Rexión Sur (Estados Unidos)

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Modelo:Xeografía políticaRexión Sur
Imaxe
(2010)

AlcumeDixie Editar o valor em Wikidata
Localización
Mapa
 33°54′N 89°30′O / 33.9, -89.5Coordenadas: 33°54′N 89°30′O / 33.9, -89.5
Xeografía
Comparte fronteira con

Mapa dos Estados Unidos destacando en vermello a Rexión Sur, segundo a Oficina do Censo dos Estados Unidos.
As catro Rexións (e as súas divisións) dos Estados Unidos segundo a Oficina do Censo.

A Rexión Sur dos Estados Unidos (Southern en inglés), chamada habitualmente Sur americano, Dixie, ou simplemente Sur é unha gran rexión distintiva no sueste e centro-sur dos Estados Unidos de América. Por mor da herdanza cultural e histórica única da rexión, onde se situaron os primeiros establecementos coloniais europeos, a doutrina dos dereitos dos estados, a institución da escravitude e a herdanza da Confederación durante a guerra civil estadounidense, o Sur desenvolveu os seus propios costumes, literatura, estilos musicais, e variedades culinarias.

Xeografía[editar | editar a fonte]

Non existe unha opinión unánime con respecto á delimitación xeográfica e a mesma definición de Sur[1], e, tanto a súa delimitación coma a propia definición do termo, variou ao longo do tempo.

Se se utiliza a definición da Oficina do Censo dos Estados Unidos[2], a Rexión Sur dos Estados Unidos inclúe 16 estados (cun total de poboación estimado en 2006 de 109.083.752 habitantes) e divídese en tres unidades menores, ou divisións:

A definición popular do "Sur" é máis informal e xeralmente ten que ver cos estados que se separaron durante a guerra civil para formar os Estados Confederados de América. Estes estados comparten concordancias de historia e cultura que continúan ata hoxe en día. "Os estados fronteirizos" da guerra civil, expresamente Missouri, Kentucky, Maryland, e Delaware, forman aproximadamente a fronteira norte do "Sur". Estes teñen unha historia de estaren dacabalo entre a división Norte e a Sur, o que quedou claro cando se separaron durante a guerra civil aínda que permitisen a escravitude. Segundo o contexto, estes estados poden ou non ser considerados parte do Sur. Virxinia Occidental é un caso único xa que se separou de Virxinia pola súa negativa a unirse á Confederación e reter un sentido de independencia; se é culturalmente parte do Sur outra vez depende do contexto e de que diferenza se debuxe entre os Apalaches e a cultura do Sur.

Bioloxicamente, o Sur é unha rexión enorme e diversa, que ten numerosas zonas climáticas, coma a temperada, subtropical, tropical e árida. Moitos cultivos crecen facilmente nas súas terras e pódense cultivar sen xeadas durante polo menos seis meses do ano. Algunhas partes do Sur, en particular o Sueste, teñen paisaxes caracterizadas pola presenza de encinos, magnolios, enredadeiras de xasmíns de Carolina, e cornos florecentes. Outro ambiente común son os pantanos e lamazais da costa do golfo de México, sobre todo en Luisiana. O Sur é vítima do "kudzu" (Pueraria lobata), unha enredadeira invasora de rápido crecemento que cobre grandes extensións de terra e mata a vida vexetal indíxena.

Historia[editar | editar a fonte]

A cultura predominante do Sur ten as súas orixes no establecemento na rexión de colonos británicos. No século XVII, a maioría eran de orixe inglesa quen se asentaron sobre todo nas rexións costeiras do Sur, pero no século XVIII, grandes grupos de escoceses e escoceses do Ulster (máis tarde chamados escoceses-irlandeses) instaláronse nos Apalaches e o Piemonte Americano. Nun censo do 2000 de americanos e as súas ascendencias autodeclaradas (as áreas onde a xente proclama ascendencia "americana") eran os lugares onde, historicamente, moitos protestantes escoceses-irlandeses así como moitos poboadores ingleses se instalaron en América: o interior e mais algunhas áreas costeiras do Sur, e a rexión dos Apalaches. Crese que o número de escoceses americanos na rexión podería ser de 20 millóns e de escoceses-irlandeses americanos, 27 millóns[Cómpre referencia]. Esta xente ocupouse en guerras endémicas, comercio, e intercambios culturais cos indios americanos da rexión, coma os indios de Creek e Cheroqui. Logo de 1700, grandes grupos de escravos africanos foron introducidos para traballar nas grandes plantacións que dominaron a agricultura de exportación, cultivando o tabaco, o arroz e o anil. O algodón fíxose dominante logo de 1800. A explosión do cultivo de algodón creou a "institución peculiar"[3] da escravitude, unha parte integrante da economía do Sur a principios do século XIX.

A universidade máis antiga do Sur, a College of William and Mary, foi fundada en 1693 en Virxinia; promoveu o ensino da economía política e educou aos futuros presidentes estadounidenses Jefferson, Monroe e Tyler, todos de Virxinia. En efecto, toda a rexión dominou a política na era do First Party System (Primeiro Sistema de Partidos): por exemplo, catro dos cinco primeiros presidentes, Washington, Jefferson, Madison, e Monroe, eran de Virxinia.

Dúas importantes cuestións políticas aconteceron na primeira metade do século XIX e causaron a aliñación política ao longo das liñas fronteirizas, reforzando as identidades do Norte e Sur como rexións distintas con claros intereses fortemente opostos e que alimentaron os argumentos sobre os dereitos dos estados que culminaron na secesión e a guerra civil. Unha destas cuestións concernía as tarifas protectoras decretadas para axudar ao crecemento do sector industrial, principalmente no Norte. En 1832, en oposición á lexislación "federal" (nacional) que aumentaba as tarifas, Carolina do Sur aprobou unha ordenanza de anulación, un procedemento polo cal un estado deixa sen efecto unha lei federal. Pouco despois foi enviada unha flotilla naval ao porto de Charleston, e utilizouse a ameaza das tropas de terra desembarcadas para impor o cobro das tarifas. Alcanzouse un compromiso polo cal estas serían reducidas gradualmente, pero o desacordo subxacente sobre os dereitos dos estados seguiu aumentando nas décadas seguintes.

A segunda cuestión concernía a escravitude, principalmente á pregunta de se a escravitude estaría permitida nos estados recentemente admitidos. A cuestión foi tratada con delicadeza por compromisos políticos deseñados para equilibrar o número de estados "libres" e "escravos". Con todo, a cuestión xurdiu de novo de forma máis virulenta, ao redor da época da Intervención Norteamericana en México, que aumentou os intereses en xogo engadindo novos territorios, principalmente no lado Sur da liña xeográfica imaxinaria de división.

Guerra civil[editar | editar a fonte]

Cara a 1855 o Sur perdía poder político respecto do Norte máis populoso e foi encerrado nunha serie de batallas constitucionais e políticas co Norte en canto aos dereitos dos estados e o asunto da escravitude nos territorios. O presidente James Polk impuxo un réxime de tarifas baixas ao país (a denominada Walker Tariff de 1846), que enfadou aos industriais de Pensilvania, e bloqueou a proposta de financiamento federal de estradas nacionais e melloras dos portos. Unha vez que o Norte subiu ao poder en 1861, moitos habitantes do Sur sentiron que era o momento de separarse da Unión.

Sete estados do algodón decidiron a secesión logo da elección de Abraham Lincoln en 1860. Estes estados formaron os Estados Confederados de América. En 1861, uníronselles catro máis. O goberno dos Estados Unidos rexeitou recoñecer os estados que se separaran como un novo país e mantivo operativo ata o último momento o seu derradeiro forte no Sur, que a Confederación capturou en abril de 1861 na Batalla de Fort Sumter, no porto de Charleston, provocando a guerra civil. Nos seguintes catro anos de guerra o Sur foi o principal campo de batalla pois todas as batallas principais, excepto dúas, libráronse en chan sureño. A Confederación mantivo un réxime de tarifas baixas para as importacións europeas, pero impuxo un novo imposto a todas as importacións do Norte. O bloqueo do exército da Unión impediu que a maior parte do comercio entrase no Sur, polo que os impostos confederados apenas se notaron. O sistema de transporte do Sur dependeu principalmente do tráfico fluvial e costeiro por barco; ambos foron pechados pola Mariña de Unión. O pequeno sistema de ferrocarril practicamente sufriu un colapso, de modo que cara a 1864 as viaxes internas eran tan difíciles que a economía confederada ficou mutilada.

A Unión (así chamada porque loitaba polos Estados Unidos) finalmente derrotou aos Estados Confederados de América (nome formal dos estados americanos do sur durante a guerra civil). O Sur sufriu moito máis que o Norte, principalmente porque a guerra desenvolveuse case por completo no Sur. Aproximadamente, a Confederación sufriu 95.000 baixas en combate e 165.000 persoas morreron de enfermidade, o que fai un total de 260.000 mortes[4], dunha poboación branca total no Sur naquel momento de arredor de 5,5 millóns[5]. Segundo os datos do censo de 1860, o 8 % de todos os homes brancos entre 13 e 43 anos de idade morreu na guerra, cun 6 % no Norte e un extraordinario 18 % no Sur.[6] Con todo, o número de baixas do Norte superou as do Sur.

Reconstrución[editar | editar a fonte]

Logo da guerra civil, o Sur foi en gran parte devastado en termos de poboación, infraestrutura e economía. A República tamén se atopaba así mesmo en reconstrución, con tropas militares no control político directo do Sur. Moitos habitantes brancos do Sur que apoiaran activamente á Confederación perderon moitos dos dereitos básicos da cidadanía (coma o dereito de votar) mentres que coa promulgación da décimo terceira emenda (que rexeitaba a escravitude), a décimo cuarta (que concedía a cidadanía estadounidense plena aos afroamericanos) e a décimo quinta (que ampliou o dereito de voto a homes negros), os afroamericanos no Sur comezaron a gozar de máis dereitos dos que nunca tiveran na rexión.

Os chamados Carpetbaggers do Norte chegaron ao Sur para participar na política e os negocios. Algúns eran representantes do Freedmen's Bureau e outras axencias de reconstrución; outros eran humanitarios coa intención de axudar á xente negra; e algúns eran aventureiros que esperaban beneficiarse a través de métodos cuestionables. Algúns políticos oportunistas pouco escrupulosos foron alí para manipular o voto negro e nalgúns casos para establecer gobernos deshonestos.[7]

Así a todo na década de 1890 desenvolveuse no Sur un contragolpe político contra estes dereitos. Organizacións coma o Ku Klux Klan, unha organización clandestina creada para perpetuar a "supremacía branca", mediante linchamentos e outras formas de violencia e intimidación que impedisen aos afroamericanos exercer os seus dereitos políticos (as famosas incineracións de cruces non se converteron nun ritual do Klan ata a aparición do Segundo Ku Klux Klan na década de 1920) e foron creadas as leis de Jim Crow para facer legalmente a mesma cousa. Estes cambios no serían desfeitos ata finais da década de 1960 polo African-American Civil Rights Movement (Movemento polos dereitos civís afroamericanos).

Século XX[editar | editar a fonte]

O primeiro pozo de petróleo importante no Sur foi perforado en Spindletop preto de Beaumont (Texas), na mañá do 10 de xaneiro de 1901. Outros xacementos petrolíferos foron descubertos máis tarde en Arcansas, Oklahoma, e baixo o golfo de México. O resultante "boom do petróleo" transformou definitivamente a economía dos estados da Rexión Central Suroeste e conduciu á primeira expansión económica significativa logo da guerra civil.

A economía, que na súa maior parte aínda non se repuxera da guerra civil, sufriu un golpe dobre: a Gran Depresión e as Dust Bowl (unha serie de tormentas de po que causaron un gran dano ecolóxico e agrícola nas praderías americanas e canadenses na década de 1930). Logo da Caída de Wall Street de 1929, a economía sufriu significantes reveses e perdéronse millóns. Entre 1934 e 1939, un desastre ecolóxico de fortes ventos e seca causou un éxodo de Texas e Arcansas, á rexión de Panhandle en Oklahoma e ás chairas circundantes, nas que máis de 500.000 persoas quedaron sen fogar, famentos e desempregados[8]. Miles de persoas deixaron a rexión para sempre para buscaren oportunidades económicas ao longo da Costa Oeste.

Case todos os habitantes do Sur, brancos e negros, sufriron as consecuencias da guerra civil. Coa rexión devastada pola derrota e a destrución das infraestruturas civís, a maior parte do Sur era xeralmente incapaz de recuperarse economicamente cara ao final da segunda guerra mundial. O Sur foi sinalado polo presidente Franklin Delano Roosevelt como "a prioridade número un" en termos de necesidade de axuda durante a Gran Depresión, instituíndo programas coma a Tennessee Valley Authority en 1933. Bloqueado pola agricultura de baixa produtividade, o crecemento da rexión foi retardado polo limitado desenvolvemento industrial, os baixos niveis de espírito emprendedor e a falta de investimentos de capital.

A segunda guerra mundial marcou unha época de cambio no Sur. En moitas áreas da rexión montáronse novas industrias e bases militares que proporcionaron o necesitado capital e as infraestruturas. Xente de todas as partes dos Estados Unidos chegou ao Sur para a súa formación militar nas bases e a traballar nas novas industrias. A agricultura pasou do algodón e o tabaco para se dedicar á soia, millo, e outros alimentos. Este crecemento aumentou en 1960 e acelerouse enormemente nas décadas de 1980 e 1990. Creáronse grandes áreas urbanas con máis de 4 millóns de persoas en Texas, Xeorxia, e Florida. A rápida expansión de industrias coma automóbiles, telecomunicacións, tecidos, tecnoloxía, banca, e aviación deu a algúns estados do Sur a forza industrial para rivalizar cos grandes estados doutras partes do país. Segundo o Censo dos Estados Unidos do 2000, o Sur (xunto co Oeste) lideraba a nación no crecemento demográfico. Con todo, con este crecemento chegaron serios problemas de contaminación do aire en cidades coma Dallas, Houston, Atlanta, Miami, Austin, Charlotte, e outras.

Pobreza[editar | editar a fonte]

O Sur foi historicamente prexudicado desde o punto de vista económico cando é comparado cos Estados Unidos en conxunto. Logo da guerra civil, case a totalidade da infraestrutura económica da rexión estaba en ruínas. A agricultura fora a base da economía do Sur, e a aprobación da décimo terceira emenda (que rexeitaba a escravitude), con recursos que non podían ser cultivados eficazmente, finalmente deixou a moitos donos de plantacións de toda a rexión na pobreza. Ademais, dado que daquela había poucos negocios industriais localizados no sur, non había moitas outras fontes de ingresos posibles.

Os antigos escravos eran tamén vítimas desta situación, posto que non tiñan ningunha formación ou experiencia en algo que non fose a agricultura de plantación, e o traballo non agrícola era escaso.

Logo da segunda guerra mundial e o desenvolvemento do Sistema Interestatal de Autoestradas, o Sur resultou atractivo para industrias e negocios doutras partes do país, en particular da Rexión Nordeste e os Grandes Lagos. Por iso, os índices de pobreza e paro diminuíron. Programas federais coma a Appalachian Regional Commission tamén contribuíron ao crecemento económico.

Mentres a maior parte do Sur dos Estados Unidos avanzou considerablemente desde a segunda guerra mundial, a pobreza aínda persiste nalgunhas áreas. En zonas como o Black Belt (Cinto Negro), o leste de Kentucky e áreas do sur de Virxinia Occidental nos Apalaches, e a zona fronteiriza mexicana ao longo do río Grande en Texas atópase a maior pobreza do Sur actual.

Cultura[editar | editar a fonte]

De tódalas rexións dos Estados Unidos o Sur é a máis distinta, tanto nas mentes dos seus habitantes coma nas dos demais doutras partes do país. Segundo a actitude de cada un, e quizais da súa latitude, o Sur e a "idea" do Sur son temidos, reverenciados, odiados, amados e estereotipados, para ben ou para mal. O Sur é desdeñado por uns e un obxecto de intensa proximidade e lealdade para outros. Algúns nados no Sur rexeitan a súa historia e herdanza, mentres que hai moitos norteños trasladados ao Sur que declararán francamente que nunca volverían, xamais, aos climas máis fríos (tanto literal coma metaforicamente) dos que chegaron.

En conxunto o Sur mantense cun certo separatismo do resto do país. Quizais podería resumirse ben lendo certas pasaxes do libro de Tim Jacobson Heritage of the South ("A herdanza do Sur"). Jacobson escribiu:

More than any other part of America, the South stands apart...Thousands of Northerners and foreigners have migrated to it...but Southerners they will not become. For this is still a place where you must have either been born or have "people" there, to feel it is your native ground. Natives will tell you this. They are proud to be Americans, but they are also proud to be Virginians, South Carolinians, Tennesseans, and Texans. But they are conscious of another loyalty too, one that transcends the usual ties of national patriotism and state pride. It is a loyalty to a place where habits are strong and memories are long. If those memories could speak, they would tell stories of a region powerfully shaped by its history and determined to pass it on to future generations.

("Máis que calquera outra parte de América, o Sur permanece aparte... Miles de norteños e estranxeiros emigraron alí... pero nunca se farán sureños. Por iso é aínda un lugar onde debes nacer ou ter "xente" alí, para sentir que é a túa terra natal. Os naturais diranche isto. Están orgullosos de seren americanos, pero tamén están orgullosos ser de Virxinia, Carolina do Sur, Tennessee ou Texas. E tamén son conscientes doutra lealdade, unha que supera os lazos habituais de patriotismo nacional e orgullo estatal; é unha lealdade a un lugar onde as costumes son fortes e as memorias longas. Se esas memorias puidesen falar, contarían historias dunha rexión poderosamente formada pola súa historia e decidida a pasala ás futuras xeracións.")

Ou, como Florence King di no seu libro "Southern Ladies and Gentlemen" ("Señoras e cabaleiros do Sur"),

Put a fence around the South and you'd have one big madhouse.

("Pon unha cerca ao redor do Sur e terás un gran manicomio.")

A cultura do Sur foi e permanece polo xeral máis socialmente conservadora que a do resto do país. A causa do papel central da agricultura na economía prebélica, a sociedade permaneceu estratificada acorde á propiedade de terras. As comunidades rurais a miúdo desenvolvían un forte apego as igrexas como principal institución da comunidade.

Adoito broméase acerca do estilo de vida do Sur, sobre todo no "Sur profundo". Os sureños a miúdo son vistos polo xeral como máis despreocupados e relaxados mesmo en situacións tensas. Por suposto é un estereotipo, e non sempre é así. Pero, tradicionalmente, o estilo de vida do Sur é visto como cun ritmo mais lento sobre todo nas áreas rurais. Os seus habitantes tamén son estereotipados como reticentes ao cambio, sobre todo de círculos sociais, e peculiares. Os habitantes do Sur tamén teñen a reputación de ser moi corteses, de bos modos e particularmente agradables cos visitantes; esta característica foi etiquetada como "hospitalidade sureña".

Dialecto[editar | editar a fonte]

Tense dito que os sureños son os máis facilmente distinguibles doutros americanos pola súa linguaxe, tanto en termos de acento coma de locución. Con todo, non hai un único "acento sureño". Mellor dito, o inglés americano do Sur é unha colección de dialectos da lingua inglesa falados en todo o Sur. O inglés americano do sur pódese dividir en diferentes subdialectos, con diferentes linguaxes entre, por exemplo, a rexión dos Apalaches e as "Terras baixas" ao redor de Charleston, Carolina do Sur e Savannah (Xeorxia). Ao longo desta parte da costa do sueste o Gullah aínda o falan algúns afroamericanos, en particular as xeracións máis vellas. O dialecto das rexións centrais do Sur estaba baixo a influencia da migración de falantes do dialecto sureño na rexión do Oeste americano. O dialecto falado a diferentes niveis por moitos afroamericanos, o "inglés vernáculo afroamericano", comparte moitas semellanzas co dialecto do Sur. Especialistas en folclore nos anos 1920 e posteriores, afirman que os modelos da lingua dos Apalaches reflicten máis estreitamente o "inglés isabelino" que outros acentos nos Estados Unidos[9].

Cociña[editar | editar a fonte]

A cociña do Sur a miúdo é descrita coma un dos seus trazos máis distintivos, ademais do lingüístico. Pero tal como a historia e a cultura varían ao longo da ampla rexión coñecida coma o Sur, a cociña tradicional varía tamén. En tempos modernos, hai pouca diferenza entre a dieta típica dos sureños e a dieta doutras rexións dos Estados Unidos, pero o Sur mostra múltiples influencias culinarias únicas para formar as súas comidas "tradicionais". A "cociña do Sur" tamén proporciona algúns dos mellores exemplos da cociña típica americana, é dicir alimentos e estilos que naceron nos Estados Unidos que a diferencian dos adoptados noutros lugares.

A comida máis comunmente asociada co termo "comida do Sur" a miúdo é chamada "soul food" e caracterízase polo uso abundante de graxas e manteigas ricas en calorías. Este estilo atribúese a miúdo á influencia da poboación de escravos afroamericanos aínda que mostra unha mestura de influencias africanas así como amerindia, irlandesa-escocesa e outras. Polo fritido sureño, verduras cociñadas con graxa e manteiga, chícharos de ollos negros, o pan cornbread e as galletas son só exemplos de alimentos típicos nesta ampla categoría.

A grellada é unha comida tipicamente asociada co Sur; así a todo debería terse en conta que é moi apreciada e común tamén en todo o Medio Oeste. Consiste en carne lentamente cociñada e abundantemente sazonada que se caracteriza polas grandes diferenzas rexionais en preferencias e estilo. En Texas está a miúdo baseada en carne de vaca, mentres que en Carolina do Norte está baseada tipicamente en carne de porco e adicionalmente subdividida en estilos de Carolina do Leste e do Oeste. Carolina do Sur ten unha distintiva salsa baseada na mostaza que é propia das rexións centrais. Kansas City, Missouri e Memphis tamén son considerados centros da grellada, nos que se usan múltiples estilos en diferentes áreas. O oeste de Kentucky tamén é coñecido pola súa grellada, con Owensboro, Kentucky, como sede do Festival Internacional Bar-B-Q a segunda fin de semana de maio.

A historia única de Luisiana e o "Delta do Mississippi" (zona ao noroeste do estado de Mississippi que está situada entre os ríos Yazoo e Mississippi) ofrece un estilo culinario tamén único. A gastronomía caxún e crioula desenvolveuse da ampla mestura de influencias culturais nesta área, coma a acadia, africana, caribeña, francesa, indíxena e española.

En Texas, pola súa proximidade e historia compartida con México, tivo lugar o nacemento da moderna cociña "Tex-Mex" (de "Texas" e "México").

Igual que na maior parte dos Estados Unidos, hai actualmente unha ampla variedade de cociñas doutras orixes dispoñible en todo o Sur, coma a gastronomía chinesa, italiana, francesa, de Oriente Medio, tailandesa, xaponesa ou hindú, e mais restaurantes que aínda serven especialidades principalmente do Sur, chamados establecementos de "cociña caseira".

Literatura[editar | editar a fonte]

Quizais o escritor máis famoso do sur foi William Faulkner, que gañou o Premio Nobel de Literatura en 1949, e o Premio Pulitzer en 1955 pola súa novela Unha fábula. Faulkner achegou novas técnicas, coma a corrente do coñecemento e técnicas de narrativa complexas, á escritura americana (como na súa novela Mentres agonizo).

Outros escritores do Sur famosos son Mark Twain (cuxas As aventuras de Huckleberry Finn e As aventuras de Tom Sawyer son dous dos libros máis lidos sobre o Sur), Zora Neale Hurston, Eudora Welty, Thomas Wolfe, William Styron, Flannery O'Connor, Carson McCullers, James Dickey, Willie Morris, Tennessee Williams, Truman Capote, Walker Percy, Barry Hannah, Robert Penn Warren, Cormac McCarthy, James Agee e Harry Crews.

Posiblemente a novela sobre o Sur máis famosa do século XX sexa O que o vento levou de Margaret Mitchell, publicada en 1937. Outra famosa novela do sur, Matar un reiseñor de Harper Lee, gañou o Premio Pulitzer logo da súa publicación en 1960.

Cine[editar | editar a fonte]

O Sur contribuíu con algunhas das máis apreciadas e economicamente rendibles películas de todos os tempos, coma Foise co vento (1939) e Smokey and the Bandit (1977). En anos recentes filmáronse algunhas películas importantes en Memphis, Tennessee, coma Mystery Train (1989), Gran Bóla de Lume (1989), Memphis Belle (1990), O silencio dos cordeiros (1991), A Tapadeira (1993), Forrest Gump (1994), O escándalo de Larry Flynt (1996), The Rainmaker (1997), Náufrago (2000), 21 gramos (2003), Hustle & Flow (2005), Na corda frouxa (2005), Forty Shades Of Blue (2005) e Black Snake Moan (2007).

O segundo estudio máis grande nos Estados Unidos, EUE Screen Gems, está localizado en Wilmington, Carolina do Norte. Durante os últimos 20 anos, moitas películas e programas de televisión realizáronse en localizacións no leste de Carolina do Norte [10].

Na rexión lévanse a cabo varios festivais de cine, especialmente o festival de música e arte South by Southwest en Austin, e o Full Frame Documentary Filme Festival, en Durham, Carolina do Norte.

Maiores cidades do Sur[editar | editar a fonte]

Posto Cidade Estado Poboación estimada
(1 de xullo de 2006)
1 Houston Texas 2.144.491
2 San Antonio Texas 1.296.682
3 Dallas Texas 1.232.940
4 Jacksonville Florida 794.555
5 Austin Texas 709.893
6 Memphis Tennessee 670.902
7 Fort Worth Texas 653.320
8 Baltimore Maryland 631.366
9 Charlotte Carolina do Norte 630.478
10 El Paso Texas 609.415

Notas[editar | editar a fonte]

  1. David Williamson. "UNC-CH surveys reveal where the ‘real’ South lies". Arquivado dende o orixinal o 30 de maio de 2010. Consultado o 22 febreiro de 2007. 
  2. "Mapa oficial da Oficina do Censo dos Estados Unidos" (PDF). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 04 de novembro de 2001. Consultado o 17 de outubro de 2007. 
  3. "The Peculiar Institution of American Slavery". Arquivado dende o orixinal o 03 de novembro de 2007. Consultado o 22 agosto de 2006. 
  4. "Nineteenth Century Death Tolls: American Civil War". Consultado o 22 agosto de 2006. 
  5. "American Civil War, Those Confederate States". Arquivado dende o orixinal o 28 de setembro de 2006. Consultado o 17 de outubro de 2007. 
  6. "The Deadliest War". Arquivado dende o orixinal o 27 de setembro de 2007. Consultado o 17 de outubro de 2007. 
  7. "History Channel Encyclopedia: Carpetbaggers". Arquivado dende o orixinal o 09 de febreiro de 2010. Consultado o 14 setembro de 2007. 
  8. "First Measured Century: Interview: James Gregory". Consultado o 22 agosto de 2006. 
  9. Wilson, Charles Morrow. “Elizabethan America.” Atlantic Monthly, August 1929, 238—44. Reprinted in Appalachian Images in Folk and Popular Culture, ed. W. K. McNeil, 205—14. 1989.
  10. IMDB. "Titles with locations including Wilmington, NC". Consultado o 17 setembro de 2007. [Ligazón morta]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]