Movemento esperantista en Vigo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Vigo destacou entre as cidades de Galiza polo seu movemento esperantista. O seu grupo de esperanto mantívose durante máis tempo que calquera outro de Galiza. En Vigo tiveron lugar dous Congresos Españois de Esperanto, en 1972 e 1986, e a cidade posúe nunha parte bastante céntrica unha rúa do Esperanto inaugurada en ocasión do Día de Zamenhof en 1987. Na historia do movemento esperantista vigués destacou Xulio Bueno Cortés (1903-1988), auténtica alma do grupo local Paco kaj Amo. Este grupo mantivo longas relacións coa comunidade esperantófona do Porto.

Na actualidade o grupo Paco kaj Amo xa non existe, aínda que os esperantistas da cidade permanecen en contacto e reúnense con certa frecuencia [1]. En Vigo teñen lugar cursos de esperanto de varios niveis.

Primeiras décadas[editar | editar a fonte]

Ao contrario doutras cidades galegas, como A Coruña, Santiago ou Mondoñedo, no inicio do século XX en Vigo non se creou ningún grupo de esperanto. O santiagués Santiago Carro García (1889-1966) pronunciou unha afervoada conferencia sobre a lingua na sociedade viguesa La Oliva. Presidiu a conferencia o arquitecto Manuel Gómez Román e o acto foi recollido nas páxinas da revista Vida Gallega (1-2-1910) [2].

Formación do grupo local. O primeiro congreso en Vigo[editar | editar a fonte]

Círculo Mercantil, que foi a sede de Paco kaj Amo

Hai que agardar até 1960 para o primeiro Congreso Español de Esperanto en Galiza, en Pontevedra, impulsado por Antonio Alonso Núñez. O congreso avivou os xa existentes esperantistas vigueses e afoutouos a se uniren no grupo esperantista Paco kaj Amo (Paz e Amor), hoxe desaparecido. O grupo naceu no seo do Círculo Cultural Mercantil e Industrial de Vigo (coñecido como Círculo Mercantil, ou Komerca Rondo entre os esperantistas) na Rúa do Príncipe. O seu primeiro presidente foi o mozo Arturo Moreira Lorenzo e a seguir, durante moito tempo e até o seu falecemento, o entusiasta Xulio Bueno Cortés (1903-1988), a alma do grupo, e a el pertenceron entre outros Pío Moa Banga (pai do escritor Pío Moa Rodríguez), Emilio Crespo Cano, María Elvira Álvarez Iglesias, Jaime Canoa González e Manuel Lojo Martínez.

Froito da unión dos esperantistas locais foi o curso de esperanto da radio La Voz de Vigo nos anos 60 e os cursos presenciais (nos cales ensinaron Xulio Bueno, Arturo Moreira e outros), aínda que o logro máis importante para Paco kaj Amo foi a organización en 1972 (do 20 ao 25 de xullo) do 32º Congreso Español de Esperanto (Hispana Kongreso de Esperanto). Nunha nota publicada en Boletín (órgano da Federación Española de Esperanto) Emilio Crespo Cano fala por vez primeira do grupo de Vigo (Grupo Esperantista Vigués) que el denomina 'Paco kaj Espero', talvez enganado ou porque efectivamente ese foi o seu primeiro nome [3]. Daquela o presidente do grupo vigués Paco kaj Amo era Arturo Moreira, estudante da Universidade de Santiago de Compostela[4]. Participaron nel mais de 300 congresistas[2], entre os cales se contaban falantes do norte de Portugal. Para a ocasión os correos españois editaron selos especiais. O congreso tivo lugar na sede do mencionado Círculo Mercantil, baixo a protección do seu presidente, Camilo Veiga, simpatizante da lingua internacional. A bandeira esperantista ondeou no balcón principal[5].

O congreso correu así:

  • Quinta feira, 20. Recibimento de congresistas. Presentación a cargo de Camilo Veiga Prego, presidente do Círculo Mercantil e presidente honorífico do congreso. Serán (Interkona vespero, reunión tradicional nos congresos de esperanto para se coñeceren os participantes).
  • Sexta feira, 21. Misa católica en esperanto na Colexiata. Acto de inauguración, no auditorio da Caixa de Aforros Municipal de Vigo, coa presenza do vicealcalde Massó e do comandante, o xeneral Luis Sánchez Sáez. Entre os que saudaron o congreso encontrábase Agustina Roca, cuxo marido morrera no anterior congreso en Galiza, no ano 1960 en Pontevedra; ela fixérase a promesa de aprender esperanto antes de participar de novo nun congreso en Galiza, e demostrouno con palabras na lingua internacional. Por último cantouse o himno esperantista La Espero (A esperanza, con letra de Zamenhof). Houbo tamén diversas reunións e unha visita aos montes do Castro e da Guía. A seguir celebrouse o Baile da Mocidade (Junulara Balo) na Sociedade La Oliva; nel María Elvira Álvarez Iglesias foi escollida Fraulino Esperanto 1972 (Miss Esperanto 1972) e recibiu unha fita de miss como premio.
  • Sábado, 22. Reunións de traballo. Excursión en barco á empresa conserveira Massó na outra beira da ría. Os congresistas puideron observar o enlatado de sardiñas e tres baleas que ían ser despezadas.En Vigo, Pedro Nuez, de Barcelona, deu unha conferencia con diapositivas. Ás 22 h, no parque de Castrelos e a convite do Concello, os participantes no congreso asistiron ao espectáculo dun ballet español.
  • Domingo, 23. Excursión dun día co seguinte itinerario: barrio do Berbés - Misa católica (a segunda no congreso) no Templo Votivo do Mar, en Panxón - Baiona (con visita ao Castelo de Monterreal) - A Guarda - Castro de Santa Trega - Tui - O Porriño. Logo, en Vigo, cruceiro vespertino pola ría, con actuación de folclore galego.
  • Segunda feira, 14. Asemblea xeral da Federación Española de Esperanto. Visita ao mediodía ao Pazo de Castrelos, con recibimento do alcalde. Á tarde, exames de esperanto, conferencia en español de Arturo Moreira e acto de clausura do congreso cantando o himno esperantista La Espero e coa presenza dun representante da Comandancia de Vigo. Alén deste, á mesa presidencial tamén estaban sentados Camilo Veiga Prego, Arturo Moreira, Salvador Oliván Hernando, Xulio Bueno Cortés, Pousa Veloso e o presidente e o secretario da Federación Española de Esperanto. Seguiu unha homenaxe a Salvador Oliván Hernando, pioneiro do esperanto en toda Galiza. Após a actuación folclórica tivo lugar no Gran Hotel Samil o Banquete Oficial (Oficiala Bankedo), que contou coa presenza do representante do comandante de Vigo, o delegado local das Xuventudes e as esposas de ámbolos dous.
  • Terza feira, 15. Excursión dun día a Santiago de Compostela. Na ida visitouse a casa de Rosalía de Castro en Padrón e á volta houbo unha paraxe en Vilagarcía de Arousa e na illa da Toxa[5].
Peche do 32º Congreso Español de Esperanto

O desenvolvemento do congreso ficou como un testemuño do ambiente sociopolítico do momento. As autoridades dos derradeiros anos do franquismo toleraban símbolos esperantistas (o himno, cantado nunha lingua que non era a única oficial por entón, o español; a bandeira) e galegos (a bandeira). Asistiron a eventos solemnes como a inauguración e a clausura do congreso, en que se cantou o himno La espero. A igrexa católica, oficial, tamén xogaba un papel importante. Durante o congreso tiveron lugar dúas misas, unha en esperanto e outra en español (sete anos antes, o 25 de xullo de 1965, o padre Xaime Seixas celebrara a primeira misa en galego despois da guerra, rompendo co uso exclusivo do español nos oficios relixiosos). Naquela altura aínda se permitía a caza das baleas.

Medio ano despois, o 16 de xaneiro de 1973, foi fundado formalmente o grupo esperantista vigués Paco kaj Amo, con sede no quinto andar do Círculo Cultural Mercantil (Rúa do Príncipe, 44). Para iso os esperantistas vigueses reuníronse alí e compuxeron a seguinte directiva:

  • Presidente honorario vitalicio: Camilo Veiga Prego
  • Presidente: Arturo Moreira Lorenzo
  • Vicepresidente: Xulio Bueno Cortés
  • Secretario: José Carlos Quintas Montero
  • Vicesecretaria: María Elvira Marta Álvarez Iglesias
  • Caixeiro: Celestino Pousa Veloso
  • Vicecaixeiro: Francisco Martínez Iglesias
  • Vogais: Jaime Canoa González, María del Pilar Montenegro Sanjurjo, Amalia Salgado González e Emilio Freitas Vidal.

Camilo Veiga Prego agradeceu o honor e gabou a todos os esperantistas[6].

Contactos transfronteirizos[editar | editar a fonte]

O 12 e 13 de outubro de 1974 aconteceu o primeiro encontro galego-portugués no Porto, organizado pola comunidade esperantista daquela cidade e polo grupo esperantista vigués Paco kaj Amo. O xornal "O Comércio do Porto" publicou unha foto da xuntanza, cuxa nota a rodapé dicía:

"Esteve no Porto o grupo esperantista "Paco kay Amo" (sic), constituído por quarenta pessoas, que aqui vieram a convite dos esperantistas desta cidade. Na tarde de sábado, foram-lhes dadas as boas-vindas numa das salas da Associacão Cristã da Mocidade, tendo o presidente do grupo retribuído a saudação e manifestado o desejo de que iniciativas destas se repitam entre os dois povos amigos. (...) No domingo, de manhã, foi proporcionada aos visitantes a visita a uma "cave" de Gaia, onde lhes foi dado apreciar o vinho do Porto, dali seguindo para a Foz do Douro, tendo visitado o curso em funcionamento na Cooperativa local, com cujos participantes se deixaram fotografar junto à praia. Em 15 de Dezembro, data do nascimento de Zamenhof, o curso da Foz do Douro irá a Vigo a convite do grupo "Paco kay Amo" (sic), sendo os participantes infantis hóspedes dos esperantistas daquela cidade galega.

Assim se consolida a amizade entre os povos.[7].

Na verdade a excursión de Vigo estaba composta non só de esperantistas senón tamén de simpatizantes, e segundo unha nota publicada en Boletín, Paco kaj Amo inaugurou con aquela viaxe o curso 1974-75, cuxa planificación foi preparada coidadosamente[8]. Os contactos e relacións case familiares cos portugueses do norte botaron raíz e prolongáronse durante os anos seguintes.


Aquela prometida visita do grupo portuense a Vigo foi realizada en decembro do mesmo ano, en ocasión do Día de Zamenhof. O sábado 14 de decembro Paco kaj Amo inaugurou unha exposición sobre o esperanto no Salón Rexio do Círculo Mercantil, que se estendeu até o día 19. No mesmo día ás 8 da tarde o presidente da Federación Esperantista Española (HEF), Ángel Figuerola Auque, deu unha conferencia en castelán, lendo os seus apuntamentos en braille acerca da "Posición do esperanto entre os inventos sociais do noso tempo e personalidade do seu creador". O abundante público aplaudiu emocionado. A seguir Figuerola Auque entregou a Camilo Veiga Prego, presidente do Círculo Mercantil, un diploma mediante o cal HEF o nomeaba membro honorario. Este respondeu con conmovedoras palabras e agradeceu a todos os esperantistas. No día seguinte, o domingo 15, chegou o grupo portugués, corenta e dúas persoas en total, das cales quince eran alumnos do curso de esperanto da Foz do Douro. Após a visita á exposición os membros de Paco kaj Amo mostraron Vigo aos seus hóspedes e logo todos se volveron reunir no Círculo Mercantil perante o público xeral. Os xornais e Radio Vigo informaron do acontecemento.

O 10 de decembro de 1978 tivo lugar outro encontro galego-portugués en Vigo, para celebrar o Día de Zamenhof e o 30º aniversario da Declaración Universal dos Dereitos Humanos. O programa consistía nunha visita ao Pavillón dos Deportes e dúas conferencias: "Zamenhof, apóstolo da paz e da fraternidade universal. Diante do 30º aniversario da Declaración dos Dereitos Humanos", por Pío Moa Banga, e "O esperanto na universidade", de Antonio Alonso Núñez. Por último celebrouse un xantar[9]. Para a ocasión editáronse postais co símbolo do congreso de 1972 en verde, e unha pomba gris cunha póla de oliveira, coa lenda "Reenkontigho galaico-portugues" (sobrado un e). No reverso podíanse ler catro versos do poema La espero (A esperanza) de Zamenhof, letra do himno do esperanto.

A intensa actividade dos anos 80[editar | editar a fonte]

1983 foi o ano da primeira tradución da literatura galega ao esperanto: Viveroj (Retrincos), de Castelao, feita polo gran tradutor Fernando de Diego sobre a base dunha primeira proba de tradución de Antonio Alonso Núñez, de Santiago de Compostela. O libro foi editado polo curso de esperanto do Instituto de Idiomas (hoxe Centro de Linguas) da Universidade de Santiago de Compostela, onde daba aulas o propio Antonio Alonso, pero unicamente organizacións e empresas de Vigo posibilitaron o financiamento da edición, como se pode ler na derradeira páxina: Caixa de Aforros Municipal de Vigo, Universidade Popular de Vigo, Círculo Cultural Mercantil e Industrial de Vigo e o Grupo de esperanto de Vigo (Paco kaj Amo)[10]. No entanto o libriño, lonxe de reforzar as relacións entre os samideanoj (compañeiros esperantistas) galegos, abriu unha brecha entre os pólos vigués e santiagués que ninguén soubo fechar a tempo. No mesmo ano Antonio Alonso desprazábase cada semana para ensinar a lingua en Vigo (na Casa Bárcena) mentres Xulio Bueno e outros membros do grupo vigués daban conferencias en Radio Vigo, pero cada un polo seu lado e sen contacto.

En 1986 Paco kaj Amo volveu organizar un Congreso Español de Esperanto, principalmente o 46º, (do 15 até o 20 de xullo), con 193 participantes. Naquela ocasión o centro onde se celebraba non podía ser máis luxoso: o Centro Cultural da Caixa de Aforros Municipal de Vigo (hoxe Centro Cultural Novacaixagalicia). Rebautizáronse os salóns cos nomes de esperantistas homenaxeados, houbo un pregón de Xesús Alonso Montero, profesor que sempre defende os ideais esperantistas, e conferencias de, entre outros, o vigués Jaime Canoa González acerca da tradución ao esperanto de 650 proverbios de todo o mundo. Tamén houbo unha excursión ao Grove, Sanxenxo, á Illa da Toxa etc[11].

Placa da Rúa do Esperanto de Vigo

O soño de Xulio Bueno Cortés cumpriuse o 13 de decembro de 1987, despois de longos trámites e insistentes peticións no concello, ao ser inaugurada a Rúa do Esperanto (Esperanto-strato) en Vigo case exactamente o día en que a lingua facía cen anos. O concello tomou a decisión no pleno do 9 de decembro de 1986[12]. Era o primeiro ZEO (obxecto do esperanto ou Zamenhof) en Galiza. A cerimonia tivo lugar ás 12 da mañá. A Banda Municipal tocou melodías galegas tradicionais e a seguir falaron o profesor Alonso Montero e o vicepresidente de Paco kaj Amo, Pio Moa Banga. En último lugar interveu a concelleira de cultura María Xosé Porteiro e en canto a orquestra tocaba os himnos de Galiza e de España (a pesar dos esforzos non se conseguiu que tocasen o himno esperantista), a concelleira descubriu a placa de granito co nome "Rúa do esperanto"[13]. Asistiron ao evento esperantistas de toda a Galiza e os vellos amigos do norte de Portugal. Despois da inauguración veu un xantar nun restaurante.

Inauguración da Rúa do Esperanto en Vigo o 13 de decembro de 1987. Á esquerda, cunha pucha, está Xulio Bueno Cortés, e no medio aparece anicado o Prof. Xesús Alonso Montero.

Seis meses máis tarde finou Xulio Bueno Cortés, deixando artigos cheos de amor pola paz e de sentimento fraternal cos semellantes. Os libros do grupo, aos cales contribuíra de maneira importante Salvador Oliván Hernando (1889-1978), foran anteriormente entregados en depósito á biblioteca do Círculo Mercantil. Logo da morte de Bueno a viúva doou a biblioteca en esperanto do seu marido a esta sociedade.

A mediados de outubro de 1988 comezaron de novo as aulas de esperanto en Paco kaj Amo, baixo a responsabilidade do novo presidente Pío Moa Banga[14].

O 18 de decembro do mesmo ano Paco kaj Amo celebrou o día de Zamenhof. Ás 11 os esperantistas presentaron unha coroa de flores na Rúa do Esperanto (que foi colada con fita adhesiva baixo a placa co nome) e logo desprazáronse á Cidade Deportiva do Círculo Mercantil, en Marcosende, fóra da cidade, no monte, onde ao mediodía inauguraron unha exposición de libros, folletos e carteis organizada polo santiagués Antonio Alonso Núñez. Despois xantaron alí mesmo.[15].

Desaparición de Paco kaj Amo. Últimos decenios En 1990 comezou, cada sexta feira, un curso gratis no instituto San Tomé de Freixeiro, cuxo profesor foi Suso Moinhos.[16].[editar | editar a fonte]

Desde entón e durante un longo período o movemento esperantista foi esmorecendo na cidade, aínda que os esperantistas continuaban a manter o contacto e a lingua xamais se deixou de falar. En xuño de 2005 esperantistas vigueses e do norte de Portugal reviviron máis unha vez os encontros galego-portugueses, desta volta en Tui e na súa cidade-espello, Valença do Minho. Velaquí como Nuno Magalhães narraba o acontecido en Nia Bulteno, boletín da Asociación Portuguesa de Esperanto (traducido do esperanto):

"A derradeira lección [dun curso de esperanto organizado no Porto, que tivo como profesor o francés Fabien Tschudy] foi de feito un encontro entre alumnos do Porto e de Vigo. O lugar: Tui/Valença. Acudiron tanto alumnos como veteranos: de Portugal eu, Alexandra Paz, David Ricardo, Fernando Costa, Carlos Moreira, Noémio Lago de Oliveira e Fabien Tschudy; da Galiza Antonio Valén, Suso Moinhos, Xaime Canoa kaj Santiago Estévez.[17]".

En efecto, entre os participantes estaban Antonio Valén, que vive en Vigo facendo parte dos esperantistas locais, e Fernando Costa (Fernando Domingues da Costa), para quen aquel foi un dos seus derradeiros eventos esperantistas, xa que finou tan só dous anos despois, en 2007[18]. Cómpre lembrar que Fernando Costa asistiu na súa vida a varios encontros en Vigo, entre os cales se inclúe o 46º Congreso Español de 1986 e a inauguración da Rúa do Esperanto.

En xaneiro de 2005 o web do Consello da Cultura Galega entrevistou a Pío Moa Banga, entón o único membro de Paco kaj Amo, asociación que aínda existe legalmente e que pertence á Federación Española de Esperanto. O xornalista afirmaba: "En Galicia, cen anos despois de que se notifica a existencia de colectivos na súa defensa, os esperantistas son case unha especie en extinción. Hoxe en día todo o fulgor deste idioma universal redúcese a unha única persoa que compón, dirixe e integra o grupo vigués “Paz e amor” (“Paco Kaj Amo” en esperanto)."[19]. De feito o grupo xa morrera había tempo, aínda que os restantes esperantistas vigueses continuasen a manter o contacto entre si.

Durante o ano escolar 2009-2010 a academia de idiomas Linguamanía levou a cabo un obradoiro de conversa en esperanto nunha cafetería da cidade e en 2010-2011 a academia Acume Formación deu aulas unha vez por semana do nivel B1 de esperanto (segundo o Marco europeo común de referencia para as linguas).

Os esperantistas vigueses participaron activamente na organización do 62º Congreso Español de Esperanto en Santiago de Compostela en 2010, xunto con outros samideanoj de Galiza.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Romero, Hildegard (2019): "El esperanto: la utopía fracasó, pero el idioma sigue vivo", en Nius
  2. 2,0 2,1 Xesús Alonso Montero (1984): "Esperanto", en Silverio Cañada (eldonisto), Gran Enciclopedia Gallega, Santiago/Gijón, pp. 214-218
  3. -- (1972): Boletín nº 189, xaneiro-febreiro 1972, Zaragoza: Hispana Esperanto-Federacio, p. 3
  4. -- (1972): Boletín nº 191, maio-xuño 1972, Zaragoza: Hispana Esperanto-Federacio
  5. 5,0 5,1 -- (1972): Boletín nº 193, setembro-outubro 1972, Zaragoza: Hispana Esperanto-Federacio
  6. -- (1973): Boletín nº 195, xaneiro-febreiro 1973, Zaragoza: Hispana Esperanto-Federacio, p. 8
  7. -- (1974): O Comércio do Porto, Porto, 18 de decembro de 1974, xornal
  8. -- (1974): Boletín nº 206, novembro-decembro 1974, Zaragoza: Hispana Esperanto-Federacio, p. 19
  9. -- (1979): Boletín de la Federación Española de Esperanto, nº 231-232, xaneiro-abril de 1979, Valladolid: Hispana Esperanto-Federacio
  10. Castelao (1983), Viveroj, Santiago de Compostela: Esperanto-kurso de la Instituto por Lingvoj che la Filologia Fakultato, Universitato de Santiago de Compostela, p. 44
  11. Kongreslibro de la 46-a Hispana Kongreso de Esperanto, Vigo 1986
  12. -- (1987): Boletín nº 278, xaneiro-febreiro 1987, Zaragoza: Hispana Esperanto-Federacio, p. 5
  13. -- (1987): Atlántico, Vigo, 14 de decembro de 1987, xornal
  14. -- (1988): Faro de Vigo, Vigo, 29 de novembro de 1988, xornal
  15. -- (1988): Faro de Vigo, Vigo, 11 de decembro 1988, xornal
  16. Faro de Vigo, 10 de novembro de 1990.
  17. Magalhães, Nuno (2005): "Postkurse-landlime", en Nia Bulteno, nº 88, Lisboa: Portugala Esperanto-Asocio, p. 8
  18. (2008) "Forpasis Fernando Costa kaj Domingos Terramoto", en Nia Bulteno, nº 90, Lisboa: Portugala Esperanto-Asocio, p. 1
  19. http://www.culturagalega.org/noticia.php?id=5549

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]