Domingos de Guzmán

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Domingos de Guzmán, por Fra Angelico.

Domingos de Guzmán, nado en 1171 en Caleruega (Reino de Castela) e morto en 1221 en Boloña (Sacro Imperio Romano Xermánico) é o fundador da Orde dos Predicadores ou dominicos.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Primeiros anos[editar | editar a fonte]

Fillo de Fiz de Guzmán, considerado venerable pola Igrexa Católica e de Xoana de Aza, proclamada Beata pola mesma Igrexa. Tivo dous imáns: Antonio, tamén venerable, e Manés de Guzmán que se lle uniría á orde dominica e foi declarado beato.

Cara os seis anos, foi confiado a un tío seu, que era arcipreste en Gumiel de Izan, para que o educase. A os catorce ingresou no Estudo Xeneral de Palencia, un dos máis importantes dos reinos cristiáns peninsulares. Alí estudou artes liberais e teoloxía.

Vivía só, con escaso mobiliario e os seus moitos libros. Sendo aínda novo, declarouse unha gran fame nesas terras castelás e Domingos converteu o seu cuarto nunha Esmola ao que acudían os necesitados en busca de axuda material. Tendo Domingos vendido todo canto tiña, acordou desprenderse tamén dos seus prezados libros. Ante a oposición dos seus achegados, declarou que non podía quedarse con esas peles secas mentres os seus irmáns en carne viva morrían á fame.

Por aquel entón, estando en guerra Castela contra os reinos islámicos, acudiu a el unha muller desconsolada porque o seu irmán fora apreixado polos mouros. Domingos entón decidiu venderse como escravo para rescatar ao prisioneiro. Isto causou fonda impresión nos cidadáns de Palencia e suscitouse un movemento espontáneo e colectivo de solidariedade que aliviou as necesidades dos desfavorecidos e conseguiu o rescate do refén.

Esta sona de santidade levou ao bispo de Osma a pregarlle que entrase como cóengo na súa catedral. Aceptou isto Domingos tendo a idade de 24 anos. Foi despois subprior do cabido e, en 1199, aparece como director do culto da catedral (sancristán).

Viaxe a Europa[editar | editar a fonte]

San Domingos e os albixenses, por Pedro Berruguete.

O rei Afonso VIII encargou ao bispo de Osma Diego de Acebes desprazarse a Dinamarca para concertar o matrimonio do seu fillo Fernando cunha dama daquel país. O bispo fíxose acompañar de Domingos. Nese periplo comprobaron como especialmente Occitania pero tamén Francia, Renania, Flandres e Lombardía estaban influídas por doutrinas que se afastaban do cristianismo católico e que estaban favorecidas por condes e outros señores e poderes civís. Particularmente espallados estaban os cátaros e a doutrina albixense. Esta sostiña que o Deus creador non era o Deus Bo senón un malévolo demiúrgo de onde saen a corrupción e a morte. Sendo o corpo e a materia algo malo e perverso, Xesús de Nazaret non se tiña encarnado, nin tiña morto realmente na cruz, e sendo os sacramentos referentes a obxectos materiais, estes eran falsos e perniciosos agás a confesión. Vivían nunha rigorosa austeridade, rexeitaban a sexualidade e toleraban o matrimonio para aqueles que non tivesen aínda a condición de perfectos.

Na súa primeira estadía en Tolosa, Domingos puido coñecer como o seu hospedeiro, profesando o que el consideraba herexías, facía gala dun importante bagaxe de argumentacións e coñecementos contra a fe católica. Toda a noite estivo parolando con el ata que o converteu, pero ficou impresionado da formación dos herexes máis comúns e da súa coherencia de vida. En chegando a Dinamarca, comprobou que no norte de Europa non só non había herexes senón paganos que aínda non coñecían o cristianismo. Caso dos cumanos, un pobo con sona de fero procedente do Leste.

Nunha viaxe de volta, Domingos determinou quedarse en Occitania onde predicadores albixenses eran secundados pola poboación mentres os monxes católicos, máis centrados na vida ascética e monacal, non se mesturaban co pobo coa intimidade e proximidade dos divulgadores cátaros. Por outra banda, o catolicismo aparecía anquilosado nas estruturas xerárquicas que impedían a predicación espontánea do catolicismo.

Pero o que foi determinante para a súa vocación futura foi o escándalo que lle produciu ver como os legados do Papa e predicadores enviados por Roma para combater a herexía viñan ateigados de boato e pomba en fastuosos carruaxes completamente alleos ás arelas da autenticidade evanxélica que as xentes do común vían moito mellor cumpridas entre aos austeros e rigorosos cátaros. En 1207, nun encontro en Montpellier cos legados cistercienses do Papa, Domingos defendeu que había que volver a coherencia evanxélica predicando dende unha vida coherente de amor polos necesitados, pobreza e desprendemento. Así o bispo de Osma renunciou a todo boato episcopal e el e Domingos renunciaron a toda comodidade, empezaron a camiñar descalzos, sen casa nin acubillo propios, con roupaxes humildes e non consentido que se lles chamase máis que irmáns ou freires. Tratábase de vivir como os primeiros apóstolos e discípulos de Cristo.

Predicador[editar | editar a fonte]

Tumba de Domingos de Guzmán, en Boloña.

Tal foi o impacto que, cando Domingos se estableceu nunha aldea chamada Prulla (Prouille), xa era predicador e delegado pontificio expedindo certificados de predicación e velando pola pobreza e autenticidade vital dos predicadores. Porén, pasado o primeiro entusiasmo, abades e monxes que participaran nesta misión abandonaron, deixando a Domingos practicamente só no seu lugar de Prulla. O Bispo de Osma, que tivera que partir, finou ao pouco tempo. Con todo, un grupo de mulleres convertidas da herexía para o catolicismo formaron alí unha comunidade á que Domingos deu unha serie de normas de vida e á que lle encomendou o que para el era a misión principal: a oración que dera éxito a unha empresa que semellaba esmorecer. Este sería o primeiro convento de dominicas.

Todo pareceu virse abaixo cando foi asasinado o legado pontifico superior e director das misións Pedro de Castelnau. Foi acusado do crime o conde de Tolosa. O Papa promoveu entón unha cruzada dirixida a sangue e lume polo cruel Simón de Montfort. Iniciábase a cruzada albixense que dexenerou nun auténtico xenocidio do pobo occitano. Nese clima de morte e destrución que se prolongou por lustros, en 1212 a Domingos se lle ofertou o bispado de Cominges pero el rexeitouno con sinxeleza.

Se xa aos predicadores de Domingos e a el se lles trataba naquelas terras con desprezo, o clima bélico encirrou máis a xenreira colectiva contra eles; recibían cantazos, cuspiñadas, insultos, difamacións e aldraxes. Poñendo en risco a súa vida e en total inermitude, Domingos foi predicar a Carcasona onde recibiu inmundicias, barro, cuspe e toda caste de insultos. O bispo nomeouno vicario in spiritualibus, isto é, só para actividades espirituais, non as xudiciais ou administrativas que Domingos sempre refugaba, aínda que acabou aceptando ser párroco de Fangeaux o 25 de maio de 1214. En 1215 o arcebispo de Auch, a proposta unánime dos cóengos, ofértalle o bispado de Conserans, pero con teimosía Domingos rexeita a oferta. Quixo adicarse de cheo á predicación, camiñando sen folgos e descalzo, cunha túnica paupérrima, sen petos nin alforxas, cinguido cunha correa e por todo equipaxe o Evanxeo de Mateu e as epístolas de Paulo de Tarso. Era obxecto de múltiples humillacións que non lle arrincaban unha fonda alegría coa que animaba aos seus compañeiros.

Estes extremos non eran compartidos por toda a xerarquía católica e o Concilio de Montpellier prohibiu aos predicadores católicos iren descalzos. Daquela Domingos decidiu calzarse ao chegar ás cidades pero o resto do camiño facíao sen sandalias.

Fundación[editar | editar a fonte]

Domingos de Guzmán, por Claudio Coello.

En 1215 celebrouse o IV Concilio de Letrán, que decidiu prohibir a fundación de novas ordes relixiosas. Isto parecía un golpe para o proxecto de orde mendicante de Domingos, pero Inocencio III, que lle tiña simpatías, consentiu que se constituíra a súa comunidade sempre que adoptaran unha regra xa existente adaptada aos novos tempos e á itinerancia dos predicadores. Domingos e os seus compañeiros, reunidos o día de Pentecoste, adoptaron e adaptaron a regra de Santo Agostiño. A organización dos predicadores sería democrática, elixindo entre todos aos seus superiores. Cando volveu a Roma para confirmar esta regra, xa había un novo Papa, Honorio III, que se resistía a confirmarlla. Entre os dignatarios eclesiásticos o carisma da predicación inspiraba unha forte oposición. Houbo que agardar a unha Bula, Religiosam vitam, de 21 de xaneiro de 1217 para que a degorada confirmación papal tivese lugar.

Expansión[editar | editar a fonte]

Coa regra aprobada, Domingos decidiu dispersar por Europa aos seus compañeiros aos que reunira en Tolosa para comunicarlles a determinación. Isto provocou certa oposición ao que Domingos retrucou que o trigo xunto corrómpese pero o esparexido dá moito froito. "Todos eran enviados para estudaren, predicaren e fundaren un convento"[1]

Nesa dispersión enviara sete discípulos a París. Cando en 1219 visitou aquela cidade había máis de trinta dominicos ingresados na Orde co título de doutor, outro tanto aconteceu en Boloña. De contado os dominicos vinculáronse ás universidades desas cidades. Domingos, a diferencia de Francisco de Asís, a quen coñeceu e con quen se profesaba mutuo afecto, teimaba na necesidade dunha elevada formación teolóxica e nun fondo coñecemento das Sagradas Escrituras. A Domingos se lle atribúe tamén a difusión entre o pobo crente da oración denominada Santo Rosario que estivo moi estendida na cristiandade universal

En 1220 o papa, en troques de impulsar unha nova cruzada, organizou unha gran Misión por Europa e confiou a Domingos a dirección da mesma co dereito non só a declarar misioneiros aos da súa orde, senón a seleccionar tamén cistercienses, beneditinos, agostiños. Nesta misión Domingos esgotou os seus últimos folgos. O 1 de agosto xa non podía terse en pe e consentiu por primeira vez que lle puxeran un colchón de lá na súa cela. O 6 de agosto, con apenas forzas, lembroulle aos seus irmáns, a modo de "herdanza", a necesidade de permanecer no amor, na humildade e na continencia e, temendo que o trasladaran, pediu morrer ao pe dos seus irmáns.

Foi canonizado por Gregorio IX en 1234. O seu corpo repousa en Boloña.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Santidrián, Pedro R. Diccionario breve de pensadores cristianos. Edvd, Pamplona,1999, pax. 154