde aparece a primeira mención do lendario heroe dinamarqués Ogier, é mencionado varias veces como "Ogier de Dinamarca" (Ogier de Denemarche).

Historia[editar | editar a fonte]

Prehistoria[editar | editar a fonte]

O Carro solar de Trundholm, datado na primeira Idade de bronce arredor do 1400 a.C., atópase actualmente no Nationalmuseet de Copenhaguen.

Os primeiros indicios de agricultura son do 3.000 a. C. O período nórdico da Idade de Bronce estivo marcado por un pobo que enterraba os seus mortos, xunto aos seus bens terreais, en túmulos. Atopáronse numerosos dolmens e tumbas datadas nese período. Entre estes achados arqueolóxicos destacan numerosos artefactos relixiosos, instrumentos musicais, así como as primeiras evidencias dunha sociedade estratificada en clases sociais.

Durante ese período de tempo, ás veces lanzábanse os cadáveres aos pantanos. Estes cadáveres son coñecidos como os corpos do pantano. Os que foron recuperados atópanse moi ben preservados e convertéronse nun valioso recurso para conseguir información sobre a poboación danesa dese período. Durante o período previo á Idade de Ferro, o clima en Dinamarca e en toda Escandinavia volveuse máis frío e húmido, limitando a agricultura e os asentamentos, que se trasladaron para a Alemaña. Existen evidencias de inmigracións celtas en Dinamarca así como noutros puntos da Europa do norte. Mostras da cultura céltica son os nomes dalgúns topónimos. O Imperio romano mantivo as rutas comerciais e as relacións cos daneses, como mostran diversos achados de moedas romanas. Ao redor do ano 200 aparece a primeira inscrición rúnica.

A cultura da Europa do norte durante as migracións masivas dos séculos V e VII recibe o nome de idade de ferro xermánica. Entre os restos correspondentes a este período atópanse os cadáveres do pantano de turba, os corpos ben preservados de dous homes que foron estrangulados, talvez durante un sacrificio. As incursións na zona norte de Dinamarca aumentaron no século V. Unha das tribos que máis frecuentemente realizaba estas incursións eran os dinamarqueses (tamén coñecidos como "Daner" ou "Dani"), procedentes da área meridional de Suecia coñecida como Escania ou Skåneland. O nome desta tribo terminou aplicándose ao conxunto de Dinamarca polos alemáns que vivían no sur de Xutlandia.

Idade Media[editar | editar a fonte]

Artigos principais: Viquingos e Unión de Kalmar.
Knud, rei dinamarqués que conquistou Inglaterra.
Estatua de Valdemar, rei que unificou o país.
Mapa da Unión de Kalmar no século XVI.

A orixe de Dinamarca está perdida na prehistoria. Pero a Dannevirke (muralla) máis antiga data do século VII, o mesmo que o novo alfabeto rúnico e os antigos poemas épicos saxóns Widsith e Beowulf, así como o historiador medieval danés Saxo Grammaticus (1150-1220) constituíron as primeiras fontes da cultura antiga danesa. Estas descricións teñen moito de mitoloxía e lenda, con todo poden conter algúns datos históricos.

Na área de Dinamarca existiron varios reinos pequenos durante moitos anos. Crese que ao redor do ano 980, o rei Harald I, coñecido co sobrenome de Dente azul, estableceu un reino unificado en Dinamarca. Un misioneiro alemán visitou o rei e, segundo conta a lenda, sobreviviu a unha dura proba que convenceu o rei Harald de se converter ao cristianismo. A nova relixión, que substituíu a vella mitoloxía nórdica, traía vantaxes para o rei, como a axuda por parte do Sacro Imperio Romano, e permitiu que Harald se librase dalgúns dos seus opositores, fieis á vella mitoloxía. A igrexa trouxo unha administración estable ás terras; estabilidade que o rei utilizou para exercer certo control sobre elas.

O pobo que terminou sendo coñecido como viquingo habitou Dinamarca entre o século VIII e o século XI. Presentaban unha estrutura social moito máis completa que os pobos que poboaran a zona anteriormente. Os viquingos fixéronse famosos ao navegar e comerciar polo resto de Europa. Durante o período viquingo, Dinamarca tivo un gran poder baseado na península de Xutlandia, a illa de Selandia e a parte sur do que é hoxe en día Suecia. A principios do século XI, o rei Knud o Grande conquistou Inglaterra por un período de polo menos trinta anos. Trala morte de Knud o Grande en 1035, Inglaterra quedou fóra do control danés e Dinamarca sufriu unha etapa de desordes. Os viquingos de Noruega realizaron ataques esporádicos, mais o sobriño do rei Knud, Sweyn Estridson (1020-1074) restableceu a autoridade real e estableceu unha boa relación co Arcebispo de Bremen.

A principios do século XII, Dinamarca converteuse nunha sede independente da igrexa de Escandinavia. Pouco despois, Suecia e Noruega formaron os seus propios arcebispados fóra do control dinamarqués. A mediados do século XII, reinar en Dinamarca era realmente complicado: as guerras civís sucedéronse, creando tensións. Valdemar o Grande (1131-1182) tomou o poder, estabilizouno e realizou unha reorganización da administración. Durante o seu reinado construíuse un castelo na aldea de Havn que deu orixe á que hoxe en día é a cidade de Copenhaguen. Valdemar converteu ao país nunha potencia destacada na zona do mar Báltico. El e os seus sucesores dirixiron diversas cruzadas para reclamar territorios situados na actual Estonia. A lenda di que a bandeira dinamarquesa, a Dannebrog, caeu do ceo durante unha batalla ocorrida en Estonia en 1219.

Durante a Idade Media a coroa e a igrexa mantiveron unha estreita colaboración. Durante este período construíronse miles de igrexas por todo o país. A economía mellorou durante o século XII, sobre todo grazas ao comercio de arenques; no século XIII iniciouse un período de dificultades económicas e o derrubamento temporal da autoridade do rei, o cal tivo dificultades para manter o control do reino. Houbo longos períodos de relacións conflitivas entre os monarcas daneses e os papas de Roma, coñecidos como "conflitos arquiepiscopais". A finais do século XIII, a forza do rei atopábase debilitada e a nobreza forzou ao rei a conceder un foro, considerado como a primeira Constitución danesa.

O reino seguiu debilitándose: o territorio de Escania estivo durante un tempo baixo control sueco. En 1340 o trono recaeu en Valdemar Atterdag, político experto que foi quen de reunificar Dinamarca. A peste negra, que afectou o país durante estes anos, axudou na súa campaña de reunificación. Os seus esforzos por ampliar o reino levárono a diversos enfrontamentos coa liga Hanseática, que se aliou con Suecia para atacar Dinamarca. O ataque fracasou, xa que as forzas danesas afundiron gran parte da frota Hanseática. Afortunadamente para a liga, os nobres de Xutlandia rebeláronse contra o incremento dos impostos proposto para financiar a expansión no Báltico: as presións da liga e da nobreza obrigaron ao rei a exiliarse en 1370.

Margarida I foi a filla de Valdemar Atterdag, que casou con Haakon VI de Noruega nun intento de unir estes dous reinos e Suecia, xa que Haakon estaba relacionado coa familia real sueca. O seu fillo Olav estaba destinado a dirixir o tres reinos pero a súa morte provocou que fose Margarita a encargada de facelo. Durante a súa vida, os reinos de Dinamarca, Noruega e Suecia (incluídas as Illas Feroe así como Islandia, Groenlandia e a actual Finlandia) estiveron unificados e baixo o seu mandato, no que se coñeceu como Unión de Kalmar, feita oficial en 1397. O seu sucesor, Erik de Pomerania, non tiña a habilidade da raíña e foi o responsable directo da desintegración da Unión. Con todo, cando Cristovo de Baviera chegou ao trono Escandinavia volveu unirse, aínda que dun modo breve. A nobreza sueca estaba cada vez máis descontenta e a unión converteuse nun concepto legal máis que nun concepto real.

A principios do século XVI chegou ao poder o rei Cristián II. Conquistou Suecia nun intento de reforzar a unión. Asasinou a numerosos membros das forzas suecas antiunionistas, así como a civís, entre os que se atopaban mulleres e nenos. Isto destruíu toda esperanza de manter a unión escandinava. A reforma protestante, orixinada en Alemaña polas ideas de Martiño Lutero, foi introducida en Dinamarca en 1536, e tivo un grande impacto; a actual Igrexa de Dinamarca é luterana. Como no resto de Europa, a expansión do protestantismo foi posible pola poderosa combinación do entusiasmo popular co intento dos gobernos de afastarse do control de Roma.

Idade Moderna[editar | editar a fonte]

Gravado da época sobre a Batalla da Montaña Branca.
Christian IV, rei dinamarqués durante a guerra dos Trinta Anos.
A Batalla de Copenhaguen durante as guerras napoleónicas.
Hans Christian Andersen, figura destacada durante a idade de ouro dinamarquesa no século XIX.

Durante o século XVI Dinamarca creceu de forma notable. A economía dinamarquesa beneficiouse da Guerra dos Oito Anos nos Países Baixos, xa que un número notable de refuxiados desa zona, a máis desenvolvida economicamente de toda Europa, chegou a Dinamarca. Isto axudou a modernizar a sociedade e a establecer vínculos comerciais cos Países Baixos. Naquela época Dinamarca era un reino relativamente poderoso. A política europea do século XVI estivo fortemente influída pola contenda entre as forzas católicas e as protestantes, o que fixo inevitable que Dinamarca se vise involucrada na guerra se chegaba a producirse. A Guerra dos Trinta Anos chegou aos estados protestantes en 1620 e Dinamarca foi reclamada para defender "a causa protestante". A intervención en Alemaña das forzas dinamarquesas, dirixidas polo rei Christián IV, foi un fracaso; pola contra, a posterior intervención sueca foi un auténtico éxito. Christián IV reinou entre 1588 e 1648. Despois da súa morte, Dinamarca enfrontouse a Suecia nunha nova guerra. Un inverno anormalmente frío permitiu que as tropas suecas chegasen até Copenhaguen. A paz de 1658 cedeu a Suecia tres das provincias máis ricas de Dinamarca: Escania, Halland e Blechinge, baixo os termos do tratado de Roskilde.

Como resultado do desastre da guerra contra Suecia, o rei Frederico III foi quen de convencer os nobres de que lle cedesen algúns dos seus poderes a cambio dunha redución dos impostos; comezaba así a era do absolutismo en Dinamarca e a asemblea dinamarquesa queda suspendida durante dous séculos. Durante este período, o poder centralizouse en Copenhaguen e o goberno reorganizouse dunha maneira moito máis xerárquica, construído ao redor do rei como punto central da administración. Os oficiais da corte dominaban a administración, así como un novo grupo de burócratas. A aristocracia viu como a súa influencia se reducía notablemente e tanto a administración como as leis modernizáronse neste período. Os intentos de diversificar a economía para non depender en exclusiva da agricultura fallaron e durante este período houbo moi poucas industrias, excepto na zona de Copenhaguen.

A finais do século XVIII realizouse unha extensa reforma agraria e así, durante todo o século XVIII, a economía dinamarquesa tivo un bo comportamento, xa que a demanda dos produtos agrícolas dinamarqueses se estendeu por toda Europa. Os barcos dinamarqueses comerciaron con todo o continente, así como a zona do Atlántico norte. As ideas do Século das Luces volvéronse moi populares entre a clase media dinamarquesa, aumentando o interese polas liberdades persoais. Ao mesmo tempo, empezouse a desenvolver un sentimento nacionalista danés e aumentou a hostilidade cara aos alemáns e noruegueses presentes na corte real. O antagonismo entre alemáns e dinamarqueses fíxose máis forte a partir de mediados do século XVIII.

A solidez da economía dinamarquesa viuse fortemente afectada as perdas provocadas durante as guerras napoleónicas. Dinamarca aliouse con Francia e librou diversas batallas contra as tropas británicas. A frota británica atacou Copenhaguen en 1801 (Primeira Batalla de Copenhaguen). En 1807 a frota británica bombardeou de novo a cidade, o que provocou numerosas baixas civís. En 1808 un exército español de 15.000 homes ao mando do Marqués da Romana interveu en Dinamarca en apoio de Napoleón. Tras a derrota da frota dinamarquesa, Noruega pasou da coroa de Dinamarca á de Suecia polo tratado de Kiel, como recompensa a Suecia por parte do bando vencedor. Pero as revoltas norueguesas terminaron na independencia, e os noruegueses coroaron a Christian Frederick (o futuro Christián VIII) como rei. Durante este período, Dinamarca estivo literalmente en bancarrota e a poboación sufriu grandes privacións. Curiosamente, é coñecido como a idade de ouro da historia intelectual dinamarquesa. A literatura, pintura, escultura e a filosofía tiveron unha época infrecuentemente brillante. Hans Christian Andersen, Søren Kierkegaard e Bertel Thorvaldsen realizaron as súas obras durante este período.

Os movementos liberais e nacionalistas gañaron forza a partir de 1830. O 5 de xuño de 1849, Dinamarca converteuse nunha monarquía constitucional. A crecente burguesía empezou a esixir un posto no goberno; para evitar unha revolta sanguenta, o rei Frederico VII concedeu as demandas da cidadanía e redactouse unha nova Constitución que repartía os poderes. O rei converteuse na cabeza do poder executivo, que se complementaba co poder lexislativo, que residía en dúas cámaras parlamentarias: o "Folketing", que representaba os granxeiros, mercadores, comerciantes e clase media, e o "Landsting", que representaba a vella aristocracia. A situación política emerxente coa nova constitución alarmou a algunhas das antigas elites sociais, que temían que cidadáns con educación básica substituísen a profesores e profesionais nas posicións de poder. Os campesiños, en coalición con elementos radicais das cidades, gañaron a maioría dos asentos do Folketing e iniciouse unha crise constitucional, que finalizou en 1901 coa introdución dun goberno parlamentario. Decidiuse que ningún goberno podía actuar contra os desexos da maioría parlamentaría.

Século XX[editar | editar a fonte]

Soldados dinamarqueses durante a segunda guerra mundial.

Durante as primeiras décadas do século XX as mulleres conseguiron o dereito ao voto (1915), e algunhas das colonias danesas nas Indias orientais vendéronse aos Estados Unidos. Durante este período, Dinamarca empezou unha serie de reformas sociais e laborais que sentaron a base do actual Estado do Benestar. Aínda que Dinamarca se mantivo neutral durante a primeira guerra mundial, o conflito afectou o país de forma considerable. O comercio co resto de Europa interrompeuse e o continente entrou nunha etapa de inestabilidade económica. Nas eleccións de 1924 o partido social demócrata converteuse no máis votado, posición que mantivo até o ano 2001.

A pesar da súa declaración de neutralidade ao comezo da segunda guerra mundial, Dinamarca foi invadida polas tropas nazis o 9 de abril de 1940 e estivo ocupada até o 5 de maio de 1945. Durante o inicio do período de ocupación, o Folketing seguiu realizando sesións e a policía mantívose baixo control danés. A partir de 1943, os nazis tomaron o control total sobre o país, o que provocou que se desenvolvese un importante movemento de resistencia. Aínda que o control se facía cada vez máis difícil, os alemáns non se retiraron de Dinamarca até a chegada das tropas aliadas, case ao final da guerra. Durante a ocupación, un gran número de xudeus daneses emigrou até Suecia para evitar a deportación.

En 1953 realizáronse algunhas reformas políticas importantes en Dinamarca, como a abolición do estado de colonia de Groenlandia ou a reforma constitucional, que permitía a subida ao trono dunha muller. Ao finalizar a segunda guerra mundial o país abandonou a súa tradicional posición de neutralidade. Dinamarca converteuse en membro das Nacións Unidas e foi un dos membros fundadores da OTAN. En 1973 aprobou a entrada na Comunidade Económica Europea, predecesora da Unión Europea. En 2000, Dinamarca decidiu por referendo non unirse á moeda única europea, o euro.

Xeografía[editar | editar a fonte]

Foto satélite de Dinamarca.
Himmelbjerget, a "montaña do ceo", con 147 m un dos puntos máis altos do país.

O territorio de Dinamarca consta da península de Xutlandia (en dinamarqués: Jylland) e de 443 illas, das cales 76 están habitadas. Cunha lonxitude máxima de 375 km, que se estende dende a fronteira alemá con Schleswig-Holstein cara ao norte, o país é, en xeral, plano e con poucas elevacións, sendo o Møllehøj con 170,86 m o punto máis alto e o Lammefjord o máis baixo con 7 metros baixo o mar, e cunha altura media de tan só 31 m por riba do nivel do mar. A súa costa oeste está protexida das tempestades no mar do norte por dunas e bancos de area. As illas atópanse no mar Báltico, que forma tamén a fronteira leste de Xutlandia.

A paisaxe danesa foi formada en gran parte polos glaciares que cubrían por completo esta zona, no que as idas e vindas das masas de xeo acumularon outeiros de material areoso. Hoxe en día un cinto destes outeiros separan o leste do oeste de Xutlandia. Entre as illas máis importantes pódense destacar a situada ao leste de Xutlandia, separada polo estreito do Pequeno Belt, Fionia e a illa que se atopa no seu lado sueste, Langeland (en galego: terra longa), algo menor; ademais da illa de Selandia, máis aló do Gran Belt (en dinamarqués: Storebælt), onde se atopa a capital, Copenhaguen. Mais lonxe ao leste atópase a illa granítica de Bornholm, situada entre Polonia ao sur e Suecia ao norte. Moitas das illas están ligadas por pontes, destacando sobre todo a ponte de Øresund, que liga Selandia a Suecia, e a ponte do Gran Belt, que liga Fionia á propia Selandia. É preciso destacar finalmente as illas de Groenlandia e Feroe, territorios dependentes de Dinamarca.

A vexetación autóctona está formada por bosques de árbores con folla caduca. Nas reforestacións, estes están sendo desprazados cada vez máis por coníferas. A maior parte dos bosques utilízanse como protección contra os ventos e para evitar a perda de terra e area polo lado do mar do norte. A parte de cervos e veados non se conservaron animais maiores nos bosques de Dinamarca, con todo hai unha fauna importante e variada de aves. A contaminación ambiental é a principal ameaza para a fauna danesa nas zonas acuáticas preto das costas e nos lagos e ríos do interior. Como recursos naturais atópanse en Dinamarca petróleo, gas natural, peixe, sal e rocha calcaria.

Clima[editar | editar a fonte]

O clima de Dinamarca é suave e agradable durante todo o ano e, polo tanto, é pouco frecuente experimentar situacións climáticas extremas, estando marcado o clima pola súa situación setentrional e a corrente do Golfo. Os veráns son frescos cunha temperatura media en agosto de 15,7 °C e os invernos suaves con temperaturas medias en xaneiro e febreiro de 0 °C[5]. Hai suficientes precipitacións durante todo o ano, cunha media de 121 días con precipitacións ao ano, cunha media de 712 mm. anuais co outono como a estación máis húmida e a primavera a máis seca[5] e a miúdo sopran ventos moderados a fortes do oeste nas costas. Por mor da súa localización no norte de Europa, hai grandes variacións na duración da luz diúrna, no inverno os días son curtos, coa luzada saíndo en Copenhaguen arredor das 8:45 am e o solpor poñéndose ás 3:45 pm (hora local), mentres os días son longos no verán coa luzada ás 4:30 am e o solpor ás 10 pm.[6]

Flora e Fauna[editar | editar a fonte]

Bosque Grib, na parte norte de Selandia.

O territorio de Dinamarca está dominado polo bioma de bosque morno de frondosas. WWF distingue en Dinamarca dous ecorrexións diferentes:

  • Bosque mixto atlántico, na metade occidental da península de Xutlandia.
  • Bosque mixto báltico, no norte e a metade oriental da península de Xutlandia e nas illas do Báltico.

Ademais, as illas Feroe constitúen a ecorrexión denominada pradería boreal das illas Feroe.

Conservación ambiental[editar | editar a fonte]

En Dinamarca hai conciencia coa xestión responsable e preservación do ambiente, especialmente en reducir o impacto antrópico no ao actual período de quecemento global. Dinamarca é, en termos relativos, a máis destacada en canto a fabricación e utilización de turbinas eólicas, co compromiso realizado nos anos 1970 de chegar a obter a metade da produción de enerxía do país mediante o vento. Actualmente xera máis do 20% da súa electricidade mediante aeroxeradores, maior porcentaxe que calquera outro país, e é o quinto en produción total de enerxía eólica, a pesar de ser o país número 56 en canto a consumo eléctrico. Cómpre destacar que do 7 ao 18 de decembro de 2009 foi celebrada a Conferencia sobre o Cambio Climático da ONU 2009 en Copenhaguen, aínda que a maioría dos medios sinalaron que o acordo logrado finalmente distaba bastante do que se agardaba por parte da ONU e os científicos.[7][8]

Política e goberno[editar | editar a fonte]

Margarida II, raíña entre 1972 e 2024.

Dinamarca é unha monarquía constitucional, cunha lista de monarcas que se mantivo de forma continua por un período de máis de 1.000 anos (excepto nun período de interregnos entre 1332 e 1340). O actual rei é Frederico X, quen sucedeu a súa nai, Margarida II, logo da abdicación desta en xaneiro de 2024. O monarca ten numerosas funcións de tipo cerimonial, como por exemplo designar ao Primeiro Ministro e ao gabinete, responsables da administración do goberno. Con todo, ten que realizar consultas cos diferentes líderes parlamentarios antes da designación, xa que o gabinete pode ser destituído mediante unha moción de censura presentada no Folketing, o Parlamento danés. Os membros do gabinete non teñen por que ser parlamentarios.

Entre 1849 e 1953, o Folketing foi bicameral, mais en 1953 a nova Constitución estableceu un sistema unicameral, formado por non máis de 179 membros, dos cales dous proceden de Groenlandia e dous das Illas Feroe. As eleccións celébranse como mínimo cada catro anos, aínda que o Primeiro Ministro ten a potestade de convocar eleccións anticipadas. Os membros do Folketing elíxense por un complicado sistema de representación proporcional: calquera partido que reciba polo menos o 2% dos votos totais ten representación. O resultado deste sistema é unha gran cantidade de partidos políticos (no Parlamento actual despois das eleccións de 2007 están presentes oito partidos, máis outros catro distintos das Illas Feroe e Groenlandia). O partido máis votado recibiu nas eleccións de 2007 o 26,2% dos votos. A participación nas eleccións ten unha media do 85%, sendo nas últimas eleccións do 86,6%.

As Illas Feroe e Groenlandia teñen o seu propio goberno autónomo, cun alto comisionado que actúa como representante do goberno danés no territorio. O goberno autónomo é o responsable das políticas locais; as relacións internacionais, a política monetaria e a de defensa dependen directamente do goberno danés.

Condicións políticas[editar | editar a fonte]

A vida política en Dinamarca é ordenada e democrática. Os cambios políticos prodúcense de forma gradual a través dun proceso froito do consenso; os métodos políticos e as actitudes son, en xeral, moderados. Os socialdemócratas, definidos historicamente como un movemento obreiro ben organizado, que hoxe en día representan máis á clase media, mantivéronse no poder durante a maior parte das lexislaturas posteriores á segunda guerra mundial. Desde 1982 até 1993 e desde as eleccións de 2001, Dinamarca estivo gobernada por unha coalición liberal-conservadora, dirixida por Anders Fogh Rasmussen. No ano 2009 o Primeiro Ministro foi Lars Løkke Rasmussen, dos liberais, quen se mantivo á fronte do executivo ata 2011 e de novo entre 2015 e 2019. Ata 2024, dúas mulleres foron primeiras ministras, foron as socialdemócratas Helle Thorning-Schmidt (2011-2015) e Mette Frederiksen (dende 2019).

Subdivisións administrativas[editar | editar a fonte]

Desde o 1 de xaneiro de 2007, Dinamarca está dividida en 5 rexións (regioner) e 98 concellos (kommuner) que substituíron os tradicionais condados e os antigos 270 concellos respectivamente. As cinco rexións existentes son:

Nome Capital Cidade principal Poboación Area (km²) Densidade Comunas Mapa
Rexión Hovedstaden Hillerød Copenhagen 1 645 825 2.561 642,6 29

Actual organización territorial de Dinamarca.
Rexión Midtjylland Viborg Århus 1 237 041 13.142 94,2 19
Rexión Nordjylland Aalborg Aalborg 578.839 7.927 73,2 11
Rexión de Selandia Sorø Roskilde 819.427 7.273 112,7 17
Rexión Syddanmark Vejle Odense 1 194 659 12.191 97,99 22
Todo o país 5 475 791 43.094 127,0 98

O arquipélago de Ertholmene non forma parte de ningunha rexión nin concello, adminístrao o goberno dinamarqués.

Antigos distritos[editar | editar a fonte]

Dende 1970 até o 31 de decembro de 2006, Dinamarca estivo dividida en 13 distritos (en dinamarqués: amter) e 271 comunas (kommuner). No caso da área metropolitana de Copenhaguen, este estaba administrado polo distrito homónimo, fóra de dous municipios autónomos, un do mesmo nome e o de Frederiksberg. En tanto, a illa de Bornholm atopábase dividida en cinco municipios que conformaban un condado ata que foron unidas nun só municipio rexional o 1 de xaneiro de 2003. Este municipio rexional tiña as mesmas características que os municipios autónomos da capital.

En 2004, o goberno propuxo reformar o sistema administrativo ao actual: cinco grandes rexións co fin de administrar o sistema de saúde. A proposta ademais incluía a redución de municipios a preto de 100, cun mínimo de 20.000 habitantes por cada un (aínda que se estableceron algunhas excepcións). O Parlamento de Dinamarca finalmente aprobou a proposta o 24 de febreiro de 2005.

Nome Capital Tipo Poboación Superficie Densidade Mapa
1 Copenhaguen Copenhaguen Concello 501.158 91,3 5.489,1

Os trece distritos de Dinamarca até 2006.
2 Frederiksberg Frederiksberg Municipio 91.855 8,7 10.560,5
3 Copenhaguen Glostrup Distrito 618.529 526 1.175,9
4 Frederiksborg Hillerød Distrito 378.686 1.347 281,1
5 Roskilde Roskilde Distrito 241.523 891 271
6 Selandia Occidental Sorø Distrito 307.207 2.984 103
7 Storstrøm Næstved Distrito 262.781 3.398 77,3
8 Fionia Odense Distrito 478.347 3.485 137,2
9 Xutlandia Meridional Abenrá Distrito 252.433 3.939 64,1
10 Ribe Ribe Distrito 224.261 3.132 71,6
11 Vejle Vejle Distrito 360.921 2.997 120,4
12 Ringkjøbing Ringkøbing Distrito 275.065 4.854 56.7
13 Viborg Viborg Distrito 234.896 4.122 57
14 Xutlandia Setentrional Aalborg Distrito 495.090 6.173 80,2
15 Aarhus Aarhus Distrito 661.370 4,561 145
16 Bornholm Rønne Concello rex. 43.245 587 73,6

Economía[editar | editar a fonte]

LEGO, un dos produtos dinamarqueses máis populares.
Velux, compañía dinamarquesa especializada en xanelas.
Artigo principal: Economía de Dinamarca.

A moderna economía de mercado de Dinamarca permite que exista unha agricultura de alta tecnoloxía, uns altos niveis de benestar, unha moeda estábel e unha alta dependencia dos mercados exteriores. Dinamarca é un exportador neto de produtos alimenticios e enerxía e ten unha balanza de pagamentos positiva. É dependente dos intercambios comerciais cos outros países e da capacidade de influencia nas conxunturas internacionais e nos factores económicos. O valor das exportacións e importacións compón cerca dun terzo do valor do PIB, facéndose gran parte dos intercambios comerciais con outros estados da Unión Europea, sendo o socio de comercio bilateral máis importante Alemaña e tendo unha boa interacción económica con Suecia e o Reino Unido. Fóra da UE, Dinamarca mantén relacións comerciais con Noruega, os Estados Unidos e o Xapón.

Dende a segunda guerra mundial, as exportacións danesas están en expansión. A venda de produtos industriais superou a exportación agraria, ocupando un lugar cada vez máis importante dentro da pauta de exportacións. Ao final dos anos 90, a exportación industrial constituíu aproximadamente 80% do valor total das vendas ao exterior, mentres as vendas de produtos agrarios representaron 11%. As áreas de ferramentas e maquinaria forman 26% do total das exportacións industriais, os produtos químicos representan 12% e os produtos da industria agroalimentaria atenden ao 4%.

No caso das importacións, os principais produtos comprados son materias primas e produtos semifabricados, incluíndo a enerxía. A compra de maquinaria e equipamentos de produción para industria e comercio representa 67% do valor total de importacións. Nos anos 80, a importación de enerxía caeu dun modo significativo, debido ao aumento da produción interna de petróleo. Os outros 33% de importacións son de produtos de consumo, como os automóbiles.

Un 75% dos traballadores daneses pertence a algún sindicato dentro da Confederación Dinamarquesa de Sindicatos. As relacións entre os sindicatos e a patronal son de cooperación. Os convenios laborais que fixan os horarios de traballo e os salarios negócianse entre a patronal e os sindicatos, cunha mínima implicación do goberno. O goberno foi quen de igualar e superar os criterios económicos de converxencia necesarios para entrar na unión económica e monetaria da Unión Europea. Mais, Dinamarca, nun referendo realizado en setembro de 2000, decidiu non adoptar o euro como moeda, mantendo o uso da coroa.

Demografía[editar | editar a fonte]

Copenhaguen, capital do país.
Århus, segunda cidade máis poboada despois da capital.

Moitos dos daneses actuais trazan a súa árbore xenealóxica a partir da poboación xermano-gótica que habitou Dinamarca dende tempos prehistóricos. Con todo, coa inmigración que chegou ao país nos últimos anos, a poboación danesa fíxose máis heteroxénea. O dinamarqués é o principal idioma de Dinamarca. Durante as migracións dos Hunos e os eslavos, os daneses instaláronse na península de Xutlandia. Foron expulsados polos nativos e outras tribos de orixe xermánica. Os atacantes deixaron atrás unha chea de barcos, cuxos restos, na actualidade, aínda se están recuperando.

Unha pequena minoría de xermano-parlantes habita hoxe en día no sur de Xutlandia, exactamente no norte de Schleswig. Os duques de Schleswig e Holstein estiveron durante moito tempo baixo as ordes do Santo Imperio Romano, cuestión que se utilizou para manterse independentes. A zona norte de Schleswig entrou a formar parte de Dinamarca co Tratado de Versalles. Hoxe en día gran parte da poboación das zonas fronteirizas fala os dous idiomas. A maior parte da poboación de orixe inuit habita en Groenlandia; as Illas Feroe teñen unha poboación nórdica que fala a súa propia linguaxe. A educación é obrigatoria desde o sete aos 16 anos e é gratuíta até o nivel universitario.

A Igrexa do Pobo Danés, unha forma de luteranismo, está apoiada polo estado e, de acordo cos datos de 2002, un 84,3% dos daneses practican esta relixión, con todo, Dinamarca permite a liberdade de cultos e na actualidade practícanse doce relixións. Entre as que as que contan con máis seguidores son os bautistas, metodistas, pentecostais, anglicanos, luteranos libres e católicos, sendo un 3% da poboación musulmá.

A composición étnica actual é a seguinte:[9]

Cultura[editar | editar a fonte]

Bandeira de Dinamarca.

Algúns dos valores máis importantes na cultura danesa son, entre outros, a empatía, a solidariedade, a confianza entre as persoas, a tolerancia, a liberdade, a igualdade e a xustiza. Seguen ao pé da letra as súas leis e a súa constitución. Os dinamarqueses están moi dispostos a demostrar a cultura que teñen e orgullosos da súa historia, sempre pondo de fronte a súa bandeira, a súa raíña, e a súa moeda (a coroa dinamarquesa). A maior parte da poboación de Dinamarca opina que as tradicións danesas forman parte do patrimonio cultural nacional, e moitos cren que hai que protexelas fronte a influencias externas. Con todo, isto non significa que non adopten tradicións doutras culturas próximas.

Os dinamarqueses teñen unha actitude moi relaxada e alegre fronte á vida, o cal se reflicte no seu trato social que adoita ser moi informal. Son tolerantes, pacíficos, de mentalidade aberta e sen ningún tabú. A sinceridade é importante para os daneses, que son francos e que non ocultan as súas opinións críticas. O humor danés é irónico, sarcástico e informal e utilízase con frecuencia en calquera tipo de conversación como unha forma de mostrar confianza. Non é unha porta aberta para ofender ou faltar o respecto. É case imposible ofender un danés. Con todo, para algunhas culturas pode ser difícil interpretar o humor e sarcasmo danés. A actitude relaxada dos daneses ademais reflíctese nos moitos ambientes alternativos que ten Dinamarca e que son unha parte fascinante e exuberante do país.

A xente da península Xutlandia caracterízase por seren granxeiros e por costumes máis arraigados e tradicionais. A poboación da illa Fionia, son xente dedicada á agricultura, a súa maneira de falar é coñecida por moitos como 'cantada', viven nunha illa pequena o que os fai chegar á capital Odense en trinta minutos aproximadamente. Fionia é chamada "A illa do sorriso" pola amabilidade da súa xente. Na illa Selandia, a xente traballa maiormente na industria, sendo a parte máis activa de Dinamarca. Algúns coñecidos dinamarqueses son o escultor Bertel Thorvaldsen, o compositor Carl Nielsen, o arquitecto Jørn Utzon, o físico Niels Bohr ou o astrónomo Tycho Brahe.

Lingua e literatura[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Lingua dinamarquesa.
Hans Christian Andersen.

O dinamarqués é unha lingua xermánica falada por preto de seis millóns de persoas. Por motivos históricos de dominación danesa e de intercomunicación nos países acollidos ao Consello Nórdico, en Islandia ensínase esta lingua nas escolas, o que permite comunicarse aos islandeses en danés con certa competencia. É considerado ademais, un dos idiomas máis difíciles de aprender en Europa pola súa complicada pronuncia.

A maior parte do léxico danés procede do antigo nórdico, do cal se formaron novas palabras mediante palabras compostas. Con todo, unha porcentaxe considerable de vocabulario procede do baixo alemán, (por exemplo, betale = pagar, måske = se cadra). Posteriormente, o alto alemán, o francés e agora o inglés superaron ao baixo alemán na súa influencia sobre o danés. A relación xenética e histórica entre o inglés e o danés fai que numerosas palabras de ambas as linguas se parezan; por exemplo, hånd (hand), igen (again), næse (nose). Con todo, a pronuncia destas palabras en ambas as linguas varía considerablemente. Esta relación está marcada especialmente pola invasión viquinga de parte do norte de Inglaterra. A primeira tradución da Biblia ao danés publicouse en 1550.

Algúns exemplos de escritores famosos de obras en danés son o filósofo existencial Søren Kierkegaard, o prolífico escritor de fábulas Hans Christian Andersen e o novelista Ludvig Holberg. Tres autores daneses do século XX recibiron o Premio Nobel de Literatura: Karl Adolph Gjellerup e Henrik Pontoppidan, que o recibiron en 1917; e Johannes Vilhelm Jensen, galardoado en 1944. Outros escritores dinamarqueses coñecidos son Jeppe Aakjær, Martin Andersen Nexø, Jens Immanuel Baggesen, Herman Bang, Karen Blixen, Sven Hassel, Ludvig Holberg, Ole Henrik Laub, N. F. S. Grundtvig, Ole Lund Kirkegaard ou Klaus Rifbjerg.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "Bog IX. Kong Saga Gorms". Arquivado dende o orixinal o 09 de xaneiro de 2010. Consultado o 07 de xaneiro de 2010. 
  2. "Udvalgte stednavnes betydning". Arquivado dende o orixinal o 16 de xullo de 2006. Consultado o 07 de xaneiro de 2010. 
  3. Danir, Vandfolket
  4. O "David" que se fai referencia aquí parece ser o antigo rei dos israelitas, por suposto que isto é un grave anacronismo, mais é bastante típico desas fontes, que comunmente buscaban impulsar a orixe nacional ou dinástica tan lonxe como fose posible.
  5. 5,0 5,1 "Klimanormaler". Instituto Metereolóxico de Dinamarca. Arquivado dende o orixinal o 04 de agosto de 2013. Consultado o 28 de outubro de 2008. 
  6. "København, Denmark  – Sunrise, sunset, dawn and dusk times for the whole year". Gaisma. Consultado o 24 de xuño de 2012. 
  7. "Os pobres resultados de Copenhaguen". Arquivado dende o orixinal o 24 de decembro de 2009. Consultado o 10 de xaneiro de 2010. 
  8. "Copenhaguen: EE.UU. chegou a un acordo significativo mais insuficiente". Arquivado dende o orixinal o 21 de decembro de 2009. Consultado o 10 de xaneiro de 2010. 
  9. "StatBank Denmark". Arquivado dende o orixinal o 15 de maio de 2019. Consultado o 10 de xaneiro de 2010. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]