Xornalismo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Este é un dos 1000 artigos que toda Wikipedia debería ter.
Primeiro número do Faro de Vigo, xornal decano da prensa española.

O xornalismo ou periodismo é a actividade de recadar e publicar información relativa á actualidade, especialmente a feitos novidosos de interese xeral. A base do xornalismo é a noticia. A información pode recabarse e difundirse mediante distintos medios ou soportes técnicos, o que dá lugar ao xornalismo gráfico.

Historia[editar | editar a fonte]

A primeira publicación periódica diaria foi a Acta diurna que Xulio César mandaba expoñer no foro romano no século I antes da nosa era. Na baixa Idade Media, as follas escritas con noticias comerciais e económicas eran moi comúns nas rúas das cidades. En Venecia vendíanse follas ao prezo dunha gazzetta (moeda utilizada en Venecia no século XVI), das que proveñen os nomes de moitos xornais publicados na Era Moderna e a Contemporánea. Nos séculos XVIII e XIX os líderes políticos tomaron conciencia do grande poder que podían ter as gacetas para influír na poboación e proliferaron os xornais de faccións e partidos políticos.

Cara a fins do século XIX, os empresarios descubriron o potencial comercial do xornalismo e xurdiron as primeiras publicacións parecidas ós diarios actuais. Nos Estados Unidos, Joseph Pulitzer e William Randolph Hearst crearon grandes diarios destinados á venda masiva. Novas invencións, coma o telégrafo, facilitaron a obtención de noticias. Xurdiron, xa no século XX, empresas dedicadas á recolección de informacións sobre a actualidade que eran vendidas aos diarios. Estas empresas foron coñecidas como axencias xornalísticas ou axencias de prensa.

A fotografía comezou a usarse na prensa diaria en 1880. Alemaña foi o primeiro país que produciu revistas gráficas ilustradas con fotografías.

Na década dos anos 20 do século pasado xurdiron as primeiras emisoras de radio, que tomaron gran parte do protagonismo dos diarios no seguimento paso a paso dos feitos de actualidade. As primeiras emisións de televisión fixéronse nos Estados Unidos nos anos 30, e xa nos anos 50 a televisión competía coa radio na posibilidade de transmitir instantaneamente información acompañada de imaxe.

Convertido segundo algúns analistas no "cuarto poder" das grandes democracias occidentais, o xornalismo está a medio camiño entre o servizo público ao servizo da cidadanía e a empresa que defende os seus intereses comerciais e de mercado. Ligado con isto último, hai empresas ou produtos xornalísticos, ou de orixe ou base xornalística, que explotan todo tipo de recursos para chamar a atención e multiplicar as súas vendas: por exemplo, a través da intrusión nas vidas privadas, esaxerando a dimensión de noticias consideradas 'escandalosas', afondando no morbo, etc.

O certo é que o xornalismo é un compoñente fundamental da vida contemporánea e semella inseparable dos sistemas políticos democráticos. O xornalismo escrito creou, polas súas necesidades de rápida lectura e comprensión e a súa suposta neutralidade, un estilo na redacción que nutriu a numerosos escritores que formaron parte dos seus planteis. Ademais, creou comentaristas da vida social e política que acadaron prestixio e sona, vestiu as súas páxinas con humoristas e debuxantes e desenvolveu desde o proxecto costumista até a investigación documentada.

Especialidades do xornalismo[editar | editar a fonte]

A actividade xornalística comprende diversos xéneros, entre eles a crónica, a reportaxe, a entrevista, o documental, a viñeta satírica ou humorística e o artigo de opinión.

Xornalismo ambiental[editar | editar a fonte]

É aquel que se ocupa dos temas da relación entre o home e a súa contorna natural. Abrangue desde a información relativa ao agrícola, gandeiro, meteorolóxico... até os aspectos sociais, económicos, políticos... do que ten que ver co medio natural.

Ciberxornalismo[editar | editar a fonte]

É aquela modalidade do xornalismo cuxo principal medio para a investigación, elaboración e, sobre todo, a difusión da información é o ciberespazo, con internet como principal expoñente.

O ciberxornalismo recibiu múltiples denominacións nos últimos anos: 'xornalismo electrónico', 'xornalismo multimedia', 'xornalismo en internet' e, sobre todo, 'xornalismo dixital'. Malia a isto, todas estas expresións resultan ambiguas, pois aluden tamén a outras variantes audiovisuais do xornalismo, así que cada vez máis investigadores e profesionais optan pola denominación de ciberxornalismo.

Xornalismo participativo[editar | editar a fonte]

É o acto dun cidadán ou grupo de cidadáns que xogan un papel activo no proceso de colectar, analizar e diseminar información. A intención desta participación é subministrar a información independente, contrastada, exacta, de amplo rango e relevante que unha democracia require.

Xornalismo científico[editar | editar a fonte]

É a ligazón sistemática e profesional entre o coñecemento científico e a sociedade. O seu obxectivo principal é transformar a ciencia nun saber xeral con carácter informativo e educativo.

Xornalismo cultural[editar | editar a fonte]

Iván Tubau, no seu libro "Teoría y práctica del periodismo cultural", define o xornalismo cultural como unha forma de coñecer e difundir os produtos culturais dunha sociedade a través dos medios masivos de comunicación

Xornalismo económico[editar | editar a fonte]

Trata de dar a coñecer o estado económico dun país (principais indicadores económicos, evolución e comportamento dos mercados e empresas, etc.). É unha sección que desde as orixes do xornalismo se considerou 'prestixiosa', igual que a de política.

Xornalismo deportivo[editar | editar a fonte]

É o que ofrece información sobre os acontecementos deportivos a nivel local, nacional e internacional, mostrando as novidades que se relacionan coas diferentes disciplinas deportivas.

Xornalismo de guerra[editar | editar a fonte]

É unha das especialidades máis perigosas da profesión, posto que require cubrir as novas que se producen durante un conflito bélico.

Xornalismo infográfico[editar | editar a fonte]

O xornalismo infográfico é aquel que combina elementos visuais e textuais. A súa aplicación máis específica en principio serviu para colocar mapas, e gráficos.

No xornalismo dixital, a infografía adquire outras características propias: a interactividade, a posibilidade de animación, a incorporación de son e imaxe en movemento, etc.

Xornalismo político[editar | editar a fonte]

Refírese á análise e á información referida ás actividades partidarias.

Xornalismo preventivo[editar | editar a fonte]

É unha disciplina do xornalismo que ten como obxectivo analizar as crises e os conflitos dende o punto de vista global, da súa orixe ó impacto causado. O enfoque do xornalismo preventivo pretende asemade dar maior relevancia ós actores que propoñen solucións para a crise. Esta visión implica unha crítica do xornalismo convencional, considerado polos practicantes deste tipo de xornalismo como demasiado centrada sobre a noticia, descontextualizada, e nos actores en conflito.

A orixe do termo é asignable a Kofi Annan, quen mencionou a necesidade dun xornalismo deste tipo, sen desenvolver máis aló as súas características.

O Instituto de Xornalismo de Análise Preventiva Internacional (Ippai), con base en Madrid, asigna a este tipo de xornalismo:

  1. Anticipar sucesos que poderían levar a un conflito, crise institucional, conflito social, crise humana, crise dos dereitos humanos e / ou crises ambientais.
  2. Informar do desenvolvemento de tales situacións, con especial atención ós esforzos emprendidos, tanto polas partes implicadas como por mediadores externos e outros destacados en relación a esas situacións.
  3. Realizar o seguimento dos acontecementos unha vez concluídos, o informe sobre as posibilidades de reprodución e en que circunstancias sería posible a mesma.

Xornalismo social[editar | editar a fonte]

Xornalismo literario[editar | editar a fonte]

É aquel que non ficcionaliza a realidade, senón que a fai aínda máis real, ó apartarse das convencións informativas. Un importante impulsor deste tipo de xornalismo é Gabriel García Márquez, quen o bautizou como "Novo xornalismo".

No xornalismo literario debe haber, por parte do xornalista, máis inmersión e máis compromiso. Ademais de que debe ter unha riqueza narrativa capaz de rozar a literatura, pero sen apartarse da sinxeleza e a precisión do estilo xornalístico.

Xornalismo de investigación[editar | editar a fonte]

É aquel que procura revelar feitos de interese público a través de investigacións xornalísticas que profundicen naqueles feitos que afecten ao ben común, para o cal se precisa recabar datos, realizar entrevistas, contrastar fontes e contar con antecedentes fidedignos e documentos que permitan denunciar ou publicar unha reportaxe.

Lustran e ilustran o termo, Truman Capote coa súa novela A sangre fría e Tom Wolfe con, por exemplo, La palabra pintada, a propósito do pop arte dos anos sesenta.

Xornalismo radiofónico[editar | editar a fonte]

É o que utiliza a radio como medio de transmisión.

Xornalismo como carreira universitaria[editar | editar a fonte]

En moitos países do mundo, a carreira de xornalismo tamén se atopa en varias universidades, pero non só entregan o título de xornalista, senón que ademais de licenciado en comunicación social, relacionador público, empresarios emprendedores no ámbito da comunicación social, mesmo profesores da especialidade no ensino público.

En Galicia, a licenciatura de Xornalismo como tal pode estudarse unicamente na Universidade de Santiago de Compostela. Ademais, a carreira de Comunicación Audiovisual pode cursarse tanto na USC coma na Universidade de Vigo (Campus de Pontevedra).

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]