Botafumeiro

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Para outras páxinas con títulos homónimos véxase: Botafumeiro (homónimos).
Botafumeiro-santiago-copostela.ogg
O botafumeiro en acción

O botafumeiro é o incensario de gran tamaño que se atopa na catedral de Santiago de Compostela. Por extensión, é frecuente chamarlle botafumeiro a calquera incensario.

Índice

[editar] Descrición

O botafumeiro é un grande incensario de latón bañado en prata, que pesa 62 kg baleiro e mide 1,60 m de altura. É o maior do mundo. Numerosas fontes apuntan outros pesos, referidos ao incensario cheo de combustíbel, a modelos anteriores ou a simples erros. O botafumeiro actual pesaba 60 kg, pero en 2006 engadíuselle un baño de prata que fixo aumentar a súa masa ata os 62 kg actuais[1].

O actual foi creado polo ourive Xosé Losada en 1851. A corda que o suspende, atada do cruceiro da catedral, é na actualidade dun material sintético, mide 65 metros, ten 5 cm de diámetro e pesa 90 kg. Anteriormente as cordas facíanse de cánabo ou de esparto.

[editar] Funcionamento

Botafumeiro.

Habitualmente, o botafumeiro exhíbese no Museo da Catedral de Santiago de Compostela, pero en determinadas ocasións utilízase dentro da catedral. A partir de xullo de 2007 os visitantes da catedral poderán pagar para contemplar o botafumeiro en funcionamento, cun custo que rolda os 250 € e que non é de visión exclusiva.

O botafumeiro énchese primeiro cuns 40 kg de carbón e incenso, co que supera cheo, e ao inicio dos seus movementos, os 100 kg. Logo átase con fortes nós a unha corda longa suxeita ao teito do edificio, no cruceiro, e desprázase cun mecanismo de poleas pola nave da igrexa. Para iso, un grupo de oito homes, denominados tiraboleiros, empúrrano primeiro para poñelo en movemento, e logo turran do outro cabo da corda, para, cun mecanismo de randeeira, irlle dando velocidade.

O movemento do botafumeiro pode acadar os 68 km/h no seu desprazamento polo transepto da catedral, dende a porta de Acibecharía ata a porta de Pratarías, describindo un arco de 65 metros e con alturas máximas de 21 metros (un ángulo de 82º). Para chegar a esa máxima altura cómpren 17 percorridos completos, e aproximadamente 80 segundos de esforzo.

[editar] Historia

Botafumeiro.

A tradición sinala que o uso do incensario na catedral de Santiago comezou no século XI, e tiña por obxecto perfumar o templo e retirar o mal olor que deixaban os peregrinos, cansos, suxos e moitos deles enfermos e cheos de parasitos. Ademais, o uso do incenso, polo seu poder evocador, é común en moitas relixións e ritos durante os períodos de oración.

No ano 1200 modificouse o sistema inicial de poleas por un sistema de rodamentos que permitía o desprazamento lateral, co cal o botafumeiro percorría uns 150 cm, que era a distancia que permitía a corda.

En 1400 o rei Luís XI de Francia dooulle á catedral de Santiago unha cantidade de diñeiro para substituír o incensario medieval, labor que non se realizou ata 1554. O mecanismo actual de rodamentos do botafumeiro foi instalado en 1604. O novo incensario, feito enteiramente en prata, roubárono as tropas de Napoleón en abril de 1809, e foi substituído polo actual de 1851. A última reparación realizouse sobre o botafumeiro en 2006 cando un obradoiro de prata lle amañou os guiches e lle deu un novo baño neste material, dunhas 20 micras, que porén fixo aumentar o peso da peza en 2 kg.

[editar] Accidentes

Durante este último milenio producíronse diversos accidentes durante o uso do botafumeiro. Un dos máis sonados sucedeu durante a visita da princesa Catarina de Aragón en 1499, cando o botafumeiro se desprendeu e saíu despedido a través dunha das fiestras de Pratarías. Ninguén resultou ferido. As cordas ou outros elementos de seguridade fallaron máis veces, coma o 23 de maio de 1622, en 1925 e en xullo de 1937, pero nunca se produciron feridos.

[editar] Galería de imaxes

[editar] Notas

[editar] Véxase tamén

Commons
Commons ten máis contidos multimedia na categoría:

[editar] Outros artigos

[editar] Bibliografía

  • Juan R. Sanmartín: "O Botafumeiro: Parametric pumping in the Middle Ages", en American Journal of Physics, Volume 52, Issue 10, October 1984, pp.937-945.

[editar] Ligazóns externas

Ferramentas persoais
Espazos de nomes

Variantes
Accións
Navegación
Imprimir/exportar
Caixa de ferramentas
Outras linguas