Charles Stewart Parnell

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Charles Stewart Parnell

Charles Stewart Parnell, nado en Avondale, condado de Wicklow, Irlanda, o 27 de xuño de 1846 e finado en Brighton, Inglaterra, o 6 de outubro de 1891, foi un político nacionalista irlandés, fundador e líder do Partido Parlamentario Irlandés.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Primeiros anos na política[editar | editar a fonte]

Nado no seo da alta burguesía, de pai angloirlandés e nai estadounidense, e de relixión protestante, realizou os seus estudos en Inglaterra para posteriormente levar a cabo unha longa viaxe polos Estados Unidos. Volveu a Irlanda en 1874, onde foi un recoñecido terratenente e onde se empezou a interesar pola política, inclinándose polas posicións próximas ao nacionalismo irlandés.

Ao ano seguinte foi elixido membro da Cámara dos Comúns como representante da Liga da Home Rule polo condado de Meath. Alí achegouse ás teses defendidas pola Irmandade Republicana Irlandesa, quen protagonizara o Alzamento Feniano de 1867, practicando unha política de obstruccionismo baseada no emprego de métodos legais para dificultar o traballo da cámara, co obxecto de que se centrasen nos problemas irlandeses, sistematicamente obviados ata daquela polo lexislativo británico.

En 1877 acadou a presidencia da Liga, principiando unha serie de reunións en privado cos líderes do movemento feniano e conseguindo o apoio da Clan na Gael na súa loita polo autogoberno irlandés. A cambio, estes pedíronlle que abandonase a vía constitucionalista para apostar claramente pola independencia, que aplicase maior intensidade para resolver o problema agrario, a eliminación de sectarismos e o voto colectivo. Parnell, en liña co seu pragmatismo, aínda que aceptou formalmente o acordo, mantivo un delicado equilibrio mantendo abertas todas as vías posibles sen se decantar claramente por ningunha. O acordo, que recibiu o nome de Nova Solución, aseguraba tamén a viabilidade da loita armada dos fenianos. Parnell asumiu, pola súa banda, a condición de líder principal da Nova Solución.

En 1879 fíxose co liderado da Liga Agraria Nacional Irlandesa, que tiña por obxectivo resolver a cuestión da terra en Irlanda. Parnell, con só 32 anos e tras unicamente 4 coma deputado, lograra a esta altura reunir unha coalición política sen precedentes a prol do autogoberno da illa. Nese mesmo ano viaxa a Estados Unidos para recabar apoios para a súa causa, logrando entrevistarse co mesmo presidente norteamericano, Rutherford B. Hayes, e dar un discurso sobre a cuestión irlandesa na Cámara de Representantes. O éxito no seu periplo polos Estados Unidos e máis por Canadá fixo que o seu colaborador Timothy Healy o alcumase "rei sen coroa de Irlanda".

Tras a súa volta a Irlanda en 1880, e conseguido novamente o escano nas eleccións ao parlamento británico dese ano, a violencia ligada á cuestión agraria incrementouse, malia os consellos do partido de Parnell de non recorrer a ela. Isto provocou a necesidade de multiplicar os mítins políticos ao longo e ancho do país, ao tempo que seguiu acudindo á táctica do boicot para as súas fins. O presidente do Reino Unido, o liberal William Ewart Gladstone, quen derrocara aos conservadores nas eleccións, impactado perante a relevancia que estaba a adquirir o movemento agrario irlandés, creou unha Comisión Agraria que reducía os arrendamentos e autorizaba a algúns arrendatarios a mercaren as súas granxas. Isto permitiu deter moitos dos desafiuzamentos arbitrarios causantes das revoltas violentas, mais non aqueles cuxa xénese se atopaba no impagamento das rendas.

A nova lei foi duramente atacada por Parnell e os seus, o que lle valeu a súa detención e entrada en prisión, ademais da ilegalización da Liga Agraria. Logrou, estando en prisión, forzar un acordo co goberno británico mediante o cal renunciaría á súa campaña contra a lei se o executivo cedía perante a petición de cen mil arrendatarios irlandeses dunhas rendas xustas. Finalmente, o 2 de maio de 1882 foi liberado.

O asasinato, catro días despois, do Secretario Xefe para Irlanda, Frederick Cavendish, e o Subsecretario Thomas Henry Burke, por parte de radicais fenianos, contaron co rexeitamento frontal de Parnell, quen chegou a ofrecer a súa dimisión a Gladstone coma parlamentario. Rachou definitivamente co sector máis radical do nacionalismo irlandés, o que axiña se traduciu na perda de peso da IRB en favor do partido de Parnell.

Fundación do Partido Parlamentario Irlandés[editar | editar a fonte]

En 1882 o seu partido pasou a chamarse Partido Parlamentario Irlandés (IPP), introducindo importantes modificacións. Impuxo un novo sistema de selección para a escolla de parlamentarios comprometidos co partido, coa fin de rematar coa frecuente práctica dalgúns membros que votaban segundo a súa conveniencia, contraviñendo aos seus propios compañeiros. Máis tarde, obrigou mediante o regulamento interno a que todas as votacións fosen en bloque. Estas medidas son vistas hoxe como a acta fundacional do primeiro partido político moderno.

A estratexia de Parnell funcionou, e nas eleccións xerais de 1885 o nacionalismo irlandés, a través do IPP, logrou a histórica cifra de 86 deputados, o que aproveitou para intentar forzar a aceptación dun principio de parlamento para Dublín. A tal efecto, apoiou primeiramente aos conservadores pero, tras a adopción por parte destes de medidas represivas contra os labregos irlandeses en xaneiro de 1886, decidiu cambiarse de bando e apoiar aos liberais de Gladstone. Os conservadores caeron e Gladstone aceptou o autogoberno. Porén, os unionistas irlandeses axiron contra esta decisión e fundaron o Partido Liberal Unionista. Os conservadores aproveitaron a conxuntura e, para debilitaren ao goberno liberal, posicionáronse en contra da decisión de Gladstone. Este presentou o 8 de abril a Primeira Lei para o Autogoberno Irlandés. Porén, os desacordos fixéronse oco no seo do partido Partido Liberal e nunha memorable sesión parlamentaria no mes de xuño a lei foi rexeitada por unha escasa diferenza de 30 votos (341 contra 311). O parlamento foi disolto e, en plena axitación política de todo o Reino Unido a causa do autogoberno da illa, foron convocadas novas eleccións, nas que a suma de conservadores e unionistas conseguirían a maioría absoluta.

En marzo de 1887 foi acusado de apoiar os asasinatos de Cavendish e Burke por mor dunhas supostas cartas remitidas por el. Porén, demostrouse que as cartas foran unha falsificación de Richard Piggot, xornalista antiparnelita de dubidosa reputación. Ao se descubrir a montaxe, Piggot fuxiu a Madrid, onde se suicidou.

A partir de 1886 Parnell moderou aínda máis o discurso, coa fin de convencer aos votantes ingleses de que o proxecto de autogoberno non representaba unha ameaza para eles. Ata 1890 reuniuse en varias ocasións con Gladstone, daquela na oposición, para negociar o novo proxecto.

Crise de confianza e falecemento[editar | editar a fonte]

Tumba de Parnell no cemiterio católico de Glasnevin, Dublín.

Parnell iniciou relacións sentimentais con Katharine O'Shea, esposa do seu compañeiro de partido William O'Shea. Finalmente, William e Katharine divorciáronse. A Igrexa Católica nun primeiro momento gardou silencio, aínda que a práctica do divorcio estaba prohibida por aquel entón e a maior parte dos seguidores parnelitas eran católicos. Sendo como era Parnell a causa do divorcio, a opinión pública inglesa axiu contra el, o que obrigou a Gladstone a pedirlle que abandonase a dirección do IPP, temendo perder as vindeiras eleccións xerais ás que concorrerían en coalición. Varios integrantes do partido, anoxados co seu líder, solicitaron a celebración dunha reunión de urxencia, que se celebraría o 1 de decembro de 1890 en Westminster. Intentouse chegar a un acordo que pasaba por unha renuncia só temporal de Parnell, pero el rexeitouno aducindo que a independencia do partido non se podía someterse nin a Gladstone nin á Igrexa. Esta falta de acordo provocou que 44 dos deputados asistentes á reunión abandonaran o IPP creando un novo partido, a Federación Nacional Irlandesa, que contou co apoio da xerarquía eclesiástica.

As perdas de apoio sucedéronse, o que non evitou que casase con Katharine o 25 de xuño de 1891. Perdeu tres eleccións locais seguidas, ao tempo que a súa saúde se deterioraba cada vez máis. Padecía doenzas coronarias e renais. Finalmente, finou dun infarto o 6 de outubro.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]