Lingua aglutinante

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

En tipoloxía lingüística, parte da lingüística, e segundo criterios morfolóxicos, unha lingua aglutinante é unha lingua na que as palabras se forman "pegando" ao lexema unha serie de afixos de xeito que as fronteiras entre os morfemas quedan ben marcados e que cada morfema se corresponde cun só trazo semántico ou funcional.

Exemplos:

  • en finés, a forma taloissani «nas miñas casas» pode segmentarse da seguinte maneira: talo «casa» + i marca de plural + ssa marca de inesivo («en») + ni sufixo que indica un posesor de primeira persoa do sinmgular («meu, miña, meus, miñas»);
  • en turco, a construción é moi semellante: a partir de ev «casa» fórmase: evler «as casas», evlerim «as miñas casas», e evlerimde «nas miñas casas».

O termo de lingua aglutinante foi creado en 1836 polo lingüista alemán Wilhelm von Humboldt. Formouno a partir do verbo latino agglutinare, que significa "pegar, encolar".

As linguas aglutinantes distínguense das linguas flexivas, das linguas illantes e das linguas polisintéticas.

Entre as linguas aglutinantes figuran especialmente o finés, o húngaro, o turco, o xaponés, o coreano, o suahili, o náhuatl...

Caso gramatical das linguas aglutinantes e flexivas (por orde alfabética)
ablativo, acusativo, comitativo, dativo, ergativo (ergatividade), inesivo, nominativo, vocativo, xenitivo; véxase tamén: temporal