Arquivo-Biblioteca da Catedral de Santiago de Compostela
O Arquivo-Biblioteca da Catedral de Santiago de Compostela é a institución encargada de custodiar o patrimonio documental e bibliográfico do Cabido e a Catedral de Santiago de Compostela, integrado por volumes e documentos dende a Idade Media ate a actualidade.
Está situado nun dos brazos do claustro da Catedral, e ofrece servizos de consulta e documentación. É un dos principais centros de investigación xacobea do mundo.
Índice |
[editar] Historia
A orixe do Arquivo da Catedral compostelá encóntrase no thesaurum medieval e nas organizacións documentais que foron desenvolvidas polos arcebispos Diego Xelmírez (na primeira metade do século XII), e Berenguel de Landoira (no primeiro cuarto do XIV). Desde o mesmo momento da inventio, ou descubrimento no século IX da tumba apostólica, o enorme desenvolvemento político e socioeconómico da nova institución eclesiástica que velaba polo enclave foi impondo a conservación, como garante dos seus dereitos, de todo tipo de documentación: real, pontificia, eclesiástica e civil; unha documentación integrada, canda os volumes e códices existentes, no Tesouro.
Aos poucos, co paso dos séculos foise conformando unha masa documental integrada por documentación en tombos, documentos soltos, e posteriormente atados de época moderna e contemporánea. Foi o primeiro bispo e arcebispo da sede, Diego Xelmírez, cara ao primeiro terzo do século XII, o primeiro que desenvolveu unha ordenación minimamente arquivística do conxunto, cunha selección de documentación, organización da mesma e copia en novos soportes, dando lugar a volumes como o Tombo A (séculos XII-XIII) na súa primeira fase, cartulario coa documentación rexia dos séculos IX-XIII e cunha galería de miniaturas de reis, raíñas e infantas de Castela e León. Desta centuria destaca tamén o Códice Calixtino, pedra angular da historia medieval xacobea.
Dous séculos despois o arcebispo Berenguel de Landoira, tras sufocar unha revolta urbana en Santiago de Compostela, emprende unha segunda labor de ordenación, sobre a mesma base de selección, ordenación, organización e copia de documentación para renovar o soporte. Así, prodúcense os tombos B e C, con documentación real, pontificia, eclesiástica e civil.
[editar] Documentación
Na actualidade os fondos do Arquivo-Biblioteca están integrados por máis de 11.000 documentos medievais, grande cantidade de documentación de época Moderna e Contemporánea, máis de 4.000 volumes na Biblioteca Antiga, desde o século XV ata o XIX, e unha Biblioteca Xacobea de apoio a investigadores.
[editar] Documentación medieval
Entre os documentos medievais, destacan os seguintes:
- Tombos: A, B, C, D, E, F, G, H, Tumbillo de Concordias, Tombo de Constitucións, Tombos de Aniversarios, Tombos de Tenencias, Tombo de Iria.
- Historia Compostelá.
- Crónica de Santa María de Iria.
- Colección de Documentos Soltos.
- Colección Guerra Campos.
- Colección López Ferreiro.
- Colección de Tomos de Varia.
[editar] Bibliografía
- GONZÁLEZ BALASCH, M. T.: Tumbo B de la Catedral de Santiago, Santiago de Compostela, 2004.
- IGLESIAS ORTEGA, A., SEIJAS MONTERO, M., SANDOVAL VEREA, F.: Guía del Archivo de la Catedral de Santiago, Santiago de Compostela, 2007.
- LEIRÓS FERNÁNDEZ, E. "Los tres Libros de Aniversarios de la Catedral compostelana", en Compostellanum, vol. XV, nº 2 (1970).
- LÓPEZ ALSINA, F.: "O Arquivo Catedralicio de Santiago", en BARREIRO FERNÁNDEZ, X. R. (coord.): Inventario das fontes documentais da Galicia medieval, Santiago de Compostela, 1988, pp. 33-34
- LUCAS ÁLVAREZ, M.: Tumbo A de la Catedral de Santiago, A Coruña, 1998.
- NOVÁS PÉREZ, M. E.: Catalogo de la Colección Guerra Campos del Archivo-Biblioteca de la Catedral de Santiago, Santiago de Compostela, 2009.
- SÁNCHEZ SÁNCHEZ, X. M.: "Recuento de las fuentes medievales del Archivo de la Catedral de Santiago de Compostela", en Compostellanum, vol. LI, nº 3-4 (2006), Santiago de Compostela, pp. 313-323.
- SÁNCHEZ SÁNCHEZ, X. M.: La Iglesia de Santiago y el Pontificado en la Edad Media (1140-1414). Bulario medieval de la Catedral de Santiago, Santiago de Compostela, 2006.
- SÁNCHEZ SÁNCHEZ, X. M.: A Colección López Ferreiro do Arquivo-Biblioteca da Catedral de Santiago de Compostela, Santiago de Compostela, 2009.
- SÁNCHEZ SÁNCHEZ, X. M.: Catálogo de Manuscritos do Arquivo-Biblioteca da Catedral de Santiago de Compostela, Santiago de Compostela, 2009.
- SOUTO CABO, J. A., Vasques, R.: Crónica de Santa María de Íria, Santiago de Compostela, 2001.